Hoxe quérovos falar de A Muller Xabaril, de Fina Casalderrey, que acaba de publicar Xerais en marzo deste ano 2023.
Veño de rematar a lectura desta primeira novela da autora especificamente destinada a lectores adultos e debo dicir que é unha historia dura e tenra a un tempo, que conmove profundamente deixando unha pegada que non desaparece tras pechar a última páxina do libro.
O que se relata está inspirado na muller real que foi coñecida popularmente coma “O Jabalí” ou “A Jabalina” e que os pontevedreses e pontevedresas da xeración dos 50 e 60 lembran moi ben, principalmente os de Xeve, de onde era natural.
Pero mesmo os que, coma min, non sabiamos nada deste curioso e intrigante personaxe, acabamos sendo atrapados pola historia que Fina Casalderrey constrúe a partir dela, acabamos descubrindo a Muller Xabaril devagar, conducidos principalmente polo personaxe de Ramiro desde cuxa perspectiva a observamos por primeira vez:
“O Xabaril, o Xabaril! Aí vén o Xabaril!
O cheiro repugnante que desprendía a moitos metros de distancia abondaba como anuncio da súa inminente proximidade”
Casalderrey, Fina, 2023 páx.24 Xerais
e tamén a través dos seus ollos, primeiro de neno logo xa de adulto, imos coñecendo mellor ese personaxe repugnante e noxento que vai volvéndose cada vez menos repugnante e menos noxento:
“Eu perdinlle o medo moi pronto porque nos contaba cousas doutros lugares dunha maneira moi especial e á rapazada sempre nos tratou moi ben”
Casalderrey, Fina, 2023, páx. 114 Xerais
Porén será, sobre todo, nas cartas escritas por Adelina en distintos momentos da súa vida onde se nos mostra a súa auténtica natureza e por que acabou convertida nun farrapo miserento e solitario.
“Moi amada e sentida nai:
Como lle vai? Soño cada día con que estea ben, alá onde queira que vostede se atope. Hoxe, en especial, bótoa moito en falta. Gustaríame ter unha íntima conversa con vostede para lle preguntar como se sente. Xúrolle que non é para lle reprochar nada, é tan só por coñecer un pouco máis a alma dunha nai, saber que foi o que lle impediu realmente continuar preto de min…”
Op. Cit. Páx 205
A carón de Ramiro hai outros personaxes como Cándida, Concha, Miguel, Amancio, etc. que contribúen a achegármonos ao Xabaril. En realidade trátase de todo un pobo o que nos transmite os amores e odios que xera esta muller.
É unha novela maxistralmente construída que mantén o interese do lector ata a última liña, unha novela que é quen de trasladarnos á vida cotiá no rural da primeira metade do século XX e mergullarnos nas pequenas e grandes historias que garda ese mundo e a súa xente, mais tamén unha novela que non pasa por alto os acontecementos históricos que se viviron neses anos e, da man dos seus protagonistas, volvemos ao tempo da ditadura de Primo de Rivera, da II República, e, sobre todo da represión trala sublevación militar do 36. Unha novela que se detén na análise das personaxes femininas poñendo de relevo a complicada vida que lles tocou vivir a tantas mulleres nesa época, principalmente por ser mulleres, mais tamén lles reserva un espazo importante aos homes, e como mostra temos a Ramiro, de gran relevancia na historia, un personaxe que desborda humanidade e sensibilidade, ou o do seu avó Amancio; iso si, ao seu carón e como antagónicos destacariamos por riba de todos o pai de Adelina e algúns outros nos que se detén menos a narración pero que teñen un posto destacado e gañado a pulso a carón do proxenitor da protagonista.
Tamén é unha novela na que se lle saca moito rendemento ao xogo temporal: o tempo da historia trasládase ao discurso narrativo a través do vaivén presentepasado. Un presente cheo de incógnitas que se deben resolver recorrendo ás lembranzas dun pasado máis ou menos remoto. Será principalmente con Ramiro con quen nos embarquemos nesas viaxes temporais para tratar de recordar e entender.
Unha novela cunha estrutura narrativa na que se combina a técnica epistolar – clave no desenlace- coa narración en 3ª persoa, relato no que domina claramente a perspectiva de Ramiro, é el o que, ao par do lector, le a multitude de cartas que nos van desentrañando o misterio que se agocha tras a muller Xabaril.
E por último é tamén unha novela na que a presenza da música en torno aos personaxes principais é constante, situándose ao seu carón como unha protagonista máis, a música de John Lennon que escoita Ramiro no seu vinilo e acompaña as súas cavilacións, pero tamén a copla que adora Concha e que se mantén intacta na súa memoria, a música das verbenas, pasodobres, boleros… que foron a banda sonora dunha época que conforma o pasado e, en ocasións tamén o presente, dos personaxes de A muller Xabaril.
Por que recomendo a lectura desta novela?
Primeiro porque é unha novela de ritmo áxil e intenso que nos transporta a espazos familiares ou facilmente recoñecibles, poboados por personaxes de grande autenticidade que nos atrapan no seu mundo e aos que xa non poderemos abandonar ata o final. Ademais a historia que se nos relata vai gañando interese e emoción a medida que se vai avanzando na lectura, e non decepciona.
Porque indaga nun tema que non por ser moi tratado resulta menos interesante: a complexidade do ser humano, nesta ocasión principalmente a través da fascinante personaxe da muller Xabaril e mostra como se agocha baixo grotescas capas superficiais quizais para fuxir de si mesma, do que en realidade hai debaixo de todas elas, amosando só un disfraz repulsivo que provoca noxo e rexeitamento por parte da maioría dos que un día foron os seus semellantes.
Porque nos abre os ollos ante realidades dolorosas e pescuda nas profundidades dun ser que sufriu unha metamorfose inversa á da bolboreta, pero que acaba entrando en nós cunha fervenza de emocións que atravesan as páxinas do libro anegándonos por completo, mérito indiscutible dunha pluma que para os que somos lectores asiduos da súa obra, xa coñecemos ben, mais non por iso resultamos menos conmovidos.
Boa lectura!
Charo Valcárcel
(abril 2023)
Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
Actividades culturais do 2 ao 8 de Decembro por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 25 de Novembro ao 1 de Decembro por Ana Santos
by Ana | Novembro 24, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 18 ao 24 de Novembro por Ana Santos
by Ana | Novembro 17, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 11 ao 17 de Novembro por Ana Santos
by Ana | Novembro 10, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 4 ao 10 de Novembro por Ana Santos
by Ana | Novembro 3, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 28 de outubro ao 3 de Novembro
by Ana | Outubro 27, 2024 | Actividades | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Olga Martínez López por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 27, 2024 | Historias de vida | 1 Comment
Luisa Pan Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 22, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Víctor Pedreira Crespo por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 14, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
A guerra civil e a represión do maxisterio. O caso de Vázquez Grela por Marcos Seixo
by Marcos Seixo | Novembro 24, 2024 | Etnografía | 0 Comments
A Bisavoa por Manolo Gulías Márquez
by Colaborador | Novembro 17, 2024 | Literarias | 0 Comments
A xuventude, o gran tesouro por Jose Solla Casqueiro
by Colaborador | Novembro 17, 2024 | Fotográficas | 0 Comments