por Antonio Lois Pérez
“O murmurio do regato”
¿Onde se foron as risas
que se escoitaban no prado,
cando as mozas da parroquia
levaban alí o ganado?
¿Onde se foron as risas
que, coas augas do regato,
se xuntas as escoitabas,
xa non semellaban risas;
era unha sinfonía
o que soaba no prado?.
Marcharon aquelas risas
cando non houbo ganado,
converténdose en monte
o que antes era prado.
Hoxe xa non quedan mozas
que leven ganado ó prado,
pero aquelas súas risas
aínda seguen resoando;
tan só terás que escoitar
o murmurio do regato.
Marcharon aquelas mozas,
pero as súas risas quedaron,
quedaron aprisionadas
no murmurio do regato.
Antonio Lois

Antonio Lois pérez
Economista
Nacín un día 4 do mes de xaneiro, ano 1948, no lugar do Castro de Mourelos, parroquia de Mourelos (Saviñao – Lugo). Son economista e técnico en tintes, estampación e acabados téxtiles. Actualmente vivo en Barcelona.
Gústame escribir poesía en galego do pobo, o galego dos meus pais, que é o galego que amo; non en galego ilustrado! Participei en tres libros de poesía (Poetas do Reencontro, Caminhos da Poesía e Raia Luso Española), así coma na revista Xistral do Concello de Lugo. Non hai moito máis que contar de unha vida moi vulgar!
Son do Castro de Mourelos;
onde mellor se ve o Miño,
onde mellor se ve o ceo;
onde, ulindo ó seu vento,
eu xa sei se vai chover.
¡Que pena que non estén
aqueles que eu amei;
que pena que xa non vexa
o Castro que eu deixei!
A pesar de todo eso;
ou pode sexa por eso,
do Castro sempre serei
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥