Seleccionar página

Voltemos a Chernobil

CATÁSTROFE

 Hai agora 35 anos, aproximadamente á unha e media da mañá do 26 de abril de 1986, no reactor número catro da central nuclear Vladimir Ilich Lenin, próxima á cidade de Chernobil, producíronse unha serie de explosións debidas ao incumprimento das normas de seguridade por parte dos responsables da central, que terminarían por dispersar elementos radioactivos procedentes da fusión do uranio, contaminando un área de 150.000 quilómetros cadrados. Liberouse unha cantidade de radiación 500 veces superior á emitida en Hirosima. Na zona en torno ao reactor a toxicidade era 100.000 veces superior á tolerada polo ser humano. O accidente clasificouse dentro do grao 7, o máis alto dentro da Escala Internacional de Sucesos Nucleares. O po radioactivo transportado polo vento estendeuse polo norte de Europa; Suecia detectou radioactividade un día despois na chuvia que regaba os seus campos e cidades.

Chimenea de Chernobil

Non é fácil facer contas exactas dos danos causados polo accidente pero calcúlase que unhas 300.000 persoas foron separadas dos seus fogares, entre eles os 50.000 habitantes de Prípiat, a vila situada a 3 quilómetros da central. No que se refire ás vítimas non é fácil facer unha estimación, oficialmente recoñécense menos de 50,  os cálculos que se teñen feito presentan resultados moi dispares que oscilarían entre os 9.000 que calculou a OMS en 2005 e os 60.000 dun estudo publicado en 2006. Pero é moi difícil saber se moitas enfermidades que aparecen varios anos despois do accidente teñen a súa causa na radiación emitida tralo mesmo, polo que as cifras seguramente sexan moito máis elevadas.

ÉPICA

 No enfrontamento á catástrofe, a entrega das persoas que actuaron nos primeiros días adquiriu dimensións épicas, toda unha demostración da capacidade de loita e supervivencia humanas. Xa dende os primeiros momentos, a actuación dos técnicos, científicos, bombeiros e traballadores intentando apagar os lumes e enfriar e conter o mortífero reactor, ignorando a intensa radioactividade á que estaban a someterse, foi unha gran mostra de coraxe.

 Na recollida dos restos de material radioactivo que se tiña dispersado por unha grande extensión participaron 600.000 persoas; obreiros, científicos, bombeiros, mineiros, soldados, todos voluntarios salvo os militares aos que o goberno soviético ofreceu permutar dous anos de servizo militar por dous minutos de traballo no reactor. Moitos deles descoñecían a magnitude das radiacións ás que estaban sometidos. As tarefas máis  complexas eran as que se realizaban no teito do reactor, alí a intensidade da radiación multiplicaba por moito a capacidade humana para resistilas. Tras intentar limpar esta zona con robots que foron rapidamente inutilizados pola radiación, recorreuse a robots humanos, os biorrobots, que durante períodos de entre un e tres minutos, recollían os restos que podían e os guindaban á zona onde estaba o núcleo do reactor.

Diante do risco de que se producisen novas explosións se se poñían en contacto o combustible nuclear fundido e a auga que servía para a refrixeración que se acumulaba no subterráneo, dous enxeñeiros e un traballador da central introducíronse mergullándose nelas, a pesar de conter unha carga radioactiva mortal, para abrir as válvulas e sacar as augas dos seus depósitos, dando por seguro que non sobrevivirían. 

Liquidadores en Chernobil

Saíron con vida e falaron para os medios soviéticos pero durante anos pensouse que terían falecido pouco despois da súa fazaña, recentemente descubriuse que en realidade sobreviviran e dous deles aínda estarían vivos mentres que o terceiro faleceu en 2005.

MITO

 Hoxe, 35 anos despois do accidente, o ocorrido na central atópase rodeado dun halo mítico ao que sen dúbida contribuíu todo o segredo amosado pola entón URSS que ocultou moita información sobre o acontecido e as súas consecuencias; como adoita ocorrer nestes casos, a imaxinación enche os ocos da narrativa e incluso crea e engrandece outros novos. A recente serie de HBO sobre o accidente contribuíu sen dúbida a asentar este mito.

 Pero é que ademais Chernobil representa para nós a apocalipse nuclear por excelencia, ese mito e ameaza que forma parte do imaxinario da humanidade dende as imaxes das explosións de Hirosima e Nagasaki engordado pola literatura e o cine. Quen non se sobrecolle diante do propio nome da cidade? Como un crente diante do nome do seu deus. Pero neste caso é un mito real, unha historia verdadeira e unha ameaza ben tanxible.

Documental sobre a zona

Novo escudo da central

PARQUE TEMÁTICO

 Que dubida cabe de que, se o nome de Chernobil desperta no noso subconsciente os medos atávicos, as inseguridades diante da inmensidade dun mundo que non entendemos ben, a incomprensión dos rumbos da historia que pasan por estes acontecementos; non é lóxica a curiosidade por coñecer o que alí aconteceu, por comprobar que hai de real no mito?

 Seguramente o coñecemento físico dos lugares permítenos ver as ameazas ás que nos enfrontamos nunha historia de futuro incerto. Probablemente sexan eses medos e incertezas os que nos arrastran ao turismo de catástrofes en xeral e por iso queremos visitar a central, acercarnos á apocalipse e comprobar ata onde poden chegar os nosos límites. Na actualidade existen varias empresas turísticas coas que podemos concertar unha visita guiada á central e á Zona de Exclusión, incluso xa hai hoteis dentro desta zona e o número de visitantes non para de medrar, máis dende a emisión da serie de HBO, e aínda crecerá moito máis a atracción cara a este santuario da catástrofe, ollo, non natural, provocada.

 Segundo contan, o que se atopa en Chernobil ten unha profunda carga simbólica con referencias á historia recente da Unión Soviética con restos da súa estética e as súas mensaxes, éntrase no terreo da épica e do mito e por suposto tamén supón unha invitación a reflexionar acerca do poder da natureza e do futuro da humanidade, a súa capacidade de destrución e as dificultades para a conservación e o progreso verdadeiro. Ou así debería ser.

Turistas no parque temático

AMEAZA

 Terminou con Chernobil a ameaza dun accidente nuclear? En absoluto, é posible que se aprendese do accidente e que se mellorasen as opcións de seguridade pero, porén, en 2011 volvemos ter un accidente importante, en Fukusima; aínda que provocado por un tsunami, é evidente o potencial destrutivo da combinación da actividade humana e das forzas da natureza. Alguén se estrañaría se recibe noticias hoxe dun accidente nuclear en calquera parte do mundo? Á parte da sorpresa dunha noticia desa envergadura entenderiamos que se tivese producido.

Con cerca de 450 reactores nucleares funcionando no planeta, existen posibilidades evidentes de que o accidente aconteza, de feito prodúcense, a pesar da opacidade dos sistemas de control e das empresas eléctricas, periodicamente chegan novas de pequenos “incidentes” que, nas condicións precisas, poden converterse en grandes catástrofes. En España existen 7 reactores en funcionamento, repartidos en 5 centrais, algúns cunha antigüidade considerable.

 As poderosas empresas eléctricas e incluso algúns pseudoambientalistas pretenden facernos ver que a enerxía nuclear é imprescindible para que as luces acendan cada vez que pulsamos o interruptor, en realidade non só non son imprescindibles, podemos vivir e progresar sen centrais nucleares e, sobre todo, debemos liberarnos destas ameazas para despexar un futuro sen catástrofes.

Benito Andrade González

Benito Andrade González

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

máis artigos

Actividades do 14 ao 20 de xuño 2021

Do 7 ao 13 de Xuño

Actividades do 31 de maio ao 6 de xuño

Do 24 ao 30 de Maio 2021

Do 17 ao 23 de maio 2021

Do 10 ao 16 de maio 2021

♥♥♥ síguenos ♥♥♥

Español