Cheguei a Pontevedra en 1979 para dar clases de Galego no Sánchez Cantón, non coñecía nada da cidade, antes de ir ao instituto entrei a tomar café nun bar e o camareiro díxome orgulloso “aquí tomaba café Castelao”. E traballei no Sánchez Cantón que conserva no arquivo moitos documentos do Castelao profesor de debuxo. Así que non quería eu que rematase o ano Castelao sen facerlle unha homenaxe a quen tanto me axudou nas tarefas docentes, polo que lle agradezo esta tribuna ás coordinadoras de De vella a bella.
Alá nos anos oitenta estabamos en Santiago un grupo de profesores facendo unha programación para a materia de galego e discutiamos sobre que lecturas poñer de Castelao cando un dos asistentes, máis vello que a maioría de nós e respectado galeguista, nos soltou “tanto Castelao, tanto Castelao, xa estou farto de tanto Castelao”. Todos calamos coma petos pola sorpresa, mais pasados uns segundos axiña seguimos a programar textos de Castelao, tiñámolo moi claro e eu sígoo tendo 40 anos despois.
No pasado verán entramos nun comercio pontevedrés e a dependenta presentouse a Vitoria Ogando como alumna súa no Valle Inclán e remarcoulle unha cousa, que non esquecía a lectura das Cousas de Castelao. Tamén nos contaba non hai moito o xornalista Rodrigo Cota que el foi criado en México e cando o trouxeron para Galiza comprendeu todo o mundo galego porque alí xa lera as Cousas de Castelao.
Na miña práctica docente Castelao sempre estivo moi presente, mais tiña que ser un Castelao acompañado. Se eu lles pedía que lesen os seus libros eles sos, a colleita era escasa. Mais se liamos os textos na aula e eu lles ía explicando todo o que non entendían entón era un éxito, porque realmente o que lles custa é ver o que transcenden as palabras. E cando o entenden xa lles gusta o que di, pois toda a súa obra é humanismo, é sentimento, aspectos que sempre son aproveitables a calquera idade.
En 3º da ESO liamos as Cousas. Escribiu un meu profesor que as Cousas son un novo xénero, un invento de Castelao no que conxuga o texto coa ilustración. Liamos “O pai de Migueliño” e entendiamos o emigrante fracasado na mirada dun neno que busca un pai rico e triunfador e só atopa un vello pobre. Liamos “Chegou das Américas un home rico”, a cousa do negro Panchito, para entender que cada quen sente a súa terra aínda que non sexa a do documento de identidade, o rapaz naceu en Cuba mais como se criou aquí non atura aquelas calores da Habana e volve á aldea: “chegou pobre e endeble pero trouxo moita fartura no corazón”. A fartura no corazón, ninguén explicou mellor ese sentimento de noso. Nestes anos de cruzadas anti-inmigrantes, canto precisamos destas dúas “cousas” de Castelao! Liamos “Se eu fose autor” para entender os choros dos donos dunha vaca morta e das donas dunha cadela morta, que hoxe esta cousa precisa explicación para os novos, que non entenden a diferenza entre os risos do patio de butacas vendo a vaca morta e os do galiñeiro vendo a cadela morta. “Os rapaces da miña aldea corren sempre detrás dos automóbiles”, di noutra “cousa” e iso non o entenden os adolescentes de hoxe, algúns vellos case o lembramos, pero se llelo explicamos xa é outra “cousa”.
En 4º da ESO tocáballe a Os dous de sempre, tamén lido completo na aula e do que o alumnado ía facendo un diario comentando a lectura. Algún ano ata creamos un grupo de Rañolistas e outro de Pedristas para debater se é mellor ser realistas ou idealistas, Sanchos ou Quixotes. Ao final do curso sempre votabamos se debía seguir o libro no ano seguinte e sempre gañaba por maioría absoluta. Collíanlle agarimo á tía Ádega, rían con Pedriño, sufrían con Rañolas e ata sentían a morte do pobre burro, aquel que tan ben profundaba ou filosofaba. Non hai moito que atopei un exalumno que lle puxera á súa tenda o nome da Tía Ádega en homenaxe a aquela velliña do libro.
Ademais das Cousas e Os dous de sempre tamén liamos algúns Retrincos nas miñas aulas. Emocionabámonos con “O retrato” cando un pai mostra o retrato idealizado do seu fillo morto: “tiven moitos fillos, pero o máis bonito de todos foi o que me morreu. Velaí está o retrato que non minte”. Ou no “Inglés” co neno que xura matar aquel home que se burlara dos barcos españois… pero quedou durmido e o inglés “salvárase de milagre”.
Nestes relatos e novelas a técnica narrativa caracterízase pola síntese e a selección, sinxela en aparencia mais froito dun laborioso traballo de depuración e escolma.
Documentos da vida de Castelao no IES Sánchez Cantón
En 2º de bacharelato liamos tamén completa na aula Os vellos non deben de namorarse, teatro lido, que agora tan pouco se practica. De novo había que explicar ben as actitudes dos personaxes, os prantos, porque pertencen a un mundo que o noso alumnado xa non coñece. Esta peza servíanos para mostrarlles como Castelao conseguiu mesturar perfectamente a tradición e a modernidade. Están na obra a presenza da vida de ultratumba, os casamentos amañados e a decadencia da fidalguía presentados cunha escenografía vangardista na que as cores, a música e o vestiario teñen un papel primordial.
Ningún outro autor galego tiña tres obras de lectura obrigatoria nos meus cursos. Tanto ao Castelao político como ao Castelao artista plástico lles podemos aplicar ese adxectivo tan bonito, “sobranceiro” (segundo o dicionario Estraviz: Que está por cima, que está superior a outro). Tamén na escrita, para min Castelao é o mellor prosista, por enriba dos outros, cunha obra única, orixinal e que segue chegando ás novas xeracións e aos lectores de calquera idade atrapados pola súa fórmula máxica: algo de humor, moito sentimento e un galego ben fermoso.
Mais Castelao non é só narrador e dramaturgo, os seus ensaios, dos primeiros en galego, destacan na literatura da primeira metade do século XX. O Diario que recolle as súas impresións na viaxe por Francia, Bélxica e Alemaña. Sempre me encantou a súa definición do dadaísmo: Xa sei o que é o dadaísmo. O dadaísmo non é nada; o dadaísmo é faguer nada con nada i é peor que nada porque é parvo e nun pobo onde haxa un pouco de hixiene espritual os dadaístas serán mallados a paus. Que esta anécdota non nos leve a pensar que Castelao estaba en contra da arte do seu tempo, non. Que aí tamén escribiu sobre o teatro experimental que viu en París e as posibilidades de aplicación en Galicia: por exemplo nun cadro pintado con moitas figuras (algo caricaturesco e de moita cor até recurrir a influencias cubistas e futuristas).
As cruces de pedra na Galiza e na Bretaña nos que se describe a historia, significado e tipoloxía dos cruceiros galegos e bretóns. Entón, enfiei os ollos e o pensamento cara un aspecto da arte popular aínda non encetado por ninguén: os cruceiros galegos. Descubrín nos cruceiros un aspecto da nosa arte popular aínda non estimado como cousa importante.
E por enriba de todos o Sempre en Galiza, o evanxeo ao que acudirmos os galeguistas unha e outra vez. Hai tantas ideas neste libro que moitos sabemos de memoria, “Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”, frase que tería que estar gravada nas nosas cabeciñas. E ninguén o dixo mellor nin o dirá: “Estamos fartos de saber que o povo galego fala un idioma de seu, fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués. Idioma apto e axeitado para ser vehículo dunha cultura moderna e co que aínda podemos comunicarnos con máis de sesenta millóns de almas”. No pasado agosto de lumes asolagadores foron moitas as citas de Castelao que a xente ía poñendo nas redes.
A única eiva é que non foi poeta, non podemos comparalo con Rosalía, non se opoñen, compleméntase, son os nosos alfa e omega. Eu penso que quen compuxo “Chamábanlle a marquesiña e os seus peíños endexamais se calzaron”, a cantiga no lance de Lela “Aquel amor que che tiña era unha fror e murchouse e agora Pimpineliña o meu amor acabouse”, se o tentase había dar un grande poeta, pero el considerou que ese traballo xa estaba feito por outros e dedicouse á narrativa, o ensaio e o teatro. Cando a Vitoria e a min nos deron o Premio Cidade de Pontevedra no agradecemento incluímos moitas palabras de “O meu Pontevedra” de Castelao, porque ninguén escribiu un texto tan poético sobre a Boa Vila: “Todo pode acabarse en min menos o amor que sinto por Pontevedra”.
Collendo o título da noveliña de Castelao o pontevedrés Germán Labrador montou a exposición “Ollos de vidro”. Alí nos di que Castelao, médico e artista, formaba parte dun ecosistema galeguista no que convivían ciencia, arte e política. Castelao, afirma Labrador, fixo desa tensión entre tradición e modernidade o centro da súa estética. A metáfora do ollo de vidro mestura elementos folclóricos e científicos, como o diálogo cos mortos e a aparición dos raios X.
Castelao pensou a súa escrita por e para Galiza, esa que retrata no seu Alba de gloria: “a Santa Compaña dos inmortaes … Esas ánimas sen nome son as que crearon o idioma, a cultura, as artes, os usos e costumes, o feito diferencial de Galiza”. Se hoxe somos unha nación con cultura de seu é en boa parte grazas a Castelao. Se non tiveramos a Castelao, nada sería igual e isto tíñano moi claro os galegos do seu tempo. Logo chegou a longa noite de pedra do seu esquecemento e por iso hoxe temos que volver reivindicalo. Seguimos precisando moito Castelao, moito Castelao.
(Texto baseado nunha palestra impartida no Ateneo de Marín en setembro de 2025)

Anxo González Guerra
Profesor de Galego
Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?
De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.
Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥