Coñecín a Guillermo na cafetería “Blanco y negro” de Pontevedra, presentóunos Xaime Toxo, alí habitualmente toma o café cos amigos pola mañá.

A historia de vida de hoxe é a de Guillermo Campos Piñón.

Guillermo Campos Piñón naceu o 1 de febreiro de 1945 en Cotobade, fillo de Benito Campos García de Viascón (mestre nacional e emprendedor, desde radiotécnico a axente comercial), e de Argentina Piñón Maceira de Xesteira (Almofrei) tamén no mesmo Cotobade, de familia comerciante, posuían un ultramarinos  e “de todo”), referente nunha ampla bisbarra coñecido como a dos Piñón. Ou “os da Tenda” máis localmente.

A historia dos seus bisavós e avós maternos é en si moi peculiar, foron os antigos fundadores do comercio, que non tiveran descendencia directa, os que propiciaron o encontro -as redes sociais de antes- entre senllos sobriños. Así acabaron casando Filomena Maceira Torres, que era de Rubín (A Estrada), e Guillermo Piñón Martínez, que serían os avós do noso entrevistado, continuadores do negocio familiar sen renunciar a un paso pola emigración a Salta (República Arxentina) do varón. Morreu novo, con 50 anos -este neto débelle seu nome, na súa memoria- deixando seis fillos, cinco varóns e a púbere Arxentina Cándida, segunda dos irmáns, continuadora co irmán maior do negocio familiar (o seguinte instalaríase en Borela), o resto profesionais ou empregados.

Guillermo 1

Benito e Arxentina, instalados na casa familiar na Xesteira, tiveron 3 fillos, aínda que a máis vella morreu pouco despois de nacer, inmediatamente viría Guillermo e aos catro anos Benito, Nito para os amigos. Os pais tiveron tamén  unha longa  vida, de amor e entrega, desenvolvida na contorna orixinal cotobadesa salvo algún destino inicial máis afastado,  e súa relación de proximidade coa achegada capital da provincia.

 Guillermo estudou os primeiros anos na escola do seu pai en Loureiro, alí estivo ata andados os 9 anos, cando o  matricularon para iniciar o bacharelato no colexio dos PP Paules en Marín, en réxime de internado. Iso supuxo un cambio emocionalmente traumático: volvía a casa só nas vacacións, agás algún domingo sinalado, cando seu pai, que tiña moto, convertía  a visita festiva para comer fóra do colexio, nunha entrañable “fuga” ata a aldea. Apenas catro ou cinco horas fóra da gaiola entre  ida, xantar caseiro,  e volta. Aquel sacrificio paterno inda o emociona sete décadas despois…

Guillermo na poza
Na poza do Couto 1952
Guillermo nos paules 1954
Guillermo nos pais Paules en setembro de 1954

Tivo a sorte de vivir a vida rural creativa e  intensamente -como desde a xuventude, a urbana- nunha familia relativamente acomodada en tempos de ditadura e autarquía, pero con tenda na casa,  sen máis mágoas que as propias da opresión política e nacional-católica, que se levaron con cautela e respecto: combinábase baixo aquel teito,  a autóritas do docente, con exemplaridade e rectitude o practicismo comercial e servizos  complementarios (correos, teléfono –o público veu despois, pero habíao na casa por mor de seren vixiantes da liña  eléctrica de Fenosa- punto de recollida do leite, entre outros) e os labores agropecuarios domésticos de relativo peso comparativo: creación do curral, cultivos de horta, cereal, etc, ata media ducia de vacas e algún outro rumiante menor..,  para o que se axudaban dun criado, sobre o que pivotaba o principal das tarefas externas, máis algunha xornaleira nos picos do traballo da terra. Tivo como modelo unha familia convencional pequeno burguesa e rural de mediados dos cincuenta do século pasado, numerosa, seria, honrada, laboriosa, solidaria, con formación e principios.

Na casa comíase máis ca ben para aqueles tempos, a “despensa” doméstica puña ao alcance da dieta diaria complementos máis alá  do autoconsumo aldeán, de xeito que bocados excepcionais como a carne fresca festiva, ou as pescadas e ollomoles das celebracións sinaladas, alternaban cos da despensa autóctona ou ata  exóticos como o chiculate habitual nas merendas ou moi reservado para minorías turrón navideño, as galletas ou o marmelo. Na mesa diaria marcaba as secuencias a estacionalidade: o que daba “a casa” máis xurelos, sardiñas, rapantes, fanecas, marucas, cariocas, bacallau, etc., etc., algunha vez ata vieiras,  que “subían” desde Marín nas súas burras, as peixeiras das pertas Bora e Mourente ou Xeve…. Viu cambiar máis dunha vez  vieiras por pan de millo, aquela dualidade caseira daba oportunidades exclusivas para acceder a novos productos no mercado, foi dos primeiros da súa xeración en probar a foránea Pepsi Cola… Impactos e referencias que asentaron na memoria culinaria,  e despertaron o aprecio pola diversidade alimentaria daquel cativo aberto a toda novidade que se movera.

 A nai de Guillermo, Arxentina Piñón, foi moi boa cociñeira, manexou ata gastalo o Picadillo, recetario  que lle legou e que hoxe constitue unha das xoias da súa respectable biblioteca gastro. “Bordaba” os peixes grandes e o vacun ao forno, o carneiro, as cremas e outras larpeiradas legadas na tal  “La Cocina Práctica”, a “biblia”da culinaria galega… A “cultura do viño”, veulle polas orixes e coñecementos do pai e do avó paterno, cuxo berce en Viascón acabaría herdando. Á casa do Valiño, onde vivía o avó,  levábao Benito con certa frecuencia, alí devecía pola abundancia de froitas (que Satiro gardaba para o neto, nunca faltaban grandes mazás ben conservadas), aprendeu o ininterrumpido ciclo da viña (cultivo insignia no predio na matriz dos Campos, onde se alternara o traballo agropecuario co de obra civil a pequena escala, e observou os propios ritos do viño, como nexo de amizade, celebracións e xenerosidade… Entre este legado hedonista de Viascón  e o austero que deixara a avoa materna Filomena na Xesteira, forxáranse sen sabelo, non só as querencias, tamén a vocación e a praxe daquel neno que vinte anos despois entregouse ao estudo, coñecemento, práctica e divulgación do feito e da cultura gastronómica, a súa circunstancia e entorno xeográfico.

Guillermo Campos estivo nos Paules ata os 12 anos, odiaba a falta de liberdade, sufría moito cada vez que tiña que volver ao colexio logo dunhas vacacións, a palabra era “desgarro”. Apesar de todo, integrouse, aqueles paseos semanais pola vila e praias marinenses proporcionáronlle outras miradas enriquecedoras, ten lembranzas positivas tanto externas como académicas: do  padre Eguren (un “maestro” filósofo co que non perdeu relación, ata o punto de que anos máis tarde acabaría oficiando a voda en Loureiro), os padres Velayos (repartidor de material escolar) ou Marcos (repartidor de coscorróns), negativo do pai Rodrigo, un auténtico maltratador de alumnos: pegaba con vara, que debía ser de buxo pola dureza, coma se mazara o liño.., “aperturista” do P. Francisco Carballo, décadas despois destacado militante do BNG. Non lembra de ningun caso de agresión de tipo sexual.

Guillermo e o futbol
Con 12 anos. Xogar ao fútbol é outra das súas paixóns

As materias que máis lle gustaban sempre foron a literatura, a xeografía e a historia; nonf entendía as matemáticas e iso frustábao, tardou moito tempo en comprendelas… “e cando as entendeu,  xa era tarde para dedicarlles tempo”, porque a xeometría tamén lle atraía. Certo cartesianismo, aplicado para o si ou para ou non, aos conceptos de maquetación e concepción da comunicación a través das páxinas xornalísiticas, andarian xestándose tamén por aquelas experiencias, como logo veremos.

 No verán en que tocaba afrontar  o terceiro curso de bacharelato, comentoulle ao pai que non aguantaba outro ano de internado, a gaiola  impedíalle voar, e as alas púberes  de Guillermo seguían devecendo  por espazos abertos. Pediulle ao seu pai que o cambiara de colexio. 

Acabou matriculándoo no Inmaculada Concepción de Pontevedra, un colexio segrar e libre  (“devecía por unha formacion civil, pero agás con don Francisco Cerviño, non atopei o que buscaba”) que  presumía de controlar ferreamente os alumnos que “se distraían”. Así que na negociaciòn co fillo en  “idade do perú”, unha cousa pola outra: gañou deixando lonxe o internado, cedeu no control docente; pasando a vivir, en vez de en pensión estudiantil, a unha casa de familia que acollía xente de ben (por certo, eran os avós do hoxe colega no Diario  Rodrigo Cota, na rúa Altamira 4 de Pontevedra). Testemuña visual da violencia de “aquel don Angel” teórico xefe de estudos, mais frouxamente secundada por  “aquel don Blas”,  director, practicantes dunha metodoloxía marcada polo principio de  a letra con sangre entra”, levada a extremos de sufrimento e medo (“non te librabas, inda que eu fun zafando…”), que chegaron a afastar a mozos dos estudos.

Guillermo, guitarra
 Guillermo con 16 anos

Alí rematou o bacharelato. Gustáballe xa a comunicación seu soño principal era ser xornalista pero daquela, as opcións que tiña eran ir a Madrid, destino preferido, ou a Zaragoza, onde había Escuela de Periodismo cunha residencia para fillos de mestres, así  era economicamente posible. Pero non era ese o destino devecido, de xeito que, moi arraigado en Pontevedra desde os 13 anos, tendo a docencia no segundo nivel vocacional,  optou por iniciar a carreira de Maxisterio (despediu a vella edificación de entrepanos de ladrillo vermello da Avenida de M. Ríos, e rematou no novo da avenida de Bos Aires), mantendo o proxecto de matricularse por libre en Xornalismo en Madrid, que dirixiu un pontevedrés, Manuel Blanco Tobío, nado en  Lérez.

non entendía as matemáticas e iso o frustraba, tardou moito tempo en comprendelas… ”.

Guillermo Campos Piñón

 Por medio un anecdótico módulo de electricidade na Maestría Industrial da actual Rúa do Rouco, rozando a maioría de idade xa comezaba a dar os seus primeiros pasos no xornalismo, pronto se encargou da corresponsalía no seu Cotobade natal para o Diario de Pontevedra, esporádicos comentarios ao socairo da actualidade, o costumismo de raiz etnográfica (os froitos, as comidas e os labores do campo e do mar, as celebracións festivas e romeiras, vamos, os recursos e produtos turísticos que dicimos hoxe, outros vestixios que apuntaban maneiras e  que acabarían configurando profesionalmente a este divulgador, proclamado en 2020 (edición de setembro de Tapas, cos “Forbes” gastronómicos), entre os 35 críticos e comunicadores gastro  máis influentes de España, o único en Galicia.

promoción da escola de maxisterio 1962
Promoción da escola de Maxisterio co profesor D. José Araujo. Entre outros, Antonio Soto (Éste si que foi a xornalistas a Madrid, diante abrazado por Valiño), Ignacio Valiño(con lentes de sol), Couceiro(Agachado), Guillermo (detrás de Valiño, a dereita do profesor) 1962

É un tempo de´pescudas  e  búsquedas no que vai sumando experiencias: docencias particulares puntuais, tal que as inherentes á carreira, as prácticas formativas que fixo na Casa Tutelar de Menores de Pontevedra. Sempre se entregou con paixón ás súas responsabilidades, ata nas provisorias; así,  nesta institución dependente do Tribunal Tutelar de Menores, como axudante do entón director Manuel Filgueira González (curmán do vello profesor) foille aprobado un procedimento mediante o que, en función do bon comportamento xeral e de aproveitamento na aula, o interno era incentivado con días de vacacións en familia por Nadal (antes inexistentes). Foi unha experiencia inédita nos reformatorios da época, que contribúe á socialización de rapaces  marxinais, despertou interese polo estudo e a integración familiar, e no grupo, para o que se serviu tamén da práctica participativa do fútbol, unha pasión persoal, chegou a probar no Marín C.F., puideron os estudos. Tamén na Tutelar agromou a vea comunicadora, aproveitando as gardas por visitas dominicais para facer unha folla ocasional, con aqueles pregos de papel de barba convertidos en edición artesá para a vida interna. Non conserva ningún exemplar –que escribía a máquina, alí aproveitou o maxisterio mecanográfico de Manolo Castejón, administrativo do Tribunal, católico practicante e persoa amiga- daquelas primeiras ocorrencias convertendo en impactos as vivencias do propio centro…

Viría depois, coa “mili” no horizonte interruptor da planificación persoal, a etapa entre o antes e o despois, cos primeiros vaivéns laborais. Collerían peso os traballos administrativos (moi breve no sector privado) de longo percorrido na Delegación provincial de Educación, (o primeiro como “auxiliar temporero” do Patronato de Igualdad de Oportunidades, as famosas becas do PIO), na que acabaría sendo funcionario de carreira, por oposición aberta. Aquela mesma querencia polo medio rural e as súas riquezas lévao a publicar na revista Alforja, que editaba o que despois se chamaría Iryda (Ministerio de Agricultura), por traballos de apoio as concentracións parcelarias e demais accións dirixidas á modernización do campo; daquela era director provincial do servizo Manuel Baena Farriols, unha voz pública que desde a súa pulcra estoicidade como alto funcionario técnico, alentoulle aquela vertente xornalística. Tanto así, que chegou a presentarse a unhas oposicións ao corpo de Extensión Agraria, a nivel estatal en Madrid, sen acadar praza, pero sí coñecementos que reforzaron o seu posicionamento como divulgador especializado. Nese contexto coñece tamén a Mario Orjales, un dos pais do PSG con quen se sentiu identificado. Segue sendo un “pexego” sentimental…

 Trúfanse, pois, os longos meses do servizo militar, que ten a sorte de cumprir ao completo no cuartel de Artillería,  da súa irrenunciable Pontevedra. Coincidiu que pecharon o cuartel de Parga, Lugo (temido polo clima, onde os reclutas galegos pasaban o periodo iniciatico de instrución) pero o Exército de Terra non puido inaugurar a tempo as flamantes instalacións de Figueirido que o substituían, de maneira que aquela promoción fixo o campamento e o servizo propiamente dito, na “confortbiilidade” dun acuartelamento urbano, en Campolongo. “Celebrámolo, fora a alma civil, os do reemprazo de 1966”.

Por aquela segunda década da segunda metade do século XX, a sección “Bocetos”, un comentario ao socairo dos acontecementos do país, acabaría tendo unha certa presenza no Diario de Pontevedra, en colaboracions frecuentes nos anos inmediatamente anteriores en forma de enquisas urbanas ou coberturas puntuais de actos, xeralmente sen firma, ata que en maio de 1969 entra na plantilla do periódico como redactor de Local, substituíndo a un veterano, Avelino García Sprinter, “fichado” por La Voz de Galicia para inaugurar a súa delegación en Pontevedra. Estreouse,  só ante o perigo, na “ponte” de Corpus.

Guillermo no Diario
Na redacción do Diario de Pontevedra 1969

Aquel primeiro contrato significou un cambio xeodésico persoal, definitivo. A consolidación do profesional  como primeiro factor de peso, a oportunidade de desenvolver iniciativas e exercicio totalmente profesionalizado do xornalismo, no marco dun entorno social co que se sentía comprometido o mozo Guillermo, pero tamén, coa práctica e aceptación de empresa e lectores, traduciuse na postergación da carreira en Madrid. Descubriu que a titulación académica que tiña era base suficiente, para sumar  a experiencia dunha redacción, máis  un amplo abano de lecturas metodoloxicamente escollidas –materias troncais de xornalismo, ensaio, divulgación, literatura especializada- permitían profundizar na temática de traballo e abondaban para encarrilar os recursos e facultades comunicativas que atesouraba, de xeito que mudou o marco formalmente académico pola auto-formación selectiva a través de cultura inmaterial e demais recursos formativos  alimentadores dun empirismo practicado e avaliado pola sociedade. Aqueles cinco anos na redacción do Diario foron unha escola de vida e unha reválida cotiá sobre as posiilidades propias na profesión, con entrañables compañeiros e mestres como Amador Larriba, á sazón secretario da cooperativa e xefe de Deportes (“meu valedor” á hora da selección contratual, gran persoa), a cultura do “mestre” Manolo Cuña Novás e a súa achega ao coñecemento, ata as excentricidades de Pedro Rivas, ocorrente titulador e crítico mordaz, enriqueceron a bagaxe daquel entusiasta  reporteiro e escrutador da cidade e a súa circunstancia.

Presenza física de tarde, con saídas,  na redacción, desde as 4 ata que as planas saían camiño da rotativa máis dun cuarto de xornada despois..: sucesos (esperábase a última hora do día), política, cultura e lecer, sociedade (a reportaxe, a entrevista, os impactos do día…), cubría de xeito cotián concello e goberno civil, a política da época, campo no que acertou a anticipar -a veces “ocultas” en acrósticos ou no famoso “entre liñas”- novas confirmadas posteriormente.

Festa dos periodistas 1970
Festa dos periodistas 1970: Aldamiz Echevarria, Ricardo Gª-Borregón, Rodríguez Fraiz (cura), pai de Pio Cabanillas, Benigno de la Torre, Amador Darriba, Guillermo, Emilio de la Torre, Piruco Estévez, Pedro Rivas, jose Luis Adrio, Tito Ageitos, Balbino Fuentes Mora, Sprinter, Luis Portas, Nando, entre outros

Asentado no oficio, incorporadas colaboracións fixas e diarias  como comentarista no informativo provincial de Radio Pontevedra –don José e Jorge Hermida como directores en sucesión,  e Fuentes Mora como xefe de programación e creador do “novidoso” informativo  Contra reloj- Guillermo decidiu casar, pouco antes  dos 25 anos, pasando a asentarse definitivamente na capital, no barrio de San Antoniño que entonces agromaba a partir de catro casas de vello, entre elas a súa vella pensión). Na rúa Casimiro Gómez criaron os tres fillos, Guillermo Ernesto (actual veterinario de Poio), Teresa del Rosario (procuradora dos tribunais en Madrid) e María (titulada en Empresariais especializada en marketing de idiomas, continuadora da empresa familiar de edición e comunicación). Casou con Sita (Teresa) Fraguas Barros, a quen coñecera como alumna do seu pai en Cotobade, en Nadal de 1969. Cando accedeu ao parvulario a máis nova das pequenas, Sita incorporouse ao traballo administrativo na secretaría do primeiro instituto da Xunqueira, despois traballou na do Sánchez Cantón, e finalmente xubilouse no Edificio Administrativo de Campolongo.

 Diante das novas responsabilidades, e diante da precariedade do traballo na cidade, con só dous medios de comunicación con plantillas reducidas, decidiu facer (“apuntalamento de independencia persoal”) unhas oposicións á Administración Civil do Estado, que apuntaban modernización despois da “longa noite de pedra”. No temario había moita materia que coñecía de maior ou menor perfil por mor daquela curiosidade innata practicada na primeira xuventude: as 250 pulsacións por minuto que esixían en mecanografía eran cousa de apretar no adestramento,de procedemento administrativo non sabía nada pero si do funcionamento das oficinas (civís e militares); da complicada administración do estado, estaba posicionado tanto que o seu campo de traballo no Diario repartíase entre o goberno civil, deputación, concellos, delegacións ministeriais e de xustiza, etc… Preparouna en dous meses. Superou a oposición, pero por unha praza máis en Galicia a flamante familia  non puido evitar ter que elixir Oviedo, en xaneiro de 1972, cidade e compañeiros acolledores.

Faro no 1979
Compañeiros do Faro de Vigo e prensa viguesa en 1979. Entre outros Arnesto(de vermello) Joaquin Rollán, Viqueira, Guillermo(con barba), Rodrigo Varela..

En abril está de volta. Casualidades favorables (un cometido aprendido naquel destino que había que crear en Pontevedra) fixeron que  en 3 meses volvera a cidade da súa paixón en comisión de servizos, e funcións de xefe de negociado: tivo a honra de asesorar na provincia as concentracións escolares do ensino privado, un traballo paciente de agrupamento atomizado en pequenas escolas domésticas xunto aos colexios relixiosos e segrares), ademais da distribución de equipamento aos flamantes pero escuálidos  colexios públicos nos que se implantaba a EXB. Xornada matinal na delegación de Educación á fronte da tal  unidade de centros, emanada da dignificante  Lei Xeral de Educación de 1970”. O seu traballo na delegación encheuno de satisfaccións xa que daba apoio social e resolvía os problemas da xente, tocaba aplicar a lei de Villar PalasíA Educación Xeral Básica será obrigatoria e gratuíta para todos os españois. Quen non prosigan os seus estudos en niveis educativos superiores, recibirán, tamén obrigatoria e gratuitamente, unha formación profesional do primeiro grao” foi a gran revolución do ensino en España. Salváronse así, centos de iniciativas “domésticas”na provincia.

A volta a Pontevedra, implica unha reorganízación, xa posicionado nun presente no que o pluriemprego formaba parte da perspectiva habitual, e cun futuro que se abría a dúas actividades troncais, e a multiplicadas ofertas de colaboracións esóxenas e endóxenas. Pero non volve ao Diario de Pontevedra. Unha oferta mellor de La Voz de Galicia, os brazos abertos do entón delegado José Luis Adrio e a impronta xornalística entón establecida polo inesquecible director don Francisco Pillado Rivadulla, representan un acicate para un xornalista con miras profesionais. 

Cidade de Pontevedra
Queizán e Peláez Casalderrey entregándolle o premio e diploma de honra de Pontevedra, anos 80. Do Concello e da Deputación.

Contrato por un ano, cese do director no ínterim, aires de mudanza e liña editorial, de xeito que un posicionamento ideolóxico persoal nun acto público –moito tivo que ver, unha fugaz corresponsalía de El Pueblo Gallego, transformado pretendidamente os anobados Medios de Comunicación do Estado, pero ainda dirixido por un fascista-  abortou a continuidade na Voz. A súa participación fundacional en Teima, inesquecible revista política promovida polo socialismo e nacionalismo galego, marcaron demasiado o seu compromiso co país, ao que non renunciou despois desde posicións galeguistas e socialdemócratas…

Continuaron e chegaron  nunha breve transición colaboracións fixas, ademais de en Radio Pontevedra (hai quen lembra hoxe en día a glosa En cuatro palabras– publica un comentario diario en  Faro de Vigo – entón dirixido por don Manuel Santaella, que acababa de suceder a Cunqueiro- achegando o comentario de actualidade sobre as informacións que elaboraban os De la Torre, o vello Benigno e seu filllo Emilio. Paralelamente a súa primeira etapa como corresponsal de El Correo Gallego, e atende a crónica de actualidade diaria desde a capital da provincia para Radio Popular de Vigo –entón facho progresista e galeguista- da que é corresponsal durante 25 anos. E chega, coa década dos oitenta,  a segunda grande oferta profesional como xornalista: incorporarse á plantilla do Faro, nun proceso adiantado de reforzamento da delegación de Pontevedra sendo xa director outro grande colega, X. F. Armesto Faginas. Leva, principalmente,  a crónica laboral e a deputación –marcando un fito, xunto co delegado de La Voz López Torre: “abriran plantándose alí” a información presencial, antes só comunicados oficiais sen taquígrafos herdados do dominio Antonio Puig).

 Guillermo atesouraba por aqueles anos un posicionamento respectable como xornalista de alcance e primeira referencia como especialista en gastronomía, era “el gallego” no contexto do “gremio” español.  Coñece nos setenta avanzados a Paco López Canís  quen  transfiormara en Madrid unha revista de automovilismo nunha de gastronomía e viaxes, así naceu Club del gourmet.,revista decana de prensa especializada en España, e á vez nai da primeira das guías de España: a Gourmetour, orientación e crítica gastro máis influente naquelas décadas ca Michelín. Propuxéronlle colaborar, e viu oportunidade para o mexillón nun momento en que agromaban as primeiras noticias sobre a toxina, os mexilloeiros pedíranlle axuda a Campos, e este aproveitou para centrar o problema de consumo a nivel nacional. Pagáronlle por aquel informe máis ca unha semana de traballo. Lembra con frecuencia aquela viñeta de Castelao que marcou a súa conduta; a dos namorados ao pé do cruceiro, cando ela pregunta: “Manoliño…¿e se fora rica, habíasme de querer máis?, e respóndelle o mozo: “non che teño por que querer menos”…

En 1985, asentado na delegación do Faro de Vigo como segundo responsable, prodúcese unha inédita e imprevisible folga de médicos no Hospital Provincial.  Un conflito de elites co mozo Mariano Rajoy de Presidente da Deputación que tutelaba o centro. Asunto informativamente delicado pola entidade dos protagonistas, as relacións político-empresariais entre os  medios e o ente, agravado pola dureza posicional e verbal adoptada polo colectivo en reivindicación. Os comunicados eran durísimos, incluso con delicadas alusións persoais, ata o punto de que o noso redactor optou por gardar todos os pronunciamentos dos galenos, subraiando os parágrafos publicados e os que semellaban alusións estritamente persoais. Menos mal porque o seu traballo foi posto en tea de xuízo dende a presidencia institucional e o seu centro de traballo; comunicáralle verbalmente  o despido. Non se produciu porque o director X.F.Armesto, coñecedor da documentación atesourada, defendeu o “impecable traballo xornalístico do redactor” diante do conselleiro delegado, don Javier Vázquez Sánchez-Puga, cunha cabaleirosa resolución: non só a continuidade como redactor (non a cobertura que atinxe á deputación), mais si a súa promoción interna que se traduciu no nomeamento de coordinador do nacente suplemento ConSumo gusto.  Mantívose semanalmente dous anos ata que o comprou o xornal Prensa Ibérica, que decidiu suprimilo, se ben lle ofreceu a Guillermo ascendelo a delegado en Pontevedra.

  Rexeitou a oferta. A crise laboral co Faro resolveuse, e aceptou a oferta de Jose Manuel Rey Nóvoa  director de  El Correo Galego para abrir con  el a delegación en Pontevedra, á fronte da que permanecería 23 anos. Para o novo destino levou a cabeceira ConSunmo gusto, Galicia por diante… as plasmación da bagaxe hedonista de Galicia para gozar do país con propostas para  unha fin de semana, desde as festas gastronómicas e báquicas, acontecementos costumistas ou históricos, a súa relación etnográfica, a alimentación como cultura, ata as  demais peculiaridades comarcais do coñecemento e o lecer. Saía os venres, nel colaboraron grandes firmas, a primeira a do seu mestre na literatura e coñecemento gastro D. Antonio Odriozola, ao que lle creou unha peña de amigos, inda en vida do recordado polígrafo, o seu mestre literario (e compañeiro de músicas sinfónicas).

premio xerais
Cea profesional nos premios xerais con Arnesto Fajines 1988
Pregoeiro do entroido Pontevedra
Pregoeiro no entroido pontevedrés 1989
cabaleiro 1990
Cabaleiro do vinho de Porto, anos 90 co doutor Olaizabal (presidente do Instituto do Vinho do Porto) o chef Rivera e Joao Guterres comenciante de vinhos

Este suplemento foi unha semente. Entrado  o goberno tripartito con González Laxe á fronte da Xunta de Galicia, o docende e a sazón director xeral de Consumo, o vigués  Jose Mª García Picher,  quéreo fichar para o seu equipo, na ansia por desenvolver conciencia de discernimento consumista entre os escolares. Coñecíanse, un  como director escolar ou político, outro como funcionario administrativo, pero para o caso, pola concepción divulgativa da temática no Faro de Vigo. A negociación, rexeitada por Guillermo a opción política, resólvese na vía administrtiva, mediante un convenio entre ámbalas dúas consellerías (Educación e Industria) polo que a primeira “achega o funcionario idóneo” en  comisión de servizos e a segunda pon os medios para desenvolver o que se chamou  Programa de Formación do Consumidor na Escola Galega; á fronte o noso comunicador especializado, e un pequeno equipo solvente e  interdisciplinar, destinado a concienciar ao estamento docente na conveniencia de introducir conceptos de consumo discerniente para o alumnado, especial subliñado na atención ao etiquetado e a nutrición equilibrada. O obxectivo de saída era que en cada centro houbera un profesor motivado por  esta temática e introducila na transversalidade académica. Vaia visionarios!.

 O Programa interrompeuse ao gañar as eleccións Manuel Fraga quen nomea un novo director do ramo pero xunguindo Comercio e Consumo, o lugués Francisco García-Bobadilla Prósper. Campos pon o “seu” Programa a disposición do novo director xeral, disposto a volver á súa praza ´auxiliar en Educación, nunca volvería xa…. O Programa queda en espera permanente (á fin no esquecemento), pero Paco Bobadilla ofrécelle outro xeito de chegar á sociedade coas inquedanzas consumistas, e ofrécelle que dirixa desde a súa comisión de servizos, unha revista que chegue, oriente e incentive o movemento asociativo e a concienciación en asuntos do consumo da sociedade galega. Así nace Cosumidores, que se mantén durante toda a primeira lexislatura conservadora.

 Eran tempos de construír un país e no eido de consumo a actividade promovida pola revista e as súas dinámicas “revolucionan” e axudan a crear un corpus social, traducido na organización do primeiro congreso galego de Consumo, a súa colaboración para o internacional de Lille (Francia) ata a integración da internacionalmente novidosa estrutura da transfronteiriza Axencia Galego-Portuguesa de Información ós Consumidores, con sede central en Santiago para a Eurorrexión e senllas e únicas delegacións en Guimarâes (Portugal) e Pontevedra, da que Guillermo, na súa condición de funcionario agregado á consellería, é nomeado xefe. Ubicouse, en local cedido polo concello, daquela presidido por F.J. Cobián, no “chalet Fontoira”.

ribeira sacra
Promocionando a Ribeira Sacra
Xurado da feira do Albariño de Cambados
Xurado da festa do Albariño de Cambados  1987
xornadas de gastronomia 1990
I Encontro gastronómico de Vigo, co alcalde Soto e grandes divulgadores españois, Antonio de Senillosa, Eléxpuru,Canís de costas.

Configurábase unha etapa de actividade persoal profesionalmente plena e ata frenética -a dúas bandas principais, a funcionarial e a xornalística, ben e certo que organizada cun notable grao de optimización-atenta a canto se movía no eido do consumo en Bruxelas, as nacentes directivas comunitarias (anticipou unhas cantas) e a revolución eno-gastro no resto de España, pois na década dos oitenta agromaron e puxéronse os pilares do posicionamento que hoxe en día gozamos tanto na gastronomía como na despensa alimentaria, e as novas pespectivas no conxunto do sector turístico cara a calidade. E todo iso desde unha tese e meta confluentes: volcado no compromiso co país, laboriosa achega do granciño de area á Galicia excelente… Nese contexto e necesaria organización, créase N.P. pequena empresa de comunicación a través da que se desenvolven os traballos informativos de carácter privado, e pouco despois o S.F.P./H.G.T., un seminario permanente de formación e promoción das profesións hostaleiras, que canalizan e desenvolven iniciativas esóxenas ás administracións públicas.Aínda busca tempo para sumarse a directiva presidida polo doutor Bustelo, en calidade de secretario do Ateneo de Pontevedra.

 Cando, na segunda lexislatura de Fraga, Paco Bobadilla pasa a responsbilizarse da Secretaría Xeral de Turismo (xa dependente da Presidencia) proponlle ao xornalista-funcionario o anovamento da comisión de servizos, para aproveitar para a Administración a un profesional especializado, xa conectado coas elites do xornalismo turístico-gastronómico e consumidor, pouco ou nada desenvolvido comunicativamente en Galicia. Campos, por esa recta final do século XX, lidera a especialidade en Galicia co Consumo gusto na prensa diaria e outras colaboracións públicas, pois resulta ser a referencia desde Galicia na prensa especializada española: corresponsal da revista decana Club de Gourmets, selecciona as propostas do noroeste para a guía Gourmetour (a máis prestixiada das de gastronomía e turismo nese tempo) colaborador habitual da colega tamén madrileña  Vino y Gastronomía que edita Luis Magaña, El País-Aguilar, Revista Tiempo, ou Comer y Beber, Bouquet, El Pipiripao de Barcelona, etc, etc. Escribe, viaxa, organiza, conferencia, pregoa, atende a actualidade diaria (tarefa que desenvolve cos colaboradores directos), como Victoriano Castro xuntos desde NPI.

As duas décadas finiseculares e a de asentamento do novo século concentran e compendian todo un legado de iniciativas, moitas delas sen precedentes en Galicia. Tocoulle ser un innovador, estar alí no momento oportuno, tivo e aproveitou a oportunidade de plasmar na súa querida Galicia correntes observadas noutras latitudes que ían por diante, plasmar ao modo de Galicia tendencias, no seu ámbito, estudiadas noutras latitudes de avangarda .

Así, incorpora a Galicia, a través dos por el creados Campionato Galego de Cociñeiros, a promoción e evolución das profesións hostaleiras (ese incardínase no concurso internacional Bocuse d’Or, considerado o campionato do mundo, a través do Campionato de España: constituíu a revolución da cociña galega tradicional, o descubrimento e pulo dos novos valores, os que hoxe representa, estrelados ou non, a cociña moderna. Inmediatamente creou, coa nacente asociación galega do ramo (AGASU) os Campionatos de Galicia de Sumilleres desta especialización, completada a continuación co impulso a creación de AMAIGA, cos campionatos de Xefes de Sala-maitres. Tiveron a súa versión para estudiantes de F.P.(a través deles, comenzaron as prácticas de estudantes en cociñas profesionais, hoxe oficialmenmte consolidadas) e situaron en todos os estamentos dos respectivos podios nos campionatos de España a profesionais galegos (varios campións e subcampións de España) , incluído un representante no Bocuse. A promoción dos profesionais foi inxente e sen precedentes nin exclusión de actividades máis concretas, como os concursos de coctelería, repostería e outros.

En 1995 ven a luz dous grandes proxectos xornalísticos, fitos  referentes: crea para a Xunta de Galicia, como entidade editora, unha cabeceira propia chamada Andares Gozosos, a xoia da súa coroa turístico-xornalística  no plano institucional. O encargo da administración turística galega é dispor dunha revista que proxecte a Galicia excelente na comunidade española e interncional do sector, e así se mantén un quinquenio unha publicación trimestral, coidadosamente impresa, con contidos e firmas de prestixio en Galicia e España, escrita en castelán con resumos en inglés; foi considerada a mellor revista institucional  de turísmo no Estado. Outra xoia, pero como proxecto privado inicialmente en partner con CEHOSGA,  é mais pragmático, pero resultou cohesionador na empresa interintersectorial:  xa hai unha nova maneira de crear e falar na cociña, no hotel, na produción alimentaria,  na industria fornecedora, na hostalería e na xestión e comecialización turística, e así nace a revista especializada HG&T (Hostalería, Gastronomía e Turismo) HG&T (Hostalería, Gastronomía e Turismo) que se mantén hoxe en día, a punto de cumprir 30 anos de presenza nos mercados que se complementan, e de xeito independente, como sempre, coa súa redacción  en Pontevedra. As Galas do Turismo e a Gastronomía de Galicia promovidas por todo o país pola revista, constituíron o punto de encontro de maior relevancia en tal intersectorial, con representacións profesionais de ata 700 persoeiros, foron o punto de encontro do “quen é quen” intersectorial…..

Andares gozosos
REcopilatorio HGT
portada consumo gusto
Portada do nº 1 de Consumo Gusto. 1985

A bagaxe de coñecementos que, á fin, se reflicten nas publicacións e demais traballos de Guillermo Campos, enraizan na previa documentación (empezando por unha nutrida biblioteca especializada), nas viaxes e experiencias que buscou ou lle brindou a propia actividade profesional, esa achega empírica que considera imprescindible (“para unha divulgación ou crítica solvente, hai que coñecer previamente a intra-historia,  coñecer referencias sólidas, para comparar, por exemplo, platos semellantes de diferentes autores, porque sen iso dificilmente se pode ter un criterio obxectivo e solvente; igual pasa cos viños, ata coas paisaxes, ou os museos…”).

Guillermo non é de redes sociais incluso relativiza os datos de Internet canto faltan referencias sólidas: non son de fíar, dime, unha das súas teimas é a procura do rigor, a fonte é fundamental.

 A súa peregrinación levando polo mundo noticia da despensa galega colleu dimensión alá polo 1979, cando recibiu o primeiro encargo do entón conselleiro de Pesca Rodríguez Peña,  para promocionar 3 produtos galegos da flamante acuicultura (ostra, mexillón e rodaballo) en restaurantes de referencia en Madrid, Sevilla, Valencia e Barcelona; durante unha semana percorreu esas cidades, de tanto avión perdeulle o medo as alturas. Outras provincias españolas e portuguesas, tamén francesas, alemás e italianas,  souberon da súa mensaxe a través da participación en  simposios, certames, congresos e centos de encontros profesionais a adegas, conserveiras, salóns, feiras (promoveu con Posada e Cabezas a primeira Alimentaria da Semana Verde de Galicia) ou industria (da chacinaría á de equipamentos), xurado de premios nacionais  entre outras experiencias sobre produtos e recursos turísticos. Coincide tamén coa irrupción no medio televisivo, pois crea o primeiro de divulgación da cociña galega no canal galego da  Televisión Española (Xantares Galegos, sendo director Manolo Lombao, percorrendo os restaurantes destacados do país con Manolo Yañez cámara ao lombo) e, trala nacente Televisión Galega, o tamén pioneiro programa na prime time do mediodía,  Artesa, chamado polo entón responsable de contidos Cachi Villanueva, hoxe alto executivo de Mediaset.

Ao final dos 80 leva ao Ritz  de París a imaxe de Galicia, con Roberto Crespo e Pepe Solla. Volvería  a Francia en varias ocasións, a principal por mor dos campionatos dos Sabores Rexionais que preconizaba a Comunidade Europea. Tamén a Londres, en dúas ou tres ocasións. E é único representante galego, formando parte da delegación española que encabezaba o colega Carlos Delgado, no congreso fundacional de Slow Food internacional en Venecia.

Paris 1989

En 1990 viaxou a Bos Aires, Santiago de Chile e Montevideo nunha misión do goberno galego, que levou ao cono sur americano os aires novos da oferta turistico-gastronómica galega, da que formaron parte os hostaleiros e restauradores que conformaban a elite do noso país. Volvería a América en máis dunha ocasión por mor de puntuais participacións promocionais como Venezuela, Brasil, ou México, ademais de promoción da imaxe gastro galega polo Mediterráneo. Desde Marrocos ata o Mar Rojo (Tel Aviv, con representacións lusas, un campo de traballo e irmandade deste profesional que segue a pensar en transfronteirizo)… Por ese tempo, dirixe tamén a revista institucional da Rede de Paradores de España, coincidindo ca presidencia de Paco Bobadilla (na década precedente sentaron as bases da nova hostaleria e o turismo en Galicia) un binomio que funcionou, desde a profesionalidade,  sen interferencias ideolóxicas, país por diante.

con Pierre Gamaire
Con Pierre Gagnaire en Paris 2000. A seu lado Oscar Caballero referente en Francia como crítico gastronómico
Jose Andrés
Con Jose Andrés en Samos
nas Palmas Luis Betónica, Mario Hdez Bueno 2010
Nas Palmas Luis Betónica (el pipiripau), Mario Hdez Bueno 2010

A súa aposta máis salientable  no remate desa “trintena marabillosa” desenvólvese en  Nova York, no 2007 cun socio-colega  vasco, Mikel Zeberio: argallaron a Semana da Gastronomía Galega no salón VIP da sede da ONU, para o que seleccionou cociñeiros que agora son referentes, como  os pontevedreses  Torres Cannas, Pepe Solla, o santiagués Marcelo Tejedor , o ourensán  Francisco Domínguez, os coruñeses José Antonio Rivera ou o falecido  Roberto Crespo, o lugués  Jorge García ou Sacha Ormaechea (de nai galega, afincado en Madrid), ademais do tamén coruñes xefe sala Alfredo Castrelo. Houbo actividades complementarias, de impacto promocional, como a chef table, instalada na cociña do comedor de delegados da ONU, na que sentaron 22 invitados, fundamentalmente representantes dos principais medios de comunicación de Nova .Entregáronse máis de 3 meses na organización.

 Estaba no poder o chamado goberno bipartito, presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, e á fronte da dirección xeral de Turismo o nacionalista Ruben Lois, un dos grandes teóricos do turismo galego desde a  USC. Nesa mesma etapa, creou outra pegada de referencia, neste caso formativa, sendo conselleiro de Traballo  Ricardo Varela: desenvolve os primeiros Masters enogastronómicos con sedes en Santiago e Pontevedra: un sobre a cociña do peixe, outro sobre o servizo do viño; foron o xerme de moitas iniciativas individuais que achegan novas dimensións sectoriais hoxe en día, e “estreáronse” en Galicia as figuras sectoriales máis destacadas do momento..

grupo nove
Grupo Nove 2002. Pepe Solla, Guillermo Campos, Os irmáns Vieira, Crujeiras, Marcelo… e tamén cociñeiras do grupo Xantares
restauradores galegos 2003
Restauradores galegos para coñecer a Michael Brass.2003
recorte prensa grupo Nove
Recorte prensa grupo Nove 2002

No cambio de século fundou a Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo (AGAXET), integrándoa na federación española  (Fepet) da que foi vicepresidente. Acadou a súa xubilación laboral aos  66 anos, no 2011, pero mantivo e mantén a inquedanza intelectual, achegando consello e dirección desinteresada, e experiencia á editora de HG&T (a única revista no estado que mantén catas comparativas de produtos gastro), ademais dunha colaboración semanal tamén desinteresada no magazine dos venres en Radio Pontevedra, no que regala visión actual de tantas experiencias deste polifacético profesional centrado na gastronomía como práctica cultural. ¿Sería o mesmo se, máis de trinta anos atrás, aceptara aquela proposta do tándem ex-ucedista Pepe Rivas-Eladio Portela para integrarse no pretendido e non nato PP de Galicia no intento de crear un partido nacionalista de centro dereitas? (Non aceptou, a pesar da tentación de entrada, como terceiro na candidatura ao Congreso, secretario provincial de transformado partido…).

Bobadilla
Bobadilla, súa sucesora en turismo e seu parangón en Porto e Norte, pechando con Maria Campos.
Feira franca 2007
Feira franca 2007 coa capa da irmandade dos viños galegos
Xantares galegos
Cea profesional nos premios xerais con Arnesto Fajanes 1988
Familia
Guillermo coa sua familia

Un soño “real”, si lle queda sen cumprir: é, quizais, ter introducido aínda máis cultura culinaria e consumista entre os profesionais –ten algún libro escrito, entre eles Xantares para o século XXI, un documento entre séculos-, o coñecemento a fondo da historia e realidade da nosa despensa e recetario, contra a incultura e desarraigo de moitos cociñeiros co acervo identitario galego, que non se debe, como se fai, ignorar para evolucionar. Sempre é tempo de educar máis na “arte de vivir” desde este equibrio da moita experiencia, gustaríalle espallar máis as claves da boa vida, xa case escurecida polo esnobismo. Hai que emular máis ao “bon vivant” .

Sei que hai moitas cousas que nos quedan sen falar, porén  estas pinceladas da súa vida serven de esbozo dunha vida chea e comprometida coa nosa terra, con rigor, emoción e moito,moito traballo.

Quedo cunha das moitas citas que me regalou “Un anuncio non te vende, pero preséntate

Se queres saber máis de Guillermo preme aquí

Guillermo Campos
Guillermo en Arroelo, como sempre, traballando.
Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Marisol Mato

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥