Aprendendo cunha cebola
Xosé Álvarez CastroSen lugar a dúbidas podemos afirmar que non hai casa que non teña pola cociña algunhas cebolas; máis alá da utilización que poidamos darlle nalgunhas receitas culinarias e das lágrimas que pode provocarnos, a cebola pode ser un recurso educativo e de entretemento nestes tempos de pandemia. Tamén pode ser utilizada na escola e ben seguro que espertará interese no alumnado; a utilización de materiais de uso cotián e de baixo ou nulo prezo, así como aparatos de sinxela construción, poden prestarnos un gran servizo xa que fan que as experiencias non se circunscriban á aula pois os nenos e nenas disporán dos mesmos na casa, a súa barateza evita o “dirixismo” e “ control ríxido” por parte dos adultos e o medo que se poida ter a experimentar e estragar algo valioso. Nunha palabra: fai que o neno ou nena poida “facer ciencia” na súa vida diaria, na localización máis achegada á súa vivencia persoal.
Cocendo cascas
Tarteira tinguido
Como gran parte dos lectores e lectoras de “De Vella a Bella” estamos na idade de ter netos ou netas, propoñemos hoxe unha mostra, non exhaustiva, das posibilidades que pode proporcionarnos na casa (ou na escola), unha humilde cebola.
Podemos empezar aproveitando as follas máis externas, secas. Preparamos unha pouca la de ovella, ben lavada, ou mercamos uns novelos de la virxe; non é fácil atopar este tipo de la porque a que se vende é sintética pero en Portugal haina pois emprégana para facer tapices (xa temos un bo pretexto para unha viaxe). Poñémola ao lume (pero sen chegar a ferver) durante unha hora nunha tarteira con auga na que se disolveu un pouco de alume (100g de la por 20g de alume). O alume pode comprarse nunha droguería e ten como misión “morder” a la de xeito que as cores se fixen fortemente e teñan persistencia. Sacámola para fóra e facemos mostras atadas cun cordel. Logo poñemos a ferver en auga as follas da cebola e colocamos as mostras deixando fóra os cordeis para poder sacalas facilmente; imos retirando mostras cada certo tempo (de dous en dous minutos, por exemplo) e lavándoas ben con auga limpa. Obtemos así unha variada gama de cores que van dende o amarelo ata o laranxa intenso. As cores obtidas son moi duradeiras e resistentes ó lavado e á acción da luz. Podemos aproveitar para ir experimentando repartindo o líquido en distintos cacharros: que pasa se lle engades unhas gotas de vinagre? e se lle botas uns granciños de sulfato de cobre do que se emprega para a viña?. Esta experiencia pode ser a iniciación ao mundo apaixonante do tinguido con vexetais.
Mostras
As cores da cebola
E xa que falamos de tintes, todos lembramos as novelas de espionaxe na que os personaxes utilizaban tinta invisible para mandar as súas mensaxes. Pois a cebola tamén pode sernos útil neste eido: si cun pauciño afiado mollado en zume de cebola, escribes unha mensaxe e deixas secar o papel non se notará nada, pero, que ocorre se quentas o papel á beira do lume?. Sorprenderaste ao ver que as letras aparecen e o escrito toma vida de novo.
O líquido que obtivemos no tinguido da la pode servirnos tamén de base para obter unha económica pintura de dedos coa que podemos elaborar as nosa creacións artísticas. Imos ver unha fórmula: Nun litro do líquido obtido na cocedura das peles da cebola, disolvemos 4 ou 5 culleradas de “ maizena” e poñemos a cocer, removendo, ata que espese. Podemos engadirlle unha culleradiña de alume como conservante e xa está lista para empregar.
Outra experiencia moi doada consiste en colocar cebolas na boca de tarros de cristal con auga e observar o seu crecemento. Podemos disolver diferentes sales minerais en cada un e estudar as influencias dos distintos nutrientes.
En moitas casas son habituais pequenos microscopios xa que a electrónica posibilitou poder mercalos a prezos moi baixos: por menos de 30 euros podemos mercar microscopios dixitais. Axudándonos con el podemos facer unha observación de células. Temos que coller unha folla carnosa do bulbo da cebola e despegamos un cacho dunha especie de lámina moi delgada que recobre o interior. Colocámolo nun portaobxectos (serve un anaco de cristal) cunha gotiña de auga e cubrimos. Enfocamos o microscopio e podemos ver as células que forman os tecidos da cebola. Por certo, a palabra célula procede do latín cellula, ou sexa “pequena cela” e o aspecto do que observamos vén a lembrarnos as celas dunha colmea.
Claro que máis dun dos lectores dirá: Pero se tan sequera temos microscopio! A maneira de ver as cousas aumentadas mediante algún aparatiño de construción caseira, xa daría para outra historia.
Xosé Álvarez Castro
Historiador
Xosé Álvarez Castro, mestre, profesor de historia (xubilado) .Licenciado en Xeografía e Historia.
Máster en Educación Ambiental. Fundación Universidad-Empresa. UNED.
VI premio Galiza Mártir da Fundación Alexandre Bóveda á recuperación da memoria histórica en 2011.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥
Me parece fantástico, hay que ver cuántas cosas tenemos por descubrir.
Bravo un aplauso prolongado.