por Xosé Antonio Pérez Graña

Romualdo era un home “fino”. Polas súas maneiras xeitosas conqueriu creto de home ben enseñado, anque as súas cortesías co chapeu na man non tiñan certamente o cuño da fidalguía enxebre. A Romualdo, tan mixiriqueiro, tan fricoleiro, non lle acaía un oficio de traballo, e dispois de chorarse moito logrou meter cabeza no xuzgado municipal, onde viveu esborranchando papel, deica o día do seu pasamento. Romualdo ademais de escribente era un gran catador de viño, calidade que lle deixara o seu pai en herdo.

No beber era como no escribir: moitos groliños de viño enviados de xeito melindroso, letriña miúda con rabiños enribirichados. Tan “fino” no xuzgado coma na taberna. Romualdo emborrachábase moitas veces; pero endexamais esgallou as pernas. Canto máis viño levase a bordo máis cortesías facía. 

Unha vez Romualdo pasou a noite toda de parranda e no intre de chegar á súa casa topouse cuns amigos. Era domingo.

— Anda, Romualdo, vente conosco, que imos xantar unha empanada.

— Ben; pero agardai un anaquiño que vou dicirllo á miña muller.

E Romualdo entrou deseguida na súa casa. Os amigos sentiro un gran estrondo e dispois unhas verbas adoecidas. ¡Lacazán! ¡Borrachón! ¡Pelexo! A muller de Romualdo mallaba no home coma quen malla nun fol vello. ¡Plim, plam! ¡Plim, plam!

Romualdo apareceu amañando a roupa, e con cara de ledicia finxida díxolle ós seus amigos:

— Ímonos xa, que non está ninguén na casa.

Xosé Antonio Pérez Graña

Xosé Antonio Pérez Graña

Profesor de Filoloxía inglesa

Naceronme en Cotobade no 1952.

Estudei Maxisterio (por inglés) e Psicoloxia. Traballei durante 37 anos no ensino, rematando a miña vida laboral no IES Valle Inclán, onde formei parte do grupo de teatro Argallada.

Encargueime tamén da revista anual do Instituto. Nesta nova etapa, adicareime a recompilar artigos e actividades da nosa Web para facer unha revista-resume cada mes.

Barbeiro de sábado

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥