Xosé naceu en Cons, Mourente, no ano 1953. Era o maior de dous irmáns. Seu pai, ebanista, inculcoulle desde moi novo o hábito do traballo. Súa nai, moi traballadora, facíao estudar na casa porque na escola había demasiados nenos. Tiñan vacas (Cuca e Pinta), segaba na herba, tiraba do arado e non foi ata os sete anos que acudiu a escola pública no Pazo con D. Fernando Quinteiro Filgueira, curmán de Filgueira Valverde, veciño daquel lugar. Lembra mirarlle ao mestre unha revista en portugués “un tiro de espingarda puxo fin a sua vida” referíndose á morte de Hemingway. Iso quedoulle como anécdota. Lembra que na escola pegaban moito aos nenos e había castigos físicos: poñerse de xeonllos, ser golpeados coa vara, etc…

Aos 9 anos marchou para o instituto de Pontevedra para examinarse de ingreso. O seu ídolo indiscutible foi D. Mariano, profesor de ciencias naturais. Con el ían ás Palmeiras recoller plantas e flores. Sempre eran clases prácticas cunha base teórica. Iso marcouno moito a el e a moitos compañeiros.

“A sua lúa de mel foi polo norte de España en tenda de campaña, ían cos días xustos porque tiñan que vir a plantar os repolos

Xosé Álvarez Castro

Cando saíu do instituto fixo maxisterio por ciencias e aprobou as oposicións. Marchou á mili a facer o campamento a Almería e despois enviárono a Melilla e puido escoller destino. Elixiu onde estivera o seu avó, en cabalaría, en carros de combate.

Ao volver da mili en 1976 era propietario provisional dunha praza de mestre en Salceda de Caselas que se converteu en definitiva ao ano seguinte. Por esas datas coñeceu a súa muller, Marisé, nuns cursos de iniciación ao galego que impartía un compañeiro. Casaron no ano 1979 e teñen 2 fillos. Como ela tamén era mestra puideron optar ao dereito de consorte e obter o mesmo destino en Dorrón a onde se desprazaron. 

Decidiu cursar pola UNED a licenciatura de xeografía e historia que cualifica como moi dura. Cando se inaugurou o instituto de Sanxenxo foi adscrito á praza de xeografía e historia.

Da súa estancia en Dorrón lembra que fixo cousas moi novidosas como radio na escola, clases no exterior para coñecer a fauna e flora local, obradoiros de xabróns, de papel… e sempre contou co apoio dos pais dos alumnos.

Continuou estudando e fixo o posgrado en educación ambiental, interesándose pola investigación en áreas de historia contemporánea, a república e o franquismo.

Grazas aos arquivos militares puido investigar, e dinos que eses arquivos son grandes descoñecidos malia seren máis accesibles do que a xente pensa.

Acaba de rematar unha publicación sobre a Resistencia e represión entre 1936-1951

Da mocidade de agora di que ten máis valores e que é moi distinta á de antes. O seu nivel de sinceridade é maior. Agora todos teñen dereito á educación, mentras que antes se non querías ou non valías poñíante a traballar. Hoxe todo o mundo estuda.

Pregúntolle como é como avó e ilumínanselle os ollos: “A verdadeira comunicación dáse entre avó e neta. Notas algo que non tiveches cos fillos, máis proximidade, cousa que non cría ter antes de telos”.

Xubilouse porque xa tiña os anos cotizados e non lle gustaba a burocracia que envolve o ensino. Papeis que non se traducen en nada, máis ben quitan tempo ao profesorado para reflexionar e iso matou a creatividade.

Na televisión gústanlle as reportaxes de viaxes pero detesta as tertulias. Encántalle ler. Cando tiña 9 anos estivo un mes na casa a causa dunha hepatite e un señor que era albanel prestoulle uns libros, En tinieblas de Rudyard kipling e Almas Mortas de Nikolái Gógol ambos os dous gustáronlle moito.

De pequeno lía novela e poesía. Agora le sobre todo historia e recomenda dous libros Soberanos e intervenidos de Juan Garcés e Armas, gérmenes y acero de Jared Diamond.

A radio (cadea SER) acompáñao durante todo o día e mesmo se cabrea con ela. Decote adoita asubiar e cantar e gústalle moito cociñar. Din que fai moi ben a pizza de cabaciño que cultiva na súa propia horta. Tamen ten espárragos e alcachofas e fai viño. É un granxeiro autosuficiente.

Le o Diario de Pontevedra na súa versión en papel e os demais xornais en dixital. Colabora con Nós diario e manda artigos para diferentes publicacións.

No cine, gústanlle os clásicos e se se ten que quedar cunha película sería Casablanca. As redes sociais utilízaas para grupos de traballo. Ten unha páxina Web coa asociación Cedofeita e un blog que se chama os anos do medo

É un pozo de sabedoría. Tanto che fala de cogomelos como de masonería, receitas, de tintes naturais, etc…

Ao alcalde e a todas as administracións lles faría unha suxestión: que fixeran o seguimento das obras que se fan, porque non se controlan na súa execución e non se manteñen e isto supón un gasto terrible.

Unha viaxe que recorda é a sua lúa de mel polo norte de España en tenda de campaña. Ían cos días xustos porque tiñan que vir a plantar os repolos.

Outra viaxe que desfrutou moito foi a volta de Grenoble en Francia e todas as vilas polas que pasou coma Périgord.

Se ten que quedar con alguén para falar ou tomar un café faino no Moderno pola tranquilidade e, para cear, antes tiñan unha tertulia os martes no Saudade.

Como recomendación dime que o mellor é ter iniciativas e divulgar o que un sabe. Aprendemos para ser transmisores e é a nosa obriga continuar para perpetuar a memoria.

Queda pendente, Pepe, esa pizza de cabaciño e xa falaremos dos obradoiros para facer con xente tan vellabella coma ti.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Elena Ramos

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥