Seleccionar página

"A morte de Diego Maradona"

Jesús Gayoso

A noticia da morte cae coma un lategazo e produce unha sensación de desolación e tristeza infinita, inabordábel, porque nunca estamos preparados mental nin emocionalmente para o falecemento dos ídolos, eses referentes que co paso do tempo pasan a ser parte da nosa familia. «Un ídolo involucra lembranzas persoais e nel depositamos os aspectos positivos que quixeramos ter», diría un licenciado en psicoloxía.

 Segundo os expertos, ao ser humano cústalle aceptar o seu propio final, a súa propia morte, e co falecemento dun ídolo como Maradona queda exposta esa debilidade. «O falecemento de Diego expón a realidade de que as cousas poden ter un final, o que nos involucra indefectibelmente coa propia morte»..

  A súa vida foi unha montaña rusa de éxitos. Tocou o ceo coas mans acadando os maiores logros deportivos. Foi amado e admirado no mundo enteiro. En palabras do psicólogo, «un ídolo é un tótem onde proxectamos  os nosos  devezos de éxito, os nosos desexos e vivencias máis fortes».

E engadimos que cando un  tótem falece, o impacto é tan profundo porque cae todo o que proxectamos nel e visualízase a nosa propia mortalidade. «Aínda que non os coñezamos en persoa, ídolos do talle de Maradona son parte da vida de moitos e o dó que sentimos por eles é real», explica o psicólogo. E engade que, como todo dó, debemos transitalo. «Algúns van precisar choralo, a el e a todo o que depositamos no ídolo. E será necesario expresar esas emocións, aínda que non o coñeceramos persoalmente, porque nos ídolos se baleiran lembranzas de momentos vividos e emocións transitadas».

Na nosa memoria fanse “ancoraxes” e aparece esa sensación  de que “todo o que se vai con ese ídolo que morreu, ten que ver coa nosa historia”. E engade que “o ídolo  deixa lembranzas, unha pegada e unha transcendencia que vai máis alá das súas eleccións de vida, da súa historia”.

Segundo o especialista, adoitamos crer que os ídolos van estar sempre. “Máis no caso de Diego Maradona que, dalgunha maneira para moitos, é Deus. Entón, a súa morte é a morte de Deus, a morte dun imposible. E non se pode crer porque co seu falecemento nos están doendo os ideais e os soños que tiñamos depositados nel»

O doutor  Enrique Pichon Riviére, recoñecido psiquiatra arxentino, expoñía que o ídolo é un personaxe necesario a nivel psicolóxico, en especial durante o proceso de desenvolvemento, na medida que permite proxectar desexos e aspiracións do suxeito, cumprindo unha función protectora fronte ao axexo dos medos básicos.

A identificación co ídolo brinda sentido de pertenza a un grupo determinado. E a adolescencia desenvólvese a través dun incesante intercambio deles, debido ao contexto de crise que todo adolescente vive, coa des-idealización dos pais.

O ídolo é algo máis que un personaxe determinado: é un rol social, cuxa función consiste en asumir e gratificar aspiracións colectivas. Canto maior é a coincidencia entre estas aspiracións e o suxeito-ídolo, máis intensa é a adhesión que desperta. Se se chega a producir o máis mínimo desaxuste entre o rol adxudicado e o asumido, a idolatría amosa o seu reverso nunha tremenda hostilidade.

Segundo Pichon, o adolescente non está capacitado para seleccionar os modelos que os mass media lle achegan. Non obstante, vai adquirindo unha linguaxe propia para expresar a súa rebelión. Ás veces, por medio dos seus ídolos, voceiros da orde distinta á que aspira.

En síntese, os modelos de identificación vanse desprazando gradualmente do ámbito das familias, recaendo sobre os heroes daa cultura de masas, chamados a cumprir este rol de obxecto idealizado. Así é que emerxen figuras substitutivas, que mediante mecanismos inconscientes se erixen en personaxes míticos, tanto no ámbito da arte, da política, da ciencia, ou do deporte.

Máis alá da paixón de multitudes, xerada arredor do fútbol. Amósase a función do xogo na constitución e sostemento do psiquismo, e , en particular, a atracción ancestral que o ser humano tivo, dese todos os tempos , por xogar con figuras esféricas. A esfera como símbolo histórico da procura da perfección, algúns autores reflexionaron sobre isto, puntualizando na singularidade do fútbol.

Como se  algúns homes puideramos atoparnos coa divindade, traela á terra, xogar e relacionarnos con ela, pero compartíndoa co compañeiro. Confrontando con quen nola queira sacar. Porque todos nos queremos superar e polo xeral esquecemos que dificilmente o poidamos facer individualmente e xogando” sucio”. 

Algo de todo isto debe ter que ver co que xera o fútbol. E que nun país cunha subxectividade tan cargada de “exitismo”, que nunha vila miseria, en plena ditadura militar, o feito concreto de que xurdira un futbolistia tan fantástico como Diego Maradona, dá lugar a deducir o posible destino deste mozo. Porque se reunían todas as condicións, para que co decorrer dos anos, se chegase a situar no lugar  imposible que se lle asignou, o lugar da función Deus. Que outro puido baixar o divino á nosa terra da forma na que el (inconscientemente) o puido facer?… 

Cando o capitalismo mundial integrado comezou a organizarse como unha gran masa artificial, puido facelo mediante un moi poderoso instrumento: a televisión por satélite. Foi así como comezou un proceso de dominio e hipnose mental de características masivas. A primeira emisión foi en xuño de 1967, cando os Beatles gravaron : “All you need is love”. Seguíronlle outras , como as agora dubidosas alunizaxes. O primeiro mundial televisado – que consagrou ao Brasil de Pelé en México 1970- fixo que o fútbol xa non volvera ser o que era.

O obxectivo lóxico era o dominio das masas, a televisión o instrumento central, e o fútbol un dos seus medios. E é nese contexto no que irrompe Maradona como figura excluínte. 

Curiosamente debuta na primeira división en 1976, mentres a ditadura funcional ao capitalismo mundial integrado en formación, utilizaba o mundial de fútbol como principal “hipnótico” para ocultar o horror da desaparición forzada de persoas. Consolídase como  figura desde adolescente, e nada detén a súa marcha colmada de brillo. Non chega a xogar en Arxentina 78’, pero conságrase como campión mundial xuvenil en Japón 79’. En momentos no que o fútbol arrasou todo …”, con total e absoluta inocencia, Diego Maradona persoa comeza a perderse en complexos labirintos, onde paradoxalmente, irá gañando acceso á categoría dos mitos.

O seu paso de  Argentinos a Boca Jrs , como a continuación da súau carreira en España e Italia, incluída a súa consagración  en México 86’, que o converterán xa definitivamente en ídolo de masas, irán deixando pegada neste mozo que nunca imaxinou a onde o levarían os misterios da vida. Todo se conxugou para que tivese que cargar sobre as súas costas cos soños, alegrías e frustracións de todo un país, sen deixar de ser recoñecido a nivel mundial, cando a paixón de multitudes se globalizou.

O novo pai da horda (capitalismo mundial integrado) , o “gran irmán”, se se quere, colocouno – acaso coa complicidade dunha masa hipnotizada polas visións teledirixidas desde todos os ángulos- nun lugar ilusorio e homólogo ao propio. Un lugar imposíbel de soportar para un home só ( Os Beatles, polo menos eran un grupo… quizais por iso puideron arredarse da “beatlemanía”)

Notas biográficas do autor :

 Jesús Gayoso naceu en Barcelona en 1943, pero vive en Galiza desde 1979. Estudou Enxeñería Industrial, Dereito e finalmente Psicoloxía na UNED de Pontevedra.

 Traballou na Administración de Industria durante corenta anos, primeiro no goberno estatal e despois na Xunta de Galicia como enxeñeiro e máis tarde como Delegado de Industria en Burgos e Pontevedra.Tamén mantivo un gabinete de Psicoloxía Clinica durante algún tempo nesta cidade.

 Ao xubilarse  seguiu cultivando a súa paixón polo coñecemento, con especial inclinación cara á filosofía e poesía. Ademais participa como voluntario na Cruz Vermella i e moi aficionado a viaxar i ao senderismo.

máis artigos

Do 17 ao 23 de maio 2021

Do 10 ao 16 de maio 2021

Do 3 ao 9 de maio 2021

Do 26 de abril ao 2 de maio

Do 19 ao 25 de abril 2021

Do 12 ao 18 de abril 2021

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español