A parte que segue presenta unha costa dereita por algún tempo; logo penetra un pouco, e despois avanta gradualmente para volver a penetrar, delongándose entón, dende alí, en liña recta, ata o
Promotorio que chamamos Céltico. Os célticos ocupan toda a costa.
Chorographia, III, 9.
O parágrafo que antecede, escrito arredor do ano 45 d. C., é da autoría do xeógrafo romano Pomponio Mela, (15, c. 45 d. C.), nado na cidade de Tingentera, entón tamén coñecida coma Iulia Traducta, que, segundo a maioría dos investigadores, correspóndese coa actual Algeciras, no estreito de Xibraltar. Outros identifícana coa coñecida Tarifa, situada tamén na costa, aínda que a uns 20 quilómetros de distancia. Na Chorographia, da que este retallo está tomado, a primeira obra latina de tema xeográfico, o seu autor describe co detalle que podedes advertir, a costa do noroeste da Península Ibérica a partires do actual río Douro, en dirección ao norte, continuando despois polas Mariñas de Oia e as Rías Baixas, ata chegar ao Promontorio Céltico, o hoxe coñecido coma Cabo Fisterra. Un accidente sobre o que somos coñecedores de que, arredor de medio século antes, tanto Marco Vipsanio Agrippa, (63 a 12 a. C.), coma Strabón de Amasia, (c. 64 a. C. – c. 20 d. C.), denominaron Nerio, en atención ao pobo deste nome que naquel intre se asentaba nas súas inmediacións. Cara ao ano 75, non obstante, ou sexa uns 32 despois, o naturalista Caio Plinio Secundo, “O Vello”, (23-79 d. C.), que detentou durante algún tempo o cargo de Procurator na propia Gallaecia, seguía a denominalo Promontorio Céltico.
Trátanse estes que acabamos de mencionar, non só de destacados militares e políticos, senón tamén, e ao mesmo tempo, de Historiadores e Xeógrafos de recoñecida valía.
En tan breve coma precisa información como enriba reproducimos, están incluídos, aínda que non mencionados, os màis de tres quilómetros cos que conta a coñecida praia da Lanzada, situada na parroquia de Noalla, no Concello de Sanxenxo, e non lonxe do Grove. Unha área ininterrompidamente habitada dende o século VIII a. C., ata o IV d. C., e, ademais, intensamente escavada ao longo do pasado século, especialmente no lugar de Mourelos, con actuacións que permitiron o descubrimento de achados tanto púnicos coma galaicos e romanos, que demostraron que, en tal período, de xeito especial ao longo da chamada Idade do Ferro, -do IV a. C. ao I d. C.-, foi un importante centro de intercambio comercial no que se prodigaron tanto negociacións coma exportacións a media ou a longa distancia. Un tempo no que, segundo a arqueoloxía, e antes de que os romanos a invadiran, Galicia contaba cunha arte e unha arquitectura relativamente avanzadas para a época, con poboamentos de certa entidade, ademais do revelador feito, xa indicado, da existencia do importante accidente marítimo coñecido coma Promontorio Céltico, e de que, no seu territorio existía un pobo, tamén denominado céltico, que habitaba, segundo se pode seguir a través do texto, e a partires do río Douro, toda a costa das actuais Rías Baixas. Digamos así mesmo que entre os expertos que nesta atractiva praia investigaron atópanse, Alfredo García Alén (Pontevedra, 1923-1981), Antonio Blanco Freijeiro (Marín, 1923-1991) e Francisco Fariña Busto (Ourense, 1949).
Expostas estas circunstancias, deteñámonos agora, na inesperada cuestión de que, a mediados do ano 2016, un grupo de arqueólogos da Deputación de Pontevedra, localizaron na praia da Lanzada, entre outras inhumacións en fosa aberta, restos moi ben conservados dunha muller adulta falecida no século I d. C., o tempo precisamente, indiquémolo tamén, no que Pomponio Mela elaborara a interesante descrición que antes reproducimos en parte.
A cousa non rematou aquí, senón que, un día despois, e a moi escasa distancia, descubriron tamén os despoxos dun neno en precario estado de conservación, seguido, inmediatamente, polos doutro, de menos dun ano, este si en excelentes condicións.
Sábese ademais que a romanización da Gallaecia non foi todo o intensa que se chegou a afirmar, así coma que, cara ao final do Imperio, -séculos IV e V d. C.-, todo o que era romano, incluída a súa fala, influíra de xeito fundamental nas nosas cultura e sociedade mestizas. Indiquemos tamén que o territorio que ocupaban os Galaicos de entón fora gradualmente tomado polos invasores, a partires xa do ano 135 a. C. A esa altura, o procónsul Decimo Iunio Bruto, que segundo relata Appianos de Alexandría, (Floruit c. 160 d. C.), recibiu, despois, do Senado de Roma o título de O Galaico, apoderouse da parte da mesma situada entre os ríos Douro e Miño, a loitar contra exércitos no que combatían tanto homes coma mulleres. Acadado finalmente este último río, Decimo Iunio Bruto tivo ocasión de presenciar o espectáculo do Sol a afundirse no océano. Así mesmo, arredor do ano 60 a. C., Xulio César, (c. 100- 44 a. C.), someteu, polo menos nominalmente, parte das nosas costas, ata a cidade de Brigantia, utilizando a escuadra, mentres que, nos anos 25 ao 19 a. C., Octavio César Augusto, o primeiro Emperador de Roma, (27 a. C. a 14 d. C.), e os seus xenerais, completaron definitivamente a ocupación do país..
Non contamos con datos que nos permitan afirmar, ou negar, se no tempo no que viviu a muller descuberta na Lanzada, a mestizaxe entre galaicos e romanos tivese avanzado ata o punto de que os primeiros utilizasen xa a onomástica romana. Non sería imposible, pois, que a dona cuxos restos agora incrementan o coñecemento do noso pasado, seguira a utilizar unha advocación, ou un apelativo, nidiamente galaico. Porén, os seus descubridores, recorrendo a motivos para eles convincentes, investírona co nome do Papa Cornelio, falecido no ano 253, o día 16 de setembro, a data na apareceron os restos desta nosa antepasada da que nos estamos a ocupar, a cal, e seguindo o comentario de Pomponio Mela, tamén parece contar con grandes posibilidades de tratarse dun membro daqueles Célticos que se espallaban, de sur a norte, ata o actual Cabo Fisterra. Temos que recoñecer, pois, que pensar que puidera terse chamado esta, Navia, entón a nosa deusa das augas, ou Coventina, a da abundancia e a fertilidade, non pasa máis que dunha boa intención pola nosa parte. Infortunadamente, e fóra destas que vimos de mencionar, non se conservan denominacións daquelas valorosas guerreiras Galaicas, nin das tan consideradas polos propios romanos “matribus galicis”. Chamala, polo tanto, “Cornelia“, coma fixeron os arqueólogos que a atoparon, pode considerarse tanto un acerto, coma unha apurada decisión.
Nin sequera nos podemos gabar de que a Egéria que, aproximadamente, entre os anos 381 a 384 percorreu o Oriente Medio, deixándonos un espectacular relato da súa aventura, levase unha denominación Galaica. Os textos que a mencionan denomínana, segundo os casos: Geria, Eucheria, Echeria, Aetheria, Heteria, Etheria, Egéria, Egeriae, Eiheria, Aegeriae, . . , filoloxicamente bastante difíciles de calificar.
NOTA BIOGRÁFICA DE XOÁN BERNÁRDEZ VILAR
Nesta ocasión temos a honra de contar cunha colaboración do historiador e escritor galego Xoán Bernárdez Vilar doutor en Xeografía, Arte e Historia pola Universidade de Vigo e desde o 2003 membro correspondente de Real Academia Galega.
Conta cunha importante obra ensaística (libros e artigos en revistas) froito da súa condición de historiador entre a que destacamos algúns títulos como:
Galicia no século VI antes de Cristo. Estudo Histórico-Xeográfico da Ora Maritima de Rufius Festius Avienius.
Xeografía do mito de Tristán e Iseu.
A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe Ultra Tile.
O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma.
O rei Artur: Mito e realidade.
Ademais dedicouse tamén á narrativa acadando varios premios, coma o Xerais no ano 86 por No ano do cometa, unha das súas obras máis coñecidas, aínda que xa no 76 fora premiado polo Padroado da Cultura Galega de Montevideo por Un home de Vilameán: anatomía da revolución Irmandiña, tamén recibiu o Premio Concello de Vilalba no 93 e no 99 por: Big-Bang e A saga da illa sen noite respectivamente e a Homo sapiens concedéuselle un accésit no Modesto R. Figueiredo no 83.
Ten tamén unha obra teatral O valedor do reino (Premio de teatro da Universidade de Vigo no 2002) e así mesmo foi premiado polo seu labor como tradutor de obras latinas ao galego.
Xoan Bernárdez Vilar
Historiador
Doutor en Xeografía, Arte e Historia pola Universidade de Vigo e desde o 2003 membro correspondente de Real Academia Galega. Conta cunha importante obra ensaística (libros e artigos en revistas) froito da súa condición de historiador entre a que destacamos algúns títulos como:
Galicia no século VI antes de Cristo. Estudo Histórico-Xeográfico da Ora Maritima de Rufo Festo Avieno.
Xeografía do mito de Tristán e Iseu.
A etapa portuguesa de Colón e a súa viaxe Ultra Tile.
O comezo da nosa Idade Media. A Gallaecia que se emancipou de Roma.
O rei Artur: Mito e realidade.
Ademais dedicouse tamén á narrativa acadando varios premios, coma o Xerais no ano 86 por No ano do cometa, unha das súas obras máis coñecidas, aínda que xa no 76 fora premiado polo Padroado da Cultura Galega de Montevideo por Un home de Vilameán: anatomía da revolución Irmandiña, tamén recibiu o Premio Concello de Vilalba no 93 e no 99 por: Big-Bang e A saga da illa sen noite respectivamente e a Homo sapiens concedéuselle un accésit no Modesto R. Figueiredo no 83.
Ten tamén unha obra teatral O valedor do reino (Premio de teatro da Universidade de Vigo no 2002) e así mesmo foi premiado polo seu labor como tradutor de obras latinas ao galego.
máis artigos
Actividades culturais do 2 ao 8 de Decembro por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 25 de Novembro ao 1 de Decembro por Ana Santos
by Ana | Novembro 24, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 18 ao 24 de Novembro por Ana Santos
by Ana | Novembro 17, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 11 ao 17 de Novembro por Ana Santos
by Ana | Novembro 10, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 4 ao 10 de Novembro por Ana Santos
by Ana | Novembro 3, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 28 de outubro ao 3 de Novembro
by Ana | Outubro 27, 2024 | Actividades | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Olga Martínez López por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 27, 2024 | Historias de vida | 1 Comment
Luisa Pan Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 22, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Víctor Pedreira Crespo por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 14, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
A Bisavoa por Manolo Gulías Márquez
by Colaborador | Novembro 17, 2024 | Literarias | 0 Comments
A xuventude, o gran tesouro por Jose Solla Casqueiro
by Colaborador | Novembro 17, 2024 | Fotográficas | 0 Comments
Trackbacks/Pingbacks