Memoria do pasado masónico pontevedrés
Xosé ÁlvarezNon son poucas as pegadas que se conservan na nosa cidade dunha institución discreta, non moi habituada a exhibirse, como a masonería; o paso do tempo, a persecución sufrida e o descoñecemento sobre os seus principios e funcionamento, contribuíron en grande parte ao seu esquecemento. Aínda así podemos atopar sinais tanxibles da súa existencia: de tipo material, como a antiga loxa situada no exótico edificio que na actualidade acolle o Arquivo Histórico, no Paseo de Colón. Hai outro edificio radicado na rúa Charino que algúns relacionan con esta organización; nel aparece no alto a estrela de cinco puntas e no seu portal aínda podemos contemplar as simbólicas flores de loto. Ambos edificios están relacionados con ramas das familias Pintos e Fonseca, que contaban con membros da masonería e da teosofía; precisamente os símbolos desta casa son de carácter teosófico e masónico a un tempo.
Na rúa de don Filiberto, o primeiro piso do edificio onde estaba situada a imprenta de Joaquín Poza Cobas (masón de grao 3, nome simbólico Vergniaud), foi lugar de reunión da loxa Helenes nº 7 dos vales de Pontevedra nos anos trinta. Este lugar de reunión sucedía á antiga loxa situada no barrio do Burgo, no edificio que posteriormente acollería o cuartel da Policía Armada; por desgracia, está casa foi derrubada fai poucos anos. O 28 de maio de 1930 levouse a cabo neste lugar unha soada detención de reputados pontevedreses afiliados á masonería; todos eles sufriron multas e abríuselles unha causa xudicial que, logo do golpe militar, descubriuse que desaparecera sen deixar rastro na Audiencia. Tamén se incautou documentación que correu a mesma sorte que a causa.
Na praza da Peregrina queda a lembranza da botica de Joaquín Maquieira, sede para a correspondencia da loxa Helenes 7 da que o seu propietario era venerable mestre. Maquieira tiña o grao 3 e de nome simbólico Ives Delage. Nos primeiros números da antiga estrada de Vigo, o singular edificio que acolleu o colexio Inmaculada fora construído como sanatorio polo doutor Amancio Caamaño, grao 3 da masonería, que tiña de nome simbólico Servet e que tamén fora venerable mestre da loxa pontevedresa.
Un paseo polo camposanto de san Amaro serviranos para apreciar a simboloxía funeraria masónica presente en numerosas tumbas de masóns que foron descansar ao “Oriente Eterno”; contemplamos columnas truncadas, os coñecidos compases e escuadras, os chans en axadrezados de cadros brancos e negros, as ramas de acacia e outros símbolos que, sorprendentemente, sobreviviron ao decreto do 21 de decembro de 1938 polo que se prohibían todo tipo de símbolos masónicos nos cemiterios. Eran tempos de loita contra o “contubernio judeo masónico”. O símbolo máis habitual nas tumbas masónicas é o do triángulo e a escuadra; non está de máis lembrar que a posición que teñan entre eles depende do grao masónico do defunto: no grao 1 (aprendiz) a escuadra está enriba do compás, no grao 2 (compañeiro) ambos están entrelazados e no grao 3 (mestre) é o compás o que está enriba da escuadra.
Pero a pegada masónica non pode limitarse aos aspectos materiais: na decimonónica Pontevedra, os sectores progresistas, librepensadores, anticlericais… da poboación sentían en moitos dos seus membros o alento das ideas que aniñaban en loxas masónicas como a Helénica 11/63. Nesa onda, novas concepcións políticas, como o republicanismo e o socialismo, competían na inspiración e creación de sociedades obreiras ou agrarias, así como na loita contra impostos e outros abusos. Abondaban os xornais e publicacións de diversas tendencias, reaccionarios e progresistas, que sostiñan inacabables polémicas e, ás veces, os máis radicais chegaban a sufrir a excomuñón arcebispal polos seus “heréticos” plantexamentos.
Nun ambiente así non era raro atopar poemas, como o asinado por “Un Monaguillo”, que critica a hipocrisía de moitos dos asistentes a actos considerados piadosos:
Hoy hubo en este pueblo / una gran procesión,
llevaba el estandarte / Alejandrito Mon.
A éste acompañaban / Don Bernardito y Ruza
recogiendo las cintas / con guantes de gamuza.
Observé en los de “facha” / y vela, “santa unción”,
una “fe desmedida” / y una “gran devoción”.
Y ahora yo te pregunto / Sagrado Corazón,
¿Cuántos te alumbrarían / de esos hipocritones
si el joven diputado / no hiciese peticiones?
Siempre son los que llevan / en muchas poblaciones,
pendones o estandartes, / Riestras, Besadas, Mones.
Pues si estos no aceptaran / el llevar el pendón,
irías siempre solo, / Sagrado Corazón.
Y ante “lotes católicos”, / ¡Oh Corazón Sagrado!
Valía más ir solo / que mal acompañado.
Tened, pues, entendido / que aquí, y en cualquier parte,
nunca alumbran al Santo / sino al del estandarte.

Xosé Álvarez Castro
Profesor de Historia
Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia.
Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED.
VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011.
Publicacións.
Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939). Vigo: Edicións Xerais, 2013.
Mourente nos anos do medo. Sociedade, golpe militar e represión. Pontevedra: CMVMC de Mourente, 2016.
-Libros e publicacións de autoría colectiva:
Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron. Santiago de Compostela: Sermos Galiza, 2017.
Rebeldía galega contra a inxustiza. De Nós. Monografías. Santiago de Compostela:
Sermos Galiza, 2018.
Memoria e sentimento. Vol. 1, 2, 3, 4 e 5. Tui: Levada Libre, 2014-2018.
El terror fascista en Galicia. Memòria antifranquista del Baix Llobregat. Nº 13. Ediciò extraordinària. Barcelona, 2013.
Mantén na rede dende o ano 2008 o blogue Pontevedra nos anos do medo dedicado á difusión da historia da represión na comarca pontevedresa.
-Artigos en revistas como Revista Galega de Educación, Cuadernos de Pedagogía, Cedofeita, entre outras. Colabora en Nós Diario.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥