Kafka en la orilla é unha novela complexa, que somerxe ao lector no mundo non menos complexo de Kafka Tamura, un adolescente de quince anos que un día decide deixar atrás o que ata ese momento foi a súa vida, unha vida chea de incógnitas e de baleiros, e coa súa mochila ás costas inicia un percorrido que o levará, a través de camiños intrincados e mesmo perigosos, ao descubrimento de certas claves da súa existencia, do seu eu. Pero tamén nos somerxe no mundo de Nakata, un personaxe entrañable cuxa historia corre parella á de Kafka Tamura, aínda que nunca chegan a cruzarse, nin sequera a coñecerse.
Como noutras obras de Murakami a presenza de dous mundos diferentes, de dúas realidades que chegan a rozarse e mesmo a interferirse ten unha grande importancia.
Se tentamos realizar unha análise profunda da novela atopámonos con moitas incógnitas, con personaxes inquietantes, con feitos difíciles de explicar ou entender:
Xa desde o primeiro capítulo nos discursos narrativos en primeira persoa -que non é outra que a do protagonista Kafka Tamura– aparece o personaxe do mozo chamado Corvo, un personaxe que lle fala ao protagonista, que semella reflectir a voz da súa conciencia, ou quizais a do seu álter-ego. Unha segunda personalidade?
Nun dos últimos capítulos este mozo sobrevoa o bosque e atopa o home que rouba as almas dos gatos (o pai de Kafka Tamura?). O home está no limbo, segundo el mesmo di, morto, pero sen cruzar ao outro lado. O “mozo chamado corvo” intenta destruílo, mais é incapaz malia o empeño que pon e o home acúsao de ser só un eco, unha ilusión, e non ter a capacidade para poder acabar con el. Este episodio parece confirmar a tese de que ese “mozo chamado Corvo” é unha especie de “outro eu” de Kafka Tamura, que aínda se está formando, e que finalmente encherá a intensa personalidade do rapaz; por iso as últimas palabras da novela son pronunciadas polo “mozo chamado Corvo” anunciando a chegada a un mundo novo do “auténtico mozo de quince anos máis forte do mundo”.
O personaxe de Nakata que xoga un papel tan importante no desenlace. A actuación deste home é crucial no desenvolvemento da vida de Kafka Tamura tras marchar da casa. Porén non chegan a coñecerse, pero están estreitamente relacionados: a misteriosa morte do pai do rapaz e a búsqueda da pedra da entrada establece un vínculo entre eles que serve ademais de fío condutor e de enlace entre os capítulos protagonizados por un e outro.
Ao lado de Nakata enseguida cobra importancia tamén o personaxe de Hoshino, o mozo que acompaña a Nakata na búsqueda da pedra da entrada e posteriormente na de Saeki. O que encontra a pedra e abre e pecha a entrada. O rapaz que descobre a música clásica, “O Trío do Arquiduque” de Beethoven e comeza a gozar da lectura, cousas que non fixera ata o momento e que descubrirá cando se converte no compañeiro de viaxe de Nakata.
A señora Saeki e Oshima. Aos dous coñéceos na Biblioteca Commemorativa Komura.
Ela é un personaxe clave no percorrido vital de Kafka Tamura, a Saeki adulta e tamén á Saeki de quince anos, que visita de madrugada o cuarto que el ocupa na Biblioteca e da que se namora profundamente. É a muller que idealiza como nai, pero tamén como amante.
El, confidente e compañeiro, amigo e cómplice. Coa súa axuda chega ao bosque buscando un refuxio.
A Biblioteca Commemorativa Komura, lugar no que Kafka Tamura sente o máis parecido á felicidade. Por unha parte porque unha biblioteca é un lugar no que hai moreas de libros e pode ler ás súas anchas, afección principal e case única, poderiamos dicir, de Tamura, lector incansable de todo tipo de libros. Por outra porque, como dixemos, aquí coñece a señora Saeki.
O bosque: Kafka Tamura chega ao bosque a través de Oshima. En realidade Oshima facilítalle a cabana que está no bosque como refuxio, pero advírtelle que non se interne na súa espesura porque pode non voltar.
Finalmente Kafka crúzao, porque está aberta a porta de entrada, e regresa tras permanecer no mundo que se atopa ao outro lado.
É evidente o significado simbólico do bosque.
Como debemos interpretalo?
En pobos e culturas distintas e distantes o bosque relaciónase co coñecemento, coa sabiduría, tamén co descubrimento do que está oculto, mesmo coa morada de Deus e polo tanto a entrada á outra vida, ao MÁIS ALÁ.
Quizais poida ser ese o seu significado xa que nese mundo no que chega a entrar (a través do bosque) non existe o paso do tempo, as persoas que están alí non precisan comer e ten un encontro coa señora Saeki tras esta morrer na Biblioteca Komura. É ela a que o convence de que debe volver, que debe saír de alí.
Personaxes fantásticos, metafóricos, como Jhony Walker ou o Coronel Sanders, que semellan saídos dun pesadelo, dunha mente confusa ou simplemente diferente na percepción da realidade.
Kafka Tamura é un ser infeliz, presa dunha inmensa soedade, un ser que se interna no bosque porque cre que non hai nada que deixe atrás que valla realmente a pena, nada polo que voltar, ninguén polo que regresar.
Será a Señora Saeki, a súa nai ou a que el quixera que fose a súa nai, a que o convenza de que ten que regresar, de que si valerá a pena. O seu apoio será o cadro de Kafka en la orilla del mar. Kafka, que era o nome do amor da señora Saeki que morreu nunha manifestación, ese Kafka que está inmortalizado no cadro á beira do mar. K. Tamura sente coma se el fose ese Kafka, sente a brisa do mar, vese a si mesmo sendo inmortalizado polo pintor mentres a señora Saeki o observa.
Kafka Tamura soña unha vida que quixo ter, soña ser un home que quixo ser. Ama a unha muller que pode ser a súa nai e odia ao seu pai, que é representando na novela polo personaxe malvado asasino de gatos e ladrón das súas almas.
Por que este rapaz xaponés de quince anos decide poñerse o nome de Kafka?
Na novela hai unha breve referencia ao escritor checo que xorde da curiosidade de Oshima cando coñece o nome do noso protagonista. Se temos en conta que nesta obra hai múltiples referencias literarias, musicais, filosóficas, etc. sorprende quizais que as liñas adicadas a Franz Kafka sexan tan escasas. Non é un nome común e menos na sociedade xaponesa. Cabería esperar que se xustificase a elección deste nome cunha ampla alusión á obra do escritor, que polo menos se presentase como o favorito de Tamura. Non é así.
Talvez a explicación haxa que buscala máis nas semellanzas que si se poden observar entre a personalidade do rapaz xaponés e a do escritor checo.
Kafka foi un home de personalidade complexa, inquedo, solitario, rebelde, cunha vida interior intensa que reflectiu na súa obra. Os seus biógrafos falan asemade dunha relación difícil co pai e da importancia da muller na súa vida, a muller concebida como nai-deusa- amante.
Porén as semellanzas van moito máis alá, xa que esta novela, como boa parte da narrativa do autor xaponés mestura soño e realidade, mundo real e mundo das ilusións, dos soños e dos pesadelos ,como tamén sucede na obra kafkiana.
Novela para ler e reler, para gozar e somerxerse na reflexión á que nos conducen os seus complexos personaxes e as complexas accións que protagonizan.
Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
Actividades culturais do 7 ao 13 de outubro por Ana Santos
by Ana | Outubro 6, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 30 de setembro ao 6 de outubro
by Ana | Setembro 29, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 23 ao 29 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 22, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 16 ao 22 de setembro 2024 por Ana Santos
by Ana | Setembro 15, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 9 ao 15 de setembro 2024 por Ana Santos
by Ana | Setembro 8, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 27 de maio ao 2 de Xuño por Ana Santos
by Ana | Maio 26, 2024 | Actividades | 0 Comments
Luisa Pan Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 22, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Víctor Pedreira Crespo por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 14, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Carmen Fernández Conde por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Fidelina Gómez Rancaño por Ana Santos
by Ana | Febreiro 11, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Huevos… de codorniz por Juanjosé Guirado
by Colaborador | Outubro 6, 2024 | Articulos | 0 Comments
Os paxaros por Jose Solla Casqueiro
by Colaborador | Outubro 6, 2024 | Fotográficas | 0 Comments
A escola das Nogueiras por Charo Valcárcel
by Charo | Setembro 29, 2024 | Etnografía | 0 Comments
O gato e o rato por Manolo Gulías
by Colaborador | Setembro 29, 2024 | Literarias | 0 Comments