A freguesía portuguesa de Podence, no concello de Macedo dos Cavaleiros, distrito de Bragança (Trás-os-Montes), posúe un singular entroido rural antiquísimo moi vencellado aos que festexamos na Galiza, o “entrudo Chocalheiro”, no que se materializan vellos ritos tribais de fertilidade, tanto no que atinxe á fertilidade da terra e da natureza, que axiña comezará a abrollar despois de meses de frío e improdutividade, como tamén á fertilidade da muller, que se manifesta en boa parte do cerimonial. 

Os “caretos”, que simbolizan o demo, son os personaxes principais e danzan arredor das mozas dando voltas, chimpos e berros, e baténdolles coas súas coletas e chocas (ou “chocalhas”), respectando unicamente ás “marafonas”, personaxe feminino deste entroido. Orixinariamente eran homes os que exercían este papel, pero hoxe xa non é raro ver nenos e nenas (os “facanitos” e “facanitas”) mais tamén mulleres ataviadas con estas vistosas vestimentas. A época do ano e o anonimato que lles outorgaba o disfrace permitíalles acenos, roces e apertas impensábeis no resto do ano especialmente nos tempos de maior rixidez moral, polo que durante os tempos da ditadura de Salazar chegou a estar prohibido este entroido.

Caretos

Mural

Os caretos van vestidos con traxes moi coloridos, con franxas elaboradas con flocos de la amarelos, verdes e vermellos, cunha carapucha rematada nunha especie de trenza do mesmo material e cores. Levan unha máscara de metal, coiro ou madeira e estrondosas chocas amarradas nos cintos.

Musicos en Podence

Músicos

desfile caretos

Tirando do carro

A representación ten lugar o “domingo gordo” e a terça feira do entroido ou “terça feira gorda”. Con todo tamén poden saír o domingo anterior ao domingo de entroido (o “domingo magro”), ou ocasionalmente calquera día desta época co obxectivo de sorprender ás mozas para achocallá-las. No comezo da xornada aparecen os caretos empuxando un carro de vacas pola aldea, enfeitada con murais alusivos a este ancestral entroido. Non falta nunca o acompañamento da tradicional gaita de foles así como o bombo e o tamboril.

Facanitos

Facanitos

Axiña comeza a “folía” a correr estrondosamente costa abaixo, berrando, dando espectaculares chimpos e facendo soar as chocas. Mesmo chegan a entrar nalgunhas casas para enredar(“ronda das casas”). Continúa logo a esmorga na praza, e aquí mistúranse os bailes coa xente, maliciosas picardías como petar nas portas das casas, parar nas tascas a tomarlle un vaso de viño (a “ronda das tabernas”),  botarlle a man polo lombo ás raparigas, voluptuosos movementos de cadrís golpeándoas coas chocas nas cachas (ao que chaman achocalhá-las)…  Polo serán faise a queimada e un desfile nocturno con fachos que remata na praza do pobo, onde lle prenden lume ao demo, que é un boneco de varios metros de altura, e bailan arredor del baténdolle co caxato para facer que salten muxicas.

Baixando a rúa
Queima do demo

Queima do demo

Por ultimo faise o “pregão casamenteiro” no que se aproveita para facer crítica social con carácter satírico, amplificando as súas voces por medio de grandes funís de engavexar o viño. Durante esta cerimonia apregóanse os casamentos inventados dos mozos e mozas da contorna. Ao día seguinte os mozos adoitan ir á casa das súas “noivas”, onde o “sogro” os ten que convidar a tomar o mata-bicho (café, augardente e petiscos).

Ademais do seu interese cultural e etnográfico este ancestral festexo foi acadando unha afluencia de visitantes extraordinaria nos últimos tempos, sendo declarado Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO no ano 2019.

cartaz do entroido
Festival do grelo

Convidados pola concellaría de cultura, os caretos de Podence estiveron presentes no entroido do concello de Cuntis en 2010.  Aquí fixeron unha animada representación durante a XIII edición da Festa do Lacón con Grelos.

 A partir deste ano en Podence tamén se comeza a facer un festival gastronómico que ten como protagonista o grelo. Desta visita faise eco Luís Filipe Rodrigues da Costa en Caretos de Podence: História, património e turismo, quen engade que o costume de facer a queimada está inspirada na Festa das Bruxas ou Sexta Feira 13, celebrada na vila portuguesa de Montealegre todas as datas do ano en que o día 13 cadra en venres (día de mala sorte). Mais sen dúbida a elaboración da queimada é unha influencia galega ao igual que o é o esconxuro que recitan mentres a remexen:

Caretos en Cuntis

“Sapos e bruxas, mouchos e crujas,

demonhos, trasgos e dianhos,

espíritos das eneboadas veigas,

corvos, pegas e meigas,

feitiços das mezinheiras,

lume andante dos podres canhotos furados,

luzinha dos bichos andantes, luz de mortos penantes,

mau olhado, negra inveja,

ar de mortos, trevões e raios,

uivar de cão, piar de moucho,

pecadora língua de má mulher

casada cum home velho.

Vade retro, Satanás,

prás pedras cagadeiras!

Lume de cadavres ardentes.

Mutilados corpos dos indecentes,

peidos de infernais cus.

Barriga inútil de mulher solteira,

miar de gatos que andam à janeira,

guedelha porca de cabra mal parida!

Com esta culher levantarei labaredas deste lume

que se parece co do Inferno.

Fugirão daqui as bruxas,

por riba de silvaredos e por baixo de carvalhedos,

a cabalo na sua vassoura de gesta,

pra se juntarem nos castelos de Montalegre.

Ouvide! Ouvide

os rugidos das que estão a arder nesta caldeira de lume.

E cando esta mistela baixe polas nossas gorjas,

ficaremos livres de todo o embruxamento

e de todos os males que nos atormentam

e deste frio que nos arrefece.

Forças do ar, terra, mar e lume,

do Larouco e do Gerês,

a vós requero esta chamada:

Se é verdade que tendes mais poder

que as humanas gentes,

fazei que os espíritos ausentes dos amigos que andam fora

participem connosco desta queimada!”

caretos

Caretos en Cuntis

caretos 2

Caretos en Cuntis

Reproduzo tamén un fragmento do referido traballo de Rodrigues da Costa:

(…) Da presença dos Caretos de Podence na Galiza, mais concretamente na povoação de Cuntis onde celebram o Entrudo com o prato “Lacón com Grelos” resultou na ideia de implementar um festival gastronómico alusivo ao grelo. Isto apesar de já haver um prato que era costume comer no Entrudo em Trás-os-Montes: as casulas secas com butelo. No entanto, por já haver um festival gastronómico do butelo em Bragança e um festival das casulas secas em Mogadouro, o presidente da AGCP escolheu o grelo como produto para um novo festival gastronómico que decorre nos restaurantes aderente do concelho durante o período carnavalesco. Apesar da introdução desde festival, os restaurantes e as famílias não deixaram de confecionar, também, as casulas secas e o butelo. Das festas de “sextafeira 13” de Montalegre, ou festa das bruxas, importou-se a “Queimada”. Trata-se de uma mistela (aguardente, açúcar, vinho branco, grãos de café, sumo de limão e maçã picada) que é incendiada antes de ser servida. Em Podence, foi introduzida recentemente como um “afrodisíaco” servido depois dos “casamentos de Entrudo” e antes do “festival de música tradicional”. Pela sua espetacularidade, a audiência facilmente se junta para ver e experimentar a bebida.”            

Marcos Seixo Pastor

Marcos Seixo Pastor

Profesor de Galego

Chámome Marcos Seixo. Aínda que a miña chegada ao mundo tivo lugar en 1959 na rúa de San Marcos en Lugo, na casa da miña avoa, fun concibido e criado en Navia de Suarna, onde pasei unha feliz infancia e a onde regreso cando menos dúas ou tres veces ao ano. Por mor da profesión do meu pai, estivemos vivindo en distintos concellos. Asentámonos finalmente en Cuntis (Pontevedra), onde vivo a día de hoxe na aldea de Castrolandín.

Fixen estudos de Filoloxía en Compostela e os últimos 16 anos fun profesor do IES Valle Inclán de Pontevedra, até a miña “xubilación forzosa por incapacidade” no ano 2016. Neste instituto coñecín aos compañeiros do grupo de teatro Argallada, algúns deles impulsores do blog devellabella, no que ando a colaborar con algún traballo.

A miña vida na actualidade segue a ser bastante activa, pois podo dedicar o tempo ás miñas moitas afeccións, entre elas escribir. Alén diso tamén son afeccionado á música tradicional, ás motos, sobre todo ás clásicas, a coidar as viñas, e tamén a nadar, podendo ser, no río de Navia

Blog

Hixinio Cambeses Carrera

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥