Sei que este mundo dista moito de ser perfecto, quizais a perfección é algo inacadable e, por suposto, subxectivo. Porén a responsabilidade desa imperfección, subxectiva ou non, recae de forma incontestable en nós, os seres humanos, culpables do progresivo deterioro deste planeta que habitamos, culpables dunha convivencia inxusta e insolidaria, consecuencia da execución dun poder que corrompe e corrupto, dun afán insaciable de posuír máis e ser quen de levar a cabo os actos máis crueis e inhumanos… Por suposto, si, hai honrosas excepcións que por desgraza non acadan o peso e a forza necesarias para provocar o esvaecemento de todo o negativo que leva danando este noso mundo desde o principio dos tempos.
Pero sabemos que con mundo non nos referimos unicamente á colectividade humana que establece unha serie de relación sociais, económicas, políticas, culturais… Cando falamos de MUNDO referímonos tamén ao planeta que nos acolle, o planeta TERRA sen o cal toda esa colectividade non podería ter existido, falamos dun planeta do que para ben ou para mal, eu máis ben diría que o segundo, formamos parte. Como dicía, un planeta vítima das constantes agresións producidas por obra e graza dos seus habitantes.
Non sei o que nos quedará para seguir gozando das marabillas coas que, malia todo, aínda nos agasalla e non sei se quero sabelo.
O que si sei é que segue engaiolándome a observación da súa natureza, dos elementos máis colosais e dos máis insignificantes, todos grandiosos, sorprendentes, un regalo que fomos e somos incapaces de respectar e protexer como o ben prezado que son.
Só unha árbore é unha valiosa xoia neste mundo que empeza a agoniar, ver o sol poñéndose no horizonte, as folerpas de neve caendo de vagar, o voo das aves… Tantas e tantas cousas das que podemos gozar de balde! Todo é un agasallo que por formar parte do noso día a día non o valoramos como merece.
Que é o que falla? Acaso non se educa o suficiente no respecto á natureza? Sinceramente non creo que ese sexa o problema. É verdade que cando eu ía á escola apenas se nos concienciaba nestes temas, pouco ou nada. O termo “cambio climático” non entrara en escena, en realidade ata a década dos 80 non comezaron a ter visibilidade mediática as cuestións relacionadas coa climatoloxía e as súas consecuencias. Pero desde hai décadas, do que podo dar fe como docente que fun, si que se educa sobre isto, si que se sinalan as pautas de comportamento para contribuír a evitar ou polo menos a frear o proceso e que siga empeorando, pero como se soe dicir: “Non hai peor xordo que o que non quere oír”. E non falo da política sobre o cambio climático, de tantos cumes inútiles dos países máis poderosos do planeta que non son quen de chegar a un acordo realmente eficaz e definitivo, non, falo de nós, dos cidadáns de a pé, dos cidadáns anónimos que habitamos, SI, este planeta e que xa sufrimos, uns máis que outros, os efectos dese cambio.
Este verán tiven ocasión de comprobar para a miña indignación e impotencia máis absoluta a falta de respecto cara aos espazos naturais protexidos coa que actúan moitos visitantes dos mesmos, ignorando e desprezando absolutamente as normas recollidas en infinidade de carteis que advirten sobre a súa especial protección e indican como se debe proceder e o que non SE DEBE FACER. E non só iso senón que ante a denuncia dese comportamento ás autoridades competentes a resposta é, case sempre, o silencio e a inacción.
Paréceme un claro exemplo da escasa ou nula concienciación que demostra unha parte importante da poboación ante a necesidade de coidar e protexer o planeta.
Que podemos esperar desta humanidade que prefire ver só o que lle interesa ver e negar o que é xa unha evidencia?, que prefiren vivir nunha ignorancia cómoda, permitida quizais grazas a seren uns privilexiados que aínda non se viron afectados no seu día a día polas graves consecuencias que desgraciadamente outros menos privilexiados si sofren?
Creo que non podemos ser transixentes cos que incumpren as normas e mesmo se burlan delas: “Bah, non é tan grave, que mal fai?”
SI, SI FAI MAL porque esas pequenas e non tan pequenas agresións sumadas a tantas outras danan o que é de TODOS e poñen de relevo a pouca querenza e respecto pola natureza que amosan moitos, e se a nosa comodidade e falta de responsabilidade co que é NOSO prevalece, que nos queda xa? Que nos queda cando as escasas medidas de protección que conseguen ser aprobadas se desprezan?
En ocasións coma estas recoñezo que perdo a fe, que acostumo a ter, no ser humano.
Este verán foi especialmente duro desde o punto de vista climatolóxico, consecuencia dun cambio climático irreversible seguramente.
Na recente Cume do 20 de setembro sobre a Ambición Climática da ONU celebrada na súa sede de New York o secretario xeral advertiu sobre que “a humanidade abriu as portas do inferno” facendo un chamamento urxente á acción para evitar os desastres climáticos antes de que sexa demasiado tarde. Tamén falou da tremenda inxustiza de que os países máis pobres son os que máis están sufrindo as consecuencias dunha crise climática que eles non provocaron.
Realmente, pregúntome, valen de algo estas advertencias da ONU cando quen máis contamina mantense á marxe destas desesperadas chamadas de atención? Non é xa demasiado tarde?
Estas inundacións, vagas de calor, furacáns, terremotos, erupcións, incendios… que arrasan e destrúen semellan a resposta dun planeta furioso ante as agresións recibidas, un planeta ao que xa lle estamos sobrando.
Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
A muller xabaril de Fina Casalderrey
Golpes de luz
máis artigos
Actividades culturais do 9 ao 15 de setembro 2024 por Ana Santos
by Ana | Setembro 8, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 27 de maio ao 2 de Xuño por Ana Santos
by Ana | Maio 26, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 20 ao 26 de Maio 2024 por Ana Santos
by Ana | Maio 19, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 13 ao 19 de Maio 2024 por Ana Santos
by Ana | Maio 12, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 6 ao 12 de Maio 2024 por Ana Santos
by Ana | Maio 5, 2024 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 29 de abril ao 5 de maio por Ana Santos
by Ana | Abril 28, 2024 | Actividades | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Víctor Pedreira Crespo por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 14, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Carmen Fernández Conde por Ana Santos
by Ana | Marzo 10, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Fidelina Gómez Rancaño por Ana Santos
by Ana | Febreiro 11, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Fita a Galana por Ana Santos Solla #devellabella#
by Ana | Xaneiro 14, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Condena arcebispal a xornais impíos por Xosé Álvarez
by Colaborador | Xuño 23, 2024 | Etnografía | 1 Comment
La soledad de los días por Isabel García Uría
by Colaborador | Xuño 23, 2024 | Literarias | 0 Comments
Xan Pirolán por Manolo Gulias Márquez
by Colaborador | Xuño 23, 2024 | Bienestar, Literarias | 0 Comments
Existencia efímera por Jose Solla Casqueiro
by Colaborador | Xuño 16, 2024 | Fotográficas | 0 Comments