Escoitando un día a radio, un periodista comentou que era horroroso que nestes tempos que corren, todo fora dirixido por algoritmos, e referíase en concreto á música. Pois vanme perdoar pero difiro no que ten que ver coa música.

Todo isto vén ao caso pola historia que vou contar.

Chego un día á casa e instálome con comodidade, ou sexa con pantalón de chándal e unha camiseta de Los Ramones orixinal, que ten polo menos corenta anos. Acto seguido acendo o equipo de música e poño Spotify a través do móbil por bluetooth. Spotify, basado en algoritmos, ofréceme unha serie de listas de música e como non tiña ganas de buscar puxen un <<Mix>> de rock alegre. Empezaron a soar distintos temas e comecei a cociñar; ben, a verdade é que estaba pasándoo ben.  Nun momento dado soou un tema que me encantou. Rapidamente deille ao corazón para pasala ás miñas cancións favoritas e así poder escoitala máis veces. Pregunteime quen serían eses “tíos” tan bos. Mirei e vin que se chamaban <<Counting Crows>>. Era a primeira vez na miña vida que escoitaba falar deles. Ao día seguinte puxen lista de música baseada neste grupo. Apareceume unha lista de tres horas con gran parte da súa discografía e outros grupos afíns.  O mix baseábase en algoritmos, por suposto. Varios dos grupos que saíron nesa lista gustáronme bastante e agora son dos que máis escoito esta tempada. Aí está a proba. Nunca tería chegado a eles se non fose polos ditosos algoritmos.

Ben, fóra lerias,  decidín que tiña que velos se se daba a casualidade de que tocasen en Europa, non digo España, digo Europa. E cal non sería a miña sorpresa cando vexo que están de xira polo vello continente e que teñen tres concertos en España: Barcelona, Madrid e Bilbao. Os tres en salas emblemáticas do rock das tres cidades. Póñome a conseguir as entradas e o primeiro pau: esgotadas as da Riviera (Madrid). Plan B, miro na sala Razzmatazz de Barcelona e oh, sorpresa!, quedan entradas. Sen pestanexar consigo unha. A partir de aí comeza a aventura. Billetes de AVE Santiago-Madrid-Barcelona ida e volta. Naturalmente máis baratos grazas á tarxeta dourada; non era ponte nin festivo e non era fin de semana. O concerto era o luns día 26 de setembro. Unha das cousas boas de estar xubilado. A todo isto, dicir que saín o luns pola mañá e regresei a Santiago o martes pola noite.

Chega o día e á estación. Encántame a estación do tren de Santiago os luns pola mañá cedo. Está chea de <<Pilgrims>>, con rostros cansados, pero de satisfacción polo deber cumprido, que regresan aos seus lugares de orixe despois de facer o camiño. Todos queren rematalo o sábado ou o domingo.  O café da estación moi caro. Subo ao tren, saúdo á miña compañeira de asento e nin me responde. Así está a cousa.

Son as 10,25, saída cara a Madrid. Agárdame unha viaxe de 1000 km a Barcelona no AVE. Todo por un concerto, un dos mellores motivos por outro lado. Chegada a Ourense ás 11,05. Pasar pola ponte do tren que cruza o Miño e ver a cidade que me viu nacer sempre é un gustazo. Ás 11,22 para o tren de golpe en ningunha parte e cambio de vías para converter o Alvia nun AVE. A partir de aí  comeza a verdadeira viaxe. Na pantalla vaise vendo todo o tempo a velocidade,  anda sobre os 250 Km hora e ás veces algo máis. Primeira visita á cafetaría, que é onde mellor se está xa que non tes que estar permanentemente coa máscara e tampouco aturar a xente falando polo móbil ou contando a súa vida, que non lle importa a ninguén. Paisaxe de Castela e ás  13,30  chegada  a Madrid-Chamartín. En tres horas despachei 600 km.

Estación de Chamartín, baño de xente e de realidade. Rapidamente teño que tomar un tren de proximidade para Atocha que sae cada cinco minutos e  está incluido no billete. En Atocha bocadillo e cervexa  e a  esperar pola saída do tren  a Barcelona observando o movemento da estación que é un ente con vida propia.

Saída cara a Barcelona-Sants. Diferenza moi grande de tren (asentos de pel) e de información. Durante unha morea de  quilómetros franqueamos unha zona de terra vermella e páramos. Arroios sen auga e deserto humano. Isto debe ser o que chaman a España vaciada.

Cataluña é bonita, bastante verde. Chegando, ao fondo vese a montaña de Montserrat, un gran rochedo con cume que semella unha serra. Todos os hipotéticos prexuízos que puidera ter sobre os cataláns volvéronse fume nuns minutos. Xente  agradable, moi amable. Moita seguridade na estación e iso que me asustararan un pouco. Ata no tren me comentaran que tivese moito coidado porque era relativamente fácil que me roubasen. Todo o mundo falando castelán e un tempo ideal. Ao hotel  deixar as cousas e xa para a zona do concerto.

No bar que está ao lado da sala danme unha Estrella Galicia. Para cando a medalla de ouro de Galicia para a cervexa que se bebe por toda España e parte do estranxeiro e que leva dignamente o nome de Galicia por todas partes? Alí chámanlle unha  <<Galicia>>, a secas. Refírome a que a medalla lla dean á cervexa, non aos donos da cervexa.

Sala Razzmatazz, mítica sala dentro do rock ibérico. Ten  capacidade para 1500 persoas. A acústica é moi boa e, como curiosidade, ten unha especie de balcóns con varanda no primeiro piso, onde se senta a xente para ver o concerto coas pernas colgando. Aí situeime eu..

Sala razzmatazz

Para abrir boca <<David Keenan>>, cantautor con boa vontade. Abriu o espectáculo e estivo no escenario aproximadamente unha media hora. Sobre todo facía folk. Actuou el só coa guitarra acústica. Non estivo mal pero case non se escoitaba porque estaba entranto a xente  e había moito barullo.

Tócalle a quenda ao grupo que viñera ver. Os <<Counting Crows>> son unha banda de rock alternativo californiano que foi fundada en San Francisco en 1991  polo cantante Adam Duritz (1964) e o guitarrista David Bryson (1961).  A súa época dourada comezou a mediados da década dos 90, cando sacaron ao mercado o seu primeiro disco <<August and Everything After>> (1993). O disco converteuse en superventas grazas ao éxito do tema <<Mr. Jones>>. Venderon uns sete milóns de copias do álbum e comezaron a facerse moi habituais no mundo da música na zona da Baía de San Francisco.

Cartel do concerto

 Ademais do tema Mr. Jones, este primeiro disco do grupo ten unha serie de cancións moi boas, como poden ser <<Round Here>>, <<Rain King>>; <<Omaha>>, e que a min persoalmente gústanme máis que a primeira citada.

Ao primeiro disco seguíronlle outros que tiveron menos éxito, pero todos eles tiñan unha serie de cancións moi boas, como pode ser o caso de <<Accidentally in love>> que pertencía á banda sonora da película Shrek 2 e que foi nominada aos Óscar do ano 2004, como Mellor Canción Orixinal, sendo nominada igualmente ao Premio Globo de Ouro e ao Premio Grammy, neste caso como mellor canción escrita para unha película.  Os <<Counting>> interpretaron a canción na entrega dos Óscar, pero non levaron o premio.

A orixe do nome (Contando Corvos, tradución literal), ten que ver cunha rima infantil dunha película que Duritz incluíu nunha das súas cancións. (<<soñei que te vin subindo un outeiro, na neve/ trazando sombras sobre o ceo invernal, mentres estabas alí parada, contando corvos>>).

Desde o principio foron un grupo de directo, aínda que nos seus trinta anos de historia gravaron uns cantos discos de estudio, ademais de recompilacións e demais historias. Durante os seus primeiros anos fixeron xiras con grupos como The Cranberries, Os Lobos e incluso co propio Bob Dylan.

A formación da banda xirou sempre en torno aos citados. O resto dos compoñentes foron cambiando cos anos. Por exemplo, cambiaron cinco veces de batería. A formación última, e que tocou en Barcelona, está composta por Jim Bogios (Batería); David Brysom (Guitarra); Adam Duritz (voz e Piano); Charles Gillingham (teclado); David Immerglück (Guitarra); Dan Vickrey (Guitarra); e Millard Powers (Baixo).

”A

O concerto foi moi bo e mereceu a pena a viaxe a Barcelona. No escenario os <<Contando Corvos>> son sete amiguetes que podían ser da cuadrilla do barrio. Cincuentóns, tirando para os sesenta. Son californianos, pero en realidade parecen unha banda de rock irlandesa, case todos cunha incipiente barriga cervexeira. O cantante é moi carismático, aínda que xa empeza a ter os seus anos e perdeu a súa característica cabeleira de fregona. Pero manda totalmente sobre o escenario e tamén dirixe maxistralmente o público. Este, totalmente entregado, na súa inmensa maioría eran da mesma idade que os músicos e, curiosamente, había moitas parellas. Moito cabelo branco. Notábase que eran seguidores da banda de toda a vida. De feito, sabían as cancións e cantábanas todas, ata tal punto que nalgunha lenta non se oía a voz do cantante porque estaba a sala en pleno cantando a canción a berros. O repertorio, pois o que se supuña, ou sexa tocaron todas as boas que teñen. Que eu saiba, só meteron un par delas novas, do seu último disco. Ademais, case todos eles, á parte dos instrumentos, digamos “normais”, tocaron distintos instrumentos como o órgano, o ukelele ou o acordeón. Outro dos seus grandes méritos é que teñen temas moi bonitos. Case todos eles.

O seu estilo pódese situar no chamado rock alternativo, xénero musical que naceu a finais dos anos 80 do século pasado e que os <<Couting Crows>> converten nos seus concertos nun elegante cóctel formado por Pop-rock, Folk, unhas gotas de Country e un ingrediente básico ol Blues Rock.

Antes do concerto

O <<Rock alternativo>> é un subxénero do rock, cuxas orixes e influencias musicais habería que buscalas en estilos como o <<Punk rock>>, o <<Post-punk>>, o <<Hardcore>>, o <<New Age>>,  o <<Pop rock>>; o <<Folk>>. Empréganse instrumentos e sons que non son os habituais dunha banda de rock. Os grupos deste estilo están próximos ao mundo e á música denominada <<underground>>, ou sexa á  música anticomercial. Foxen dos estilos típicos do rock e, en principio, non buscan a popularidade. Ás bandas de rock alternativo podiamos atopalas nos anos 90  (época de esplendor) en pequenos bares ou clubs do circuíto underground. Algunhas destas se popularizaban grazas ao <<boca a boca>>. Soían gravar os seus discos en pequenas compañías de discos independientes e rexeitaban as grandes multinacionais da música daqueles anos. O <<Indie rock>>, o <<Grunge>> e o <<Britpop>> son xéneros herdeiros do estilo alternativo.

Tras a  estupenda dose de música, pois a comer algo e tomar un par de cervexas. O maior problema: a zona non era moi recomendable pola noite. Moito turista británico en estado demasiado alegre e non había moitos sitios a onde ir. Tamén me avisaran de que andar só pola noite nalgunhas zonas de Barcelona non era moi recomendable. Conclusión, bocadillo e cervexa e para o hotel, que estaba a tan só 200 metros. Xa o elixira así  á mantenta.

Á mañá seguinte almorzo moi bo. Non faltaba de nada. Tiña toda a mañá para pasear por Barcelona. Ao saír, preto do hotel, atopei unha cola xigante diante do Consulado do Reino de Marrocos e en fronte curiosamente había un local xudeu. Moitos musulmáns e latinoamericanos. Cidade moi cosmopolita.

Decidín visitar tres sitios: a <<Catedral de Barcelona>> fabulosa, do mellor que teño visto. Estilo gótico e o cadeirado do coro é brutal. Ademais, había pouca xente porque a maioría dos turistas van directos á  Sagrada Familia e pensan que esa é a Catedral da cidade, de feito dixéronmo. Sorpresa moi grata a catedral gótica de Barcelona.

O segundo sitio que visitei foi o <<mercado de la Boquería>>. Moi chulo, pero defraudome bastante. Está montado para os turistas. De feito, tiñan ostras típicas de Galicia que eran máis falsas que Xudas. Cobraban 6 euros por tres ostras. No meu caso estaba mirando fiambre envasado ao  baleiro e o tío díxome que era moi bo. Mirei e vin que era de Salamanca. Díxenlle que non ía ir a Barcelona mercar fiambre de Salamanca.   Miroume e fíxome un xesto como de “é o que hai”. Tamén me decatei de que a vila máis famosa de Galicia en toda Barcelona é Padrón. Hai pementos de Padrón absolutamente en todos os bares e todos os restaurantes de Barcelona.  É alucinante, Estrella Galicia e os pementos de Padrón estanse facendo máis populares que Zara e Amancio Ortega no resto do Estado.

A terceira escala foi, evidentemente a <<Sagrada Familia>>. Quería botarlle un vistazo por fóra, xa que non tiña tempo para facer unha cola xigante para entrar. A verdade é que é espectacular. No meu próximo concerto na cidade condal vou adicarlle máis tempo.

A viaxe de volta moi boa, sobre todo desde Madrid a Santiago. Vendo continuamente unha posta de sol, unha luz preciosa que parecía que incluso as chairas secas de Castela eran bonitas.  Eu só na cafetaría tomando un viño das botellas pequenas que venden no tren. Por certo, dixeron, próxima estación Ourense. Sobre as 21,30 chego a Santiago, cansado pero satisfeito.

E iso é todo. Ata outra.

Counting crows
Javier Domínguez

Javier Domínguez

Profesor de Historia

Javier Domínguez foi profesor de Historia no IES Valle Inclán ata que se xubilou no ano 2021

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥