Un bo lugar para a poesía

Este é un bo lugar para acoller.

Teito para o belo durminte

sen rasurar, o do colchón ao lombo.

Acubillo para xuntárense

e falar entre elas, as ausentes

en soidade non desexada.

Magnífico espazo, quente, acolledor.

Mais pensado hoxe só para os versos.

Porén, na poesía debe soar, deben oírse

o refuxiado, a migrante, o distinto,

debe estar a voz inaudible de Noelia,

a buscadora de paz,

e a morte digna que lle negan.

Cómpre falalo nestas paredes

non teito, mais si paredes de cristal,

o poema debe berralo…pero…oídelo?

A exclusión social

en todas as formas e dimensións,

o dano á muller vulnerada,

debe explicalo o verso

a dúas voces ou dende unha soa.

Procurar que en lugares así,

nestes bos lugares,

a poesía retumbe e remexa,

saia á rúa e convide,

saia á rúa e acompañe…

Saiamos das metáforas-confort,

Compañeiras, compañeiros,

bañémonos, mollémonos

queridos, queridas poetas,

pois está caendo tanto aí fóra

e moito máis ha de caer…

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥