O amor é un dos temas favoritos da literatura e do cine. Este sentimento tan humano ten sido abordado desde diferentes enfoques. Na traxedia grega, Medea representa o amor desaforado que conduce á desesperación e a vinganza. Shakespeare, en Romeo y Julieta, formula unha historia de amor romántico levado ata as últimas consecuencias. Calixto y Melibea é a crónica de dous amantes apreixados polo erotismo e a paixón sexual.
No cine, o amor é o argumento central de numerosísimas películas. Un dos westerns míticos da época dourada de Hollywood é Duelo al sol. Dirixida por King Vidor e interpretada por Jennifer Jones, Gregory Peck e Joseph Cotten, conta a historia de Perla, unha mestiza enviada a vivir ao rancho do senador McCandless en Texas. Os dous fillos do senador, Jesse, educado e respectuoso e Lewton, impulsivo e pasional, dispútanse o seu amor. Baseada na novela de Niven Busch sobre o trasfondo do relato bíblico de Caín e Abel, tan do gusto do cine norteamericano. Duelo al sol é o relato dunha paixón destrutiva que se sublima coa morte. Memorable a escena final con dous actores en estado de graza.
El nombre de la rosa, a exitosa novela de Umberto Eco, máis coñecida polo gran público pola súa versión cinematográfica, é un relato de intriga sobre as mortes acontecidas nunha abadía do norte de Italia. O misterioso asasino, o monxe español Jorge de Burgos –o nome foi escollido por Eco pensando en Jorge Luis Borges- é o causante das mortes ao envelenar as follas do libro segundo da Poética de Aristóteles, dedicado á comedia como un medio de liberación. Para Aristóteles a risa é catártica, benéfica, incluso é recomendable como exercicio corporal. Galeno e todos os médicos desde entón, afirmarán o mesmo (risoterapia).
Sen embargo, para Jorge de Burgos a risa é subversiva porque neutraliza o medo, e sen o medo non pode haber fe. O libro, a Poética, podería incitar aos homes a perder o temor ao inferno e, sen medo ao demo, xa non hai necesidade de Deus. Velaí a cuestión: o medo como instrumento de control e de dominio.
A raíña da mitoloxía galega é a moura. Mouras que foron encantadas porque, nun acto de rebeldía, rexeitaron aos pretendentes que os seus proxenitores lles tiñan destinados para casar. A cerna do mito garda certa semellanza co de Eva, que foi castigada non por comer unha mazá, senón por tentar exercer –como a moura- o seu libre albedrío. O libre albedrío é o asunto capital que sempre aparece vinculado coa muller, liberdade que se lle nega para postular o seu control e submisión: “O que máis se teme da muller e a súa sexualidade…O que o home non posúe, o que escapa á súa capacidade, é o que debe ser controlado co maior coidado e eficacia ideolóxica: a muller como ser reprodutor e por isto como ben de intercambio” (Buxó Rey, 1988 : 61).
Nas aldeas as casas fortes exercían a restritividade sexual sobre as doncelas, a virxindade como moeda de cambio nos arranxos matrimoniais.
As mouras están encantadas, prisioneiras nun lugar afastado, ata que apareza o pretendente axeitado, un mozo afoutado –en realidade un heroe- capaz de confrontarse coa morte representada por un monstro, unha serpe, que é a moura coa sexualidade activa que o mozo ten que dominar (Aparicio Casado, 1999 : 342-347). Acadado isto, a moura trocarase nunha muller pracenteira e submisa que aportará fillos e riquezas á casa posibilitando, en ocasións, a orixe dunha liñaxe.
Non é doado –e os relatos así o testemuñan- que o pretendente culmine con éxito o desencantamento da moura. Ela é pagá, pertence a unha xente allea, estraña, cun modo de vida e costumes non recoñecibles. O mozo é cristián, arredado de todo o que comporta a mourería. Fronte a eles érguese o muro da intolerancia, dos prexuízos, das sospeitas sobre os foráneos, sobre “os outros”. Un fenómeno social que todos coñecemos ben porque, desafortunadamente, está moi vivo nas nosas sociedades.
Ese prodixio de sentido común que era o cervo de Cuñas, que durante moitos lustros observou o noso comportamento, facíase, incrédulo, estas preguntas: “Por que vos comen ou vos comedes tanto o coco! Se papades é gula; se trebellades, luxuria; se durmides, preguiza; se xurades en kazako porque o voso veciño é un pesado e non deixa de amolarvos, é ira; se un día vos saen ben as cousas e pensades polo baixiño <<son un tío/a caralludo/a>>, é soberbia…A humanidade, sen ter cargado con tanta culpa, con tanto pecado, non tería sido máis feliz?” (Aparicio Casado, 2018 : 119). Agora o cervo xa non di nin chío, o teñen abandonado, ao mellor por ser un librepensador. Os que pensan e van por libre, a algúns moléstanlles.
A risa, a festa, o amor, son pecaminosos, perturbadores. Por que algúns non queren que a xente sexa feliz? Porque se non controlan, ademais do pensamento, as emocións e os sentimentos non teñen o dominio e o poder absolutos que é a aspiración de todos os dogmáticos.
Liberdade, divino tesouro, cantos inimigos tes!
Bibliografía citada:
Aparicio Casado, B. (1999): Mouras, serpientes, tesoros y otros encantos. Mitología popular gallega, Cadernos do Seminario de Sargadelos, 80, Sada, A Coruña.
– (2018): O anticonto da Pedra do Cervo. O que a fada e o cervo calaron por ser políticamente incorrecto, Ab Origine, Pontevedra.
– Buxó Rey, Mª. J. (1988): Antropología de la mujer. Cognición, lengua e ideología cultural, Anthropos, Barcelona.
Buenaventura Aparicio Casado
Doutor en Historia
Buenaventura Aparicio Casado é mestre e doutor en Historia. A súa tese doutoral El folklore en los yacimientos arqueológicos de Galicia acadou a máxima calificación de Apto Cum Laude por unanimidade.
Foi profesor titor nas facultades de Xeografía e Historia e de Ciencias Políticas e Socioloxía da UNED en Pontevedra, e profesor no IES “Chan do Monte”, de Mogor (Marín) ata a súa xubilación. Foi presidente do Grupo de Arqueoloxía “Alfredo García Alén”. Fundou e coordinou o Grupo de Investigación Arqueolóxica e Etnográfica “A Laxe da Irena” en Ponte Caldelas.
Impartiu máis dun cento de conferencias e é autor de 147 publicacións, entre elas 15 libros. Especialista en Arte Rupestre e en Antropoloxía, participou nas investigacións da Lanzada (2010) e do xacemento da Pedra do Cervo (2012). Colabora en programas de radio e en reportaxes da TVG.
Escritor de contos e ensaios, como investigador o seu interese se centra na mitoloxía popular e na etnoarqueoloxía dos gravados rupestres galegos.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥