Descubrín este libro animada pola lectura dunha reseña que fixo del unha boa amiga. As súas palabras despertaron a miña curiosidade, ademais nunca lera nada de literatura islandesa, así que pareceume unha boa ocasión para poñerlle remedio.
Despois, xa engaiolada pola obra, o meu interese pola autora levoume a procurar información sobre ela e, buscándoa, atopei unha entrevista que Diana Oliver lle fixera para elDiario.es. Nela descubrín que a idea desta novela deulla a elección que fixeron os islandeses no 2013 da palabra máis bonita do seu idioma, que non foi outra que ljósmódir, literalmente “nai da luz”, unha das denominacións usadas para comadroa, muller que axuda a outra a dar a luz. Todo o que ten que ver co termo, significado e orixe, explícao Ólafsdóttir nunha breve introdución da novela titulada: LA PALABRA MÁS BONITA.
Desde o momento en que comecei a súa lectura decateime de que La verdad sobre la luz era unha novela distinta. Concebida con mestría por Ólafsdóttir ao decidir que a responsabilidade do relato recaia na voz protagonista de Dýja, a cal nos vai descubrindo o seu mundo a través do seu día a día como comadroa, pequenas e grandes cousas derivadas do exercicio da súa profesión, facéndonos partícipes das meditacións que xorden desas experiencias e así mesmo das que proveñen dos textos escritos pola súa tía avoa Fifa. Todo isto fai que nos atopemos ante un libro cargado de reflexións sobre o ser humano, comezando xa polos seus primeiros minutos de vida, cando ve a luz por primeira vez.
Diana Oliver cualifica ás dúas protagonistas como “filósofas do nacemento”, quizais a mellor maneira de condensar en poucas palabras o contido máis relevante da novela, ese significado da luz que pon fin á escuridade e viceversa, o real e o metafórico: “Para poder morir, primero hay que nacer”(páx.17, afirmación coa que comeza a novela). “En medio del universo hay un agujero negro. Y en medio de ese agujero hay luz”(páx. 109).
Aínda que Dýja tamén nos introduce na paisaxe e no clima islandés, onde a luz ou a súa ausencia son sumamente importantes. Curiosamente os sucesos relatados acontecen no mes de Nadal. A propia autora sinala na entrevista mencionada que elixiu esa época do ano porque en Islandia é o momento de máis escuridade e cre que iso pode axudar a entender mellor a importancia e o significado da luz.
A protagonista pertence a unha familia na que varias xeracións de mulleres se dedicaron a esta fermosa e delicada profesión de axudar a traer nenos ao mundo. Entre todas elas destaca a súa tía avoa Fifa, que se converte nun personaxe fundamental ao ser a autora dunha serie de textos: cartas, artigos e manuscritos que se erixen na esencia do relato.
A narración, como diciamos, vainos descubrindo as múltiples experiencias do día a día de Dýja como comadroa, “nai da luz”, nese lugar onde o tempo atmosférico, tema recorrente nas conversas telefónicas coa súa irmá meteoróloga, e a duración do día e a noite, da luz e a escuridade, constitúense en importantes condicionantes da vida alí e forman parte decisiva da súa realidade. Mais, sen dúbida, o achado dos textos da súa tía pasa a ocupar un lugar privilexiado na novela. Cando Dýja se establece no apartamento que herda de Fifa atopa unha morea de cartas que se intercambiaron, durante corenta anos, ela e a súa amiga Gwynvere, comadroa de Gales, nas que falan sobre o seu oficio, a morte ou a importancia da luz; ademais encontra recortes dos artigos que publicara como columnista e nos que trataba temas relacionados co reino animal e o perigo que corría, así como dos efectos nocivos que o ser humano exerce sobre el e sobre o planeta. Pero o que máis a sorprende é o contido da caixa na que encontra tres manuscritos titulados: VIDA ANIMAL, LA VERDAD SOBRE LA LUZ e AZAR. Neles a tía Fifa reflexiona, por exemplo, sobre as diferenzas entre as persoas e os animais. Son escritos que semellan non estar conectados porque divagan sobre moitas cuestións, pero no fondo Dýja decátase de que a súa tía trata quizais de comprender o ser humano e o seu papel no universo, de “se ocupa realmente un lugar ou se a súa presencia é superflua”.
Ao longo da novela reprodúcense moitas das reflexións incluídas nos manuscritos, artigos e cartas da tía Fifa, de maneira que o lector vai descubrindo o complexo mundo interior deste personaxe tan peculiar que o vai atrapando na súa rede de curiosas e interesantes meditacións, que veñen sendo a súa filosofía de vida:
“El animal más vulnerable de la tierra nunca llega a recuperarse de haber nacido”.(páx.114)
“La historia del hombre es la historia de un millón de fragmentos de luz”.(páx.127)
“La humanidad se extinguirá pero la luz seguirá existiendo”.(páx.142)
Dýja conclúe que a súa tía se aferraba á idea de que todo estaba conectado, xa que esa frase “todo está conectado” utilízaa en máis de trescentas ocasións en moi distintos contextos. E ante as constantes preguntas de súa irmá sobre o pensamento da súa tía, sobre se tiña fe ou non no ser humano, móstrase moi dubidosa porque atopa afirmacións mesmo contraditorias, quizais nin ela mesma o sabía. Aínda que si recoñecía que “o ser humano nace para amar” (páx.158)
A novela está chea de referencias literarias, algunhas delas servindo de título aos distintos apartados, a modo de capítulos, nos que está estruturada:
“¿ES UN IMPERIO ESA LUZ QUE SE APAGA
O UNA LUCIÉRNAGA?” (páx.127)
(haiku de Jorge Luis Borges)
“AL MORIR, UN POETA LE DICE A UN PEQUEÑO
RIACHUELO, SU MEJOR AMIGO:
TE ACORDARÁS DE MÍ, ¿VERDAD?” (páx.159)
(verso de Abdelmajid Benjelloun)
e remata cun fermoso poema sobre a chegada da luz dun novo día.
En palabras da autora “se queres falar da importancia da luz nun mundo escuro tes que empezar falando da escuridade”.
É un deses libros que deixan pegada, un libro que anima a ser relido con calma deténdose nas múltiples reflexións que contén, para seguir descubríndoas, pero tamén para gozar do relato da vida cotiá de Dýja, intensa e complexa, porén transmitida cunha enome sinxeleza que nos atrapa ensumíndonos no seu mundo de luz e escuridade, de escuridade e de luz.
Auður Ava Ólafsdóttir é unha escritora islandesa que traballou como profesora na Universidade de Islandia e como directora do seu Museo de Arte.
Como novelista leva publicando obras desde 1998 obtendo xa o Premio Tómas Guðmundsson coa súa segunda novela: La mujer es una isla. O seu primeiro éxito a nivel internacional foi Rosa cándida. Axiña obtivo o recoñecemento unánime da crítica, que destaca o seu estilo meticuloso e perfeccionista e o seu sentido da condición humana.
Conta con diversos premios no seu haber como o dos Libreiros de Islandia, Premio dos libreiros de Quebec á mellor novela estranxeira ou o Premio Médicis étranger(premio literario francés).
Esta novela La verdad sobre la luz é de momento a última e foi publicada neste ano 2024.
Outras obras son: Tierra levantada (1998), La mujer es una isla (2004) Rosa candida (2007), La excepción (2012), Hotel silencio (2016) e La escritora (2018).
Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
Actividades culturais do 20 ao 26 de Xaneiro por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 19, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 13 ao 19 de xaneiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 12, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 16 ao 22 de Decembro por Ana Santos
by Ana | Decembro 15, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 9 ao 15 de decembro por Ana Santos
by Ana | Decembro 8, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 2 ao 8 de Decembro por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 25 de Novembro ao 1 de Decembro por Ana Santos
by Ana | Novembro 24, 2024 | Actividades | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Olga Martínez López por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 27, 2024 | Historias de vida | 1 Comment
Luisa Pan Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 22, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Víctor Pedreira Crespo por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 14, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
O viño por Jose Solla Casqueiro
by Colaborador | Xaneiro 19, 2025 | Fotográficas | 0 Comments
Premio Otero Pedrayo: Anxo Carracedo por Xulio Simón
by Ana | Xaneiro 12, 2025 | Etnografía | 0 Comments
O asubío do Candán por Manolo Gulías Márquez
by Colaborador | Xaneiro 12, 2025 | Literarias | 0 Comments