Entrevista con:

Rebbeca

Viaxabamos polo suroeste dos USA, por unha zona desértica que contrastaba coas Montañas Rochosas das que viñamos. Partiramos de Denver e agora queriamos visitar os parques naturais do  sur de Utah e a cidade ideal para instalarnos e visitar a zona era Moab, pero cando nos puxemos a buscar aloxamento resultou que era imposible atopar nada por menos de 250 dólares a noite, algo moi fóra do noso presuposto. Comezamos entón a buscar pola contorna e o único sitio onde atopamos algo razoable foi nunha pequena vila “pantasma” xa que nacera pola minería que se explotaba na zona e que se tiña abandonado, chamábase…..

 Thompson Springs e alí había un vello e pequeno hotel mineiro “de película” pero a 75 euros a noite, non o dubidamos e reservamos uns días no “The Desert Moon Hotel”. Cando chegamos vimos unha vila esmendrellada con todos os locais e moitas casas pechados salvo un 7-11 nunha gasolineira. Foi unha parada na América profunda nun deserto no que apenas crecían algunhas plantas que agora se vían secas. Podemos ver imaxes de Thompson Springs en Thelma e Louis para a que se rodaron escenas nesta zona.

Hotel Rebbeca

Os clientes do Hotel eran persoas en tránsito, a maioría con aspecto de ser verdadeiros nómadas. Viámolas na terraza pola noite, tomando unhas cervexas que enfriabamos na neveira do hotel. Había unha cociña básica na que coincidiamos á hora do almorzo, sobre todo cunha muller coa que conversabamos mentres organizabamos o día. Explicábanos cal era o mellor momento para visitar os parques e desfrutar das mellores vistas sen ter que pagar, contabámonos cousas das nosas terras e axudounos a entender que moita xente se está movendo constantemente nos USA, por traballo, para viaxar, ou por rutina. Era Rebbeca, e ao cabo duns días separamos os nosos camiños; ela ía cara ao sur, a Santa Fe, en Novo México dunha tirada, e nós cara ao norte a Colorado e Waioming; Rebbeca saíu moi cedo o día da partida e non nos despedimos, regalounos a súa reserva de cervexas e deixounos unha nota desexando boa viaxe e o seu correo electrónico.

Pareceunos unha persoa interesante, con grandes vivencias e unha gran coñecedora da sociedade americana, por iso, á volta escribímoslle e propuxémoslle que contara as súas vivencias en DE VELLA A BELLA. Aceptou inmediatamente e, cando puido, escribiunos esta pequena escolma do que está a ser unha vida intensa, dende unha perspectiva diferente, sen dúbida interesante, e que nos axudará a coñecer un estilo de vida que se aproxima ao de moitos cidadáns alá nos USA. Así o conta.

HISTORIA DE REBBECA

Nacida en Oregón, un estado ao norte de California, na costa do océano Pacífico, nos Estados Unidos eu, Rebecca, viaxaba moito en coche, tren e avión coa miña familia cando era pequena. Os meus pais e eu acampamos a miúdo nas montañas, na praia e no alto deserto, si, Oregón ten os tres!. Unha vez que percorremos todo o camiño cara ao norte ata Alaska, por unha estrada sen asfaltar, a través de Canadá nunha viaxe dun mes, ficamos marabillados cos glaciares, as baleas e a maxestade das enormes montañas alá arriba. Crucei en tren os Estados Unidos, de Oregón a Nova York, uns 3.500 quilómetros nunha semana de viaxe en tren, varias veces coa miña avoa, que coidaba dos seus numerosos netos durante o verán na illa de Viña de Martha, fronte a Massachusetts no Océano Atlántico. Alí os meus curmáns e mais eu xogabamos na area, aprendemos a nadar no océano bravo. Non tiñamos auga quente para lavar a louza ou bañarnos e tiñamos que quentala na cociña de gas, xogabamos a moitos xogos de cartas durante os días de choiva e xeralmente pasaba o tempo divertido. Estando alí, tamén asistín a unha escola dun cuarto con seis nenos de 6 a 12 anos mentres os meus pais viaxaban por todo o mundo.

Ao ano seguinte, cando eu tiña nove anos, fomos os tres ao outro lado do mundo  vivir un ano a Indonesia. Pasamos a maior parte do tempo viaxando polas illas de Bali, Xava e Sumatra. Isto foi durante os turbulentos principios da década de 1960, cando os indonesios estaban amotinados contra os propietarios de tendas chineses en Xava. A miña xeadaría favorita foi queimada ata o chan, unha experiencia inesquecible e ilustradora. Tamén foi inesquecible e ilustradora a noite que pasamos na elegante casa dun príncipe en Bali, asistindo á súa voda ao día seguinte.

Cando deixamos Indonesia, volvemos aos EUA, pouco despois de que o presidente Kennedy fose asasinado.

(Unha nota á marxe: aos tres anos, tiña febre alta e administráronme unha droga, o que provocou que perdera a maior parte da miña audición. Aprendín a ler os beizos (véndome falar no espello,  ha ha) e os meus pais elixiron sabiamente “integrarme”, é dicir, que fun a escolas normais, non a un internado para xordos. Tiven moitos anos de logopedia para axudarme a aprender a falar para que os demais puidesen entenderme. Isto significaba que a miña voz sonaba coma se estivese escoitando á xente pero eu non escoitaba, como fai a maioría ao longo da súa vida sen decatarse, todos escoitades conversas en restaurantes ou a través das paredes, as letras de cancións populares, programas de radio e noticiarios, etc.)

Rebecca
Rebbeca activista

Then and now, Rebecca as an activist (1970 and 2021)

Cando regresamos aos EE. UU., mudámonos de Oregón a California polo traballo de meu pai que era un líder nacional dun sindicato de profesores; miña nai continuou traballando co goberno federal para prestar asistencia ás comunidades desfavorecidas e conseguir un emprego remunerado. Convertinme en nadadora de competición aos 10 anos en California e continuei logo practicando na universidade. Tamén fun activista en varias mobilizacións contra a inxustiza social; participei nas protestas polas intolerables condicións de traballo e de vida dos traballadores agrícolas migrantes na California rural e agrícola (ver foto). Eu veño dunha longa liña familiar de activistas, polo que se consideraba natural tratar de facer algo para mellorar a vida dos demais. Mentres viviamos en California, os meus pais e mais eu seguimos facendo viaxes por estrada: ao sur a México e por toda California e o oeste dos EUA.

Durante todas estas viaxes cos meus pais aprendín que a xente de todos os sitios era interesante e amable e sentía curiosidade por nós. Especialmente en Indonesia e México, os veciños estaban fascinados por estes viaxeiros de cara pálida. Recordo unha vez, mentres estaba parada nunha plantación de té en Xava agardando no coche a que meu pai conseguira unhas direccións, como os nenos da plantación e da aldea gateaban ao redor do noso vehículo intentando ver polas fiestras a aquela estraña nena de cabelo roxo  no coche!

Marchei á facultade, licenciándome en Benestar Social e Correccional, cunha especialidade en Ciencias da Saúde. A miña formación posterior incluíu un Máster en Traballo Social (Planificación, Administración de Políticas e Avaliación de Programas), unha licenciatura en Dereito (chamada Doutoramento en Xurisdición nos EUA) e un EMT (técnico de emerxencias médicas). Estou sobreeducada, si! Non obstante, cada un destes graos requiría traballo de campo, o que significaba que aprendín aínda máis sobre o que é estar nos Estados Unidos. Plantei árbores en centros penitenciarios, visitei centros de detención de menores, ensinei conceptos e dereitos básicos da lei a estudantes de secundaria e axudei aos lexisladores do Capitolio do estado a responder ás preocupacións dos constituíntes. Experiencias iluminadoras para dicir o mínimo!

A miña carreira foi principalmente a mediación e a resolución de conflitos, mesturada con competencia cultural e de diversidade, cun pouco de benestar infantil, conservación de enerxía e secretaria xudicial federal no medio. Tendía a cambiar de traballo cada dous ou tres anos, sempre pretendendo traballar en varios niveis de goberno dentro do estado de Oregón, de onde agora recibo a miña pensión. Cambiar de traballo a miúdo dábame máis perspectivas e facíame comprender que ninguén é indispensable e sempre hai máis que aprender.

Cando a miña filla chegou a ser maior, con oito anos máis ou menos, tamén comezamos a viaxar: México, Costa Rica, Australia, Canadá, Inglaterra e, por suposto, polos Estados Unidos para visitar familiares e amigos. Naquelas viaxes fixemos uns amigos de toda a vida, cos que seguimos en contacto. Durante os seus anos de bacharelato, tivemos un ano connosco unha estudante de intercambio de Arxentina, coa que tamén seguimos en contacto. Despois de graduarse na universidade e traballar a tempo completo, comecei a viaxar soa a Cuba, Chile, Arxentina e, finalmente, durante dous anos e medio, convertinme en voluntaria do Corpo de Paz dos Estados Unidos na Commonwealth de Dominica, unha pequena nación insular en Antillas. Alí traballei co Consello Nacional da Muller de Dominica axudando na súa reorganización, no Ministerio de Educación ensinando habilidades de mediación a administradores, educadores e estudantes e na Oficina de Xestión de Desastres avaliando os refuxios de emerxencia en caso de desastre e sobre todo aprendendo moito sobre como vivir nunha cultura sutilmente diferente. Volvín alí a principios deste ano 2023 para saudar aos meus amigos e ver o ben que se está a recuperar a illa da completa devastación que produciu o furacán María, de categoría 5, en 2017. As miñas experiencias alí reforzaron o convencemento do pouco que os EUA respectan ás persoas maiores (daquela tiña 60 anos), coas súas experiencias e sabedoría, mentres que a maioría dos outros países do mundo o fan.

A mellor decisión da miña vida, ser voluntaria do Corpo da Paz!

Estas viaxes de adulta reforzaron o meu amor anterior por coñecer xente de culturas diferentes á miña, coñecer os seus costumes, desfrutar da beleza en todos os tipos de paisaxes diferentes, xa fose a beira do mar, no deserto, na montaña ou no urbano, este último, a verdade é o que menos me gusta, e deleitarme cos sentidos da vista, o son (si, con tecnoloxías avanzadas hoxe en día podo escoitar paxaros por primeira vez!), sentir as diferenzas atmosféricas entre o alto aire do deserto e a brisa do océano, impresionante!, aromas coma os recendos a lavanda ou as primeiras pingas de choiva no deserto seco. O meu asombro ante a fermosa e marabillosa diversidade da nosa Terra é interminable!

yoda

Yoda at Crater Lake National Park (Oregon Fall 2021)

Yellowstone

Yellowstone National Park wild buffalo (fall 2021)

Great plains

Where the Great Plains meet the southern tip of the Rocky Mountains (New Mexico, USA 2022)

Utah

Utah 2022

Tras a pandemia, como estaba xa practicamente xubilada e xa non me necesitaba a miña filla para axudar co seu recen nacido que agora ten tres anos, a finais de 2021, cansa de estar encerrada na casa debido aos confinamentos polo COVID, comecei a realizar viaxes por estrada. A primeira viaxe foi unha traxectoria de 1500 millas co meu can pequeno, Yoda, saíndo da miña daquela casa en Oregón dirixíndome cara ao leste polas montañas Cascade ata o desfiladeiro do río Snake, ¡fermosísimo!, logo ao norte polo leste do estado de Washington, despois a través de Idaho e Montana ata Yellowstone e os parques nacionais de Grand Tetons. Afortunadamente, a multitude estival desapareceu, polo que puiden ver as fantásticas vistas sen ter que facer cola: geyseres, búfalos, acantilados multicolores, follas de outono que cambian de cor, cumes irregulares e nevados, ríos cristalinos con pescadores. en todas partes…

Olympic national park

Olympic National Park (Washington state, Fall 2021)

Bandoliers

Ancient peoples cave dwelling at Bandolier National Monument (New Mexico 2022)

cedar breaks

At 10300 feet (3100 meters) Cedar Breaks National Monument (Utah 2022)

Pouco despois de regresar, entroume o desexo de viaxar unhas semanas despois. Durante unha semana, dirixinme cara ao Norte ata o Olympic National Park, no estado de Washington, un tapiz de praias rochosas e de madeira flotante, montañas maxestosas, fermosas vistas panorámicas, mariscos deliciosos e illamento pacífico da “multitude tola”. Un par de meses despois decateime de que realmente non estaba preparada para establecerme en ningún lado. Empaquetei o meu apartamento nun almacén, despedinme da miña familia e comecei unha viaxe de nove meses de 13.000 millas, polo oeste e o suroeste dos Estados Unidos. ¡Menos mal que aforrei e fixen unha excelente quilometraxe grazas ao meu Prius híbrido! Visitei moitos dos parques nacionais, coñecín aos encantadores Sara e Benito nun remoto hotel nunha cidade “pantasma”, deleitada coas espectaculares paisaxes e vistas dun horizonte tan distante como o ollo poida ver.

Despois de viaxar, vivindo só do que había no meu coche, aloxada en airbnbs con cociña, durante nove meses decateime de que realmente se necesita un domicilio permanente por varios motivos: para votar nas eleccións, matrícula e licenza do coche, seguro do coche e de saúde, carnés da biblioteca e unha clínica veterinaria para as medicinas do meu can. Ao final deses meses de viaxe, achegueime xunto á miña filla para axudarlle co seu segundo recén nacido había uns meses, dándome de  conta de que realmente quería vivir no suroeste dos Estados Unidos (a miña filla vive no NO). Entón atopei e merquei unha casa encostada aquí en Santa Fe, Novo México que si, é un estado dos Estados Unidos!, agora facendo excursións dun día ás montañas próximas de Sangre de Cristo, a 10.000 pés de altura e aos monumentos nacionais locais con vivendas rupestres e pictoglifos dos pobos antigos que viviron aquí, paseos polo deserto co meu can e animando aos viaxeiros a que visiten (teño dous dormitorios adicionais para que te quedes mentres visitas o Estado do Encanto, a cidade diferente). A miña filla e a miña neta de tres anos veñen de celebrar o meu 70 aniversario en outubro, durante o festival anual de globos aerostáticos aquí. Cando ides vir de visita?

Por suposto, seguirei as miñas viaxes internacionais e xa fixera unha a principios deste ano de volta a Dominica. Quizais a miña próxima parada, quen sabe, sexa a Nova Zelanda e as viaxes por estrada; o seguinte é visitar a amigos e familiares na costa leste, aproximadamente unha viaxe de 2000 millas desde aquí, sen esquecer a viaxe de 1500 millas dende o Estado de Xeorxia a Maine!

Onde vas  estar?

Benito Andrade González

Benito Andrade González

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥