Esta novela de Ledicia Costas publicada no 2021, e que xa conta con varias reedicións, está construída con tres personaxes protagonistas que representan a tres xeracións dunha mesma familia: avoa, filla, neto; o que é o mesmo: Luz, Xulia e Sebas.

A primeira impresión que me produciu a súa lectura é a de recoñecer no discurso narrativo, principalmente nos capítulos nos que o narrador e o punto de vista son o de Sebas, a dilatada experiencia da autora no manexo da narrativa dirixida aos lectores máis novos, movéndose coma un peixe na auga cando utiliza a perspectiva infantil.

Pero atopamos moitos outros motivos que a converten nunha novela interesante e atraente. Un dos méritos indiscutibles é a utilización de tres narradores diferentes, non só polos anos que os separan senón tamén polos seus caracteres marcados por fortes personalidades ben contrastadas. Estes narradores vanse sucedendo no discurso narrativo tomándose o relevo nos distintos capítulos tanto da primeira parte da novela: ANIMALIÑA, como da segunda: O ARXENTINO.

Golpes de luz

Este xogo narrativo é un dos grandes méritos de Golpes de luz, pois o cambio dun personaxe a outro, dunha avoa de oitenta anos a un neno de dez ou a unha nai de corenta e pico mantense con sorprendente coherencia ao longo de toda a novela, máxime cando son personaxes complexas, como é o caso de Luz, a avoa, unha anciá con demencia e momentos de extraordinaria lucidez que arrastra os duros golpes dun pasado que sempre ocultou á súa filla, Xulia. Luz convértese sen buscalo na heroína de Sebas e os seus amigos que a identifican con Thor, o deus do trono e a forza na mitoloxía nórdica, descrito abríndose paso co seu inseparable martelo, xa que esta figura mitolóxica foi convertida por Marvel nun superheroe dos seus cómics, pasando posteriormente ao cine, de aí que os rapaces estivesen tan familiarizados con el e mesmo coas súas orixes coma fillo de Odín, etc. A identificación de Luz con Thor nace da actitude dela, inseparable do seu martelo, co que incluso dorme, e que utiliza como arma de defensa e ataque cando considera que é necesario. É tamén a personaxe que nos regala os momentos máis divertidos da novela, cando reproduce os seus pensamentos, ou nos seus diálogos coa filla, co neto ou coa nai morta. Pero así mesmo os de maior tensión dramática, debido ao seu estado mental.

Sebas é un rapaz que debe adaptarse á vida nunha pequena vila galega ao chegar de Madrid con Xulia para vivir coa súa avoa tras o divorcio de seus pais. É un neno tremendamente imaxinativo e tenro e a súa perspectiva achega un sopro de aire fresco a unha historia difícil de traumas non superados, a súa inocencia e fantasía así como a súa sorprendente madurez para enfrontar moitas situacións son o contrapunto ideal aos problemas creados pola complicada convivencia entre nai e filla.

Xulia, a filla de Luz, representa a cordura, o sentido común, a paciencia, pero tamén é unha muller obstinada que non se rende ante o seu afán por coñecer un pasado que sempre se lle ocultou e iso, sumado ao seu bo facer como periodista, vaina levar finalmente a descubrir esa verdade dura que forma parte da súa vida. Ademais, a través dela e das súas investigacións, entramos en contacto co mundo do narcotráfico, ese mundo escuro cheo de traxedias persoais e colectivas de presenza constante nos medios de comunicación durante tantos anos e ao que a vila na que se criou Xulia e na que viven agora tampouco foi allea.

A segunda parte da novela leva o título de O Arxentino, que é como Luz, a Animaliña, se refire ao que foi o seu home. Este é o personaxe ausente, o personaxe pantasma que non estando forma parte fundamental da historia, unha historia na que el é a clave de moitos comportamentos e da gran frustación de Xulia. Teremos que esperar ás últimas páxinas para coñecer o que se oculta realmente tras o misterio que o rodea.

Trátase, pois, dunha novela de personaxes, chea de dinamismo, misterio e dor, pero tamén humor e tenrura; sabia combinación de ingredientes que converten a súa lectura nun acto pracenteiro e estimulante.

INFORMACIÓN SOBRE A AUTORA

LEDICIA COSTAS: Nada en Vigo en 1979 é unha das escritoras máis coñecidas e premiadas da literatura galega actual, sobre todo no eido infantil e xuvenil, aínda que tamén publicou para adultos: Infamia (2019) ou esta mesma que recomendamos hoxe: Golpes de luz (2021) e novelas catalogadas como “novelas de fronteira” precisamente por estar na fronteira entre xéneros.

Ledicia Costas

O seu percorrido literario iníciase no ano 2000, cando contaba só 21 anos, coa novela Unha estrela no vento, moi popular entre as lecturas recomendadas na ESO durante anos.

Gañou o Premio Lazarillo en tres ocasións con: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta (2016), A balada dos unicornios (2018) e A lebre mecánica (2022), é a única escritora en recibir este galardón en tres ocasións. Co primeiro dos tres gañou tamén o Premio Gala do Libro Galego, que lle sería concedido así mesmo por A señorita Bubble no 2018, con A balada… obtivo o Premio Kelvin 505.

O Premio Merlín recibiuno en dúas ocasión, a primeira por Escarlatina, a cociñeira defunta (2014) e a segunda por O neno de lume (2022). Por Escarlatina… concedéuselle tamén o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Ademais no 2012 gañou o Premio Neira Vilas por O corazón de Xúpiter e no 2015 o Premio Losada Diéguez polo seu libro de relatos: Un animal chamado néboa.

Entre as denominadas novelas fronteira atoparíanse O corazón de Xúpiter ou Recinto Gris.

En 2021 foi recoñecida co Premio da Cultura Galega de Creación Literaria.

No ano 2022 gaña tamén o Premio de Poesía A Fundación co seu poemario Ultraluz.

Case a totalidade da súa obra está traducida ao castelán e mesmo a outros idiomas coma o portugués, o italiano ou o coreano.

Agardamos que nos siga agasallando moito tempo máis coas súas historias, esas das que ela mesma di que “as mellores son as que se escriben coa cabeza, pero sobre todo con corazón”.

 Bibliografía: https://lediciacostas.com/es/sobre-mi/

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

A muller xabaril de Fina Casalderrey

máis artigos

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥ No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥