Fendas

A todas esas mulleres ás que                                                o franquismo encarceirou, rapou e escravizou.

Asfixia de cal,

pezas de tea penduradas no arame da humillación.

Dedos fendidos na xistra,

ollada cara a dentro.

As agullas incrustadas no coiro cabizbaixo,

e a carne ofertada aos uniformes do odio.

Os marcos da ría foron celas,

acubillo de ordes rosmadas en castelán.

Os corpos eran domesticados coa bota do patriarca

e o facho convertido en cadea.

As máis novas,

afeitas ao leite de eira,

vestiron o trapo da obediencia

baixo a mirada virada dos varóns do altar.

Unha traíña de sal afundía no lombo

baixo a orde do cal e o gume.

A dignidade é rasurada baixo o fel da obediencia

mentres nos beizos,

un mar de aceite amargo

fai nacer estralos no pulso do ventre.

E aínda así,

unha mirada porfiaba

detrás do farrapo do tempo.

Había un latexo agochado,

clandestino.

Unha trenza soterrada no fondo da rede,

un berro que non apodrecía,

furando as tapias

e escribindo nos muros

que aquí houbo verdugos.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥