Agradezo a Ana Santos a invitación a colaborar en De vella a bella con algún tema relacionado coa Xulipedia.

CASTELAO. MADRID. COIMBRA.  Auditorio Nacional de Música de Madrid, 30/10/2023

Celebrouse o día 30 do outubro pasado, no Auditorio Nacional de Música de Madrid un acto co gallo do Día de Recordo e Homenaxe a todas as vítimas do golpe militar, a Guerra e a Ditadura. O presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas foi o encargado de recoller, de mans do presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, a “Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal” para Castelao, o político e escritor galego (1886 Rianxo; 1950 Buenos Aires)

Foi unha xornada na que se homenaxeou a 18 persoeiros entre eles a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, de quen se destacou o seu labor de ensaísta, novelista, dramaturgo, debuxante, médico e político” e o estar “considerado como un dos pais do nacionalismo e da narrativa en galego”

No acto, salientouse o seu labor como escritor antes de ser elixido deputado en Cortes na Segunda República, primeiro como galeguista independente e logo pola Fronte Popular, ademais de ser o impulsor do Consello de Galicia en Buenos Aires e de formar parte do goberno republicano no exilio.

No encontro entregáronse as 18 “Declaracións de Reparación e Recoñecemento Persoal”, entre as que se incluíu a de Castelao, pero ademais de Castelao, entre os 18 homenaxeados tamén estaba o escritor catalán Salvador Espriu; e o escritor vasco Gabriel Aresti que tiveron certa relación con Galicia:

Gabriel Aresti no 1968 traduce ao euscaro O catecismo do labregoNekazariaren Dotrina. Tamén os Seis poemas galegos de García Lorca en edición tetralingüe: Gabriel Aresti (éuscaro), Ricard Salvat (catalán) e Ánxel Fole (castelán). Mantivo correspondencia con Manuel María con quen intercambiou algún libro e con Alonso Montero.

No 1969, un 13 de decembro, Salvador Espriu escribe a Neira Vilas dende Barcelona, pregúntalle por Manuel María, por Celso Emilio Ferreiro e dille que coñece a obra de Otero Pedrayo a de Castelao e a de Risco.

Espriu contoulle nunha ocasión a Xosé Lois García, que tiña nunha gabeta da mesa do seu escritorio, o poemario Romanceiro da Terra Chá de Darío Johán Cabana co que mantivo unha curta correspondencia.

No 1975 co galo do 25 cabodano do pasamento de Castelao, na galería de Sargadelos de Barcelona realízouse unha exposición das láminas do álbum “Nós”. No catálogo figuran palabras de Isaac Díaz Pardo e de Salvador Espriu, quen di: “Castelao é un valor universal. Mais non hai dúbida algunha que un catalán pode velo e comprendelo cunha emoción e simpatía particular, pola relativa afinidade dos nosos problemas cos específicos de Galicia. Non teño espacio nin capacidade pra glosar, nin unha por unha nin en conxunto, estas tenras, intelixentísimas, ferintes e nalgún intre arrepiantes –mais tamén esperanzadoras- estampas e as súas lendas. Díxose, por outra banda, que o que sabe cala. Os ollos que saben mirar, que contemplen, cun profundo e respetuoso silencio, esta alta lección do arte e do esprito da máis enxebre Galicia”.

Desbotaron acudir a esta celebración de Madrid, a presidenta da Comunidade Isabel Díaz Ayuso, e o alcalde madrileño Martínez-Almeida. Tamén rexeitou o convite o ex-presidente da Xunta e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. Tomando as derradeiras palabras de Salvador Espriu, no catálogo daquel acto da Galería Sargadelos de Barcelona de 1975, “Castelao sorrí, quizais con ironía, con beizos finos dende a súa ganada e serea inmortalidade”.

Quen si estivo presente no acto foi a vicepresidenta e ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, que nas súas redes sociais destacou o recoñecemento a Castelao, “figura histórica do país” que “traballou pola aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia, por un país máis democrático e plural” e que “morreu no exilio, como tantos outros galegos e galegas“.

Alonso Montero Coimbra 2023
Alonso Montero 2023

Coimbra, setembro/outubro 2023

 Este acontecemento de Madrid, tróuxome á memoria outro celebrado hai pouco en Coimbra no que tamén se lembrou a figura de Castelao, dentro do que foi a “Mostra de Teatro Galego” que tivo lugar entre o 28 de setembro ao 7 de outubro de 2023 e que tentou contribuir a facer máis visible o que aproxima a Galiza e a Portugal. Á parte de teatro houbo outras actividades como danza, presentación de libros, narración oral, exposicións fotográficas…

Co gallo destes actos editouse un xornal que comeza co texto “Um abraço à Galiza” de “A Escola da Noite”, grupo de teatro de Coimbra e a “Cena Lusófona”, Associação Portuguesa para o Intercàmbio Teatral. O artigo comeza cunhas verbas de Cándido Pazó que dicía “O galego e o português están máis próximos do que poidamos pensar e máis distantes do que queremos crer”.

Por Coimbra pasaron ademais de Cándido Pazó, Quico Cadaval, Excéntricas Producións, Sarabela Teatro, Contraproducións, Teatro do Atlántico, Os Náufragos Teatro, Ánxeles Cuña, Avelina Pérez, Carme Portaceli, Carlos Valente, Fran Núñez, G.O.D. Flávia Antónia, Mercedes Prieto, Sérgio Cobos, Vânia Couto, Buga Lopes e Constança Ochoa.

Tiven a sorte de estar presente nunha das actividades: o día 30 de setembro, na mesa redonda  que tivo lugar no Centro de Artes Visuais co título de “Castelao e a sua época em Coimbra” que contou coa presencia do profesor Xesús Alonso Montero. Neste día recordábase a pasaxe por Coimbra de Ricard Salvat, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Xesús Alonso Montero entre novembro de 1968 e abril de 1969

Ricard Salvat montara xunto cos estudantes da Universidade de Coimbra o espectáculo “Castelao e a súa época”, no que colaboraron Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Alonso Montero. Un día antes da estrea, o espectáculo foi prohibido e Salvat acompañado á fronteira española.

Nesa mesa redonda “Castelao e a súa época em Coimbra”, participaron Antonio Iglesias Mira, Carlos Valente, Isabel Pinto, João Viegas, Ricardo Seiça Salgado e Xesús Alonso Montero.

Alonso Montero 1969
Alonso Montero en Coimbra 1969

Recóllese o seguinte no xornal publicado con ese motivo: “Castelao e a sua época: recordando a passagem por Coimbra de Ricard Salvat, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Xesús Alonso Montero. Entre Novembro de 1968 e Abril de 1969, o encenador catalão Ricard Salvat esteve em Coimbra a dirigir um curso de teatro organizado polo CITAC – Círculo de Iniciação Teatral da Academia de Coimbra.

Desse curso resultou a criação do espectáculo “Brecht+Brecht”, com textos do dramaturgo alemão, estreado em Fevereiro de 1969. E deveria ter resultado a estreia de um segundo espectáculo, intitulado “Castelao e a sua época”, cujo guião integrava o segundo acto da peça “Os vellos non deben de namorarse”, do escritor galego Afonso Daniel Castelao, bem como poemas, canções e textos de mais de três dezenas de diferentes autores/autoras, da Galiza, de Portugal, da Catalunya e de outros pontos da Península Ibérica. […]  Da equipa artística deste espectáculo, escolhida por Ricard Salvat, fizeram parte três nomes fundamentais da cultura Galega: Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane (concepção plástica do espectáculo) e Xesús Alonso Montero, que se deslocou a Coimbra para proferir uma conferência sobre Castelao. A música do espectáculo, a cargo do compositor português José Niza, integrava canções inéditas a partir de poemas de Rosalía de Castro, incluindo o “Cantar da Emigração”, cuja interpretação por Adriano Correia de Oliveira, também ele membro do CITAC, viria a tornar-se um símbolo da luta estudantil.

Em plena Crise Académica de 1969 e sob a forte repressão das autoridades do Estado Novo, o espectáculo acabaria por não estrear, proibido pela censura. Na véspera da estreia, após o ensaio geral, a PIDE foi buscar Ricard Salvat à casa onde residia e expulsou-o do país, entregando-o à policia espanhola na fronteira de Vilar Formoso”.

Foi un acontecemento moi emotivo que rematou coa intervención do profesor Alonso Montero, que ademais de evocar as figuras de Salvat, Díaz Pardo, Luís Seoane e Castelao, deixou un tema para ter en conta: a posible participación nese acto de censura de Manuel Fraga Iribarne, daquela ministro de Franco.

Xulio Simón Rúa

Xulio Simón Rúa

Profesor de E.Física

Xulio naceu en Lugo en 1956

Foi profesor de Educacion física e a súa interese pola historia levoulle a crear a Xulipedia, explica como comezou todo “O que ían ser uns breves apuntamentos para o meu uso persoal (estudei Filoloxía Románica en Barcelona) pouco a pouco foron ampliándose coma unha especie de base de datos cronolóxicos das literaturas románicas peninsulares e tamén da literatura universal, incluíndo no referente a Galicia a “Gran Enciclopedia Galega”, “A Nosa Terra”, “Grial”, “Nós”, “O Tío Marcos”, “A Monteira”, “Os Dicionarios de Autores e de Publicacións Periódicas de Galaxia”, o “Diccionario de Escritores en Lingua Galega” de Fernández del Riego, a prensa galega en Cuba, “Céltiga” e “Lar”…

Historia de vida

Xulipedia

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥