Dora Saleta Dolores Pimentel Piernas naceu en 1939 en San Ginés de Padriñán, en Sanxenxo, dentro dun castelo onde había unha casa escola na que traballaba seu pai.

Sempre tivo pouco cabelo e moi fino, un día a súa avoa Áurea díxolle á nai que lle deixara a nena para facer un recado, tiña ano e medio, cando chegou viña coa cabeza rapada, leváraa ao barbeiro rapar o pelo, empezaron a chamala coco, e así quedou ata hoxe.

A nosa historia de vida é a de Coco Pimentel a quen coñecín na exposición de Teresa Pajares en Vilagarcía e logo souben que era a nai de Saleta, compañeira de Arroelo.

coco pimentel

Os seus pais Federico Olegario Pimentel Vázquez, de Pontevedra e Margarita Bernardina Piernas López, de Ourense, eran mestres. Bernardina tiña 8 irmáns, o pequeno Pepiño morreu na guerra e sempre falaba del. Jacinto Pimentel, veterinario cun coche de cabalos e Áurea Vázquez, a responsable do seu alcume, eran os avós paternos. Manuel Piernas, ferroviario do que a súa nai lle contaba que cando ía a Castela traía un saco de perdices que tiñan que desplumar,  e Dolores López, os maternos.

Coco foi a segunda de tres irmás, a maior Berta Áurea Margarita e a pequena Elsa Luísa Bernarda.

Cando naceron as tres fillas o pai pasou de traballar nas oficinas do concello de Sanxenxo a ser inspector en Pontevedra ,a onde viñeron vivir en 1944, controlando os alimentos para as cartillas de racionamento, a oficina chamábase Abastos; a nai xa non traballaba dedicándose ao fogar, vivían fronte ao Parador cambiando logo para a Praza de la Riega.

Sempre se viu cun lapis na man disposta a debuxar o que vía e tamén o que sentía.

figuras 1978
Figuras 1978
o lobo e a serpe 1980
O lobo e a serpe 1980
O gardian 1980
O gardian 1980

Lembra que cando tiña 9 anos tivo unha infección moi grande que a obrigou a ficar na casa. Fixo o ingreso na praza do Teucro e logo estudou na Inmaculada examinándose no instituto.

O colexio da Inmaculada creárono dous matrimonios de mestres. Dona Concha e Don Angel e Dona Pilar e Don Blas. Estaba ao final da Praza de Celso García de la Riega.

Fixo a comuñón na basílica de Santa María.

Coco con Carmen nieto manglano
Coco con Carmen Nieto Manglano
Coco e Pili Carral
Coco e Pili Carral
Marisa Puga, Coco e Clara Arjona
Marisa Puga, Coco e Clara Arjona en Marín con 22 anos
Coco e Elsa
Coco, 18 anos  e a súa irmá Elsa 
Pili Carral e Coco
Pili Carral e Coco en Pontevedra

As súas materias favoritas eran o debuxo, onde levou matrícula de honra, e a filosofía.

Cando rematou o bacharelato marchou para A Estrada á casa da súa tía, mestra, Dolores, irmá da súa nai, pero un día foi seu pai a buscala para que se presentase a Maxisterio, ela non quería, non lle gustaba, ademais cría que non estaba preparada,  pero el díxolle “co que sabes xa che vale“. Así foi como esa decisión cambiaría a súa vida.

A primeira vez que foi o profesor díxolle “non perdas o tempo aquí que debuxas moi ben”.

Coco Pimentel Piedras

Os estudos levounos moi mal, non lle gustaba nada estudar, para ela  era todo chapar. Porén lémbrase dunha boa amiga, Rita Sorey, coa que compartía risas e estudos.

Ao rematar Maxisterio ela quería facer Belas Artes pero había que ir a Madrid e non  podían permitirse ese gasto así que o pai convenceuna para facer oposicións, aprobou á terceita convocatoria.

Xa pensaba que rematara o crebacabezas de estudar pero tiña que exercer  durante tres anos para conseguir dereitos. Traballou en Salceda de Caselas en alfabetización, logo en outros sitios. Cando por fin  pasaron os tres anos solicitou á Deputación unha beca para estudar na facultade de Belas Artes de San Fernando en Madrid, fixo un exame de debuxo no museo. Aprobaron, entre outros, Armando Guerra, de Vigo e ela.

Coa axuda do pai marchou a Madrid no ano 1968, primeiro quedou en casas de amigos da familia logo en Guzmán el Bueno en Argüelles, na casa da señora Josefina.

Coco en Madrid
Coco en Madrid con 27 anos
traballo de pensionados

Acudiu a unha academia para preparar o exame de ingreso, que era bastante duro, a primeira vez que foi o profesor díxolle “non perdas o tempo aquí que debuxas moi ben”.

Un día paseando pola rúa atopou un veciño de Pontevedra, Luís García Cervera-Mercadillo que lle preguntou:

-Que fas aquí?

-Preparar o ingreso a Belas Artes,

– Irás á Academia Artium de Eduardo Peña?

-Non

-Pois é a mellor de Madrid

E alá foi conseguindo  aprobar á primeira o ingreso na facultade. Alí ademais coñeceu as súas mellores amigas Carme, Ana Vera e Isabel.

Na facultade gustáballe todo, estaba encantada. Foi nas súas primeiras vacacións en Galicia durante a Semana Santa cando coñeceu a Juan, o que sería o seu marido. Ao rematar primeiro foise a Xenebra, logo unha amiga insistiulle que en setembro fora a París con ela pero reclamárona de Maxisterio porque tiña que pedir excedencia e non puido ir.

Madrid 1970
Madrid 1970

Volveu a Madrid, recorda que se reunía con outros galegos con asiduidade entre eles estaba Consuelo Gil, unha das dona de Fefiñanes. Pero a súa vida ía cambiar porque Juan empezou a insistir para saír con ela. Cando ía empezar segundo de carreira apareceulle alí e xa non a deixou  continuar, era no mes de outubro do ano 1970. Volveu a Galicia para casar, non estiveron nin un ano de noivos,  casaron en setembro do 1971.

El traballaba en Fundicións Tiburcio de Marín, a empresa do pai, nas oficinas.

Ela tivo que abandonar os seus soños para continuar dando clases en Portas no grupo escolar onde estivo 9 anos e tivo 5 fillas nun peíiodo de 7 anos:  Saleta,Dora Maria, María Xosé, Belén e Xoana.

Tiñan casa en Pontevedra pero vivían na casa escola de Portas, durante dous anos tivo unha rapaza  que lle axudaba coas nenas e o traballo do fogar.

A arte é unha carreira íntima que acapara totalmente a túa sensibilidade, o mundo deixa de ser material. Pintou coa cabeza escenas cotiás, o que vía xa o imaxinaba e plasmábao nun lenzo,  converteuse en autodidacta.

Daba clase en Básica, pero cando crearon as escolas infantís e houbo cursos de preparación fíxoos e veu para Barcelos como parvulista, daba desde os tres aos 5 anos, alí estivo 14 ata que se xubilou aos 62 porque cumpría os requisitos.

Bodegón da mesa de noite 1969
Bodegón da mesa de noite 1969
Coco en Barcelos
barcelos
De mestra en Barcelos

Cando as súas fillas foron grandes decidiu continuar Belas Artes, foi no ano 94 no que viña de inaugurarse en Pontevedra a facultade.  Tivo que empezar desde primeiro porque o seu nivel de estudos estaba obsoleto. Aconselláronlle que fora a Madrid para que lle convalidaran o ingreso e o 1º curso e así o fixo, ao final conseguiuno.

Matriculábase por materias, de tres en tres porque seguía traballando na escola. Había xente de tódalas idades incluso da súa, xente con moita sensibilidade.

Recorda profesores da súa época da escola en Pontevedra tales como  Angel Huete, Berta Cácamo, Antón Castro, Meana, Samaniego. A súa materia preferida era a  pintura.

Para que lle concederan a licencia por estudos e finalizar a carreira había unhas esixencias:

  • Que os estudos realizados foran afíns á ensinanza do maxisterio
  • Ter método propio de ensinanza
  • Cualificación óptima da inspección de maxisterio
  • Cualificación da dirección e profesorado do colexio ao que pertencía
Pontevedra 1993
Pontevedra 1993

Finalmente e despois de todo concedéronlle por un ano unha excedencia por estudos para rematar a carreira e licenciarse no ano 2001.

Traballo en alambre 2001
Traballo en alambre 2001
Performance 2000
Performance 2000
O profesor Chavete
O profesor Chavete
Fortunato 2000
Coco con Fortunato 2000

A súa primeira exposición foi froito do que pintou na casa para sacar a bile que tiña dentro, a incomodidade de non poder facer cousas que quería, cousas moi persoais, dando lugar a figuras moi estiradas. En pintura fixo algunha exposición no Grove nos 80 e vendeu todo. Pero non estaba conforme coa súa obra e non tivo continuidade, tardou en encontrarse como artista, aínda así  fixo unha exposición sobre o abstracto no edificio da Xunta, e de papel no palacete das Mendoza.

orla de Coco 2001
Foto da Orla 2001

Cando chegaron os netos tivo que deixalo unha tempada para axudar as súas fillas. Ten 5, catro nenos e unha nena. O seu neto Ignacio está estudando Creación de vídeoxogos. Nesa época facía debuxos co ordenador en Photoshop. Pasei a vida pintando coa alma. Agora xa sabe o que quere, traballa sobre lenzos acrílicos, precisa moito espazo e mancha moito. Fai moitos bosquexos antes de plasmalo no lenzo. Ten 3 obras en perspectiva, para expoñer en primavera.

Non puido desfrutar moito das fillas, porque a súa vida foi unha carreira de obstáculos co traballo, agora cos netos pode facelo doutra maneira, levábaos á gardaría, procura estar libre para eles.

Arco 2009
Arco 2009
Sean Scully
Sean Scully 2009
Fontana 2009
Fontana 2009
Jaume Plensa 2009
Jaume Plensa 2009

O seu sitio favorito é o monte, a natureza e tamén o mar. Algo que teña horizonte, non lle gustan os sitios pequenos e agoniantes, mellor espazos abertos.

Gústalle moito a poesía de Rilke

Vivo mi vida en círculos que se abren/sobre las cosas, anchos./Tal vez no lograré cerrar el último/pero quiero intentarlo./Giro en torno de Dios, antigua torre,/giro hace miles de años./Y aunque no sé si soy águila o tomenta/o si soy un gran cántico

Merca a revista NEO2, di que ten unha imaxe  moi periférica,  unha idea moi avanzada desde un punto de vista diferente.

Quedou viúva no 2013 e non quere coñecer a ninguén máis.

No lle gusta ir nun grupo grande pero si con amigas, o seu grupo ideal son dous ou tres. Padece de soidade, gústalle quedar á marxe, quizais frustrada de todo o que lle pasou.

Tivo tendencia a illarse porque  se cansaba e agoniábase. Non oe ben, herdanza do pai e iso prodúcelle inseguridade.

Agora vai a ximnasia dous días á semana, gústalle coidarse.

Foi a Roma coas fillas. Estivo en América do norte NY, Philadelphia, Toronto 8 días e no  sur Brasil, Arxentina, Río, Bos Aires e Uruguai, iso fíxoo cos amigos do camiño portugués, tamén foi a Israel. Gustaríalle moito ir a Terra de fogo en Chile pero cre que xa é tarde para unha viaxe tan longa.

Era hospitaleira en Pontevedra, pertencendo aos Amigos do camiño portugués, indo a moitas andainas.

Agora “dende a distancia” na última etapa da súa vida analiza a súa evolución artística no sentido material, de plasmalo, o espiritual e dinámico. Todo  artista está ligado á súa obra, ao seu proceder coa súa vida.

A expresión artística está no seu corpo dende que naceu, está na súa alma, pero a súa foi unha traxectoria rota, un chanzo  perdido da cadea da descontinuidade que sostén os seus sentimentos artísticos, desexo de liberar e plasmar a súa facultade innata no interior.

Coas imaxes crea un pequeno “cosmos” independente que se libera do seu creador, adquire identidade propia. O centro da mirada é a obra, mentres o autor se sente observado. A obra fala dela pero tamén de si mesma.

A lectura da derradeira obra sempre é a primeira da seguinte, a arte é un alfa e un omega, forma parte da identidade do home.

No individual sente que a arte é algo propio e irrepetible domina e eleva o ser humano. É necesaria.

Nos seus anos perdidos converteuse nunha autodidacta, fixo algunha exposición, despois de moitas ilusións tirara a chave pero volveu localizala. Na perda” do que deixou de facer acumulou forza, riqueza e loita. A súa evolución continúa, non hai nada rematado e cando marche continuará….

Agadir con 50 anos
Agadir, 1989

Déixame algunhas frases:

“A arte concentra infinitas miradas”/“Coas imaxes ponse límite ao tempo”/“A imaxe créase co corpo humano”/“A arte manifesta a nosa natureza anímica”/“Hai unha intuición cara á arte”/“A arte acapara a sensibilidade do artista”/“Na diversidade está a concreción”/“Os grandes artistas encaixanos nun dicionario”/“As obras de arte nun museo dan a opción de lelas no teu propio tempo”/“Houbo anos no que a arte era inducida”/“Na miña liberación continua non hai nada rematado”/“A arte eleva e domina”/“A arte encadéame felizmente”/“A beleza ama a arte” 

coco con 74 anos
Coco con 74 anos
Coco Buxan no museo
Coco con Xosé Manuel Buxán no Museo 2023

Para rematar faino cun poemiña seu, da súa experiencia de vida

Suenan tus pasos,

dirigidos sonidos,

seguros acompasados.

Adelantados en el

golpe dejan atrás,

dejan partícipes

inequívocos compases

irrepetibles tiempos

siempre a comenzar.

Coco Pimentel
Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de E.F.

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Rosabel Piñeiro

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥