Hoxe contamos a historia da Encadernación Viñas, un espazo cheo de vida, polas letras que alí habitaron e polas persoas que as trasladaron a tantas e tantos pontevedreses que, coma min, medraron con Viñas. Nunha longa e moi amena conversa con Caqui Viñas, tentei recoller algo da esencia máis auténtica deste emblemático lugar.

A mediados do século XIX, sobre 1850, na rúa Peregrina de Pontevedra, José Viñas funda o obradoiro de encadernación Viñas. Xa andado o século XX, o seu fillo Indalecio e os seus netos, ampliaron o negocio familiar que pasou a ser a Encadernación, libraría e papelaría Viñas, que moitas persoas da cidade recordamos con tanto cariño, e da que estiveron ao fronte Cotono (Jose Antonio), Marité e Caqui (Joaquín) Viñas.

Esquina da librería

Na conversa con Caqui, vai debullando recordos de toda a súa vida, dedicada ao mundo do papel, dos libros e do entroido. Entendo que non triunfe o libro electrónico, o cheiro a papel é inesquecible. Ese cariño de pasar a folla e coidar o libro, incluso o libro de texto, sempre vai estar presente, é inigualable.

Caqui Viñas

O feito de ser a única encadernación que había en Pontevedra, e a calidade dos seus traballos, levou ao seu obradoiro a clientes de recoñecido prestixio, como Castelao ou Torrente Ballester, ambos os dous viciños da cidade nunha época importante das súas vidas, ou clientes doutros lugares de Galicia, incluso do estranxeiro, por encargos feitos por pontevedreses exiliados, como Sebastián González, para algunha universidade americana. Foron tamén responsables da encadernación  do primeiro dicionario de galego que editou Galaxia, en tres tomos, de Eladio R. González. E de traballos encargados por organismos oficiais para agasallos a Franco ou algún Papa.

Se alguén lle tiña cariño a algún libro, viña a nós”.

Caqui estudou Perito mercantil, combinando os estudos co traballo na libraría. “ Ao enfermar meu pai, tiven que poñerme a traballar no negocio familiar.” Dos negocios da veciñanza da rúa, trae a memoria un incidente que houbo na posguerra na zapataría Melero, cando lle foi tirado o material pola rúa, e moitos dos viciños, que non todos, axudáronlles a recollelo.

ilustracións de Caqui Viñas

Como  persoa inmersa no mundo da cultura, participou na vida activa da cidade nos últimos anos da ditadura e na transición. “ Son socio fundador do Cineclub de Pontevedra, que fundamos un grupo de persoas movidos por Juan Manuel Lazcano. Nesa época fundouse tamén Amigos da cultura e o Ateneo. Había unha vida cultural impresionante na cidade. Recordo a que se montou cun ciclo que organizou o Ateneo, sobre Theilard de Chardin. Proxectabamos no local que tiña o Ateneo na esquina da Michelena con Gutiérrez Mellado. A policía secreta tamén facía acto de presenza nas proxeccións e actos, e os directivos tiñan que ir ás veces por comisaría a dar algunha explicación. Había xente cun talle intelectual impresionante.”

Nunha cidade cun abano importante de librarías, a relación coas “clásicas” foi moi boa. Tivemos boa relación coas de sempre, El Pueblo, Paz e Luís Martínez (Escolma). E tivémola moi boa tamén con Michelena. Se a algunha lle pedían un libro que nós tiñamos e ela non, cedíamosllo, sen problema, e elas o mesmo. Sempre houbo esa cooperación

O escaparate de Viñas foi sempre un espazo vivo, habitado por distintos personaxes, mesturados entre libros, máscaras e pastores. O entroido en Viñas é unha institución.

  “O primeiro en vender artigos de entroido foi o Gran Garaxe, cunha grande colección de máscaras de cartón, que se desfacían a medida que pasaba o día. Nós fomos os primeiros en traer unhas perrucas que cando menos, semellaban pelo auténtico. Podían peitearse, tinguirse e amañarse como quixeses. Non eran negocio, duraban moito”. De sempre houbo en Pontevedra festas de entroido, chamadas naquel tempo escuro “festas da primavera”, porque o entroido estaba prohibido.

os reis magos

Non se podía andar con máscara pola rúa. Eu tiven un encontronazo cos grises, acurraláronme en García Camba, onde estaban os cines, esixíndome que quitara a carauta. Eu insistía en que estaba pintado, e eles empeñados en que sacara a máscara, ata que chegou un xefe superior que me meteu no baile do Coliseo e, cando rematou, marchei correndo para casa.”

O entroido de Pontevedra non tería sido sen Viñas, pero hai outra época do ano tamén moi importante no negocio, o Nadal. O escaparate mudaba nun deserto cheo de pastores, ovellas, reis e lavandeiras, que anunciaban unha data importante, a noite de reis.

Meu irmán, un sobriño e eu, e nalgunha ocasión meu fillo, vestiamonos de Reis, para min, a mellor festa do ano. A cantidade de nenos que se achegaban a nós, eso é impagable. Recordo un que nos protestou porque os xoguetes lle chegaran sen pilas. Son recordos imperecedeiros.”

Como outras anécdotas que acompañaron aquel escaparate vivo. “Un día, unha editorial mandounos unha cámara de fotos para sortear. Puxémola no escaparate e roubárona. Decidimos poñer un cartel: Prégase á persoa que levou a máquina de fotos, devólvaa ou veña coller o resto. Durante un ano, todos os luns poñiamos un letreiro alusivo ao roubo da cámara, como os romanos con Asterix: confesa, fuches ti quen roubou a cámara. Ese tinglado durou un ano.

Con esa mesma filosofía de emprego do humor, a libraría Viñas traspasou o seu umbral e fixo bandeira do coidado do xardín da rúa diante do negocio, ou máis ben fixo ovella. Como non recordar a ovella que reivindicaba con distintos carteis que non se pisara o cespede.

O día 1 de abril, celebrábase en Galicia o día dos santos inocentes, o día dos enganos. Co propietario da cafetería Bethoven, que estaba fronte a nós, unha noite montamos un tendal con roupa vella. Así naceu a defensa do xardín, co primeiro letreiro que poñía “ Non pase por aquí, coño!”. Houbo a quen lle sentou mal, e destrozaban o que poñiamos, incluso cando os viamos, e houbo outros veciños que nos apoiaron. Así naceu a ovelliña, co letreiro tan coñecido: “Os animaliños pasan, as persoas non”. Esto durou un ano, e no entroido puxemos un loro que nos roubaron e tivemos que facer outro, para queimalo. Con isto rematou a reivindicación do xardín.”

Xardíns en Daniel de la Sota
Librería Viñas

Esa creatividade coa que Caqui nos agasallou, trasladouna sempre, e segue no empeño, ao debuxo. Os seus trazos e caricaturas son atesourados por moitos amigos.

 A Encadernación, libraría e papelaría Viñas pechou as súas portas no ano 2005. As máquinas da encadernación, de 1850, estiveron a piques de ser compradas para a biblioteca pública polo director que había daquela, pero finalmente acabaron en mans dun particular.

Para moitas persoas de Pontevedra, o espazo no que viviu tantos anos segue a ser a esquina de Viñas.

 Agradecemento a Follasverdes e a Toti Dios polas fotografías e ilustracións.

Caqui
Peque González Novoa

Peque González Novoa

Profesora

Son Peque González Nóvoa. Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación. 

No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.

Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo. 

Salomé Álvarez

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥