O ensino público sempre tivo boa prensa en Pontevedra, a diferenza de grandes cidades como Madrid ou Barcelona onde as familias que poden envían os seus fillos á privada. Isto vén de moito atrás grazas a xeracións de profesoras e profesores que mantiveron aceso o facho da calidade no ensino da Boa Vila. Algo de responsabilidade ha de ter nisto, logo, o profesorado xubilado que colabora en De Vella a Bella. Parabéns!
Todo o alumnado de ensino medio público ten a súa importancia. Pero por citar algúns ilustres, pasaron polo vello instituto Manuel Quiroga, Prudencio Landín, Perfecto Feijoo, Cobián Roffignac, Sánchez Cantón, Xerardo Álvarez Limeses, Loureiro Crespo, Carlos Sobrino, Filgueira Valverde, Antón Fraguas, Fermín Penzol, Ramón María Aller, Antonio Palacios, Daría González, Pío Cabanillas… Fíxense, que isto xa parece a listaxe das rúas da nosa cidade.
En 1963 o Instituto de Pontevedra dividiuse en Masculino e Feminino. E seguiron entrando grandes figuras, aínda vivas moitas delas. Eu vou seguir agora só polo Masculino, que en 1973 recibiu o nome de Sánchez Cantón. A razón única é que nel exercín de 1980 a 2015 polo que coñezo algo máis a súa historia. Entre os comezos dos 60 e os finais dos 70 pasaron polo instituto de don José Filgueira Valverde, o seu director, unha morea de persoeiros que destacan na actualidade. Políticos coma Miguel Anxo Fernández Lores, Mariano Rajoy e Tuco Cerviño. Xuristas como Cándido Conde-Pumpido e Luciano Varela. Escritores como José Antonio Durán, Víctor Freixanes e Luís Cochón. Pintores como Manuel Moldes. Arquitectos como César Portela. Economistas como Jaime Terceiro. Fotógrafos como Anxo Cabada.
Non fai falta que cite os méritos dos citados, presidentes da RAG, do Tribunal Constitucional, do Goberno de España, do Concello. E faltan ilustres alumnos pero eu vou falar só dos que teñen entrada na Wikipedia e alí figura que foron alumnos do Instituto. Perdoen a licenza pero como non son PTV non controlo moito as familias pontevedresas e hanme quedar fóra moitos.
Faltan na listaxe anterior, repito, mulleres coma Salomé Álvarez Blanco, a Presidenta do Consello da Cultura Galega Rosario Álvarez Blanco, a escritora Fina Casalderrey, ligadas ao Feminino, ao Valle Inclán, que deixo para que nolas cite alguén especialista neste instituto.
E xa desde os anos 80, cando eu me considero pontevedrés, a listaxe de alumnado wikipédico do Sánchez Cantón é ben longa e abrangue moitas profesións.
- Alonso Barcia, Guillermo: xornalista e escritor. (A)
- Álvarez Taboada, Carlos: animador de Polo Correo do Vento. (A)
- Armenteros, Alicia: actriz de coñecidas series como O sabor das Margaridas. (A)
- Ayán, Xurxo: arqueólogo e fillo de profesor do instituto.
- Bará Torres, Luís: político e o inventor da Feira Franca. E o seu fillo Diego Bará Louro, poeta. O pai foi alumno o meu primeiro ano de profesor e o fillo o último, un ciclo completo. (A)
- Cal, David: o medallista olímpico, alumno da sección de deportes.
- Castro Rey, Paloma: avogada e política. (A)
- Cuíñas, Teresa: xornalista da TVG.
- Estévez, Adrián: administrador da Galipedia e moitas cousas máis. (A)
- Jabois, Manuel: un dos xornalistas máis influentes na actualidade española. (A)
- Luaces Méndez, María, cardióloga en Madrid. (A)
- Malvares de Moscoso: músico-poeta. (A)
- Mauricio Iglesias, Enrique: animador de Polo Correo do Vento.
- Méndez, Sonia, directora de cine. (A)
- Moldes, Diego: escritor. Un exemplo de familia wikipédica, ten entrada el, o seu pai Francisco Moldes (profesor no Sánchez Cantón), o avó José Moldes Castro (creador do primeiro automóbil deseñado e construído en Galicia), o bisavó Ángel Moldes Barreiro (empresario e político). Nada menos que catro xeracións de Moldes na Galipedia. (A)
- Pardo, Pepa: avogada e política, filla de profesora do instituto. (A)
- Quintía, Rafael: destacado antropólogo. (A)
- Rielo, Pedro: xornalista moi coñecido da TVG. (A)
- Varela, Julia: xornalista radiofónica de éxito en Madrid e filla de profesores.
- Velasco, Cora: actriz e cantante.
- Vórtice, Alexánder (Jesús Rodríguez): poeta e xornalista.
- Xubín, Isaac (Isaac Fernández): escritor e tradutor. (A)
Marquei cun (A) aqueles dos que podo “fachendear” porque foron alumnos meus. Hai que presumir do que se pode.
E se os lectores coñecen alguén máis, famoso ou famosa, que foi alumno do Sánchez Cantón ou doutro instituto pontevedrés, anímense a facelo público, póñano nas redes, na Wikipedia, para que o ensino público de Pontevedra siga sendo visible. Centos de profesoras e profesores ao longo de moitos anos traballaron para facelo posible, meréceno.
Desde hai dous anos o IES Sánchez Cantón nomea unha madriña/padriño coñecida (que estudase no instituto, claro) para que acompañe unha promoción desde 1º da ESO a 2º BACH, que veña darlles a benvida en 1º ESO e se comprometa a darlles a despedida en 2ª BACH. O primeiro ano aceptou Manuel Jabois e o segundo Cora Velasco. E a Dirección convidoume a acompañar no acto a Jabois e Velasco, que máis pode pedir un profesor xubilado?
Longa vida ao ensino público de calidade na Boa Vila!
O alumno Manuel Jabois dedícalle un libro ao profesor Anxo González (2021)
O xubilado Anxo e a Vicedirectora Verónica con Cora Velasco o día do seu acto como madriña da promoción de 1ºESO do Sánchez Cantón (2022)
Anxo González Guerra
Profesor de Galego
Son Anxo González Guerra. Crieme entre Trasar de Carballo e a Cervela, lugares da montaña luguesa. No Seminario tiven de profesor ao mestre das etimoloxías Nicandro Ares, no Instituto a Alonso Montero, no Colexio Universitario a Anxo Tarrío e na Facultade de Filoloxía a Carvalho Calero. Terán algo que ver en que sexa un dos integrantes da 1ª promoción de Galego-Portugués?
De xaneiro de 1980 a abril de 2015 fun profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Sánchez Cantón onde tiven alumnos e alumnas marabillosos. Desde 2005 Vitoria Ogando e mais eu fomos poñendo materiais na Internet: ogalego.eu. E seguimos de xubilados.
Alá na miña terra da infancia aos xubilados dáselles por traballar unha ribeira ou un morteiro. A min dáseme por cousas de lingua e literatura, alí onde queiran escoitarme. A cabeza non para, non convén estar ocioso.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥
Trackbacks/Pingbacks