Por suposto que imos reservarlle un espazo destacado ao teatro, non teriamos perdón de non facelo, non só porque é unha parte moi destacada da nosa cultura, senón tamén pola nosa relación con ese mundo ao ser moitos de nós membros do grupo de teatro amador Argallada.
Falaremos de teatro, propostas, obras en escena, obras xa convertidas en clásicos, etc. e, como non, falaremos do noso, das obras que fixemos nós ao longo de quince anos.
Ídesnos permitir, aínda que poida parecer inmodesto ou fachendoso, comezar polo que mellor coñecemos, por Argallada.


O Grupo Argallada é un grupo de teatro amador formado por profesores e exprofesores do IES Valle Inclán de Pontevedra. Ben é certo que cada vez somos máis os ex, así, todos os membros deste blog, a excepción do noso querido compañeiro Pepe, pertencemos ao grupo, ademais case todos estamos nel desde o seu nacemento, que se remonta ao curso 2005-06.
Foi no seo do Equipo de Normalización Lingüística onde xurdiu a idea. A participación de docentes de distintas materias nunha actividade cultural que trataba de potenciar o uso do galego e o intento de facilitar unha aproximación do noso alumnado ao feito teatral como algo cercano e recoñecible, didáctico e divertido, constituíron os argumentos que nos animaron a tomar a decisión.
En fin, se somos sinceros, tamén había pola nosa parte unha vocación faranduleira nada desdeñábel.
Desde entón representamos cada final de curso unha obra de teatro, con predominio absoluto da comedia, de autoría propia e allea e dirixida ao noso alumnado, pero tamén ao todos os que quixeron achegarse ao Teatro Principal, aínda que chegamos mesmo a actuar en Santiago, Caldas, Cuntis, O Carballiño, Vilagarcía, A Estrada, Ribadumia… e en varias freguesías pontevedras, como Campañó, Mourente, Marcón, etc. Falo en pasado porque neste maio-xuño do 2020, debido á brusca incursión da pandemia nas nosas vidas, non o puidemos levar a cabo e por primeira vez interrompeuse sine die a posta en escena da nova montaxe que xa estabamos preparando.
Foron dez obras distintas as que representamos ao longo destes quince anos, algo que non poderiamos ter feito sen a axuda inestimáble de Manuel Solla, profesor de teatro do grupo de alumnado do instituto e á vez actor e director de teatro, que nos aconsellou, nos ensinou e foi o responsable da montaxe da luz e do son da maioría das obras.
Hoxe queremos presentarvos unha pequena mostra do que facemos, que procede dunha das nosas últimas representacións: Finlandia, peza de Fran Godón, (á que só lle engadimos unha escena da nosa autoría) profesor de Lingua Galega, dramaturgo, actor e director de teatro, que por aquel entón traballaba con nós no instituto.
A obra está formada por doce escenas independentes, que presentan en clave de humor disparatado distintas situacións pouco comúns e nada convencionais que teñen como principal finalidade arrincar a gargallada do público e implicalo neste mundo absurdo ante o que non ha de quedar indiferente.
máis artigos
Actividades do 20 ao 26 de marzo 2023 por Ana
by Ana | Marzo 19, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 20 ao 26 de Febreiro 2023
by Ana | Febreiro 19, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 13 ao 19 de febreiro 2023
by Ana | Febreiro 12, 2023 | Actividades | 0 Comments
Rafael Sánchez-Agustino “Fis” por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Juan Romero Ogando por Ana Santos
by Ana | Febreiro 12, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Marina de Sáa González por Ana Santos Solla
by Ana | Decembro 18, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Luis Otero Echart por Ana Santos
by Ana | Decembro 4, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Mª del Carmen Fernández Iglesias por Ana Santos
by Ana | Novembro 13, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Rafael Loureiro Álvarez-Builla por Ana Santos
by Ana | Outubro 30, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Raíña dos mares por Charo Valcárcel Mato
by Charo | Marzo 12, 2023 | Literarias | 0 Comments