PRIMEIROS PASOS CARA Á NORMATIVIZACIÓN E ESTANDARIZACIÓN DA LINGUA GALEGA NO SÉCULO XIX (I): AS GRAMÁTICAS
A finais do século XV e comezos do XVI, as diferentes linguas dos países da nosa contorna afrontan a necesidade de seren estandarizadas, é dicir, de seren dotadas dunhas normas que sirvan como modelo da lingua escrita e oficial dos diferentes eidos da sociedade: educación, administración, xustiza… A primeira gramática da lingua castelá foi a Gramática del castellano, elaborada por Antonio de Nebrija e publicada en 1492, annus mirabilis, considerado por algúns, pois foi o ano da chegada a América e do final da coñecida como Reconquista (termo que non se acuñou ata o século XIX e que hoxe xera moita controversia). É a primeira gramática dunha lingua románica e a primeira de Europa. En 1536 publícase en Lisboa a Grammatica da lingoagem portuguesa cuxo autor é Fernão de Oliveira. A primeira descrición sistemática do francés está recollida no Tretté de la grammaire française da autoría de Louis Maigret e editada en 1550. William Bullokar dá a coñecer o seu Pamphlet for grammar en 1586 co obxectivo de establecer unha normas para a lingua inglesa similar ás do latín. Porén, a lingua de noso, o galego, non disporá dunha gramática codificadora e reguladora das distintas variantes que se apreciaban na fala ata rebordada a metade do século XIX.
O primeiro intento de dotar a lingua galega dunhas normas foi a obra titulada: Compendio de gramática gallega-castellana, escrita por Francisco Mirás e publicada en 1864 en Santiago de Compostela. A obra, ademais, incluía un vocabulario de nomes e verbos galegos e a súa correspondencia en castelán, precedido duns diálogos sobre diferentes materias, un “grandioso poema” de 100 oitavas titulado: “La creación e redención”, e un extracto de fábulas dos mellores fabulistas así como algunhas do propio autor. Continúa con nove “Ditos sélebres” e remata co poema “Alborada”.
A crítica é unánime ao concluír que é unha obra acientífica e con moitísimas deficiencias. O Compendio comeza cunha dedicatoria ao Sr. D. Juan Armada Valdés, Marqués de Figueroa, por ser o patrocinador da obra, única no seu xénero, e promover a súa publicación.
No “Prologo”, o autor refírese ao galego coma un dialecto, resto da lingua latina, lingua da cal derivaron os catro idiomas da Europa meridional: castelán, portugués, francés e italiano. Estas linguas á súa vez deron orixe a diferentes dialectos, e o galego é unha ramificación do portugués, a máis próxima e parecida ao latín segundo o seu criterio. Pero a chegada de diferentes razas e nacións foron adulterando o idioma primixenio e engadindo vocábulos novos cuxo significado é descoñecido para moitos. A realidade é que os labregos asistentes ás feiras a miúdo non son entendidos e, para paliar un pouco esta situación de incomprensión, engade diferentes diálogos a modo de exemplo ata que a civilización, que todo o achanza, consiga formar unha soa nación cunha soa linguaxe. Considera raro que nun mesmo reino se observen diferentes dialectos de xeito que os nacionais non se entendan entre eles. Na obra, a modo de “Pequeña gramática” inclúe declinacións e conxugacións galegas coa equivalencia castelá de certos nomes e verbos a xeito de dicionario. Comenta Mirás que, ao ter coñecemento da redacción dun dicionario galego en Madrid (refírese ao traballo de Francisco Javier Rodríguez) decidiuse a cooperar con este Compendio gramatical a unha materia de tanto interese.
Antes de comezar propiamente a Gramática inclúe unha “Advertencia” na que explica que o único que pretende é aclarar canto sexa posible as locucións e vocábulos máis escuros do dialecto galego, e ver a relación coa lingua española e a dos antigos romanos e, asemade, ver as modificacións que sufriu ao longo do tempo. Engade un vocabulario de 400 nomes e verbos coa súa equivalencia en castelán. O material foi oído e escoitado de viva voz a diferentes galegos de todo os lugares, traballo que o ocupou tres anos.
Non imos describir polo miúdo a parte especificamente gramatical que abrangue soamente 27 páxinas e apenas fala da declinación do artigo, do pronome, a conxugación de diferentes verbos e o adverbio. Parécenos máis interesante deternos no capítulo VI que contén cinco diálogos nos que Mirás exemplifica a incomprensión entre persoas de diferente orixe e status social. O primeiro ten lugar entre un confesor castelán e un penitente galego; o segundo entre un cabaleiro e un galego; o terceiro entre un “hacendado” castelán e un galego; o cuarto entre un médico madrileño e un labrador galego; e o quinto entre un amo e un criado. Os representantes da clase alta falan en castelán e os da clase baixa en galego. A diglosia é evidente e non deixa de ser un reflexo da realidade sociolingüística da época. Os castelanfalantes, malia estaren en Galiza, quéixanse de non entender os galegofalantes; e en todos os diálogos se insiste na necesidade de elaborar un dicionario co obxectivo de que os que non falan galego se poidan entender cos galegos. Alén diso, os diálogos zumegan os prexuízos vixentes contra a xente que non sabía expresarse en castelán e, no canto de comprendelos, recrimínalle a súa ignorancia. Incluso o amo lle pide ao criado falar en castelán para que os seus fillos non se vicien con costumes que son difíciles de emendar; e rexéitao por non saber falar en castelán e dicir, considera el, sandeces; este promete aprender “castejano”. O médico afirma que é máis fácil entender os vocábulos das receitas que os labradores galegos. O autor considera unha vergonza que sendo paisanos e da mesma nación non se poidan entender, e o “hacendado” manda o galego falar co mordomo pois pertencen a unha clase social máis próxima e seguramente se entenderán mellor.
Como xa dixemos máis arriba, esta obra ten o mérito de ser o primeiro intento de redacción dunha gramática galega, pero os estudosos véñena considerando precaria, limitada e moi pouco rigorosa. Destacamos a presenza constante dos dous trazos dialectais máis salientables do galego: a gheada e o seseo. Representa a primeira co j castelán: “auja”, “prólojo”, “jarabullo”, “majoado”…; e o seseo aparece constantemente en palabras coma: “faser”, “redensión”, “corasón”, “desjrasiados”… En definitiva, o obxectivo último desta obra non é tanto a codificación da lingua; non lle interesa a lingua como obxecto de estudo, senón que esta sexa unha ferramenta útil para que os non galegofalantes, de aquí ou foráneos, se poidan entender coa xente do común que se expresa na lingua do país.
A primeira gramática stricto sensu do idioma galego foi a Gramática gallega¹ de Juan Antonio Saco y Arce, publicada en 1868. No “Prólogo” atopamos unha declaración de intencións tocante aos motivos e razóns que o levan a elaborar esta gramática e cales son os seus obxectivos. A lingua galega é a máis doce e meliflua e naceu para expresar os máis tenros sentimentos e a amable sinxeleza do agarimo doméstico. Deriva da lingua do Lacio, pero vén padecendo unha lenta destrución debido ao seu contacto e rozamento coa lingua oficial e clásica dos españois. A civilización, igual que afirmaba Mirás, tende a unir os pobos nunha soa linguaxe, mais el considera que mentres houber diferenzas, ben sexan de raza ou carácter, seguirá habendo diferentes dialectos.
Deplora que sexan os propios fillos de Galiza os que desdeñen e rexeiten a lingua dos seus antepasados e das nais que os arrolaron e lles aprenderon a falar. Critica que os galegos asuman o estigma do menosprezo co que os demais nos marcaron e teñan a gala renegar da súa lingua nativa. A maior abondamento, considéranse cultos estendendo sobre ela a ignominia que recae sobre a rexión. A lingua e o pobo están intimamente ligados e desacreditar unha é desacreditar o outro; pola contra, honrar o idioma é honrar o pobo que nela expresa os seus conceptos.
Exhorta os galegos a usar, estudar e amar a súa lingua con estas palabras:
“Hijos de Galicia, honrad, pues, y cultivad vuestro dialecto. Estudiadlo y aprended a conocer su mérito para estimarlo en su justo valor. No os desdeñéis de emplearlo alguna que otra vez en vuestras composiciones literarias; ni mucho menos tiña vuestras mejillas por expresaros en la lengua de vuestros abuelos, el imbécil rubor del miserable que se avergüenza de su patria. ¿No es por ventura esa lengua de tan noble origen como cualquiera de sus hermanas, tan pintoresca y flexible como la primera, dulce y onomatópica (sic) como ninguna?”
Aclara o autor que non se trata de abandonar unha lingua maxestosa coma o castelán, pois incluso gañaría moito de realizarse un estudo comparativo cos dialectos afíns. Non pretende crear rivalidades. Todas as demais provincias cultivan a lingua e literatura propias, pois é o mellor medio, sen detrimento da unidade nacional, para fomentar o espírito da provincia e de estreitar lazos entre os que falan o mesmo idioma. Sería unha gran mingua que o desdén polo noso dialecto e a falta do seu cultivo nos presentase ante os demais desposuídos de lingua, literatura e gloria, e como avergonzados de nós mesmos.
O que pretende o catedrático ourensán é que os propios e estraños coñezan unha lingua tan suave e aprendan a amala ou, polo menos, a non vilipendiala. Quere promover estudos filolóxicos e que se estude nas clases de diplomática e se poidan comprender documentos antigos e de interese público e privado escritos neste antigo dialecto. Quere tamén que os confesores non galegos entendan os campesiños; e finalmente, render a Galiza, a querida patria nobre e pouco venturosa, unha homenaxe de cariño e gratitude.
Adiántase a posibles críticas respecto á lingua que lle serve de modelo, é dicir, a lingua popular falada pola xente do campo. Como o galego apenas foi escrito non pode manterse puro e os únicos que non se deixan contaxiar polo castelán son “os rústicos”, polo tanto, o seu modelo é a lingua dos aldeáns escoitada por el. Nas cidades xa só se fala unha “abigarrada mezcla de gallego y castellano”, pois o galego non está fixado por falta de gramática, dicionario e escritores maxistrais² e, consecuentemente, posúe moitos xiros e variedade de formas, non só nas diferentes provincias senón tamén nas diferentes localidades. Censura que, entre as diversas formas existentes, só se recoñezan as que cada un está habituado a escoitar na súa zona. Ante a escaseza de escritos ten que apoiarse case exclusivamente na lingua falada. Conclúe o prólogo:
“Que hora es ya de que Galicia tenga su gramática, si en algo hemos de estimarnos”.
Tocante ao corpus gramatical, Saco y Arce fornécenos un estudo moi profundo da lingua galega que posteriormente ha servir de base para outros autores. Comeza coas letras. Refírese ás vogais abertas e pechadas, características da nosa lingua e a cuestións fonéticas coma a gheada, desterrando o grafema j do castelán como alleo á nosa lingua. A seguir, aborda outras partes da gramática: artigo, verbo, pronomes … e a ortografía. Rexeita o y (i grego) e só admite i (i latino), sempre que o son represente unha vogal. Defende a grafía x, que asimila ao son francés do ch, para todas as palabras independentemente da etimoloxía, pois considera que a ortografía debe ser do dominio de todos e non só para os eruditos, polo que convén simplificala e poñela ao alcance de todo o mundo. Comenta tamén os dous tipos de acentos que existen no galego: o agudo (´) e o circunflexo (^). Este empregaríase para representar as vogais abertas, nomeadamente en sílabas que sufriron apóstrofo ou contracción. Dedica tamén unha epígrafe a comentar o uso do que el chama “comilla” en contraccións do tipo: “No’ m’os deu”; e da “rayita horizontal”: “po-lo”, “mata-lo”.
Trata dunha maneira moi breve dos subdialectos do galego e das principais diferenzas entre galego e castelán e, nalgún momento, chega a afirmar que “la lengua de Galicia se ha desviado de su origen latino menos que su hermana la de Castilla”, isto é, o galego permanece máis próximo ao latín.
Como “Apéndices I e II” achega unha listaxe de refráns galegos e unha selección de poesías escollidas de autores como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Alberto Camino, Juan Manuel Pintos ou Marcial Valladares. Antes do primeiro poema, o autor agarda que despois da lectura desas desaliñadas páxinas se poida colixir ata que grao é flexible, rica, harmoniosa e filosófica a lingua galega, o cal é notable tendo en conta que non ten a fortuna de contar cunha literatura que dea fixeza, brillo e importancia aos idiomas. Isto non é por falta de enxeños en Galicia que poidan prestixiar á súa lingua nativa senón porque a outra máis afortunada renderon honras, que para a propia poderían conquistar, recrimina o autor. As composicións que nos ofrece amosan un galego, polo xeral, puro e correcto, e proban que o galego é dócil e se adapta a todos os tons poéticos. O galego chegaría ao máis alto grao de perfección se se consagraran a ela as plumas máis egrexias e sobranceiras dos escritores galegos.
En 1970 a editorial Galaxia³ publica Elementos de gramática gallega, obra inédita de Marcial Valladares. Datada en 1892 e elaborada ao longo de case corenta anos, tal como explica o autor ao comezo: “Empezados estos elementos en 1855, por mera distracción en ratos de ócio”, non viu a luz ata que os ilustrados galeguistas de Galaxia, fundada en 1950, decidiron dala ao prelo. Ao comezo, na parte titulada “Al lector”, o autor expón os tres motivos que o levaron a redactar esta gramática do dialecto galego: en primeiro lugar, xustificar as grafías empregadas no seu Diccionario gallego castellano (1884) coas que algunhas autoridades na materia están en desacordo; en segundo lugar refire que, ao non existir unha academia rexional do dialecto, carécese de regras gramaticais que os nenos poidan aprender nas escolas e que logo se xeneralicen entre todos para falar e escribir, e que sexan conscientes do que falan e do que escriben. Aproveita o autor para criticar o Compendio de Francisco Mirás por deficiente e loa a Gramática de Saco e Arce que, malia ser excelente, é máis un libro de consulta ca un manual, pois apenas a pode entender aquela xente que case non sabe a lingua oficial, o castelán. En terceiro lugar, pretende coadxuvar a darlle lustre e gloria á nosa patria.
Ao inicio da análise dos elementos de gramática galega, Valladares informa o lector do único que pretende: “Sólo dar a conocer gramaticalmente algo del dialecto gallego, de ese dialecto que mamamos, á los que, por flojedad, ó por capricho, le conceptúan indigno de su aprecio”. Describe as distintas partes da gramática: grafías, artigo, nome, verbos, pronomes… Inclúe listaxes cos nomes da semana, meses, estacións, antropónimos; todos eles coa súa equivalencia en castelán, modismos e refráns e dicires, que supón aínda non publicados. Son interesantes as reflexións e comentarios que a modo de conclusión achega o autor nesta epígrafe sobre a situación do galego.
É consciente de que algúns o tilarán de pretensioso por deterse en refinamentos propios máis ben da lingua castelá que dun dialecto relegado á ignorancia do vulgo, e que a xente culta, xente fina, case non fala; alén diso, despreza o seu dialecto, teno en pouca consideración, tolera sen inmutarse que os estraños se burlen del e que digan que nin falar sabemos Esta xente tamén comete erros ao falar en castelán, pois traduce do dialecto galego á lingua oficial incorporando os defectos propios deste. Critica amargamente os galegos por trataren así a terra que os viu nacer e que lles dá o pan que comen, probablemente fóra, sen lembrarse dos infelices galegos que traballan sen descanso e pasan fame mentres os señores folgan e gozan.
Inclúe tamén unha serie de máximas e sentenzas dalgúns persoeiros insignes traducidas ao galego polo propio autor: Napoleón, A. Lamartine, Larra … e un texto de Gracián. A última parte do libro titúlase “Poesías diferentes” e é unha escolma de textos en lingua galega de Rosalía, Francisco Añón, Curros Enríquez, Eduardo Pondal…
A modo de coda, podemos extraer unha serie de ideas forza que transitan polas tres obras que vimos de comentar:
As tres, malia describiren a lingua de Galiza, utilizan a lingua castelá como lingua vehicular. Teremos que agardar ata 1922 para contarmos coa primeira gramática da lingua galega escrita en galego. O autor é o académico Manuel Lugrís Freire e titúlase: Gramática do idioma galego.
As tres refírense ao galego coma un dialecto, aínda que Saco y Arce utiliza tamén a denominación “lengua”. Procede do latín, mais para Mirás é unha ramificación do portugués, é dicir, un dialecto deste.
Os tres insisten na necesidade de dotar a lingua dunhas normas, pois é moita a variedade de formas existente na fala. Fala viva da que eles parten, pois apenas hai escritos nela. O progreso e a civilización traerá a unidade política e lingüística pero, mentres tanto, a diversidade de linguas é o reflexo da diversidade de pobos.
Os tres pretenden que as súas obras sexan útiles nos diferentes eidos da sociedade, pero Mirás dálle un enfoque máis utilitario para os non galegofalantes entenderen os que si o falan.
Saco y Arce descríbea como unha lingua doce e meliflua, apta para expresar os sentimentos máis íntimos, nomeadamente no ámbito doméstico. O autor asume un reducionismo nas súas funcións, algo característico da mentalidade da época. Lamenta, igual que Valladares, que os galegos reneguen e denigren o seu dialecto/lingua e incluso se gaben de non coñecer nin falar a lingua dos devanceiros; critica que fagan seus os argumentos contrarios a ela esgrimidos polos foráneos. Exhorta os galegos a usaren, estudaren e amaren o seu idioma.
Defender a lingua creada polo pobo no noroeste peninsular non é ir en contra da lingua oficial. O galego é un dialecto/lingua deturpada pola influencia do castelán e o auténtico galego só é falado nas aldeas; nas cidades fálase unha mestura das dúas linguaxes.
En definitiva, os tres autores pretenden dotar os galego dunhas normas de uso e, asemade, honrar a patria e o pobo que o creou como elemento definitorio da súa singularidade.
1 Nós imos utilizar a segunda edición publicada en Ourense no ano 1967.
2 Aclara o autor que os escritores que nese momento utilizan o galego son moi modernos para consideralos clásicos. E fai unha referencia ao P. Sarmiento (s. XVIII) e á súa obra Coplas galegas. Hai que precisar que o chamado Rexurdimento galego está a dar os seus primeiros pasos. A obra considerada fundacional desta etapa é Cantares gallegos de Rosalía de Castro e fora publicada en 1863, cinco anos antes..
3 Nós seguimos esta edición

Pilar Freitas Juvino
Profesora de Galego
Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.
De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.
En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.
Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.
Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥