Por suposto que imos reservarlle un espazo destacado ao teatro, non teriamos perdón de non facelo, non só porque é unha parte moi destacada da nosa cultura, senón tamén pola nosa relación con ese mundo ao ser moitos de nós membros do grupo de teatro amador Argallada.
Falaremos de teatro, propostas, obras en escena, obras xa convertidas en clásicos, etc. e, como non, falaremos do noso, das obras que fixemos nós ao longo de quince anos.
Ídesnos permitir, aínda que poida parecer inmodesto ou fachendoso, comezar polo que mellor coñecemos, por Argallada.


O Grupo Argallada é un grupo de teatro amador formado por profesores e exprofesores do IES Valle Inclán de Pontevedra. Ben é certo que cada vez somos máis os ex, así, todos os membros deste blog, a excepción do noso querido compañeiro Pepe, pertencemos ao grupo, ademais case todos estamos nel desde o seu nacemento, que se remonta ao curso 2005-06.
Foi no seo do Equipo de Normalización Lingüística onde xurdiu a idea. A participación de docentes de distintas materias nunha actividade cultural que trataba de potenciar o uso do galego e o intento de facilitar unha aproximación do noso alumnado ao feito teatral como algo cercano e recoñecible, didáctico e divertido, constituíron os argumentos que nos animaron a tomar a decisión.
En fin, se somos sinceros, tamén había pola nosa parte unha vocación faranduleira nada desdeñábel.
Desde entón representamos cada final de curso unha obra de teatro, con predominio absoluto da comedia, de autoría propia e allea e dirixida ao noso alumnado, pero tamén ao todos os que quixeron achegarse ao Teatro Principal, aínda que chegamos mesmo a actuar en Santiago, Caldas, Cuntis, O Carballiño, Vilagarcía, A Estrada, Ribadumia… e en varias freguesías pontevedras, como Campañó, Mourente, Marcón, etc. Falo en pasado porque neste maio-xuño do 2020, debido á brusca incursión da pandemia nas nosas vidas, non o puidemos levar a cabo e por primeira vez interrompeuse sine die a posta en escena da nova montaxe que xa estabamos preparando.
Foron dez obras distintas as que representamos ao longo destes quince anos, algo que non poderiamos ter feito sen a axuda inestimáble de Manuel Solla, profesor de teatro do grupo de alumnado do instituto e á vez actor e director de teatro, que nos aconsellou, nos ensinou e foi o responsable da montaxe da luz e do son da maioría das obras.
Queridos Reis Magos foi unha tradución e adaptación ao galego, realizada polo Grupo Argallada, da peza Criaturas do grupo catalán T de teatre.
Esta escena que seleccionamos foi unha das máis aplaudidas, pero a obra estaba estruturada en oito máis: Neonatos, Vida de nai, Carta dubidosa, Por que? 1, Carta da bicicleta, Por que? 2, Quero ser maior e Over the Rainbow
Recomendación: se non tivestes ocasión de vela no seu día merece a pena visualizala toda, seguro que non vos arrepentiredes da decisión.
Representouse no ano 2016 no Teatro Principal de Pontevedra con grande afluencia de público, como soía ser habitual nas nosas montaxes, ao contar co noso alumnado incondicional e moitos dos compañeiros, familiares, amigos, etc.

Charo Valcárcel Mato
Profesora de galego
Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.
Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.
Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
Actividades do 27 de Marzo ao 2 de Abril 2023
by Ana | Marzo 26, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 20 ao 26 de marzo 2023 por Ana
by Ana | Marzo 19, 2023 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 20 ao 26 de Febreiro 2023
by Ana | Febreiro 19, 2023 | Actividades | 0 Comments
Rafael Sánchez-Agustino “Fis” por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Juan Romero Ogando por Ana Santos
by Ana | Febreiro 12, 2023 | Historias de vida | 0 Comments
Marina de Sáa González por Ana Santos Solla
by Ana | Decembro 18, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Luis Otero Echart por Ana Santos
by Ana | Decembro 4, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Mª del Carmen Fernández Iglesias por Ana Santos
by Ana | Novembro 13, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Rafael Loureiro Álvarez-Builla por Ana Santos
by Ana | Outubro 30, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Donald Trump no concello da Estrada por Marcos Seixo
by Marcos Seixo | Marzo 26, 2023 | Articulos | 0 Comments