Engracia naceu en Cambados en 1930, alí era onde estaba destinado o seu pai como rexistrador da propiedade, vacante á que accedeu aconsellado polo seu amigo José Padín González, que era médico, el foi quen atendeu a súa nai cando Engracia naceu.

Foi a pequena de tres irmáns cos que se levaba oito e tres anos respectivamente. Ela, xunto con outros tres nenos máis pequenos (fillos do médico), foi a clases particulares á mesma escola pública á que ían os seus irmáns maiores; iso ata que veu a Pontevedra facer o ingreso para o Sagrado Corazón de Praceres cando tiña nove anos, en réxime de internado. No colexio custoulle coller o ritmo das clases porque ía algo máis atrasada que os demais. Pero como era espelida saíu adiante. Cando estaba en 3º de Bacharelato os seus pais chamaron para felicitala polas notas e a monxa díxolle que era a mellor da clase. Foi a partir de entón cando empezou a destacar e gustarlle máis o estudo. Ao acabar 6º marchou para Santiago cos pais e alí fixo 7º e Reválida e empezou a carreira de Historia que logo remataría en Madrid.

Cando saíu do colexio Sagrado Corazón de Praceres en Marín xa tiña a idea de ser monxa, pero ata que estivo en Madrid non fixo os votos. Con 20 anos marchou a Roma para participar nunha formación onde tiñan clases de teoloxía, francés e moitas materias máis. Recorda que foi una experiencia moi enriquecedora xa que había xente de todo o mundo, alí estivo un ano e xa levaba hábito.

“En Santiago, fundou unha casa nova xunto a Lasalle para xente mais necesitada para que puidera estudiar todo o mundo.

Engracia Vidal Estévez

Ao volver a España destinárona a Granada ao colexio da congregación, onde deu clase durante catro anos en 3º de bacharelato de todas as materias, agás francés. Despois volveu a Roma para outra formación máis relixiosa que intelectual.

Con 24 anos e durante catro veu de directora para o Sagrado Corazón de Praceres, ocupándose fundamentalmente de tarefas administrativas e impartindo poucas clases. Pasado ese tempo volveu para Madrid, onde vivían os seus país e aos que non podía visitar asiduamente polas regras da congregación. Alí pasou por tres colexios distintos da mesma orde, o de Caballero de Gracia, Rosales- onde terminou a carreira de historia, que facía por libre- e o de Chamartín, no que estivo de directora tres anos.

Aínda regresaría novamente a Praceres como directora e aos 37 anos volve estar en Madrid , tamén de directora, no colexio de Chamartín. En Santiago, e sempre por orde dos superiores, fundou unha casa nova xunto a Lasalle para a xente máis necesitada, para que puidese estudar todo o mundo. Logo desprazouse a Ferrol, chamada pola Igrexa, porque o bispo fundara unha filial para os máis desfavorecidos, ela foi pioneira nese tipo de filial, e durante seis anos desempeñou o cargo de directora da mesma. En Ferrol tivo unha casa para ela soa por primeira vez, moi modesta e nun barrio moi pobre daquela, como era o de Canido.

O Concilio Vaticano II do ano 1965 supuxo unha renovación moral da vida cristiá dos fieis e fixo que se producira unha actualización da igrexa, renovando os elementos que máis necesidade tiñan dela. Pretendeu acadar un diálogo co mundo moderno, incluso cunha nova linguaxe conciliatoria fronte a problemas actuais. Nesa época de apertura non foi obrigatorio o uso do hábito e moitas sacárono.

Debido aos cambios que se produciron, Engracia pediu á Igrexa saír da congregación, cousa que lle foi concedida, aínda así seguiu levándose ben coas monxas.

Xa como funcionaria do Estado veu para Pontevedra e empezou a dar clases na Xunqueira I de historia e latín. Daquela só lle vivía a nai , que a acompañou.

Xubilouse aos 65 anos, pero nunca deixou de exercer a ensinanza e a renovación catequística.

Foi a primeira directora no ano 1977 da revista de pensamento cristián Encrucillada onde aínda escribe con relativa frecuencia; hai tres anos que deixou a dirección, pero segue a colaborar.

Gústalle saír á rúa todos os días e conduce cando ten que desprazarse. Acode puntualmente a actividades culturais e moitas veces é convidada a dar charlas ou conferencias. Tamén colabora coa revista Tempos Novos.

Ve moi pouco a televisión, pero a radio sempre a ten acesa, gústalle estar informada e le La Voz de Galicia todos os días.

A viaxe que máis lle gustou foi a Roma, aínda que tamén estivo en Alemaña.

Está moi contenta coa vida que levou, aínda que di que se tivera outra oportunidade aproveitaríaa mellor.

Engracia lévame ao seu estudo, coa biblioteca chea de libros e moi ben engalanada cun retrato de Rosalía e outro de Castelao. Faime mirar cara arriba para que vexa tamén o Espírito Santo e a Virxe María.

Unha morea de libros enriba da mesa é a desorde na orde, calquera dia ordeno, dime.

Marcho coa mirada desta muller de ollos azuis, transparentes como a súa vida, que me falou da súa consagración á educación e que continúa con ganas e forzas de seguir espallando as súas inquedanzas.

Grazas, Engracia, por compartir comigo esta mañá de venres.

Engracia finou en Pontevedra en Xaneiro de 2023 aos 93 anos

Ana Santos Solla

Ana Santos Solla

Profesora de Educación Física

Son Ana Santos, nacín en Pontevedra no ano 1960, a miña infancia estivo moi ligada a Santa María de Xeve, a terra da miña nai, son a terceira de 8 irmáns, a maior das mozas, a máis vella como me dicían de pequena. Sempre me gustou o deporte e estudei INEF en Madrid, estiven 34 anos no IES Valle Inclán impartindo Educación Física alí foi onde coñecín ao resto dos meus compañeiros que agora me acompañan neste proxecto. Decidín xubilarme para dar un novo rumbo á miña vida e levar a cabo este tipo de iniciativas como @devellabella ue pretende que o envellecemento activo convértase en embelecemento persoal e poder achegar a miña experiencia nesta etapa da vida.

Nós os maiores aínda temos moita guerra que dar, espero que este blogue motívevos a querer colaborar connosco.

Hermitas Navarro

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥