Hoxe imos falar dunha novela que nos traslada a un mundo distópico, a un planeta apocalíptico que agoniza tras décadas de evolución dunha pandemia que converteu o ser humano no peor inimigo de si mesmo ao ter que enfrontarse á crúa realidade da supervivencia.
O tema non nos é descoñecido, efectivamente é algo tratado con frecuencia tanto na literatura coma no cine, con maior ou menor acerto pero sempre provocando un efecto tremendamente desacougante, probablemente porque o lector ou espectador é introducido na peor situación posible, aquela na que hai que loitar por sobrevivir e enfrontarse aos propios límites, é obrigado a mirarse nun espello que lle devolve unha imaxe arrepiante da que quixera poder renegar e que malia todo sabe que esa imaxe está dentro, disposta a aflorar se é necesario para seguir existindo.

Aínda que sen dúbida esta sería unha das razóns que podería xustificar a atracción por este tema tan reiterado, claramente non é a única, a desaparición da civilización tal e como a coñecemos tamén é outra constante, e non é de estrañar, contamos con desencadeantes de sobra que poderían levarnos a ese temido final: armas nucleares, enfermidades descoñecidas, cambio climático, etc.
A situación, pois, na que se desenvolve a historia contada en 70° Norte, énos familiar, pero o autor introduce elementos que a fan especial, xogando mesmo cun simbolismo que nos invita a reflexionar sobre a importancia da linguaxe como vehículo de comunicación, a importancia das palabras como elemento indispensable das linguas e estas como sinal de identidade que ao desaparecer levan consigo a desaparición do individuo. É moi significativo que un dos síntomas do padecemento da enfermidade, a partir do cal comeza o declive total da persoa afectada, sexa a perda da linguaxe, o esquecemento paulatino das palabras.
Desde outro punto de vista a historia é contada utilizando dous ritmos diferentes no discurso que teñen que ver co uso da descrición, a narración e o diálogo e a súa distribución na novela.
Tendo isto en conta poderiamos falar dunha primeira parte na que predomina a DESCRICIÓN, nela o protagonista fúndese coa natureza, coa paisaxe, describindo ata o máis mínimo detalle do que vai descubrindo na súa viaxe de exploración na procura doutra vida posible.
A partir do capítulo VII-VIII imos coñecendo retallos da súa vida na colonia da que procede e os motivos que o levaron a emprender a búsqueda dun lugar mellor e máis seguro. Hai, pois, máis NARRACIÓN, aínda que os longos fragmentos de MONÓLOGO INTERIOR fannos ver e sentir polos seus ollos, sufrir con el a fame, o medo, a terrible soedade e a progresiva perda de esperanza. Soedade que axuda a mitigar a confección dun diario destinado á súa familia:
“Día 8: Levo unhas cantas xornadas de camiño e noto o peso do aire, empezo a sentir a escaseza de osíxeno, non sei se conseguirei afacerme a isto. Teriades que estar comigo…” (páx. 127)
Pero o auténtico cambio atopámolo a partir do capítulo X caracterizado xa por un discurso PREDOMINANTEMENTE NARRATIVO, inmerso no DIÁLOGO entre os dous personaxes principais:
- O home que explora
- E a muller, única supervivente dunha aldea nun val entre montañas.
É a través do diálogo entre os dous que descubrimos o que aínda descoñeciamos sobre a situación pola que atravesa o planeta e as características da pandemia que provocou a destrución dunha sociedade “civilizada”.
Nesta última parte da novela, para min a máis interesante, prodúcese a convivencia entre os dous protagonistas que curiosamente pasan a denominarse constantemente como:
A MULLER e O HOME.
ELA e EL.
No caso da muller hai unha única excepción, unha carta da súa irmá Dolores na que a chama polo seu nome: Clara. Porén nas demais ocasións, que son moitas, sempre vai ser “a muller” ou “ela”
“O home dera pasos cara á entrada da casa, disposto a enfrontarse co que fose” (páx. 150)
“A muller, anicada, prendía un lume con herba seca e garabullos no fogar da cheminea” (páx.154)
“Ela atizaba as ascuas dun dos fornelos” (páx. 156)
“El, tamén riu, a primeira vez desde que entrara na casa (páx.178)
Non obstante si que aparecen algúns personaxes sempre designados polos seus nomes propios, por exemplo Xandra, muller do home que explora, e Dolores, irmá da muller supervivente.
Que intención pode haber detrás destes personaxes innominados que á vez son os máis relevantes na historia?
Talvez que as súas personalidades e as súas accións son suficientes para seren identificados?
Talvez que as súas identidades se dilúen nesa distopía que os devora a un e a outra?
Son moito e non son nada. Representantes de dous espazos opostos, o abafante e o anhelado, o opresivo e o liberador, mais ambos os dous vítimas da mesma realidade atroz.
70° Norte é unha historia descarnada onde non hai apenas cabida para a compaixón ou a solidariedade, onde o medo, a desconfianza e a imperiosa necesidade de sobrevivir xustifican calquera acción, mesmo as que baixo prismas máis benévolos poderían ser consideradas tremendamente crueis.
Cabe destacar, non obstante, o papel relevante dunha natureza salvaxe e fermosa que se abre paso no medio da destrución.
Quizais sexa a resposta á única supervivencia posible do planeta, mais quizais tamén nela non haxa cabida para a humanidade.
Por Charo Valcárcel
(xaneiro 2024)
INFORMACIÓN SOBRE O AUTOR
Xaime Domínguez Toxo. Bueu, 11 de Novembro de 1955.
Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación. Presidente do Ateneo de Pontevedra dende o ano 2007.
Escritor. Ten publicado na editorial Xerais o libro de relatos AS PALABRAS QUE MOVE O MAR, polo servizo de publicacións da Deputación de Pontevedra conxuntamente co artista Antón Sobral ten publicado o CADERNO DE MAR, na editorial Ancoradouro o libro de relatos PROTEXER O INVISIBLE, na editorial Laiovento o poemario A CASA SEN NÓS.


Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
Actividades culturais do 10 ao 16 de febreiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Febreiro 9, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 3 ao 9 de Febreiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 27 de xaneiro ao 2 de febreiro
by Ana | Xaneiro 26, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 20 ao 26 de Xaneiro por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 19, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 13 ao 19 de xaneiro 2025 por Ana Santos
by Ana | Xaneiro 12, 2025 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 16 ao 22 de Decembro por Ana Santos
by Ana | Decembro 15, 2024 | Actividades | 0 Comments
Ana Carretón Guada por Ana Santos Solla
by Ana | Febreiro 2, 2025 | Historias de vida | 0 Comments
José María Fernández Vázquez por Ana Santos
by Ana | Decembro 1, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Olga Martínez López por Ana Santos Solla
by Ana | Outubro 27, 2024 | Historias de vida | 1 Comment
Luisa Pan Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 22, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Anxo da Ferreira por Ana Santos Solla
by Ana | Xuño 23, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Marigel Pérez García por Ana Santos Solla
by Ana | Maio 5, 2024 | Historias de vida | 0 Comments
Servizo de mesa en tempos de guerra por Isidro Cortizo del Río
by Isidro | Febreiro 9, 2025 | Artísticas | 0 Comments
Chucho das Rabadeiras por Manolo Gulías Márquez
by Colaborador | Febreiro 2, 2025 | Literarias | 0 Comments
Sempre en Galiza de Castelao…. por Pilar Freitas Juvino
by Pilar Freitas | Xaneiro 26, 2025 | Etnografía | 0 Comments