Recibimos un correo de Nieves dicindo que quería coñecernos, e porqué non tamén colaborar connosco, tivemos unha amena charla e de aí xurdiu esta historia de vida
María de las Nieves Fernández Barrio naceu en Oviedo na rúa Uría, estaban alí porque seu pai traballaba de ferroviario e fora trasladado a esa cidade. Nace nun hospital e a súa nai vaina mimar e coidar con esmero logo de perder a outro irmán antes de nacer ela por unha neglixencia médica.
Seu pai, Gerardo Fernández Álvarez, oriúndo de Ponferrada, era ferroviario, quedou orfo con 7 anos. A súa avoa paterna tamén traballaba de gardabarreiras, e el pronto comezou a traballar de mozo de estación en Oviedo. A súa nai, Antonia Barrio Quiroga era de Xagoaza, o Barco de Valdeorras, e dedicábase a coidar dos seus irmáns, da casa, dos animais e tamén a axudar nos traballos dun muíño que rexentaban os seus pais. Antonia e Gerardo coñecéronse en Xagoaza a través dun familiar que o convidou á festa do San Francisco, alí fixéronse mozos e casaron.


Nieves cos seus pais 1959

O Pino 1961

Co seu tío Alberto 1961
Establecéronse en Oviedo, e Antonia aprendeu a coser e bordar a máquina e co seu traballo axudaba a economía familiar. Nieves, recorda as continuas viaxes a Xagoaza, no Barco de Valdeorras, a visitar os avós maternos e os tíos e tías, ás veces quedaban ata un mes e ía á escola co resto dos rapaces da aldea, alí na cunca que levaban dábanlle leite, o colacao tiñan que levalo da casa. Recorda con moita ledicia a súa etapa da infancia sempre asociada ao pobo de Xagoaza e mais concretamente os días que pasaba no Mosteiro onde o seu tío Alberto, a tía Paca e os seus primos Conchita e Tito a coidaban con moito agarimo e lle ensinaban o que era o traballo do campo e o coidado dos animais. Ela aproveitábase da “sa rivalidade” que tiñan, por coidala, os seus avós cos seus tíos e primos conseguindo case todo o que lles pedía: subir en burro, no carro, ir coas ovellas, recoller os ovos do galiñeiro, muxir as vacas…..algo que para unha nena de cidade era todo un descubrimento.

Nieves e Mariceli 1963

En Xagoaza 1963

En Xagoaza coas ovellas 1963
Aos 7 anos trasladaron a seu pai como mozo de tren a Ourense, logo iría escalando a interventor, xefe de estación e máis tarde a factor de circulación. En Ourense vivían no Pino, a 2,5km do centro urbano, e ía a unha escola que estaba nun 1º piso onde estudou primaria, logo foi ao colexio das Josefinas onde rematou o bacharelato, e máis tarde iría ao instituto Otero Pedrayo. Gustáballe estudar e levaba boas notas.

Co uniforme 1964

No Monasterio con Conchita

Primeira comuñón 1964
Ao finalizar o instituto seu pai quería que fixera Medicina pero ela quería facer Psicoloxía. Unha amiga do Barco, María Dolores, pediulle que impartira clases para rapazas que estaban facendo un curso do PPO (Promoción Profesional Obreira) e ela foi partícipe ( di que nunca llo poderá agradecer o suficiente), de que conseguira unha praza de Auxiliar de Clínica no Hospital Nosa Señora do Cristal de Ourense, traballo que fixo que fose independente economicamente e poder estudar o que ela quería. Empezou Psicoloxía en Ourense á vez que traballaba. Rematado o primeiro ciclo da carreira marchou a Barcelona para continuar os seus estudos despois de que lle concederan o traslado do seu traballo ao Hospital de Belltvitge de Barcelona. Polos seus horarios tiña que estudar na quenda nocturna, as clases eran en catalán pero non tivo pproblema co idioma xa que lía e falaba cos compañeiros en catalán para adaptarse e os profesores da Universidade déronlle tódalas facilidades para que entendera as clases e puidese facer os exames. Traballaba en Belltvitge e vivía en Sant Boi, apenas a 20 minutos en coche do traballo e a pouco máis da Universidade.


Bellviche 1981
Rematou a carreira e pensou en volver a Ourense porque os seus pais estaban sós. Inicialmente veuse co traslado da súa praza de Auxiliar de Clínica para o Hospital de Monforte e finalmente aprobou unha praza de Auxiliar de Clínica no Centro de saúde Mariñamansa, onde deixou este traballo ao pedir a excedencia para incorporarse a unha praza de Psicóloga no Concello de Ourense .

No embalse de Cachamuíña 1981

Nieves 1982
Abriu unha consulta privada, na Avenida da Habana, en Ourense, que compaxinou co seu traballo no Concello e volveu reencontrarse con José, un antigo compañeiro de facultade co que iniciou unha relación de parella. Pouco tempo despois, el foi traballar a Vigo e ela aprobou unha praza de psicóloga en Vilagarcía, comezando a convivir en Pontevedra. Pasados uns anos ela trasladouse de Vilagarcía ao Grove como psicóloga dunha Unidade de Drogodependencias do Concello que funcionalmente depende do Sergas.
“Nunca botou en falta un irmán porque ten uns amigos marabillosos, a súa familia elixida, dos que se sente moi orgullosa.”
Ao principio vivían en Pontevedra, pero pouco tempo despois, instaláronse nunha pequena parroquia mariñeira preto de Pontevedra, onde naceu o seu fillo Brais. Cando o neno tiña catro anos volveron de novo a Pontevedra porque andaban todos na estrada, onde viven dende hai 25 anos.
Traballou como psicóloga clínica e dirixindo o traballo de prevención de drogas con mozos, docentes, pais e nais; empregando moito tempo do seu traballo en labores formativas como docente para ensinantes de distintos niveis, corpos e forzas de seguridade, escolas de familia…; formando parte dun grupo de traballo da Xunta creado para a elaboración de material didáctico para escolas e para a mocidade, e tivo a sorte de colaborar con proxectos comunitarios de distinta índole.
Di que nunca botou en falta un irmán porque ten uns amigos marabillosos, a súa familia elixida, dos que se sente moi orgullosa.

Marisa, Nieves, Hilda e Mariluz 2006

En Asturias 2020

Nieves e Conchi nas médulas 2022

Festa hippie na Coruña

Buenos ratos 2007
Nieves xubilouse anticipadamente no ano 2020 tras a pandemia e sobrada de anos de cotización, algo desencantada polo empobrecemento dos recursos sanitarios e a falta de recoñecemento institucional á saúde mental e máis concretamente á atención ós doentes con problemas de drogodependencias.
Encántalle ler, gústanlle as novelas, a poesía, a novela policíaca, as históricas non lle gustaban ata que leu Guerra e Paz. Algún dos libros que lle gustaron: “Un Púente sobre el Drina” de Ivo Andric, “ Mapoulas, sardiñas e dinamita” de Daniel Palleiro e “Los asquerosos” de Lorenzo Silva.


Desfruta vendo películas, especialmente comedias, de aventuras, documentais; aínda que sempre lle gustaron os finais felices, “La vida es bella” e “Memorias de Africa” son dúas das súas favoritas.
As redes sociais empréga as moi pouco, prefire o contacto persoal e non perder o tempo nas redes.
Agora que está xubilada dedica o lecer a ver exposicións, ir ao cine, teatro, ler, camiñar, almorzar amodiño é algo que desfruta moito porque nunca o puido facer durante a súa vida laboral. Gústalle coser e facer agasallos que saen das súas mans, vai a un club de lectura unha vez por semana, desfruta cociñando, sei que fai unha empanada de acelgas que teño que probar. Coidar da xente que quere, gozar do tempo con eles faina moi feliz.

O día da súa xubilación con Brais e José
Considérase unha muller afortunada do seu percorrido, vendo feliz o seu fillo coa súa vida, coa súa parella; desfrutando do tempo cos seus amigxs e facendo plans con José.
Viaxou por medio mundo pero queda coa viaxe a Chile, os Géiseres do Tatio en Antofagasta e os pingüíns de Chiloe. Unha visión recorrente cando quere evadirse é visualizar os flamencos no deserto chileno de Atacama ,entre tanta seca a auga saía da terra e estaba inundada de color rosa.
Cando quere desconectar non lle fai falta ir moi lonxe, ela queda nun piso que ten na praia cun balcón con vistas á ría onde ve os arroaces entrar e saír da ría, os pequenos barcos de pesca e os mexilloeiros.
Despídome de Nieves, coa que tiven unha asombrosa empatía, para que colabore connosco en algún artigo. Grazas pola túa xenerosidade e por falar tan ben o galego. Xa sabes onde atoparnos.


Ana Santos Solla
Profesora de E.F.
Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.
Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.
máis artigos
Actividades culturais do 10 ao 16 de febreiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Febreiro 9, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 3 ao 9 de Febreiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 27 de xaneiro ao 2 de febreiro
by Ana | Xaneiro 26, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 20 ao 26 de Xaneiro por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 19, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 13 ao 19 de xaneiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 12, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 16 ao 22 de Decembro por Ana Santos
by Ana | Decembro 15, 2024 | Actividades | 0 Comments
Ana Carretón Guada por Ana Santos Solla
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Olga Martínez López por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 27, 2024 | Historias de vida | 1 Comment
Luisa Pan Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 22, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Servizo de mesa en tempos de guerra por Isidro Cortizo del Río
by Isidro | Febreiro 9, 2025 | Artísticas | 0 Comments
Chucho das Rabadeiras por Manolo Gulías Márquez
by Colaborador | Febreiro 2, 2025 | Literarias | 0 Comments
O arrecendo de querernos sen roupa por Xaime Toxo
by Colaborador | Xaneiro 26, 2025 | Literarias | 0 Comments