Cando os bosques sintan frio

De vella a bella quere convirdarvos á presentación do libro Cando os bosques sintan frío de Charo Valcárcel Mato, autora que temos a honra de contar entre a nosa directiva. Terá lugar o venres 28 de xaneiro no IES Valle Inclán de Pontevedra na Gran vía de Montero Ríos s/n ás 19:30 horas.

A autora estará acompañada por Antón Riveiro Coello, autor do limiar do libro, e Vitoria Ogando, compañeira e amiga da autora e, recente premio cidade de Pontevedra.

O noso blog ten o pracer de participar neste acto a través de Ana Santos Solla que dirá unhas palabras en representación de devellabella.com.

Quen puidera abranguer unha aperta imposible

o espazo ansiado nas horas infelices.

quen puidera agora, mentres os ollos espellos

devoran a súa beleza

atinxir cada recuncho, facendo medrar os brazos estendidos

e agarimar as ondas

e o areal e as illas

e o ceo que o enfeita de azul.

Quen puidera abranguelo todo nun abrazo,

nese abrazo imposible

que fundise a miña pel

coas ondas

co areal

coas illas…

co espazo ansiado nas horas infelices.

Poema  “Reencontro” do seu libro “Cando os bosques sintan frío” de Medulia editoral. Ilustración orixinal de Adrián Morgade

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de lingua galega

Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Amauta Castro

Antón Riveiro Coello

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥