por Amancio Castro –

Trátase dun narciso de tamaño considerable.

O nome científico quedou ultimamente en Narcissus pseudonarcissus L. Subsp. pseudonarcissus = Narcissus pseudonarcissus L. Subsp. Nobiles ( dáme a impresión que lle quitaron o título “nobiliario”).

A foto consiste no amontoamento de catro imaxes onde o único parámetro que varía é o punto de enfoque.

As fotos quiteinas en marzo de 2017 nun galiñeiro do concello de Cuntis, o que indica claramente que ás galiñas lles repele a planta enteira do narciso, non lles interesa para nada peteirar nin a ceboliña, nin as follas e moito menos a flor.

O Xénero Narcissus foi establecido por Tournefort (1694, 1700) e validado por Linneo (1753, 1754). O nome “Narcissus” pode que teña que ver co Narciso da mitoloxía grega, mozo que destacaba pola súa fermosura e que desdeñaba toda proposta amorosa; como vinganza a este comportamento os deuses fixeron que se namorara da súa propia imaxe reflectida nun estanque. Posuído polo feitizo rematou botándose á auga en busca de si mesmo e alí morreu afogado. Naquel mesmo sitio agromou a fermosa flor que leva o seu nome ─ aínda que segundo Plinio ─ “chámase Narcisso a causa dos seus efectos narcóticos, non polo mozo da fábula” . Do latín narce – es que significa entumecemento, entorpecemento, letargo…producidas polas súas propiedades narcóticas.

Quen o diría, que haxa que recorrer aos clásicos para entender o comportamento das galiñas !!

Amancio Castro

Datos técnicos:

Obxectivo 100 mm macro

Diafragma f 8

Velocidade 1/8 de seg

ISO 100

Trípode

Disparador de cable

Enfoque manual

Iluminación: Unha lámpada lateral e un reflector

Fondo: caixa negra á que non lle entran as luces laterais.

Catro fotos con punto de enfoque do máis cerca ao máis lonxe.

Programa informático: Photoshop

Amancio Castro

Amancio Castro

Fotógrafo

Nacín na zona vella de Pontevedra, nunha familia onde se potenciaban os valores referentes ao respecto polo mundo natural e ás artes por diante dos temas materiais.
Tremendamente curioso dende neno pola natureza estudei para mestre especializándome en ciencias naturais.
Dende 1980 fun percorrendo toda Galicia e zonas limítrofes coa Sociedade Galega de Xeografía fotografando a natureza para ter material de apoio para o estudo dos ecosistemas e formacións xeo-morfolóxicas, materiais que utilizaba para as miñas clases e que figuran en libros de texto e guías didácticas que fun publicando con varios autores.
A partir de 1990 funme especializando na fotografía científica, macro de plantas e fungos de menos de 2mm que saen publicadas nos artigos científicos do micólogo Jaime Blanco Dios co que sigo a colaborar na actualidade.

O Tromentelo

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥