Camiñas de vagar cativada polas cores, olores e sabores que emanan das canellas labirínticas da medina, polo algareo da xente que, coma ti, vén e vai observando a infindade de pequenos postos de venda que ofrecen todo tipo de produtos, especialmente aos engaiolados visitantes foráneos abrumados pola enorme diversidade de mercancías que desfilan ante os seus ollos.

Deteste a admirar unha tenda de especias sabiamente colocadas en pequenos recipientes circulares ofrecendo unha estudada combinación de cores que dificilmente pode pasar desapercibida, un agasallo para a vista e o olfacto. Uns pasos máis adiante, tras parar noutros postos de cerámica, coiro e froitas, atopas a espectacular entrada dunha das trescentas mezquitas que se encontran no interior da medina; desafotunadamente só os musulmáns teñen permitida a entrada para a oración. Tamén descobres os riads, as casas tradicionais marroquís que se utilizan como hospedaxe, co seu patio interior arredor do cal se sitúa a vivenda, en xeral con distintas terrazas e alturas; as medersas -escolas de Corán- pouco accesibles aos turistas e, tras un longo percorrido por quilómetros de calellas, o gran curtidoiro Chouwara que se pode divisar desde unha zona elevada na que se atopan xa os distintos produtos fabricados coas peles resultantes do proceso de lavado, tinguido e secado ao que se someten previamente na multitude de fosas nas que ducias de curtidores traballan sen descanso.

O percorrido pola medina é coma unha viaxe no tempo, coma se, de súpeto, tras atravesar os fermosos arcos de entrada, o reloxo atrasáse varios séculos e ti apareceses alí convertida en espectadora privilexiada de semellante prodixio.

Despois de case tres horas andando sen apenas deterte ficas esgotada e un pouco agobiada polo boureo e a enxurrada de xente que vén e vai; por iso decides dar por rematada a visita.

Moitas imaxes deste día van ficar retidas na túa retina, sen dúbida, e coándose no medio delas as dos centos de gatos que pululaban por todas partes coma un elemento necesario que adobiaba o conxunto. Recoñeces que che resultou difícil conter o desexo de acariñalos, mais a prudencia impúxose finalmente .

Fez é unha das grandes cidades de Marrocos e a súa medina unha das máis impresionantes e extensas do mundo árabe (7.500m²)

A viaxe de Fez a Volúbilis (ruínas dunha cidade romana) vaite achegando ao Atlas Medio con parada en Mulay Idris, pequena vila situada nun outeiro, na que o coidado e a limpeza brillan pola súa ausencia, malia ser lugar de peregrinaxe ao albergar o Santuario de Idris I, fundador da Dinastía Idrisí, inaccesible para os turistas. A imaxe máis fermosa da cidade é a que obtés desde a distancia, percorrendo a pé o camiño ata as ruínas, no cal te cruzas con varios campesiños a cabalo de burros e mulas cargados con produtos da terra. A verdade é que a omnipresencia destes animais usados como medio de transporte e carga nas vilas marroquís que visitas é o común e fai que acudan á túa mente lembranzas da nenez nas que na túa pequena aldea do rural galego tamén se usaban dese xeito, hai xa moitos anos.

Baixo un sol inclemente chegas a Volúbilis e ficas abraiada coa extensión que ocupan as ruínas e que dan idea da grandeza e trascendencia que debeu ter no seu momento este asentamento romano no que aínda se poden admirar impresionantes mosaicos e termas nos restos dalgunhas casas; tamén O Capitolio, a Basílica ou os muíños de aceite pertencentes á época púnica, xa que antes dos romanos foi habitada polos cartaxineses. Averiguas que na época de maior esplendor chegou a ter 20.000 habitantes.

Alí, baixo o Arco de Caracalla, deteste a admirar a paisaxe do fermoso val no que está situado este tesouro arqueolóxico.

A viaxe ata Meknés permíteche gozar das vistas que ofrece a un lado e outro da estrada este amplo territorio ao pé do Atlas Medio, totalmente cultivado e no que destacan as enormes extensións de oliveiras. O azul do ceo e as distintas tonalidades de verde dos campos e das árbores coas montañas do Atlas ao fondo é todo un luxo para a vista!

Meknes é unha das cidades imperiais de Marrocos, rodeada dunha espectacular muralla e arcos de entrada que para a túa desgraza atópanse en restauración ao igual que outros puntos de interese turística, co cal conclúes que se fai necesaria unha segunda visita cando o traballo de recuperación teña rematado. Aínda así pódese apreciar a súa beleza e o constante buligar das súas rúas e da medina converténdoa nunha cidade chea de vida.

As noites na terraza do fermoso riad no que te hospedaches, os espectaculares almorzos e a chamada a oración (adhan) do almuecín, acompañada nalgunha ocasión polo canto dos galos que saudaban xa o novo día, constitúen parte desas pegadas indelébeis que, de seguro, han ficar en ti unha vez rematada a viaxe.

A chegada a Azrou e Ifrán supuxo o encontro coa zona montañosa do Atlas Medio, co frío, coa neve, coa chuvia converténdose en neve a medida que a furgoneta devoraba Km. cara ás zonas máis altas. As folerpas batendo no parabrisas, a euforia apoderándose de ti ao descubrir a máxica estampa do bosque nevado. A visión dos monos de espesa pelaxe baixo a neve, agardando polos cacahuetes dos visitantes, ou arrebatándollelos dos petos. Os teus pasos buscando manterse firmes nun solo irregular cun leito de follas, garabullos, pólas e pedras que formaban parte do percorrido circular da ruta polo engaiolante bosque de cedros.

Silenzo e natureza, auténtico privilexio.

E chegas a Aguelman onde se atopa o lago de Aguelmame Sidi Ali de augas cristalinas dunha cor esmeralda que resalta no medio da aridez dourada predominante, salferida, iso si, de sabinas milenarias e rabaños de ovellas. Este lago atópase na provincia de Khenifra, que pertence á rexión de Meknès-Tafilalet, e está rodeado de montañas. A túa visita á zona non se limita a admirar a paisaxe, chegas co propósito de coroar un dos cumes de 2734 metros de altura. Podes experimentar a dificultade do ascenso, os teus pasos inseguros no medio das pedras que alfombran a ruta, o desnivel cada vez maior e a vista atrás asombrada ante a beleza que ofrece a visión do lago desde as alturas, o efémero descanso ao lado da sabina milenaria e por fin a chegada á cima.

Sensacións cruzadas de placidez, esgotamento e orgullo tras ser quen de coroar.

Deixas o Atlas Medio, deixas Marrocos coa maleta cargada de experiencias novas e momentos inesquecibles de ceos azuis, de luz, de neve, de frío, de calor, das chamadas á oración dos almuecíns, das medinas, da súa saborosa gatronomía, dos fermosos riads, dos contrastes da paisaxe, das súas xentes…

Deixas Marrocos co propósito de volver.

Marrocos1
neve en Marrocos
Marrocos lago
Moulin Idris
Marrocos3
medina Fez
Fez
Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

Golpes de luz

70º Norte

máis artigos

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥
No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥