Cando a principios de marzo soubemos a través dos medios de comunicación que a fábrica de pasta e fibra proxectada por ALTRI no concello de Palas de Rei ía consumir o 20% do eucalipto en Galicia, ficou claro que non sería como resultado de repartir o que se produce actualmente para que a corporación poda dispoñer desa porcentaxe, non, ese 20% será o resultado incrementar a produción para atender as necesidades crecentes dos demandantes actuais e subministrar, ademais, os 1,2 millóns de toneladas que precisaría ALTRI.

Efectivamente o panorama é de demanda crecente de eucalipto en Galicia. ENCE manterá a súa produción e cambiará a tecnoloxía en Pontevedra para incorporar as grandes cantidades de Eucalyptus nitens que se están a producir; agardan que esta especie substitúa polo menos parcialmente a E. globulus, a que tradicionalmente se plantaba, xa que resiste mellor as condicións de frío, hasta -12ºC e máis de 50 días de xeada ao ano, o que permitirá expandir o eucalipto a zonas de montaña nas que antes non crecía. Esta será unha das vías para incrementar a produción do eucalipto, cara terreos nos que non existía porque a especie plantada ata agora, Eucalyptus globulus, tiña o seu límite de crecemento a uns 600 metros de altitude..

 Por outro lado, Portucel, agora co nome de The Navigator Company, trala moratoria a novas plantacións en Portugal de 2017, comezou a buscar terreos para aluguer e compra en Galicia; dende 2020 á actualidade ten triplicado a superficie xestionada e continuará a súa implantación que comezou nas provincias de Lugo e A Coruña, está a expandirse agora tamén pola de Pontevedra; cómpranse e alúganse superficies nas que se plantaba eucalipto pero tamén a matogueira e terreos agrícolas, que levan xa anos transformándose en eucaliptais.

eucalipto 1
Oferta de aluguer e compra de terreos para plantacións de eucalipto da compañía Navigator que se ten estendido por Lugo, A Coruña e agora tamén pola de Pontevedra.

Temos entón unha demanda de eucalipto que practicamente se multiplica por tres e un Plan Forestal Galego revisado en 2021 que se marca como obxectivo unha redución do 5% que “debe de ser un mínimo de partida que é necesario revisar dunha forma máis ambiciosa” sen que se saiba aínda nada desa ambiciosa revisión. A realidade é que a superficie ocupada por eucalipto crece e segue a crecer a pesar da moratoria para novas plantacións que estableceu a xunta hasta 2025 e todo indica que a expansión das plantacións vai seguir crecendo de forma desmedida tras esta data.

De que modo afectará isto a Galicia? Non é difícil sabelo, trátase dunha especie moi destrutiva; na última versión do Plan Forestal Galego, aprobada polo parlamento galego foi necesario crear o concepto de “eucaliptal degradado” o que significa admitir o elevado potencial de degradación que posúen as especies do xénero Eucalyptus e recoñecer que unha parte importante dos nosos solos forestais xa se se atopan degradados. Os eucaliptos coma especies pirófitas favorecen a propagación dos incendios forestais e os solos desprotexidos tralo incendio son arrasados pola erosión superficial das choivas posteriores, ficando empobrecidos e improdutivos, en solos sen capacidade para soportar máis que a pobre, e perigosa, vexetación oportunista, incapaces de reter e acumular auga ou de acumular carbono en formas orgánicas. Si temos en conta que todos os investigadores recoñecen que o número e extensión dos incendios forestais seguirán a crecer a medida que o cambio climático avance podemos facernos unha idea bastante clara do futuro. Atopámonos na era dos megaincendios e os eucaliptos aportan combustible para que o lume progrese e a destrución avance. Tal e como recoñece a Administración forestal o eucalipto xa ten degradado extensas áreas en Galicia.

incendio
Nos últimos anos os incendios en plantacións de eucalipto son cada vez máis frecuentes no norte de Galicia e en Asturias, como este da vaga que asolou Asturias no ano 2023.

eucaliptos 3
Na parte superior da plantación pode verse unha zona con troncos de eucalipto queimados e que xa non resulta produtiva, un “eucaliptal degradado” nunha plantación de ENCE.

Pero os produtores de pasta están tentando de transmitir a falsa idea de que as plantacións de eucalipto levan asociados algún tipo de beneficio social, económico ou incluso ambiental. En tódolos casos de forma demagóxica e mesmo falseando a realidade, pero as contas indican o contrario, e o que é peor, a expansión do eucalipto que vai forzar a industria, que obrigará á Administración a deixar de lado a redución de superficie planificada no PFG, vai supor unha grave ameaza para o futuro dos solos, da biodiversidade e dos recursos hídricos e vai supor a incorporación á atmosfera de millóns de toneladas de CO2.

É certo que durante o seu crecemento as árbores absorben grandes cantidades de CO2 para transformalo nos compostos orgánicos dos tecidos da árbore, e isto é o que aseguran os produtores e consumidores que resulta beneficioso para a loita contra o cambio climático, os eucaliptos crecen rápido e absorben rápido moito CO2, pero cal é o problema? que pronto son cortados e convertidos en pasta de papel e residuos que se descompoñen e devolven á atmosfera o carbono retido en forma de CO2. De acordo co Regulamento da UE “sobre a inclusión das emisións e absorción de gases de efecto invernadoiro resultantes do uso da terra, o cambio de uso da terra e a silvicultura no marco da actuación en materia de clima e enerxía ata 2030”, que establece as fórmulas para o cálculo dos fluxos de carbono entre a atmosfera e os sistemas naturais, o período de “semioxidación” é dicir o tempo que tarda en reducirse á metade o carbono orgánico almacenado na madeira utilizada para fabricar pasta de papel é de 2 anos co que podemos asegurar que tras 4 anos a inmensa maioría do carbono contido na madeira está xa de novo circulando pola atmosfera en forma de CO2, pero non so se libera este CO2, tamén o emitido pola maquinaria de tala, reunión e transporte da madeira e do emitido durante os procesos de produción de pasta nos que se utilizan combustibles fósiles. ENCE por exemplo declara unhas emisións netas dunhas 700.000 toneladas ao ano e é un dos principais emisores de gases de invernadoiro de España, a implantación de ALTRI, si se producira, implicaría unha cantidade similar. Si, o eucalipto, leva asociadas unha elevadísimas emisións netas de gases de invernadoiro e contribúe xa que logo ao quecemento que favorece a propagación dos incendios forestais nos que á súa vez se emiten grandes cantidades de CO2, todo un bucle destrutivo. En Chile, despois de devastadores megaincendios en plantacións de piñeiro e eucalipto, os cultivos destas especies non se consideran como posibles sumidoiros de carbono, aquí preténdese disfrazar as plantacións de eucaliptos de proxectos de desenvolvemento sostible.

Pero o eucalipto non so ten este efecto, a transformación de solos fértiles en eucaliptais e dos eucaliptais en “eucaliptais degradados” implica unha grave perda de biodiversidade, de capacidade de retención de auga, de materia orgánica na que se acumula carbono e dos solos que poderían soportar a vexetación que actuase como sumidoiro de carbono no futuro, que podería proporcionar os recursos e servizos que necesitamos. A expansión do eucalipto na era dos megaincendios favorecidos polo cambio climático vai carrexar unha catástrofe que todos sabemos que xa está anunciada, so fica agardar.

eucaliptos queimados
Arrastres erosivos posteriores a un incendio forestal. Estes arrastres eliminan solo fértil e favorecen a transformación de materia orgánica en CO2. A degradación en plantacións de eucalipto aumentará co cambio climático.

Mentres, as plantacións seguen e seguirán a expandirse sobre terreos que ocupaba a matogueira e os terreos agrícolas, incumprindo a lexislación en materia de montes e de incendios e destruíndo ecosistemas protexidos, moitas matogueiras albergan hábitats protexidos pola lei, e os terreos que se dedicaron á produción de alimento probablemente non podan volver a utilizarse. Mal futuro para os nosos montes e a nosa terra.

Benito Andrade

Benito Andrade

Profesor de Bioloxía

Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.

Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.

Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.

Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.

Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.

O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.

Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.

O xenxibre do Himalaia

máis artigos

♥♥♥ síguenos ♥♥♥