Os nenos indíxenas tiñan prohibido falar a súa lingua nai ou practicar a súa relixión e adoutrinábanos no cristianismo. Igual que nas misións españolas en California, nos internados estadounidenses pegábase aos nenos se falaban o seu propio idioma, entre outras “infraccións” que eran expresión da súa humanidade. Aínda que os despoxaban da súa lingua e das capacidades propias das súas comunidades, o que os indíxenas aprendían nos internados era inútil para a asimilación efectiva; pola contra, o resultado foron múltiples xeracións de individuos traumatizados (Dunbar-Ortiz, Roxanne, 2018)¹
Os dereitos lingüísticos ou dereitos humanos en materia lingüística son aqueles dereitos relativos ao dereito individual e colectivo a elixir o idioma ou idiomas en que comunicarse, tanto en privado coma en público, sen ter en conta a nacionalidade, a etnia ou o número de falantes. Estes dereitos son un instrumento fundamental para combater a aculturación imposta, isto é, incorporar a un individuo ou grupo humano elementos culturais doutro grupo, e o imperialismo lingüístico, entendido como a discriminación que beneficia a linguaxe dominante ou opresora e consolida o seu poder outorgando vantaxes aos seus falantes, especialmente nun contexto que busca a protección das minorías e dos pobos indíxenas.
É moi frecuente que grupos humanos nas diferentes partes do mundo se vexan privados dos dereitos básicos tocante ás súas linguas. Falantes da maioría das preto 7.000 linguas vivas hoxe non teñen dereito á educación, á xustiza ou a uns servizos públicos por medio da súa lingua materna. Incluso estes dereitos poden ser violados dentro dun marco hipoteticamente multicultural. Privar individuos ou grupos humanos dos seus dereitos lingüísticos reflicte unha contemporánea forma de racismo chamada lingüicismo ou lingüicidio. Obrigar unha poboación a unha asimilación forzosa e a cambiar de identidade é considerado por algúns estudosos da sociolingüística como T. Skutnabb-Kangas e R. Phillipson (Linguistic human rights,1994) unha forma de xenocidio -termo empregado por primeira vez polo avogado polaco Raphael Lemkin en 1944)- ao responder a un acto cometido coa intención de destruír, total ou parcialmente, a un grupo nacional, étnico, racial ou relixioso. Estes dous expertos establecen cinco períodos no recoñecemento dos dereitos lingüísticos.
O primeiro período abranguería ata 1815. Durante séculos os dereitos non estiveron cubertos nos tratados internacionais a non ser nalgún tratado bilateral. A ideoloxía imperante era: un Estado, unha nación, unha lingua. Para acadar esta uniformización lingüística e convertela nun ben superior a protexer, o método era a glorificación dunha lingua e o envilecemento das outras, marxinándoas e estigmatizándoas como “dialectos” ou, aínda peor, coma “patois”, limitando o seu valor e potencial. Adóitese fornecer o exemplo dos gregos que chamaban bárbaros aos estranxeiros que non falaban a súa lingua e resultaban inintelixibles porque emitían, segundo a súa percepción, “ruídos” estraños.
O exemplo paradigmático é a imposición da lingua de Castela aos habitantes dun continente “descuberto” en 1492 e que se daría en chamar América. Miles de linguas faladas polos habitantes deste continente foron varridas sen ningún tipo de contemplación en aras dunha lingua considerada “superior e “civilizada. Lembremos a afirmación, tantas veces citada, que aparece na Introdución da Gramática de la lengua castellana de Antonio Nebrija, publicada un 18 de agosto de1492 e que reza así: La lengua fue siempre compañera del imperio”. Mais non é preciso írmonos tan lonxe nin tan atrás no tempo. O afán do Estado centralista español foi secularmente conseguir e protexer a unidade sustentada, entre outros elementos, na entelequia do “idioma común”.
O segundo período comeza coa Acta Final do Congreso do Viena en 1815. Este é o primeiro tratado internacional que contén cláusulas salvagardando as minorías nacionais. Durante o século XIX varias constitucións nacionais, como é o caso da Constitución de Austria de 1767 e algúns tratados multilaterais, protexen as minorías lingüísticas. O terceiro período estenderíase entre a Primeira e a Segunda Guerra Mundial, tempo durante o cal un número importante de convenios e constitucións nacionais incorporaron cláusulas de protección das minorías.
O cuarto período alcanzaría desde 1945 ata 1970. Despois do desastre da Segunda Guerra Mundial, o obxectivo principal era protexer o individuo contra un trato arbitrario e inxusto; porén, o empuxe para promover dereitos humanos resultou algo prexudicial e neglixente para a protección dos dereitos lingüísticos. Malia todo, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 establece no artigo segundo “Todo o mundo ten todos os dereitos e todas as liberdades” sen distinción de “raza, cor, sexo, lingua, relixión, opinión política ou outra, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición”. O quinto e último período comezaría a partir de 1970 debido a que se toma un renovado e decidido impulso para a protección das minorías, incluídas as lingüísticas.
Os autores arriba mencionados establecen unha gradación tocante aos dereitos lingüísticos como un continuum que vai desde a prohibición ata a promoción, pasando pola tolerancia, a non discriminación e a permisividade. Desde mediados dos anos corenta son numerosos os convenios, tratados, cartas e declaracións internacionais que tratan de protexer e/ou fomentar estes dereitos fundamentais. É imposible referírmonos a todos eles e realizar unha análise exhaustiva, polo que só afondaremos un pouco nos que consideramos máis transcendentais de cara á protección e promoción da diversidade lingüística: A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, elaborada polo Consello de Europa, e a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos.
A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, foi aprobada en Estrasburgo o 5 de novembro de 1992, foi asinada por España este mesmo ano, mais non a ratificou ata o 2 de febreiro 2001, data na que entrou en vigor no noso país. Este é un documento internacional xuridicamente vinculante. A Carta define estas linguas así: “Pola expresión linguas rexionais e minoritarias entenderanse as linguas faladas tradicionalmente nun territorio dun Estado polos nacionais dese Estado que constitúen un grupo numericamente inferior ao resto da poboación do Estado, e diferentes linguas oficiais do Estado; non inclúe o dialectos das linguas oficiais do Estado nin as linguas do inmigrantes”
Linguas en Europa
O documento está estruturado en cinco partes, das cales só a II e III inclúen obrigas respectos das linguas minoritarias. A parte II abrangue todas as linguas rexionais ou minoritarias de todos os Estados, mentres que as linguas da parte III dependen da escolla dos propios Estados. No instrumento de ratificación “España declara que, aos efectos previstos nos citados artigos, enténdense por linguas rexionais ou minoritarias, as linguas recoñecidas como oficiais nos Estatutos de Autonomía das comunidades autónomas do País Vasco, Cataluña, Illas Baleares, Galicia, Valencia e Navarra. Así mesmo, España declara, aos mesmos efectos, que tamén se entenden por linguas rexionais ou minoritarias as que os Estatutos de Autonomía protexen e amparan nos territorios onde tradicionalmente se falan”.
Hoxe en día as linguas faladas en España teñen diferentes niveis de recoñecemento e protección. Algunhas posúen o status de lingua oficial nos Estatutos das comunidades nas que se falan; por exemplo, o galego en Galiza, o catalán en Cataluña, Illas Baleares e Valencia (co nome de valenciano), o aranés en Cataluña e o éuscaro no País Vasco e parte de Navarra. Estas linguas están amparadas pola parte II e III da Carta. Outras linguas só contan co amparo da parte II porque non teñen status oficial, pero si contan coa protección dos seus Estatutos de Autonomía, como é o caso do aragonés e o catalán en Aragón, do asturiano en Asturias, do galego en Asturias e Castela e León e do leonés en Castela e León. Algunhas outras están exclusivamente amparadas pola parte II, xa que non teñen ningún tipo de protección por parte dos Estatutos de Autonomía, como é o caso do amazigh en Melilla, o dariya en Ceuta, o estremeño, fala e portugués en Estremadura e do valenciano en Murcia. Alén diso, a Carta protexe o caló (a lingua do pobo xitano en España) como a única lingua non territorial, é dicir, non é propia de ningún territorio en concreto.
En once das dezasete comunidades autónomas de España e das dúas cidades autónomas, Ceuta e Melilla, fálanse linguas minoritarias. Na realidade, arredor dun 45% da poboación española vive nun territorio onde se fala unha lingua minoritaria autóctona. Isto vén a evidenciar que case a metade da poboación española vive en contextos bilingües ou multilingües.
No seu preámbulo, a Carta establece unha serie de considerandos sobre os que se estea o documento: a salvagarda e a promoción dos ideais e principios que son un patrimonio común; a protección das linguas rexionais ou minoritarias históricas de Europa, algunhas en proceso de desaparición, para contribuír ao mantemento e desenvolvemento das tradicións e da riqueza culturais de Europa; o dereito a usar unha destas linguas na vida privada ou pública como un dereito imprescritible; o fomento destas linguas representa unha contribución importante á construción dunha Europa baseada non principios da democracia e da diversidade cultural no ámbito da soberanía nacional e da integridade territorial; e, malia subliñar o valor do intercultural e do plurilingüismo, a promoción destas linguas non deber ir en detrimento das linguas oficiais e da necesidade de aprendelas.
Os países que ratificaron a Carta deberán basear a súa política, a súa lexislación e a súa práctica nunha serie de obxectivos e principios, entre os que podemos salientar: o recoñecemento destas linguas coma unha expresión da riqueza cultural e, polo tanto, a necesidade de protexelas e coidalas; o fomento do seu emprego oral e por escrito na vida privada e pública; a provisión de medios para o ensino e estudo en todos os niveis apropiados; e o impulso de estudos de investigación sobre estas linguas nas universidades ou equivalentes. Tamén se comprometen a eliminar calquera discriminación, exclusión ou restrición que lles afecte e, pola contra, a adoptar medidas especiais no seu favor destinadas a fomentar a igualdade entre os seus falantes e o resto da poboación e, en ningún caso, se considerará un acto de discriminación cos falantes das linguas máis estendidas. O respecto, a comprensión e a tolerancia cara ás linguas rexionais e minoritarias deben figurar entre os obxectivos da educación e da formación impartida no país, estimulando, ademais, aos medios de comunicación social a perseguir os mesmos obxectivos. Os ámbitos nos que se deben centrar as medidas de promoción son sete: o ensino, a xustiza, a administración e os servizos públicos, medios de comunicación, actividades e servizos culturais, vida económica e social e intercambios fronteirizos.
As partes asinantes da Carta deben informar ao Consello de Europa sobra a aplicación do tratado. A partir do 1 de xullo de 2019 deben presentar un informe exhaustivo cada cinco anos e, dous anos e medio despois deste, información sobre as medidas prioritarias levadas a cabo. O último informe relativo á situación de España data do 18 de xuño de 2024 e recolle valoracións e/ou recomendacións a partir de datos recollidos na visita a España do Comité de Expertos realizada en xaneiro dese ano. Recoñece que España ten un sistema de protección avanzado da maioría destas linguas establecido na Constitución e nos Estatutos de Autonomía, e salienta como algo moi positivo que desde o ano 2023 se poidan utilizar algunhas delas (galego, catalán, éuscaro) nas Cámaras do Parlamento español. Mais a pesar de certos avances, nalgunhas comunidades autónomas, responsables da aplicación práctica da maioría das medidas, estase a producir un retroceso e unha deterioración dos dereitos dos falantes, ben por adoptaren medidas lexislativas que dificultan a súa aplicación, ben pola ausencia de medidas favorables que revertan a situación. Noutros casos, as medidas adoptadas polas comunidades foron revogadas polas autoridades xudiciais.
En materia de educación sinala algo moi importante e que ten creado moita polémica: “Determinar unha porcentaxe mínima de ensino en castelán para cada centro educativo contravén as obrigas asumidas por España en virtude do artigo 8º da Carta”. En canto á xustiza, constata que a lexislación vixente non garante que os tribunais poidan lavar a cabo procesos xudiciais nas linguas rexionais ou minoritarias a petición dunha das partes. Rara vez se utilizan en ordes, sentenzas, documentos procesuais …, e a maioría dos órganos xudiciais non atenden as solicitudes de recepción de documentación nestas linguas. Entendendo que a lingua de traballo da administración do Estado é o castelán, a proporción de persoal da administración con coñecemento destas linguas continúa sendo demasiado baixa, polo que un gran número de textos e formularios segue a estar única e exclusivamente en castelán. Pídese un maior esforzo para garantir un uso máis amplo. Sinala tamén que o actual proceso de dixitalización non pode levarse a acabo en detrimento destas linguas. A oferta de programas de radio e televisión nas linguas rexionais é satisfactoria, pero deben contar cunha maior protección. Recomenda acordos con plataformas de streaming para a dobraxe de películas e programas. En canto á prensa escrita, solicitan máis apoio para os xornais impresos nas linguas minoritarias, así coma para as versións dixitais. Tamén chama a atención sobre o pouco uso nos servizos de atención sanitaria e social. E sinala que nunca se utilizan nos prospectos farmacéuticos.
A Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos produciuse en Barcelona do 6 ao 9 de xuño de 1996 no marco da Conferencia Mundial dos Dereitos Lingüísticos. Está asinada por diferentes institucións e organizacións non gobernamentais. A Declaración consta dun texto “Preliminar”, un “Preámbulo” e 52 artigos divididos en tres “Títulos”. É imposible abranguer neste texto toda a amplitude de dereitos que recolle, por iso me vou centrar nos que considero atinxiren máis á nosa lingua. No título preliminar, artigo 1º, define o concepto de comunidade lingüística como “toda sociedade humana que, asentada historicamente nun espazo territorial determinado, recoñecido ou non, se autoidentifica coma pobo e desenvolveu unha lingua común como medio de comunicación natural e de cohesión cultural entre os seus membros. A denominación lingua propia dun territorio fai referencia ao idioma da comunidade historicamente establecida neste espazo”. A seguir refire todos os dereitos lingüísticos inalienables individuais e colectivos e no artigo 6º fai unha precisión moi importante respecto do concepto de “lingua propia”: “Esta Declaración exclúe que unha lingua poida ser considerada propia dun territorio unicamente polo feito de ser oficial do Estado ou de ter tradición de ser utilizada dentro deste territorio como lingua administrativa ou de certas actividades culturais”.
Considero moi importante esta precisión, pois é frecuente lermos nos medios de comunicación artigos escritos por persoas cunha pretendida formación intelectual afirmando que Galiza ten dúas linguas propias: a galega e a castelá. E nós dicimos que de ningunha maneira: Galiza ten unha lingua propia, o galego, e outra con presenza secular, o castelán. O Título I, artigo 7º, recolle principios similares aos da Carta: “Todas as linguas son a expresión dunha identidade colectiva e dunha maneira de percibir e de describir a realidade, polo tanto teñen que gozar das condicións necesarias para o seu desenvolvemento en todas as función”. E o artigo 9º reza: “Toda comunidade lingüística ten dereito a codificar, estandarizar, preservar, desenvolver e promover o seu sistema lingüístico, sen interferencias inducidas ou forzadas”. O proceso de estandarización do galego foi un proceso moi laborioso, durou máis dun século, e cando se acadou, os inimigos do galego e polo tanto de Galiza, estigmatizárono e tilárono de “galego inventado”. Noutro artigo profundaremos neste tema e observaremos que é un prexuízo de nova creación para menosprezar o idioma de noso.
O Título II aborda o réxime lingüístico xeral. A Sección I trata da administración pública e órganos oficiais, tribunais de xustiza, documentos notariais. A Sección II refírese á educación e no artigo 29º di: “Toda persoa ten dereito a recibir a educación na lingua propia do territorio onde reside. Este dereito non exclúe o dereito de acceso ao coñecemento oral e escrito de calquera lingua que lle sirva de ferramenta de comunicación con outras comunidades lingüísticas”.Tocante a este dereito, Skutnabb e Phillipson distinguen entre dereitos lingüísticos básicos, que teñen que ver coa aprendizaxe da lingua propia e a lingua do país ou Estado no que se vive, e dereitos lingüísticos non necesarios, ou sexa, aprender unha ou varias linguas estranxeiras. Iso si, cómpre observar que sexa unha aprendizaxe aditiva -outras linguas son engadidas ao repertorio habitual- e non subtractiva -a lingua propia ou materna corre o risco de ser desprazada pola lingua oficial ou maioritaria-.
A Sección III trata do dereito á onomástica, isto é, os nomes, en lingua propia: antropónimos, apelidos, topónimos. “Toda comunidade ten dereito a autodesignarse na súa lingua nai”. Lembremos o férreo proceso de castelanización levado a cabo pola administración e pola Igrexa co obxectivo de borrar a identificación do pobo coa lingua de seu. Malia estar recollido por lei desde 1983 que a toponimia oficial de Galiza é a súa forma en galego, segue sen ser respectada por algunhas institucións e os seus representantes públicos. A Sección IV refírese aso medios de comunicación e novas tecnoloxías, e o artigo 37º sostén: “Toda comunidade lingüística ten dereito a recibir, a través dos medios de comunicación, un coñecemento profundo do seu patrimonio cultural (historia e xeografía, literatura e outras manifestacións da propia cultura)…”.
A Sección V dedícase á cultura en todas as súas expresións, xa que toda comunidade ten dereito á presevación do seu patrimonio lingüístico e cultural, incluída a presenza epigráfica da súa lingua, é dicir, as inscricións sobre diferentes soportes: pedra, metal, madeira… Existen asociacións que reivindican esculpir as lápidas en galego -hai trinta anos apenas unha de cada mil estaba nesta lingua- e substituír os epitafios en castelán ao considerar os cemiterios depósitos da memoria colectiva. É importante salientar os artigos 48º e 50º da Sección VI, referida ao ámbito socioeconómico. No primeiro dise: “No territorio da propia comunidade lingüística, todo o mundo ten dereito a utilizar, con plena validez xurídica, nas transaccións económicas de todo tipo, como por exemplo a compravenda de bens e servizos, as operacións bancarias, os seguros, os contratos laborais e outros”. E no segundo: “Toda comunidade lingüística ten dereito a unha presenza predominante da súa lingua na publicidade, na rotulación, na sinalización exterior e no conxunto da imaxe do país”.
Como dixemos, son moitos os organismos que promoven o multiligüismo e protexen a diversidade lingüística. A UNESCO proclamou en 1999 o día 21 de febreiro Día da Lingua Materna e en 2002 a ONU aprobouno na Asemblea Xeral. A UE, no seu tratado fundacional en 1958 como Comunidade Económica Europea, no artigo 3º dicía: “A Unión respectará a riqueza da súa diversidade cultural e lingüística e velará pola conservación e o desenvolvemento do patrimonio cultural e europeo”. No momento da súa fundación eran catro as linguas oficiais: alemán, francés, italiano e neerlandés; arestora son 24 as oficiais. O Goberno europeo en 2002 estableceu como obxectivo que a cidadanía europea se puidese expresar en dúas linguas, ademais da materna. O Parlamento europeo, ten como lema “Unidade na diversidade”.
En fin, a realidade é que existen miles de linguas, miles de realidades culturais e que depende de nós, ben a nivel colectivo ou individual, institucional ou non gobernamental, protexer este patrimonio, esta riqueza que herdamos dos nosos antepasados e nos fai humanos e que, como escribiu Castelao “nos eleva na escada zoolóxica”. O respecto pola diversidade en xeral e pola lingüística en particular debe ser a clave de bóveda da humanidade; o facho que nos guíe cara a un mundo en democracia e en paz; non en van todas as tiranías e todos os totalitarismos unha das primeiras medidas que toman para someter e dominar a poboación é uniformizar e manipular a linguaxe. Léase o libro 1984, a distopía de George Orwell publicado en 1949, e obsérvese como a “neolingua” se converte no instrumento máis eficaz de persecución, control e manipulación da cidadanía polo “Gran Irmán”. Ou La lengua del Tercer Reich. Apuntes de un filólogo, de Víctor Klemperer, 1947, unha reflexión sobra a linguaxe totalitaria.
Pilar Freitas Juvino. Febreiro de 2025
¹ Dunbar-Ortiz, Roxanne (2018): La historia indígena de Estados Unidos. Madrid, Capitán Swing Libros, S.

Pilar Freitas Juvino
Profesora de Galego
Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.
De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.
En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.
Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.
Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥