Cando entrei no estudio non se escoitaba ningún ruído, nin o máis mínimo. Reinaba un completo e inquietante silencio.  Os útiles de traballo do meu admirado profesor de Arte Contemporánea mostrábanse aos meus ansiosos ollos esparexidos  por aquí e por alá en completa desorde  a carón de obras semiacabadas e tubos de óleos das máis variadas cores.

            Atopábame nunha estancia ampla e ben iluminada, que en realidade  semellábase moito a como eu a imaxinara.  Que dificultade podía representar para min, estudante de arte, supoñer, aínda que nunca o tivese  visto, como sería o espazo no que  traballaba un pintor?

             Porén si que houbo algo que  chamou a miña atención, quizais pola  súa localización semioculta á vista, estratexicamente situada detrás dunha columna  na que remataba unha das paredes laterais, e que nun primeiro momento pasárame totalmente desapercibida. Tratábase dunha porta  pintada coa mesma cor que o resto do cuarto, o cal contribuía, como se pode supoñer, e moito, a que un puidese incluso non reparar nela, que quizais era o que se pretendía. Quen sabe? Ao mellor  un rocho, un armario encaixado, en fin, nada que non tivese unha explicación lóxica. Mais logo pensei que talvez era unha parte do estudio na que procurar maior intimidade e que probablemente o meu profesor se atoparía alí, así que chameino con certo temor a importunalo  pois supuxen que estaría traballando ensimesmado naquel último proxecto que, segundo nos tiña comentado, ocupaba a maior parte do seu tempo desde había algo máis dun ano. Non recibín resposta  e, como xa desde onde eu me atopaba se podía apreciar que a porta non  estaba totalmente  pechada, decidín aventurarme  e, sen facer ruído, case nas puntas dos pés, empurreina e entrei.

Cando o fixen non podía dar creto ao que vía. Alí, diante dos meus ollos, sentado nunha cómoda cadeira de brazos, diante dun lenzo apoiado nun pequeno cabalete, suxeitando nunha man a paleta e na outra un pincel que manexaba cunha mestría inimaxinable, atopábase un chimpancé que se observaba nun espello mentres pintaba o que debía ser o seu retrato a xulgar polas detidas miradas que saltaban do lenzo ao espello e do espello ao lenzo.

            Non fixo caso da miña presenza e non interrompeu en ningún momento o seu labor.

Achegueime, quería comprobar cos meus propios ollos ata onde chegaba a pericia dos seus pinceis. Cando vin o que reflectía o lenzo fiquei estarrecida. Aquilo non era un autorretrato. O chimpancé miraba alternativamente o espello e o lenzo, coma se a imaxe que compulsivamente pintaba fose a que aquel reflectía, mais non era así, ou polo menos non era iso o que  o meu pobre entendemento, limitado seguramente pola lóxica humana, era capaz de asimilar.

El Mono pintor de David Terniers 1660

           Aquel simio estaba dando os últimos retoques a un cadro que representaba cunha fidelidade asombrosa o rostro do meu admirado profesor de Arte Contemporánea.

                                                                                                                                                                         8 de  novembro 2012

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.

Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.

Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Simbiose

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥