A voz inconfundible das ondas de Pontevedra, unha muller de carácter que non tiña o gusto de coñecer. Foi durante as xornadas de “As mulleres que opinan son perigosas” cando me atrevín a falar con ela, sentina moi próxima e decidiu pensar a proposta que lle facía, contestoume uns días despois.
Hoxe a nosa historia de vida é a de …….
Hermelinda Fandiño Barbosa, máis coñecida como Meli Fandiño, naceu en Praceres o 16 de xaneiro de 1950, filla de Andrés e Dolores. Unha familia lonxeva xa que a súa avoa morreu uns días antes de cumprir 100 anos, o seu pai con 94 e a súa nai, que aínda vive, ten 95.

Os seus pais,Andrés e Lola, cando casaron

Familia Fandiño- Barbosa
,Andrés Fandiño, o seu pai, naceu en Curtis, A Coruña, pero veu cun irmán traballar cun camión na construción da Escola Naval (1939-1943), logo no trolebús que facía a ruta Marín- Pontevedra, alí coñeceu a Lola Barbosa, a súa nai, que naceu en Pontecaldelas e veu para a capital porque a contrataron de neneira cando tiña 19 anos. Coidaba dos fillos de José Hermida Vidal (propietario de Radio Pontevedra), Lola viña a Estribela dende Pontevedra con frecuencia xa que alí vivía unha irmá da muller de José Hermida.
Andrés e Lola casaron en San Bartolomé, ela tiña 23 anos e el 10 máis, instaláronse en Praceres e en 1950 naceu Meli na casa coa axuda da comadroa, Silvina, unha rapaza que pesou moi pouco e tiveron que transfundirlle sangue, era a nena cataplasma, pillaba todo tipo de enfermidades antes ca os demais.

Primer desnudo de Meli na praia dos Praceres
Seu pai, alcumado o Rubio, foi traballar a Venezuela a principios dos 50. Alí estivo conducindo un camión facendo a estrada transamazónica, gustáballe traballar cos alemáns porque eran moi firmes e bos traballadores, mais dunha vez díxolles “ se non estiverades vos aquí eu quedaría na selva”, referíndose a quedar en Venezuela . Volveu cando ela tiña 6 anos pero marchou de novo. Escribía con frecuencia e dentro das cartas mandaba uns sobres pequeniños para ela, que lle lía a nai.
Con dous anos empezou no Colexio Sagrado Corazón de Praceres, alí había seccións de ricos e pobres, non se xuntaban nin no recreo e non compartían aula.

Nunha festa de disfraces en 1952

Diante do colexio de Praceres 1952

1952 no estanque dos patos

Meli de cuarta na primeira fila comezando pola esquerda
Aprendeu a ler nos libros grandes da igrexa, eses que teñen moitos debuxos. Lémbrase da madre Ortega que era pequerrechiña, da madre Crespo, con pencas, da madre Alonso que era moi alta…

No colexio de Praceres 1954

Meli coa súa nai 1954
Con 6 anos mercaron unha casa e viñeron para Mollabao , cambiou de colexio e foi ás Calasancias, cando estaban na Praza de Méndez Núñez, só se lembra dun rapaz que estaba na súa clase. Alí fixo a comuñón aos 7 anos. Seu pai mandou a tea para facer o vestido e seica a súa nai cando o foi buscar a Correos tivo problemas para collelo e non lle quedou máis remedio que recorrer a un coñecido para que intercedese por ela, o estraperlo estaba a orde do día.


Primeira comuñón 1957
Aos dez anos preparou o ingreso e ao aprobar foi ao instituto pero deuse conta que iso de estudiar non lle gustaba moito, era boa en Educación Física e Labores, aínda que o que máis lle gustaba eran as Matemáticas con D. Ignacio, en Francés, tiñan a D. Antonio, da academia Buela, que un día enfadouse con elas por non traer a tarefa feita e malloulles nas mans, 40 golpes a cada unha. Estivo catro días sen poder pechalas, súa nai foi ao instituto enfadada e díxolles: “ a miña filla non a volvan a tocar, se teño que facelo xa o farei eu”.
Ela non estudaba porque se aburría. Lembra que o seu profesor D. Ignacio díxolle a súa nai “a súa filla é unha rapaza moi guapa que vai casar e dedicarse ao seu marido e non precisa estudar”, mais do seu grupo casaron todas menos ela.

O seu primeiro uniforme

Domingo de ramos 1958 estrenando zapatos e calcetíns

San Bieito de Lérez 1960-primeira pola dereita
Cando tiña 11 anos volveu seu pai definitivamente, Meli non coñecía aquel home que lle roubou o seu sitio a carón da súa nai e ademais instaurou a disciplina no fogar cando ata ese momento entraba e saía cando quería da casa, pero o pai empezou a exixirlle horas de entrada a ela que era un espírito libre.
“D. Ignacio díxolle a súa nai “a súa filla é unha rapaza moi guapa que vai casar e dedicarse ao seu marido e non precisa estudar”
Deixou o instituto e preparou por libre o bacharelato, pero ao chegar a cuarto xa non seguiu. Con 14 anos empeza nunha academia taquigrafía e mecanografía para traballar de secretaria.
A súa nai foi falar co seu padriño, que era José Hermida, o propietario de Radio Pontevedra, para ver onde podía traballar. Estaban nun despacho e fíxolle unha proba, colleu unha revista de náutica e díxolle: “le ese artigo”, ela leuno e, aínda que se trabucou moito a el gustoulle a voz que tiña cun ton claro e sen acento, e levouna áa emisora.
De 1966 a 1968 ía á emisora todos os días para aprender, alí practicaba, lía e presentaba discos. Foron os seus compañeiros Tito Ageitos, Ricardo Barajas, Adrio, Fuentes Mora, Encarna e Lelé, como cariñosamente chamaban a Mª Elena Alonso, aquilo era unha escola de traballo e de vida. Durante moitos anos foi a máis nova da emisora.

Agachadas Lelé e Meli. Empezando pola esquerda primeira fila,Carlos Hermida, Jorge Hermida,, Balbino Fuentes Mora,, D. José Hermida, e De la Torre, Segunda fila: Manolo Fernández,Jose Luis Adrio,Pilar Fariña, Margarita Acuña, Hipólito Fraguas,?????,Paco Vélez,e Armindo Fuente Mora
O seu primeiro programa chamábase ¿Que quiere usted oir? no cal lle pedían cancións a través de postais. Recorda que en épocas moi sinaladas coma o Carme, 14 febreiro etc. estaban dende á mañá á noite lendo dedicatorias no programa Discos dedicados.
Empezou a traballar un 8 de marzo, agora Día da Muller Traballadora.
As mulleres encargábanse dos discos dedicados, de ler as noticias escritas por homes e a publicidade. mentres eles tiñan os deportes e as noticias, elas facían o control para os compañeiros.
Unha vez en España o pai comezou a traballar na construtora de Varela Villamor para conducir un camión alemán, logo mercou un taxi que tiña a parada diante do Hotel Universo ata que se xubilou con 65 anos e se dedicou á casa.
A súa primeira viaxe soa fíxoa a Madrid, en 1973, visitou Radio Madrid para coñecer a emisora e o xeito de traballar alí. Estivo unha semana na capital percorréndoa de norte a sur, impresionouse co metro no que se perdía constantemente, unha amiga recomendoulle que sempre fora a Sol que dende alí podía ir a calquera sitio.

En Sicilia no Etna 2012

Viaxou por toda España en tren, cun abono que se chamaba quilométrico. Só lle falta, visitar Extremadura. Dende que se xubilou non volveu saír de Pontevedra pero recorda con agarimo as súas viaxes a Sicilia, Roma, París, “súbete a torre á tardiña e agarda que se acenda París” e Bruxelas, onde quedou impresionada co Atomium.
Nas súas vacacións aproveitaba para ir a San Sebastián, ao festival de cine, ía cunha acreditación que lle permitía ir aos cines e ver as películas, tamén a algunhas ceas e festas. Non era o mesmo unha emisora de provincias que El País , por exemplo. Tamén foi a Valencia ao Festival de Cine do Mediterráneo, naquela época as películas non tiñan subtítulos e empapouse de cine italiano.
A súa afección principal é o cine, pode chegar a ver as películas máis de unha vez, por exemplo“ El golpe”, agora é afecionada as series nórdicas e tamén as británicas. O cine en sala escura e pantalla grande agora velas en pantalla pequena.
Cando traballaba na radio recorda que na época da censura raiaban os discos de Voces Ceibes, por exemplo, para non os pór, ao chegar a democracia alí quedaron os discos inservibles xa que os prohibían e non se podían poñer.
Non bota de menos o traballo, foi unha etapa que pasou, xubilouse moi consciente do que facía, realmente prexubilouse aos 62 anos, reducindo as horas na emisora, de luns a venres hora e media facendo control de deportes e oferta e demanda.
Non fai uso das redes sociais.
O que non fixo nunca faino agora, non sabía cociñar e divírtese facendo e experimentando receitas.
Nunca perdeu a Feira franca nin o entroido pero a raíz da pandemia xa non ten ganas de aglomeracións.
Gustáballe ler a Fernán Gómez, ao que coñeceu, dáballe a impresión de telo ao lado cando o lía. Agora merca a prensa e le libriños que non pasen de 300 páxinas.

Coa súa nai na feira franca 2015
Pesoulle ser filla única,, porque tivo un irmán que morreu aos poucos dias de nacer.
Ao alcalde lle diria “ti sigues sendo alcalde e eu sigo vivindo en mollabao nada cambiou”
Considérase privilexiada porque traballaba ao lado da casa con compañeiros estupendos entre os que destaca a Lelé, María Elena Alonso, que foi a que lle abriu as portas da súa casa, foi a irmá que nunca tivo.
No ano 2011 foi a encargada do pregón nas festas da Peregrina. Nos medios locais dixeron: “O seu pregón promete ser sorprendente e ameno, cun claro toque radiofónico”. Se pinchades na foto poderedes escoitalo.

Meli coas súas primas, Encarna, María, Josefa (Chachá) e Maruja
Se tivese que quedar cun lugar onde sempre volver non dubida que sería unha praia das Rías Baixas.
Moitas grazas Meli por contarnos un pouquiño de ti, da túa vida tranquila que é como ti elixes estar.,
Vémonos por Pontevedra que, aínda que é pequena, faise grande coma ti.

Ana Santos Solla
Profesora de E.F.
Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.
Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.
máis artigos
Actividades do 25 de setembro ao 1 de outubro 2023
by Ana | Setembro 23, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 18 ao 24 de setembro 2023
by Ana | Setembro 17, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 11 ao 17 de setembro 2023
by Ana | Setembro 10, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 4 ao 10 de setembro 2023 #devellabella#
by Ana | Setembro 2, 2023 | Actividades | 0 Comments
Revista do mes de Xuño 2023 por José A. Pérez Graña
by Xose Antonio Pérez Graña | Xullo 13, 2023 | Actividades | 0 Comments
Revista do mes de maio 2023 por José A. Pérez
by Xose Antonio Pérez Graña | Xuño 4, 2023 | Actividades | 0 Comments
Xulio Simón Rúa por Ana Santos Solla -devellabella-
by Ana | Setembro 17, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Guillermo Campos Piñón por Ana Santos -devellabella-
by Ana | Xuño 29, 2023 | Historias de vida | 1 Comment
Marisol Mato Taboada por Ana Santos
by Ana | Xuño 11, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Juan Mejuto Pérez por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 30, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Nieves Fernández Barrio por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 16, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Intolerancia por Jesús Gayoso Álvarez
by Colaborador | Setembro 24, 2023 | Articulos | 0 Comments
Ateneo de Pontevedra por Xaime Toxo
by Colaborador | Setembro 17, 2023 | Literarias | 0 Comments
A educación por Jose María Solla Casqueiro
by Colaborador | Setembro 16, 2023 | Fotográficas | 0 Comments