por Amancio Castro
O TROMENTELO
É unha das herbas de San Xoán mais utilizadas no ramo que poñemos no cacho ao sereno na noite do santo para que impregne a auga coa que lavaremos a cara que nos defenderá das envexas, das meigas e do mal de ollo, e a maiores nos outorgará unha fermosura na pel coma ningunha outra auga é capaz.
Esta planta ten varios nomes populares, o que denota os múltiples usos da mesma. Dependendo dos lugares coñécese por Galicia adiante ademais de tromentelo como carrasquiña ou trementelo. En castelán “carrasquilla” ou “tomillo rastrero” (non é por insultar, é a forma de vida que ten).
A planta crece no monte en solos pobres, mesmo sobre as mesmas rochas, iso si, sempre en zonas húmidas.
Pertence á familia das Labiadas. É o único tomiño que se dá bravo en Galicia. O nome científico: Timus caespititius Brot.
A especie ten aceites esenciais que lle confiren propiedades beneficiosas para o organismo por iso é moi utilizado tanto como condimento para as comidas, como en infusións ou en compresas para curar feridas ou afeccións da pel. Tamén ten utilidade para desengraxar o pelo.
Así o menciona o dito popular:
Dime nena bonita!
Con que te lavas o pelo?
Cunha herba que hai no monte,
que lle chaman tromentelo.
—————————————————————-
Datos técnicos da foto:
Cámara.- Canon EOS 5D ; Obxectivo.- Canon 100mm macro ; Diafragma.- f 14 ; Velocidade.- ¼ de seg. ; ISO.- 100 ; Disparador de cable ; Enfoque manual ; Trípode ; Iluminación.- Unha lámpada lateral e un reflector ; Fondo.- Caixa negra á que non lle chegan as luces laterais.

Amancio Castro García
Fotógrafo
Nacín na zona vella de Pontevedra, nunha familia onde se potenciaban os valores referentes ao respecto polo mundo natural e ás artes por diante dos temas materiais.
Tremendamente curioso dende neno pola natureza estudei para mestre especializándome en ciencias naturais.
Dende 1980 fun percorrendo toda Galicia e zonas limítrofes coa Sociedade Galega de Xeografía fotografando a natureza para ter material de apoio para o estudo dos ecosistemas e formacións xeo-morfolóxicas, materiais que utilizaba para as miñas clases e que figuran en libros de texto e guías didácticas que fun publicando con varios autores.
A partir de 1990 funme especializando na fotografía científica, macro de plantas e fungos de menos de 2mm que saen publicadas nos artigos científicos do micólogo Jaime Blanco Dios co que sigo a colaborar na actualidade.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥
Trackbacks/Pingbacks