A observación de aves é unha actividade que está a experimentar un crecemento rápido en todo o mundo e nela participan cada vez máis persoas que a practican individualmente, coas súas familias, cos seus amigos e con grupos e asociacións de defensa ambiental. Y é que o birding é unha actividade que ten multitude de aspectos beneficiosos, para nós e para a natureza. Hoxe, nun mundo cun clima cambiante, o seguimento das poboacións das aves pode axudarnos a entender en que sentido se están a operar estes cambios e cal é a súa magnitude.

Haberá quen pense “pero se eu non distingo un pardal dunha gaivota”, quen nunca se teña fixado neses pequenos ou grandes compoñentes da nosa fauna, pero non fai falla ser un experto en ornitoloxía, non é en absoluto complicado iniciarse na observación c dende cero e comezar a gozar dende o primeiro día. Ben é certo que a introdución ideal sería nunha saída organizada das moitas que se convocan dende diversos ámbitos ou das que ofertan operadores turísticos cando viaxamos, o birding é unha actividade que frecuentemente se realiza en grupo, pero sen dúbida podemos comezar a observar por nós mesmos.

Podemos logo gozar dende o principio dunha actividade que nos reportará numerosas satisfaccións e beneficios, sobre todo destacan os que son consecuencia do feito de que se trata dunha actividade de contacto coa natureza co que implica para a nosa saúde física e o noso benestar mental, axudándonos a disipar a nosa ansiedade e a acadar a harmonía que todos desexamos. O coñecemento da natureza animaranos sen dúbida a adoptar unha actitude fundamentada de defensa da natureza.

POR ONDE COMEZAR?

Hoxe en día dispoñemos de información de abondo para iniciarnos nesta actividade, a través de internet de organismos públicos e de asociacións de defensa ambiental poderemos introducirnos ou coñecer mellor o mundo da ornitoloxía, só un par de consellos, comecemos pouco a pouco buscando algún lugar próximo (en Pontevedra pódese ir camiñando á enseada de Campelo), podemos facer unha busca en internet ou nunha guía turística da zona, aparentemente non hai moita diversidade pero podemos identificar facilmente especies comúns e ocasionalmente aparecen exemplares de especies moi interesantes. Non pretendamos identificar un grande número de especies, familiaricémonos coas máis comúns para logo poder identificar outras menos frecuentes, é interesante levar sempre un caderniño no que apuntamos todo o observado, non só o nome das aves vistas senón tamén o seu comportamento e abundancia, tarde ou cedo nos daremos conta da utilidade deste rexistro.

Que necesitamos? Vista e oído atentos é o máis importante, pero non está de máis axudarnos duns prismáticos e dunha guía de aves. Guías existen centos e poderemos comparalas nunha librería ben surtida, a mítica e a de Svensson “GUÍA DE AVES. España, Europa y región mediterránea. L. Svensson y K. Mullarney” e en galego a “GUIA DAS AVES DE GALICIA” de Carlos Pedreira López con debuxos de Carlos Silvar, unha moi boa guía con información actualizada e con bos debuxos, iso si, cando saiamos de Galicia podemos precisar outra xa que nos imos atopar especies que non están nela. Aínda que en xeral, os “senior” preferimos guías en papel resulta cómodo e práctico utilizar aplicacións telefónicas que conteñen non so imáxes dos paxaros senón tamén outra información como, moi importante para a identificación, gravacións dos cantos; tamén existen moitas pero por citar dúas gratuítas pódese probar con “OrnitO”, en castelán, moi completa, ou coa guía de aves da SEO/Birdlife “Aves de España”, suficiente para identificar as especies de aves que podemos atoparnos no noso estado e que posúe abundante información sobre as especies como fotos, gravacións de cantos e mapas de distribución. Outra aplicación da SEO, “Aves acuáticas de SEO/Birdlife”, ábrenos a porta a colaborar nos censos desa avifauna rexistrando os nosos avistamentos.

Tamén é importante utilizar uns prismáticos. Á hora de conseguir uns útiles para a observación de aves debemos elixilos de acordo, en primeiro lugar co noso presuposto, e en segundo coas numeracións que indican a súa capacidade de aumento e a amplitude do campo de visión e luminosidade. A numeración está formada por dúas cifras, por exemplo, eu uso uns 10X50, o primeiro número indica a capacidade de aumento, estes aumentan 10 veces a imaxe que vemos cos nosos ollos, para a observación interesan aumentos entre 7 e 12, sendo o mellor intervalo entre 8 e 10, teñamos en conta que un aumento moi grande non nos vai ofrecer unha mellor imaxe e porén son difíciles de utilizar sen un apoio xa que a  imaxe é pouco estable se os usamos coa man. O segundo número é o diámetro da lente obxectivo, indícanos a amplitude de campo e a cantidade de luz que entra e polo tanto a luminosidade da imaxe. Para observar aves precisamos duns prismáticos que teñan unha lente ampla que nos permite localizar e seguir o paxaros en voo con facilidade, o ideal son diámetros entre 40 e 50 sendo os máis comercializados 42 e 50.

ONDE OBSERVAR?

As áreas máis importantes de observación, con figuras de protección (zonas RAMSAR, parques naturais, Lugares de Importancia Comunitaria) son as que nos proporcionarían maior cantidade e diversidade de observacións pero talvez sexa mellor comezar en lugares máis próximos nos que existan esteiros ou nas beiras dos ríos ou incluso na propia vila ou cidade, precisamente con menor diversidade será máis fácil realizar as nosas propias identificacións e familiarizarnos coa observación para logo, pouco a pouco desprazarnos ás grandes reservas de avifauna onde, xa iniciados, poderemos desfrutar máis e mellor. Dous apuntes, non nos frustremos se non conseguimos identificar unha ou moitas especies, a habilidade para fixarse nos detalles de importancia sistemática e logralo adquírese co tempo; cando visitemos zonas de observación atoparémonos con outros afeccionados que se prestarán encantados a resolver as nosas dúbidas e nos achegarán información valiosa para mellorar na nosa actividade.

Benito Andrade González

Benito Andrade González

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

Recollida de plásticos

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥