Esta novela de Murakami  ten, como non!, o seu selo característico. O desacougo, a suxestión dun outro mundo que quizais está en nós mesmos, que quizais coexiste sen que o saibamos ou… quen sabe? poida que haxa quen si o intúa ou mesmo o poida percibir.

            A historia de After dark transcorre ao longo dunha noite dende as 11.55 deica as 6.52. Sabemos con absoluta precisión a hora na que ocorren as distintas accións xa que un reloxo, que forma parte da tipografía textual e encabeza o texto que corresponde a cada unha desas accións, sinala a hora exacta.

            No transcurso desas horas imos descubrindo os personaxes protagonistas. Algúns deles coñécense e comparten momentos desa noite, outros, aínda que están relacionados non chegan a coincidir.

            As irmás Mari e Eri Asai son dúas das protagonistas. Mari pasa a noite fóra, está nun local dos que permanecen abertos toda a noite: Denny´s. Alí atópase con Takahashi, un mozo que coñeceu hai tempo nunha cita á que acudiu coa súa irmá.

Haruki Murakami

Takahashi toca o trombón nun grupo e ensaian pola noite. Cóntalle a Mari como descubriu o jazz: foi cando encontrou un disco e nel a canción Five Spot After Dark. Canción que, como vemos, contén o título que elixiría Murakami para a novela ( xa somos coñecedores da afección do autor polo jazz e do amplo coñecemento do mesmo).

            Mari entrará en contacto máis tarde con varias mozas que traballan no local Alphaville (de citas): Kaoru, Komugi e Kôrogi ás que axudará cunha rapaza chinesa á que un cliente dera unha malleira.

Saberemos quen foi ese cliente, trátase de Shirakawa. Un home que traballa nunha oficina ata tarde. Un home estraño ao que está agardando a súa familia, pero que apenas coincide con ela polos seus horarios de traballo. Un home que sofre unha transformación durante a noite ( a poderosa influencia das tebras?)

            Mari percorrerá varios lugares nesas horas nocturnas, algúns deles en compañía de Takahashi con quen ao final da noite chega a ter unha importante conexión que vai máis alá da amizade.

            Mentres, a súa irmá Eri Asai dorme, dorme de forma continuada desde hai meses, desde que un día advertiu que ía durmir. O cuarto no que dorme descríbese con precisión, igual que á propia Eri.  É un lugar desacougante no que un aparato de televisión semella reflectir o mundo no que entra no seu soño interminable, ata o punto de que desaparece do cuarto e aparece na pantalla; alí un ser inquietante, co rostro oculto, míraa imperturbable, sen descanso. Ela, nun momento, esperta dentro da pantalla e berra como querendo fuxir.  Alguén que parece flotar  entre os dous mundos, a testemuña oculta do seu soño, descríbeo todo coma se fose o obxectivo dunha cámara. Finalmente Eri regresa, o seu corpo aparece de novo na súa cama real, dentro do cuarto real, pero segue durmindo.

            O ambiente de After dark é un ambiente nocturno, no que ás veces se desdibuxa a realidade, coma nos soños, porén todo parece estar unido e relacionado: os personaxes que vagan nas horas nocturnas polos barrios que permanecen espertos da cidade, fiel reflexo desa vida na escuridade, á espera da luz, dunha luz que convirta en po os pesadelos, igual que converte en po os tenebrosos vampiros.

Xorde unha esperanza coa chegada do día: Mari volve acadar a unión coa súa irmá, volven ser unha como non o eran desde había demasiado tempo e esa unión quizais nos traia de novo a Eri Asai , quizais a esperte do seu soño interminable porque agora a súa irmá está con ela, deitada na mesma cama e abrazada a ela, facéndolle chegar a súa calor:

“Pero poco después los pequeños labios de Eri se mueven ligeramente, como si estuviera reaccionando a algo”

            Con esa esperanza remata a novela, mais tamén co anuncio de que as tebras volverán:

“La noche se ha acabado por fin. Aún falta mucho tiempo para que nos visiten de nuevo las tinieblas”

            Chama a atención a técnica narrativa utilizada:

            O narrador actúa, como quedou xa sinalado, como unha cámara que vai escollendo o mellor punto de vista, a mellor perspectiva para describir o que ocorre, xa desde as primeiras liñas da novela:

            “Perfil de una gran ciudad.

                Captamos esta imagen desde las alturas, a través de los ojos de un ave nocturna que vuela muy alto”

          “Nuestra mirada escoge una zona donde se concentra la luz, enfoca aquel punto. Empezamos a descender despacio hacia allí”

            E permanece ese punto de vista obxectivo que deixa que os personaxes se vaian dando a coñecer ao lector a través dos seus actos e das súas conversas ata o final:

            “Nuestra mirada se aleja del cielo sobre el centro de la ciudad y se traslada a una tranquila zona residencial de las afueras…

                Elegimos una de esas viviendas que parecen iguales y nos dirigimos directamente hacia allí abajo. Atravesamos la ventana del primer piso, con la persiana de color crema bajada, y entramos, sin hacer ruído, en la habitación de Eri Asai”

            Por suposto tamén chama a atención a utilización dos reloxos: o debuxo dun reloxo –sempre o mesmo, de gran sinxeleza- marcando as horas, precisando os minutos, nas que acontecen os distintos feitos.

Sempre volvo a Murakami e non me decepciona. Quedei presa desde o principio desta historia de personaxes que deambulan pola cidade nocturna, que os acolle no seu mundo poboado de seres perdidos nas tebras, que pasean por elas a súa soedade, ás veces voluntaria, mesmo perseguida; outras froito das circunstancias, e en ocasións esas mesmas tebras semellan ser as responsables da crueldade que se asenta nalgúns dos seus asiduos habitantes.   

UNHA BREVE PERO NECESARIA PRESENTACIÓN DE HARUKI MURAKAMI

Haruki Murakami (村上 春樹 Murakami Haruki?) naceu en Kioto o 12 de xaneiro de 1949) .

Foi candidato ao Premio Nobel de literatura en repetidas ocasións, aínda que de momento non foi galardoado con el (Preguntado sobre este punto Murakami di que a Academia non publica finalistas, que son especulacións dos editores e que non lle interesan, el é feliz escribindo, que o demais non é tan importante).

É considerado un dos grandes escritores da literatura posmoderna. The Guardian situouno entre os maiores novelistas da actualidade.

É escritor e tradutor, autor de novelas e ensaios, obtendo numerosos premios como o Franz Kafka, o Mundial de Fantasía, o Jerusalén ou o Hans Christian Andersen de literatura.

Murakami

Desde moi novo estivo influído pola cultura occidental, sobre todo pola música (principalmente o jazz) e a literatura. Estas influencias occidentais distíngueno doutros escritores xaponeses e quizais por iso tamén o establishment literario xaponés critícaa como “non xaponesa.”

É un grande afeccionado ao deporte participando en maratóns e triatlón. En 1996 correu o seu primeiro ultramaratón, unha carreira de 100 quilómetros arredor do lago Saroma en Hokkaido, Japón, que completou. Sobre esta afección escribiu ensaios como o coñecido: De qué hablo cuando hablo de correr.

A súa obra está traducida a 50 idiomas, influída polo surrealismo céntrase en temas como a soedade e a alienación. Nela ten unha grande importancia a música, nomeadamete o jazz, o seu gran coñecemento deste estilo musical ten a súa orixe nos seus anos universitarios nos que traballou nunha tenda de discos e pasaba moito tempo en bares de jazz, máis tarde abriu un propio ( Peter Cat) que rexentou coa súa muller dende o 74 ao 81.

Non lle gusta conceder entrevistas, malia iso nunha das últimas no xornal El País 

recóllense declaracións súas altamente reveladoras da súa personalidade como escritor:

“Todos vivimos nunha especei de gaiola. Pode ser de ouro e fermosa, pero é a gaiola que supón ser só un mesmo. Como escritor de ficción podes saír e ser diferente”

“Eu non soño, ou non lembro os soños, pero a miña literatura está chea deles; imaxínoos. Un amigo psiquiatra dicíame: escribes, non tes que soñar”

“Cando escribo penso en música”

…”Se alguén no libro enferma, gustaríame que o lector vivise os seus síntomas. Ese é o propósito do relato”

Entre as súas obras destacamos:

NOVELAS:

El fin del mundo y un despiadado país de las maravillas (2009)

Tokio blues (Norwegian Wood) (2005)

Baila, baila, baila (2012, Tusquets)

Al sur de la frontera, al oeste del sol (2003, Tusquets)

Crónica del pájaro que da cuerda al mundo (2001, Tusquets)                                                

Kafka en la orilla (2006, Tusquets)

After Dark (2008, Tusquets)

1Q84 (2011, Tusquets)

La muerte del comendador (2018, libro 1; 2019,

libro 2; Tusquets)

LIBROS DE RELATOS:

Sauce ciego, mujer dormida (2008, Tusquets)

Hombres sin mujeres (2015, Tusquets)

ENSAIOS:

Underground (1997-1998), Tusquets, 2014

Retrato en jazz (1997), no publicado en español

Retrato en jazz 2 (2001), no publicado en español

De qué hablo cuando hablo de correr (2007), Tusquets, 2010

De qué hablo cuando hablo de escribir (職業としての小説家, Novelista como profesión, 2015), Tusquets, 2017

 

Webgrafía:

https://es.wikipedia.org/wiki/Haruki_Murakami

https://elpais.com/elpais/2019/01/21/eps/1548073413_533993.html

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

O paraíso dos inocentes

máis artigos

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥ No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥