Foi un dos mellores e máis prolíficos músicos e compositores galegos da súa época, nomeadamente no que atinxe ao ámbito das bandas de música populares. Naceu no lugar de Cornide na freguesía de Antas (A Lama-Pontevedra) en 1900 no seo dunha familia humilde, sendo o máis vello de cinco irmáns, dous varóns e tres mulleres, amosando desde ben pequeno extraordinarios dotes musicais, que desenrola no ámbito familiar a carón do seu pai, Xosé Cambeses, que ao igual que o seu avó Gregorio Cambeses, formara parte da banda de Antas e tiña coñecementos na materia. Coñecementos que transmite tanto a Hixinio como ao seu irmán, que morre en plena infancia deixando a Hixinio privado dun grande compañeiro de xogos infantís co que ademais comezara a tanxer as primeiras melodías. 

Este feito suporá un forte golpe para o músico, que sempre foi unha persoa dunha grande sensibilidade; o que o levará a caír nunha severa depresión, que será algo así como un preludio das vivencias psíquicas que terá ao longo da súa existencia. Nesta primeira xeira concilia pois os primeiros estudos escolares cos musicais e as tarefas de aprendiz de carpinteiro, ás que ao parecer lles daba moito xeito. Este oficio serviulle para poder soster a familia a partir do intre en que morre o seu pai na emigración americana.

Hixinio Cambeses

A súa aprendizaxe musical é fundamentalmente de carácter autodidacta, mistura de talento natural, vocación, tenacidade e traballo entusiasta. Tocaba a maioría dos instrumentos da banda, mais cunha predilección especial polo bombardino.

Na freguesía natal, sendo aínda un mozo, crea unha escola de solfexo e en 1926 funda unha agrupación infantil, a Banda Celta, cun repertorio composto case exclusivamente por temas da súa autoría. De entre eles destaca o titulado “Ard’o eixo carballeira”. Desta banda sairán moitos e importantes músicos de banda.

Banda celta

Banda Celta de Antas

Banda de Ordes

Banda municipal de Ordes coa sua directiva en 1932. Hixinio Cambeses no centro da segunda fila

directivos da banda

A partir de aquí pasará a dirixir algunhas recoñecidas bandas de música galegas como a Agrupación Musical de Ordes, na que se incorpora en 1932 e a Banda de Viveiro en 1933. Axiña casa coa viveirense Xosefa Souto. Nesta etapa continua exercendo con intensidade o seu labor creativo como compositor, e irase consagrando como un verdadeiro experto na fusión de elementos tomados da música das bandas militares cos característicos do que denominamos musica culta e cun grande influxo da musica de raíz galega. Aínda que tamén crea pezas nas que dominan os ritmos e sons de moda no momento, nomeadamente os achegados de países afastados, vencellados a nós debido ao pulo da emigración americana.

Banda de Viveiro

Banda de Música de Viveiro, no período en que a dirixiu Hixinio Cambeses, nos anos previos ao tráxico 36

En abril de 1931 preséntase polo Partido Radical Socialista ás eleccións municipais que deron orixe á Segunda República. Pouco antes, e como mostra da súa maneira de pensar, publica en La libertad de Pontevedra un artigo titulado “¡La aldea despierta!”:

“Hace no muchos años apenas se escuchaba hablar de República en la aldea; la mayoría del pueblo creía que profesar el ideal republicano era ser un salvaje, un bandido,un hombre sin creencia alguna, según hacían creer los representantes del caciquismo. Los tiempos cambiaron. Hoy no es así, todo ciudadano, el más y el menos, llegó a convencerse de que la justicia y libertad del campesino está en manos del republicanismo y el socialismo (…) Aquellos tiempos de antaño se pudrieron completamente en que el infiel predicaba al pueblo haciéndole creer que su ideal era el más sano, prometiéndole carreteras, caminos vecinales, puentes, mil ofertas, pero al fin el cacique lo único que pretendía era el voto para conservar el poder (…)”

Topábase en Viveiro cando o 18 de xullo de 1936 se produce o alzamento militar fascista contra o goberno lexítimo da República. Comeza entón unha enxurrada de detencións que afectou intensamente á contorna persoal do músico, fervoroso esquerdista, republicano, agrarista e simpatizante do nacionalismo do Partido Galeguista, que decide organizar unha Comisión de Axuda aos Presos xunto co mestre e membro das Mocidades Galeguistas Xosé Gueimunde López; organización que será disolta en breve polo exército sublevado que detén a Hixinio Cambeses e suspéndeo de emprego e soldo como director da Banda de Música de Viveiro e profesor da Escola de Musica Municipal. Aínda que algunhas fontes apuntan a que estivo encarcerado na Illa de San Simón, ao parecer foi recluído na prisión de Monforte. Dous anos nos que, segundo el mesmo contaba, padeceu todo tipo de torturas, vexacións e aldraxes.

En 1942 élle levantada a inhabilitación e continúa o seu periplo como director de bandas; un labor duro e mal pago que implicaba moitos desprazamentos a pé para tocar lonxe da casa, atravesando dificultosos e longos percorridos. En plena posguerra marcha como director para a Banda das Nocedas de Monforte, na que permanece até que en 1944 se despraza a Cuntis, onde xa estivera brevemente nos anos 30, para levar de novo a batuta da Banda Municipal de Cuntis até 1948. Foi quizais o director máis importante que tivo esta banda. Compuña a maior parte dos temas que tocaba a banda. O máis popular era o pasodobre do “Zumba Loureiro”, aínda que todos os pasodobres dos pasarrúas eran da súa autoría e os mantiña sen títulos. Este home coñecía ben os seus músicos, e nos temas que compuña, procuraba cargar máis nos instrumentos mellor manexados (así adoitaba cargar nas trompetas en determinadas pezas). Ademais dada a teimosa perseveranza do director na necesidade de que os músicos non só conseguiran unha boa execución instrumental, senón que ademais procuraran manter sempre un aire marcial ben acompasado e coordinado ao desfilar; os pasarrúas resultaban dunha pasmosa vistosidade.

Banda de Cuntis

Banda de Música Cuntis con Cambeses

Banda de Cuntis

Banda de Cuntis con Hixinio Cambeses. Uniforme de verán

Os desprazamentos que non eran moi longos facíanos a pé. Mais tamén facían algúns a lugares afastados, mesmo a Portugal. Neste caso desprazábanse nun autocar das empresas locais El Rápido de Cuntis ou no Garrido.

Cambeses foi unha persoa moi innovadora, foi o responsábel de introducir as gaitas na banda. En Cuntis, terra con moita tradición de grupos de gaitas, había moi bos gaiteiros solistas polas aldeas, e Cambeses axudouse da súa destreza para introducir o instrumento tradicional na banda, como unha mostra máis da súa teima de incorporar elementos da tradición musical galega nas bandas de música. Desta maneira converteuse na primeira banda popular galega (non militar) que incluíu gaitas na súa formación. Pauta que tamén manterá despois na banda de Padrón. Incorporou tamén un novo uniforme de verán moi vistoso con sahariana e gorra branca.

Algún dos músicos desta banda aínda vivían cando comecei as miñas pesquisas sobre ela, e lembro que me contaban con paixón unha curiosa anécdota sucedida durante unha actuación en Redondela. Xa foran advertidos  por compañeiros da Banda de Mondariz, de que tiveran conta porque había xente con ganas de liorta. Alí presentáronse un grupo de matóns coa intención de rebentar a festa; algo que adoitaban facer con todas as bandas que actuaban en Redondela. Os primeiros en saltar foron o baixista Antonio Guerra e o gaiteiro Antonio das Gomas. Ao parecer houbo puñazos e pancadas de todo tipo, dados mesmo con atrís e algúns instrumentos. Este episodio fixo que foran coñecidos popularmente, como O Terzo Branco.

Nos descansos da banda, era costume que tocaran os gaiteiros sos coa percusión como un grupo independente. Lembremos a letra do que fora en todo Cuntis un pasodobre de grande popularidade:

 Somos de Róncalleopeito,

compañía Xan Fungueiro,

parentes de Carabuñas,

familia Zumba Loureiro.

Cantamos, aturuxamos,

temos cunchas e cuncheiros,

ferriñas e tamboriles,

foles, gaitas e gaiteiros.

Somos da vila de Cuntis,

onde a iaghua sae fervendo

e os chorros curan á xente

aínda que veñan morrendo

A sona que acadou a banda coa incorporación dos nove gaiteiros aumentou a rivalidade xa existente coa veterana Banda da Bragaña (na freguesía de San Fiz de Estacas, Cuntis), tal como se pon de manifesto nas coplas que estes lles cantaban para incomodalos:

Sodes da Banda de Cuntis,

sodes feitos de cartón,

se vos faltan as ghrileiras

non valedes un patacón.

A citada sección estaba integrada por nove gaiteiros: Roberto de Chaián (Moraña), Armando (de Trambosríos, Moraña), Antonio Mesejo “Pinón” e Manuel Mesejo “Pancho” (de Laxos), Pepe o Rapeiro (do Casal), Pepe das Ghomas (de Troáns), Avelino Martínez (da Hervés-Troáns), e os irmáns Xosé e Farruco Couto (de Troáns). Máis adiante, cando Pinón marchou facer o servicio militar incorporouse Xosé Fuentes, de San Martiño de Laxe (Moraña). Todos eles procedían da música tradicional e, como acontecía coa maior parte dos nosos gaiteiros, non sabían solfexo, tocaban totalmente de ouvido, o que supuña teren que facer un maior esforzo para memorizar as pezas. A popularidade da sección foi tal que son moitos os músicos que recordan unha ocasión en que coincidiron nunha actuación na Praza do Ferrol en Cuntis coa Banda Militar da 82 Munición de Vigo. Esta formación musical gozaba de gran prestixio en toda Galiza e contaba daquela con vinte e dous gaiteiros, todos eles soldados de remprazo. Segundo contan, o director da banda viguesa achegouse a Cambeses e díxolle: “Hixinio, se tivera os teus gaiteiros chegaba á fin do mundo”. Non foron estas as únicas palabras de admiración e alento que Cambeses recibiu de moitos dos músicos máis prestixiosos do momento polo feito de ter dado vida á primeira e a mellor sección de gaitas con que contaban as bandas da Galiza daqueles tempos.

En 1948, despois dun fugaz período dirixindo a banda de Monterroso, marchou para Padrón como director da Banda Municipal. Na vila de Rosalía cultivou como de costume moitas e rexas amizades, pois era un home que irradiaba un grande magnetismo, cunha personalidade entrañábel que deixaba sempre unha fonda pegada alá onde ía. Nestes anos seguiu indo decote a Cuntis, onde tamén tiña moitos e grandes amigos. Sufría manía persecutoria. Quedara tocado debido á presión e ao medo a que fora sometido despois do alzamento militar do 36, con continuas detencións, encarceramento, torturas, malleiras e sancións laborais e económicas. Vivencias que fixeron que se convertera nunha alma atormentada en debate permanente entre a creación e o sufrimento. Estando en Cuntis metíanselle cousas na cabeza, como que lle querían pegar ou matar. O certo era que lle tiña medo aos falanxistas e por iso, xa estando na banda de Padrón, cando ía a Cuntis paraba na fonda de Calveiro, pois era amigo de Baldomero Andrade, que militaba na Falanxe, e na súa casa sentíase máis seguro.

1933

Revista Ritmo ano V n 74 1933 15 novembro

ritmo 1934

Revista Ritmo ano VI n 90 1934 15 xullo

En 1949 quíxose suicidar cortando a xugular cun blíster de pastillas; despois guindouse desde o balcón da casa de Calveiro. Malferido, arrastrouse até a fonte da Praza das Árbores, onde foi topado ao amencer por Baños, o sancristán. Trasladárono axiña ao Hospital Provincial de Pontevedra onde, unha vez recuperado, aganouse cunha saba. Sen dúbida aínda que cos debidos matices teriamos que consideralo unha vítima mortal do franquismo.

Cambeses é autor de máis de duascentas pezas, entre as que salientan a xota Campanas de Oro, Unha noite no Santo CristoUna vez en La HabanaNosa Terra¡Adiós, para siempre!Zumba Loureiro, Arrenégote  demo, ¡Ard’o eixo carballeira!Cantigas d’a ríaE si mo deches foy no muiñoFlores de la calle, Cantigas da ría, Marcha republicanaUna tarde en Zaragoza… Esta última é mencionada en El Correo de Galicia e nalgún estudo posterior como El sitio de Zaragoza. Trátase obviamente dunha gralla involuntaria, pois como é ben sabido El sitio de Zaragoza é unha das  máis coñecidas obras do director, compositor e pianista Cristóbal Oudrid. Na súa produción tamén conta con moitas obras con ritmos postos de moda pola emigración: danzón, habanera, polca, tango, charlestón, balada…

Artigo Cambeses

A súa peza máis coñecida quizais sexa Unha noite no Santo Cristo, inicialmente composta para banda aínda que se popularizou como folk. Dela conservamos unha versión de Os Campaneiros de Vilagarcía de 1966, rexistrada no disco como tradicional, 4 anos despois (1970) aparece un arranxo manuscrito para banda de gaitas de Herique Otero e no 72 outra versión de Os Cruceiros. En 1980 aparece no disco O berro seco de Milladoiro a versión que se fará máis popular mesmo a nivel internacional, aínda que segue sen mencionarse o autor. Na actualidade contamos con versións desta peza interpretadas por artistas tan destacados como Carlos Núñez, Susana Seivane ou Liam O’Flynn. Tamén foi designada como Alborada da Lanzada. Hai quen suxire que debe de estar inspirada, máis que no Sto. Cristo da Lanzada, no de Cenlle (A Lama). Aínda que tamén podemos considerar que se trata da romaría do Santo Cristo de San Fins de Estacas (Cuntis), na que a veciñanza acompaña o Cristo en procesión pasando polo singular Vía Crucis formado por 14 cruces de pedra, unha festa moi arraigada, e á que asistía sempre Cambeses mentres estivo na vila termal dirixindo a banda municipal.

Aínda a día de hoxe segue sendo un músico venerado en todos os concellos polos que pasou, especialmente no seu concello natal, onde se mantén a tradición de que todas as bandas que van tocar fagan unha pausa no camposanto de Antas para tocar unha peza diante do seu sepulcro. O Concello da Lama erixiulle un monólito na súa memoria na praza da vila no ano 1999.

Recursos informáticos e bibliografía

LOURO JUSTO, María Erundina, Xosé Cambeses Carrera, “Un sancho con xestos de Quixote” en https://pontevedraviva.com/opinion/1686/hixinio-carrera-cambeses-sancho-quixote/?lang=es

CAMPOS DE LESTA, “Higinio Cambeses Carrera” en http://ordestories.blogspot.com/2017/01/higinio-cambeses-carrera.html

VILLAVERDE RUIVAL, Cristina, “Hixinio Cambeses, Humanista e compositor” en https://concellodalama.com/hixinio-cambeses-humanista-e-compositor/

ÍNSUA, Emilio Xosé. “Da tradición musical de Viveiro (V)” en http://ainsuadoinsua.blogspot.com/2016/10/

SEIXO PASTOR, Marcos, “Algúns casos relacionados coa represión en Cuntis” en http://www.blogoteca.com/cuntis/index.php?l=1&pag=1

SEIXO PASTOR, Marcos, “As bandas de música no concello de Cuntis”, A Taboada VI (Cuntis-Moraña, decembro 2002), pp. 7-32.

SEIXO PASTOR, Marcos, “Os nosos músicos. Gaiteiros de Cuntis: de Miguel da gaita e Pepe de Pedro aos Airiños de Cuntis”, A Taboada V (Cuntis-Moraña, xullo 2002), pp. 115-148.

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Ao pé do alambique. A caña e os licores tradicionais galegos

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥