Primate coma ti

Benito Andrade

Non é a máis forte das especies a que sobrevive, tampouco é a máis intelixente. É aquela que se adapta mellor ao cambio”

Charles Darwin

Hai uns meses, o meu querido e admirado José Luis López de Guereñu, ilustrábanos cun artigo en DE VELLA A BELLA que, baixo o título de “Primates”, reflexionaba e deixaba voar a imaxinación acerca de como sería o mundo se non se tivera producido a hominización nin a humanización, transmitindo a idea de que a aparición e expansión de sapiens tiña sido un feito transcendente na historia da vida. Eu, dende o aprecio absoluto polas palabras de Darwin cando escribiu que “é recomendable percibir claramente a nosa ignorancia” quixera facer unha pequena achega e, antes de entrar neste tema, acho que sería importante abandonar o antropocentrismo e a soberbia que nos levan a situarnos no máis alto da pirámide evolutiva e, xa que logo, a ter unha visión distorsionada de quen somos. E que fique claro, somos tan primates como calquera mona ou como os lémures ou os loris. Agora, a pregunta que eu me fago é se somos tan distintos e superiores como para que a nosa seguramente breve existencia deba ser considerada de forma realista como un evento especial, único, importante ou decisivo na historia da Terra.

Postos a imaxinar, imaxínome o que pensaría Lucy, a Australopithecus afarensis que descansa nunha caixa forte en Addis Abeba, se erguese os seus ósos e captase o contido de moitos dos escritos que sitúan o home actual na cima da escala evolutiva. Se entendese aos que aseguran que Homo sapiens é “a especie máis evolucionada” ou “a especie que dominou o mundo” ou cousas polo estilo, seguro que pensaría que, na realidade, trátase dunha especie de fachendosos soberbios que teñen capacidades especiais si, para prender lume, para matarse entre eles a miles, para escribir textos non sempre con boa intención, para pintar a mona, para facer o parvo, para facer ruídos chamados música moitas veces de dubidoso gusto, para perder o tempo e para unha chea de cousas que eles consideran útiles e importantes. Pero, se nos baixamos da burra da cima da evolución, poderemos ver que os circuítos neuronais que nos permiten “flipar” cunha orquestra de cámara tocando unha fermosa sinfonía, non están ausentes nos nosos parentes evolutivos próximos e incluso nos non tan próximos, outros vertebrados tamén poder desfrutar, seguramente coa mesma intensidade, de sons sen tanta corda, vento, ou percusión. O noso cerebro é grande, si, pero non contén ningún área milagrosa por máis que nolo pareza, teriamos que ver se en realidade son tan diferenciadores a área de Broca, os lóbulos prefrontais hiperdesenvoltos o supercórtex ou outras zonas desenvoltas no cerebro dos sapiens, se son suficientemente especiais como para separarnos do resto da “creación”. A cultura está presente en moitos grupos animais e seguramente produza neles unhas sensacións tan intensas como as que provoca en nós. Tampouco estarán ausentes, nin serán tan diferentes nin química nin estrutural ni funcionalmente os centros que determinan outros rasgos sapiens que exaltamos como nosos como a espiritualidade, o raciocinio ou o pensamento abstracto.

E no noso comportamento, os aspectos máis determinantes, posúen a súa orixe en pautas comportamentais innatas, é dicir determinadas xeneticamente e xa que logo filtradas pola selección natural; pautas como o gregarismo, a territorialidade por máis que marquemos o territorio con marcos en vez de con mexo, o altruísmo ou o establecemento de xerarquías que están presentes en moitos grupos zoolóxicos e grazas aos cales sobreviviron. E tamén son comúns os mecanismos de modulación destes comportamentos co que, en realidade, a nosa suposta liberdade de albedrío está moi limitada resultando máis aparente que real. Máis ben parece que a superioride sapiens non é máis que que unha sensación que nace dun carácter moi propio este si da especie, a arrogancia, que probablemente tamén contribúa á supervivencia doutras moitas outras especies; o ego ou a autoestima, tan necesarias para manter un ritmo de actividade individual compatible coa vida.

O home occidental tende a pensar que pode dobregar a natureza. Temos aprendido a subxugala, pero estamos cegos. Necesitamos una ciencia da sabedoría”

Frank Herbert

Temos que admitir, penso, que os diferentes animais poden ter diferentes tipos de procesos cognitivos que son o resultado da adaptación cognitiva aos seus diferentes nichos ecolóxicos e que non ten sentido situarnos nun determinado nivel de xerarquía.

Que tería ocorrido logo se sapiens non tivese adquirido as funcións cognitivas que o caracterizan e que algúns chaman “superiores”, pois simplemente que o que chamamos hominización, nalgún momento tería entrado en vía morta evolutiva con anterioridade, unha vía morta na que nos atopamos agora.

Pero non se trata de pesimismo, moitos pensan, e eu tamén, que sapiens podería chegar a construír unha sociedade sen o sufrimento que provoca a desigualdade, por máis que nazamos cun instinto de xerarquización, onde compartamos os recursos con honestidade aínda que sexamos territoriais e onde sexamos libres por máis que o noso comportamento estea embridado polo instinto de supervivencia. Esa sería unha demostración de racionalidade, pero, será posible?

Benito Andrade González

Benito Andrade González

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

Voltemos a Chernobil

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥