Música
Rozalén: El paso del tiempo (2020)
O título é moi explícito. Rozalén describe a pegada, sobre todo física, que deixa o paso do tempo: engurras, manchas na pel, “inverno no pelo”, peitos caídos … “cicatrices que narran el paso del tiempo”, canta; porén, ela está chea de vida e con ganas de celebralo porque o corpo lle pide máis. Achega unha mensaxe positiva e optimista perante o paso inexorable das horas do reloxo.
Ricardo Arjona: Señora de las cuatro décadas (1994)
O propio título é unha perífrase eufemística. Un mozo de trinta anos está namorado dunha muller unha década maior que, malia xa posuír “fíos de prata” e graxa abdominal, el percíbea fermosa, atractiva e sensual, unha amálgama de experiencia e xuventude que non precisa disimular a idade. Diríxese a ela con estas preciosas palabras: “Señora, no le quite años a su vida / póngale vida a los años, que es mejor”. A diferenza de idade sempre foi un tabú cando as mulleres son maiores que os homes; no entanto, cando a diferenza procede do xénero masculino acéptase con moita máis naturalidade.
Alberto Cortez: La vejez (2010)
Esta canción describe dunha maneira crúa, melancólica e pesimista o rastro que deixa o paso do tempo na vida das persoas, tanto a nivel físico coma emocional e incluso relacional. A vellez chega lentamente e vai facendo a súa faena como unha gran artesá: febras de prata nos cabelos, liñas no pescozo, engurras nas mans, necesidade de anteollos, achaques de saúde … Cambian os hábitos sociais, permaneces máis na casa con bufanda e zapatillas, dedícaste a dar consellos …. En definitiva, a vellez é decadencia, a “antesala do inevitable”. En palabras do autor:
La vejez, está a la vuelta de la esquina,
allí, donde uno menos se imagina
se nos presenta por primera vez.
…………………………………….
La vejez es la más dura de las dictaduras.
La grave ceremonia de clausura
de lo que fue la juventud alguna vez.
Joaquín Sabina: Cuarenta y diez (1994)
O título xa é moi significativo. Sabina prefire non dicir cincuenta. Mais, a seguir fai chanza con que só aparenta corenta e nove. Ten idade suficiente para sentar a cabeza e incluso imaxina o momento de facer testamento. A canción é puro humor e ironía sobre a vida pasada, os excesos e a inconsciencia, e o que o agarda cando pasen os anos. Porén, non ten présa ningunha de que isto aconteza. Canta:
Pero sin prisas, que a las misas de réquiem nunca fui aficionado.
Que el traje de madera que estrenaré, no está siquiera plantado.
Que el cura que ha de darme la extremaunción no es todavía monaguillo.
Joan Manuel Serrat: Llegar a viejo (1992)
Nesta canción Serrat establece unha serie de hipóteses que, de dárense, farían a vellez máis transitable e levadeira e non se convertería nunha etapa da vida con máis inconvenientes ca vantaxes. De logralo, sería todo un progreso, un triunfo. Envellecer non debería verse como un fracaso nin como decadencia. Conclúe o autor que todos e todas imos chegar aí:
Si no estuviese tan oscuro
a la vuelta de la esquina.
O simplemente, si todos
entendiésemos que todos
llevamos un viejo encima
The Beatles: When I’m sixty four (1967)
Nesta canción formúlase unha cuestión a unha moza: cando teña sesenta e catro anos seguirás comigo? A seguir, fala de envellecer xuntos e especula sobre como será a vida de ambos os dous cando sexan maiores. Imaxina unha vida doméstica, tranquila e en familia. Ela facendo os labores propios dunha muller e el os dun home. Seguramente serán uns avós agarimando os netos. Despois de case sesenta anos a percepción da idade mudou moito. Sesenta e tantos non se asocia coa vellez ou decadencia física, pois a expectativa de vida aumentou considerablemente. Os de Liverpool cantaban:
Cando teña sesenta e catro
ti tamén serás maior.
E se mo pides
quedarei contigo.
Podo ser útil, arranxando un fusible
cando a luz marche.
Alphaville: Forever young (1984)
Esta marabillosa canción interpretada por Alphaville afirma que a vida é unha viaxe moi curta e reivindica a xuventude para sempre: “Quero ser mozo para sempre, por sempre e para sempre”. Máis tarde ou máis cedo todo o mundo se irá; por que non permanecemos todos na eterna xuventude? E lamenta:
É tan duro envellecer sen un propósito[1].
Non quero esvaecerme coma un cabalo esgotado.
A xuventude é coma un diamante baixo o sol,
e os diamantes son para sempre.
En todo caso, se conseguimos chegar á última etapa da vida podemos cantar vitoria e entoar coa artista chilena Violeta Parra: Gracias a la vida, que me ha dado tanto. A outra posible opción é moitísimo peor.
[1] A tradución é nosa.
Cine
Existen moitas películas que tratan o tema do idadismo e dos microidadismos desde diferentes puntos de vista e perspectivas, mais só mencionarei algúns títulos vistos recentemente.
A propósito de Schmidt (2002) ten coma protagonista a Jack Nicholson, que interpreta a un home que acaba de xubilarse. Típica comida de despedida, típicos regalos, frases de agradecemento estereotipadas e un baleiro descoñecido ao que se ten que enfrontar unha persoa que, despois de máis de corenta anos de traballo, non sabe que facer coa súa vida. O seu posto vai ser ocupado por un empregado moito máis novo que ten outra maneira de traballar, e tira ao lixo toda a documentación en papel que el lle deixara perfectamente clasificada. O seu día a día perde sentido; ademais, queda viúvo e todo se conxura contra el. A soidade e o non ser necesario para ninguén, incluso para a súa propia filla, lévano a reformularse a súa vida futura. Atopará na “adopción” dun neno negro africano a vía de escape para saír do seu illamento emocional e persoal.
A película transmite unha visión moi pesimista da xubilación, pero, asemade, critica a sociedade que só valora positivamente a xuventude e considera esta xente, xa fóra do mercado laboral, coma prescindibles e inútiles, ou peor aínda, como se padecesen algún tipo de discapacidade.
O bolseiro (2015) é un filme protagonizado por Robert de Niro na que interpreta a un home xubilado de setenta anos que ingresa de bolseiro nunha startup. Esta empresa ten coma CEO a unha rapaza nova e todos os traballadores son mozos e mozas cunha visión da empresa totalmente diferente. Ao comezo sorpréndense coa súa presenza, considérano un vello inútil, que non vai ser capaz de traballar coas novas tecnoloxías, pero el pouco a pouco vai demostrando a súa valía, e a súa empatía e experiencia da vida serán de moita axuda para a mocidade inexperta que cre dominar o mundo.
Ben, o bolseiro idoso, desmonta os prexuízos laborais contra a súa idade e demostra que o desexo de aprender, de estar ao día, e a experiencia gardada na mochila da vida, son riquezas demasiado valiosas.
Elsa e Fred (2005) ten como protagonistas a dous septuaxenarios que viven no mesmo andar do edificio. Ao comezo non se caen ben, non se entenden, mais axiña comezan unha relación de amizade que acabará transformándose en amor. O fillo de Elsa e a filla de Fred contrólanos e trátanos coma a nenos: revísanlles os gastos, dinlles o que deben ou non deben facer, o que han de comer e, outro clásico, queren aproveitarse do seu diñeiro. Ao xuntárense recuperan os folgos, sobre todo Fred, e inician unha relación que os fará moi felices malia seren dúas persoas dunha idade considerable. Loxicamente, os fillos opóñense e pensan que perderon a cabeza. Resulta unha película entrañable.
A mensaxe que nos transmite é que a vida sentimental e emocional non remata coa idade. Que un pouco de loucura e de humor contribúen á felicidade. Incluso, cando todo parece pasado e perdido, se poden descubrir novas experiencias e realidades que antes non se chegaron a materializar por diferentes motivos.
Gran Torino (2008). Clint Eastwood, director e protagonista da película, aparece coma un vello intolerante, túzaro, xenófobo, racista e desconectado do presente, prototipo do americano conservador que loitou na guerra de Corea. Acaba de quedar viúvo e non quere relacionarse con ninguén, nin sequera cos fillos, que pretenden levalo a unha residencia. Vive só e os seus veciños pertencen á etnia hmong, procedentes do sureste asiático. Ao comezo, sente desprezo por eles, polos seus costumes e a súa cultura, mais acabará relacionándose e trabando unha forte relación de amizade e agarimo.
En definitiva, o final desmonta todos estes estereotipos do vello americano soberbio, prepotente, que só valora o que identifica a sociedade tradicional estadounidense, e descubrimos a un Walt, nome do personaxe, sensible, comprometido, defensor de inmigrantes e incluso comportándose coma un heroe. A súa cobizada “xoia”, o Gran Torino de 1972, terá un destino sorprendente.
Rúa Málaga (2025). A protagonista, interpretada por Carmen Maura, unha muller de setenta e nove anos, vive en Tánxer e a filla quere vender a súa casa “polo seu ben”. A película amosa como a contorna comeza a tratala como alguén incapaz de decidir sobre a súa propia vida, aínda que ela sinta desexos, reivindique a súa sexualidade e siga tendo autonomía e criterio.
Adoita entenderse como a reivindicación da dignidade e autodeterminación da vellez. Non existe un maltrato claro e evidente, senón esas formas suaves, lenes e paternalistas /maternalistas de incapacitaren unha persoa maior: decidir por ela, considerar os seus desexos coma impropios, asumir a súa fraxilidade e vulnerabilidade e considerar “razoable” vender a súa casa e apartala do seu fogar.
Alén diso, a película incide en algo pouco habitual no cine: mostrar desexo, sensualidade e vida emocional nunha muller maior sen convertelo en algo grotesco ou ridículo.
Literatura
A literatura adoita reflexionar sobre as cuestións fundamentais que atinxen ao ser humano, os sentimentos, as emocións, as desgrazas e traxedias que nos asaltan e, por suposto, sobre o paso dos anos e o continuum da vida. Citaremos algún exemplo.
En “A un olmo seco”, pertencente a Campos de Castilla (1912), Antonio Machado reflexiona sobre o paso do tempo e o que supón de desgaste e fraxilidade. A árbore vella, fendida por un raio, simboliza a deterioración, o esgotamento e a proximidade do final, mais existe unha lene esperanza porque “verdece como si esperara / otra primavera”.
Igualmente, en “Carballos de Carballido”, poema pertencente a Queixumes dos pinos (1886), Eduardo Pondal usa o carballo, árbore rexa e forte, como espello da súa vellez: os cabelos brancos del e as gallas secas deles. O paso do tempo non perdoa e a pegada da vida reflíctese no seu aspecto. E igual que podemos ler a través dos aneis das árbores e descubrir acontecementos pasados, tamén podemos coñecer, comprender e lembrar a partir da memoria das persoas.
O autor laméntase de que xa se foi a alegre mocidade e “os nosos días xa pasaron”. A vida é un río que camiña cara ao mar e non podemos deter o seu curso.
Marabilloso é o poema “A rosa que sangra”, incluído no libro Da terra asoballada (1917) de Ramón Cabanillas. O autor identifica “a alma”, é dicir, a vida cunha roseira callada de rosiñas brancas e vermellas. A infancia, a adolescencia e a mocidade están cheas de rosas brancas: “Cando a vida comeza /¡cantas rosiñas brancas!”, mais cando os anos van pasando, a cor cambia: “¡Cantas rosas vermellas / ó mediar a xornada!”. Pero agora “Xa son vello, e o vento, / vento de treboada, / desfolloume a roseira, / a roseira da alma.”
É clara a relación que establece Cabanillas coas cores: a branca representa inxenuidade, ilusión, inconsciencia e felicidade. A vermella representa a desgraza, o sufrimento, o desengano e a desilusión; na vellez a roseira xa non produce rosas de ningunha cor, só a Terra, Galiza, “ferida e escravizada” é unha rosiña vermella que lle doe e que sangra.
El amor en los tiempos del cólera de García Márquez (1985) fala do amor que Florentino garda por Fermina durante cincuenta anos. Namóranse de mozos pero ela acaba casando con outro home, Urbino. Cando este falece, Florentino, xa un home de setenta e seis anos, volve declararse a Fermina. Ela ao comezo escandalízase e rexéitao pero pouco a pouco van reencontrándose e acaban retomando unha relación amorosa. García Márquez amosa que a vellez non apaga o desexo, transfórmao; que o amor maduro vale tanto como o da mocidade e que a vellez outorga máis liberdade. En conclusión, que unha historia de amor aos setenta e tantos pode ser tan intensa ou máis que na adolescencia.
Finalizarei mencionando dúas obras emblemáticas da literatura galega e castelá.
Os vellos non deben de namorarse, obra teatral de Castelao, foi estreada en Buenos Aires en 1941. Os protagonistas son tres vellos que se namoran de tres mozas e acaban morrendo. A morte, que aparece coma un personaxe máis, advirte en cada un dos lances ao vello do risco que pode supoñer o seu namoramento serodio. A obra remata cun epílogo no que os tres vellos se encontran no cemiterio despois de mortos. Láianse do seu namoramento imprudente que os conduciu a perderen a dignidade e a comportárense ridiculamente.
Este é un tema moi recorrente na obra de Castelao, que tamén aparece en varios dos seus debuxos. O namoramento a idades avanzadas de mozas novas só pode provocar sufrimento, desengano e incluso a morte, pois elas actúan por interese e a relación non pode acabar ben. De todos os xeitos, se esta é a tese tocante aos homes namoradeiros, peor sería tocante ás mulleres, xa que sempre se viu como algo moi impropio e socialmente inaceptable a relación dunha maior cun home de menos idade. Os tempos mudaron e hoxe vemos homes cunha posición social moi importante casados con mulleres maiores. Películas como Cando menos o esperas (2003), protagonizada por Diane Keaton, Jack Nicholson e Keanu Reeves; ou Un asunto familiar (2024) interpretada por Nicole Kidman e Zac Efron, tratan este tipo de relacións en ton de comedia, mais os prexuízos e os estereotipos permanecen moi arraigados e a miúdo aflora o microidadismo.
Para rematar, voume referir á obra máis universal escrita en español: Don Quijote de la Mancha (1605). O protagonista é descrito ao principio da obra da seguinte maneira: “Frisaba la edad de nuestro hidalgo con los cincuenta años; era de complexión recia, seco de carnes, enjuto de rostro, gran madrugador, amigo de la caza”. É dicir, para a época, principios do século XVII, don Quixote era un vello tolo debido á lectura compulsiva de libros de cabalerías, e así nolo fan ver ao longo desta incomparable obra varios dos personaxes que interactúan con el: o cura, o barbeiro, a súa sobriña, Sansón Carrasco … Rínse del porque é un home maior cunha armadura oxidada querendo ser cabaleiro andante. Así Sancho di: “Vuesa merced ya es viejo, señor, y el viento le da en la cabeza”. A sobriña e a ama queren queimar os libros porque “a su edad, tío, ya no está para esas cosas. Mais Cervantes dálle a volta e quere demostrar que a loucura proporciónalle máis vida, ilusión e liberdade, e cando ao final recupera a cordura perde o interese por vivir. Sancho dille chorando: “Porque la mayor locura que puede hacer un hombre en esta vida es dejarse morir, sin máis ni más, sin que nadie le mate, ni otras manos le acaben que las de la melancolía”. E don Quixote responde:”Señores, vámonos poco a poco, pues ya en los nidos de antaño non hay pájaros ogaño. Yo fui loco, y ya soy cuerdo: fui don Quijote de la Mancha, y ya soy agora, como he dicho, Alonso Quijano el Bueno. Pueda con vuestras mercedes, mi arrepentimiento y mi verdad volverme a la estimación que de mi se tenía, y prosiga adelante el señor escribano”.
O que nos está a suxerir Cervantes é que a loucura mantén con vida a don Quixote. Ten ilusión por emprender aventuras, realizar fazañas, loitar contra xigantes, liberar xente en apuros, salvar damas en perigo, pero cando recupera a razón e volve ao seu mundo xa non ten aliciente para seguir vivindo. A tese final sería: non nos deixemos render pola idade. Un obxectivo, unha ilusión, unha nova relación, un propósito vital, algo que nos enganche e nos finque á vida, permitirá seguirmos esta viaxe sen mirar o espello retrovisor e sen enxergarmos a Caronte agardándonos para atravesar o río Estixia.
Conclusión
O microidadismo non só aparece no día a día, tamén se reflicte no mundo da cultura: música, cine, literatura … porén, moitas cancións, películas e libros cuestionan eses prexuízos e amosan unha visión máis humana e complexa do envellecemento. Obras como “Llegar a viejo”, “Elsa y Fred” ou “El becario” defenden a autonomía, a experiencia e a capacidade emocional das persoas maiores, axudando a combater os estereotipos asociados á idade.
Por iso, a análise cultural do microidadismo resulta importante para comprender como a sociedade percibe a vellez, e como poden transformarse esas ideas preconcibidas cara a unha visión máis inclusiva e respectuosa coas persoas que xa percorreron a maior parte da súa viaxe.

Pilar Freitas Juvino
Profesora de Galego
Son Pilar Freitas Juvino e nacín en Campo Lameiro en 1960. Os estudos primarios realiceinos na escola pública desta vila e aos 11 anos marchei interna a un colexio de Tui. Alí estudei o bacharelato no instituto San Paio ata o ingreso na USC onde me licenciei en Filoloxía Románica. Rematada a carreira, estiven durante o curso 1982-83 como auxiliar de conversa de español na cidade de Bayonne, en Francia.
De volta a Galiza, comecei a dar clases como profesora de Lingua e Literatura Galega en diferentes institutos ata recalar no ano 1986 no IES Valle Inclán. Alí permanecín durante todo o resto da miña carreira profesional.
En 2006 doutoreime en Filoloxía Galega cunha tese sobre a represión lingüística en Galiza durante o século XX, tese que máis tarde publicou a editorial Xerais baixo o mesmo título.
Desde o ano 2012 ata 2022 fíxenme cargo da dirección do centro, cargo ao que tiven que renunciar por motivos de saúde.
Considero que esta nova etapa que estou a afrontar debe ser unha etapa arrequecedora, activa e frutífera; por iso a posibilidade que colaborar neste blog ou bitácora e achegar un miúdo gran de area sobre un dos temas que máis me interesan, como é a situación da lingua galega no seu contexto histórico e social, supón para min unha gran motivación e representa unha oportunidade de dar a coñecer a nosa realidade lingüística, tanto pasada como actual.
Orixe e antigüidade do idioma Galego
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥