Seleccionar página

Con Guirado, así o chamabamos, coincidín durante uns anos no Valle Inclán, logo fun profesora dos seus fillos

 Naceu en Écija en marzo de 1946. Os seus pais Olegario Guirado Gutiérrez e Adelina Fernández García, naceron na Axarquía, a comarca máis oriental de Málaga. Casaron en 1937, en plena guerra, e foron vivir a Cartaxena, porque o seu pai era mariño. En 1939 marchou a Bizerta coa frota republicana, e pasou dous anos no norte de África. Cando regresou instaláronse en Écija, e alí naceu el. Acababan de perder unha nena de pouco máis dun ano, Mari Carme que morreu deshidratada no medio da desastrosa sanidade da posguerra. Mira a súa foto e parécelle maior, seria e formal. Que estaría a pensar?. Vinte meses despois naceu a súa irmá Marilina. Hoxe é médica, naturalmente xubilada.

Cursou a primaria nunha escola pública en Écija, a da “Calle Comedias”. Tiña que atravesar toda a vila ata chegar alí, con moito frío e pantalón curto, no duro inverno, naqueles anos (fríos en varios sentidos) en que chegou a caer unha nevada tan histórica como a deste ano en Madrid.

Recorda con moito agarimo o seu primeiro mestre, don José María Fernández Cívico, do que habería moitas cousas boas que contar. “Que falta fai recobrar a Memoria Histórica!” Debuxaba moi ben, e seguramente iso influíulle (tamén o seu pai foi un bo debuxante).

Guirado
Guirado

Tiña dez anos cando se trasladaron a Madrid. Alí fixo o bacharelato no Instituto de San Isidro, centro de historia multisecular que antes fora Colexio Imperial dos Xesuítas. Tivo tantos e tan bos profesores que non pode nomealos a todos, cita soamente a D.Pedro Puig Adam, marabilloso pedagogo e gran matemático. Desgraciadamente só lle deu clase un trimestre porque morreu o 12 de xaneiro e nos meses seguintes tivo unha baixada (temporal) na materia…

“Para Pontevedra pediría un plan de urbanismo acorde con estes tempos de inevitable retracción, ligado a salvar da ruína o casco antigo e deter a especulación«

Juan José Guirado Rodríguez

Tras facer o selectivo na Facultade de Ciencias da Complutense, fixo a carreira de Arquitectura na Universidade Politécnica madrileña. Tamén aquí ten un recordo indeleble doutro profesor, que como outros compañeiros de estudos recoñecen, marcou a súa traxectoria: trátase, casualmente, do gran arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota. Tres edificios notables deixou aquí: a casa xunto ás Palmeiras, na rúa que hoxe leva o seu nome, a casa Domínguez, na Caeira, e o magnífico Pavillón dos Deportes. E moitos máis noutros lugares.

Estaba a traballar no proxecto fin de carreira cando o interrompeu a mili. Di que quedou espantado e que o pillou o touro. Pero algo aprendeu: no mes de permiso, apresuradamente, fixo outro e tramitou o título vestido de caqui. Durante o que lle quedaba de servizo realizou o seu primeiro proxecto, un chalé en Algete. Aínda debo ter por aí os planos, dime. O aparellador, como non, foi outro soldado.

Anos despois quixo facer o doutoramento. Tamén se lle pasou o tempo (un é así) e un encontro casual con quen logo lle dirixiu a tese (José Antonio Franco Taboada) animouno a relanzalo. En tres meses de verán tíñao practicamente rematado. Outro atracón.  “Xa dicía a miña nai que eu era Santa Dieta ou San Rebentón…”

 A súa primeira profesión foi a arquitectura, e exerceuna durante uns quince anos, case por completo en Pontevedra, e case sempre en colaboración con outros compañeiros, dos que só un, o incansable Gonzalo de Pedro, segue na brecha. Das moitas obras nas que participou só salvaría hoxe media ducia. Sempre procurou sentirse na pel do usuario, pero a arquitectura está sometida á cruel servidume do diñeiro e a especulación. E tamén á falta de cultura arquitectónica e ambiental dos clientes.

Guirado

A frustración profesional e a incerta continuidade do traballo lanzárono á docencia. Sete cursos en institutos de ensino medio, seis deles no Valle Inclán. Unha vez presentada a tese pasou á universidade, e alí xubilouse hai xa sete anos.

 A esa tese non publicada, pero que pode descargarse do seu blog, engádense outros libros que si se editaron, aínda que con escasísima difusión. Atoparédelos en esencialomenos.blogspot.com, escondidos tras as etiquetas “daños colaterales”,  “geometrías más o menos” ou “las piezas simples”. A súa idea era en todos os casos buscar a quintaesencia xeométrica do debuxo, oculta tras a farfolla de técnicas amontoadas durante séculos. Baste o título dun deles: “Perspectiva Unificada”.

 Atrapouno o servizo militar, na desmoralizadora situación que acaba de relatar. Pero non lle foi tan mal. O campamento de Alcalá (“matadero de reclutas”…) foi o máis duro. Coa carreira case acabada, foi parar ao Servizo Xeográfico do Exército. Unha vez á semana reuníase co xefe, un comandante moi amable, e salvo para estes encontros e as gardas ía de paisano.

Preparaban entre varios un relatorio para un Congreso Internacional de Xeoloxía, “Geología y Ejército”. Cando acabou a mili aínda non estaba terminada e non soubo máis dela. Ía buscar información á biblioteca do Servizo Histórico Militar, e alí coincidía cun oficial alemán. Que uniforme máis elegante levaba! Os deste país resultaban ao seu lado realmente cutres. Á parte diso, actualizou para os manuais de información militar explicativos dos mapas o estado de todas as estradas do noroeste de España, percorridas fochanca a fochanca… cos itinerarios do Ministerio de Obras Públicas!

Guirado

Presentáronlle a Soco (Aramburu) unhas amigas comúns en xaneiro de 1976. Aínda que ata maio non volveu  vela. Desde entón non se separaron nunca, salvo viaxes a congresos. Ese verán do 76, Soco máis él, viaxaron polo sur de Europa. Dez mil quilómetros nun Dyane 6, e á volta casaron. Non houbo pois lugar a que se escribiran unha soa liña..

Teñen dous fillos, Marta e Juan. Ambos os dous son arquitectos sen obras, pero profesores con alumnos.

Non cre que se poida xeneralizar con respecto á xuventude de hoxe, sempre os houbo responsables e irresponsables, traballadores e lacazáns. O que agora é moi diferente é a perspectiva de futuro, e iso marca. Non é de estrañar que en xeral sexan moito máis escépticos e centrados no inmediato.

  Aínda non ten netos pero imaxina que será tan brando e benévolo como os avós que coñece. “Caerame a baba e serán os máis guapos, máis bos e máis listos, coma todos os netos que no mundo foron”.

Dime que case ninguén é o pai ideal. El tampouco pensa que o é, non . Non se atreve a definir ao avó ideal, porque hai un avó ideal en función dese pai ideal. As xeracións son dialecticamente complementarias.

 A causa da súa xubilación foi que chegaba a de Soco. A razón profunda foi o cansazo de batallar nunha universidade que estaba a cambiar (a peor) e nunhas materias, o debuxo e o deseño, que reducían continuamente a súa presenza e deformaban o seu currículo, converténdose progresivamente de formativas en meramente instrumentais, no peor sentido do termo.

 Da televisión di que sempre a viu pouco, e prefire os programas culturais. Para non perder habilidades mentais segue na 2 “Saber y ganar”. A conxuntura política, co tira e afrouxa paralizante e as operacións de acoso e derribo, no medio desta crise que ve moi duradeira, faille agora estar máis pendente dos programas in(de)formativos. Un goberno que empezou cun programa prometedor está a ser freado, por dentro e por fóra, dun modo que lle lembra a como frean os aparatos que aterran nun portaavións.

Le todo o que pode. É difícil asimilar a enorme oferta, e compra por encima da súa capacidade lectora. Do máis recente recomendaría “Educación Tóxica”, de Jon E. Illescas.

 Non le a prensa escrita en papel. Recomenda a alternativa que se atopa na internet. Hai moitas páxinas que dan outra visión, mostrando o que non aparece nos medios habituais.

 Propóñolle que me recomende algunha película e cítame tres: “Tierras de penumbra”,Lo que queda del día” e a obra póstuma de John Huston, “ Dublineses”. Nelas podedes descubrir a fibra sensible de quen deixou tantas cousa por facer.

 Nas redes sociais ten presenza en Facebook e ten un blog que se chama esencialomenos.blogspot.com

 Para encher o tempo, gústalle ler e escribir, tamén facer algo de exercicio de mantemento e camiñar. Tiña moitas ideas na cabeza cando se xubilou, pero foi perdendo a esperanza de levalas a cabo.

 Ao alcalde pediríalle un esforzo para recuperar servizos públicos privatizados. Tamén un plan de urbanismo acorde con estes tempos de inevitable retracción, ligado a salvar da ruína o casco antigo e deter a especulación.

 Nada máis xubilarse, Soco e el cambiaron o modo de alimentarse. Recomenda como racional a dieta Smart. Con ela, sen sufrir moito, perdeu quince quilos. Agora, sobre todo despois deste Nadal de clausura, gañou tres.

 A súa viaxe fin de carreira foi inesquecible. Acompañados por un guía de excepción, o arquitecto Rafael Moneo, pasaron por Roma, Istambul, Praga, Budapest, Viena e Munich.

Tamén non menos o foi o que fixo con Soco, e a súa irmá menor polo sur de Francia, Italia, Iugoslavia e Grecia.

 Di que lle quedan demasiados soños por cumprir

 Para tomar un café está moi a gusto no Café Moderno, co seu inevitable vaso de auga da billa, na Nata acompáñancho con churros, a súa perdición. Tamén bota de menos dous que pecharon nos soportais da Ferrería, un por banda.

 Para comer fóra O Tío Benito, en Ribadumia, e os seus callos.

 Grazas Juanjo polas respostas a todas as nosas preguntas con tan bo humor.

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de Educación Física

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Historia de vida de Lela

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español