Viaxar a Portugal
Nesta “segunda lição” Anxo González escolle o tema da socorrida e gratificante viaxe que con tanta frecuencia realizabamos os galegos en tempos mellores a Portugal (e que agardamos poder seguir realizando sen moita demora) para amosarnos o vocabulario máis común que ten que ver con esta actividade, como os medios de transporte usados para o desprazamento:
comboio (tren), carro (coche), ou outros elementos que están relacionados co mesmo: alfândega (aduana ou alfándega), portagem (peaxe) etc., pero tamén nos agasalla cuns útiles consellos para aplicar cando viaxemos polas autoestradas portuguesas.
Ben, isto e algunhas cousiñas máis, adobiadas polo bo facer na transmisión de coñecementos que caracteriza o noso prezado colaborador, pero para iso tedes que ver o vídeo, merece ben a pena.
Grazas, Anxo, coma sempre. Sabemos que nos tes moitas sorpresas preparadas, agardamos impacientes.
Agardamos que vos guste.

Anxo González Guerra
Profesor de Galego
Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?
De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.
Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥
Trackbacks/Pingbacks