por Charo Valcárcel
Os días de xullo van ficando atrás
nas mañás de praia,
mergullado o corpo no atlántico frío que aguilloa a pel
e logo agarímaa co seu tacto leme de ondas distantes,
na visión das illas pertas que te saudan no teu continuo retorno
de volver sen terse ido,
porque ti formas parte desa praia longa de area branca
cercada polas dunas e as illas,
por iso sempre estarás aí,
serás un gran de area fina,
serás un sopro da brisa que eleva o voo das píllaras
Serás escuma,
serás rocha,
serás alga,
serás unha raiola
que converte en prata o manto do mar cando morre o día.
Charo Valcárcel Xullo 2020

Charo Valcárcel Mato
Profesora de Galego
Eu son Charo Valcárcel. Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…
Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.
No Valle Inclán coñecín a Ana, Manuel, Isidro, Benito e Sara que, considero, máis que compañeiros, amigos, bos amigos. Xuntos compartimos moitas experiencias.
Agora esta na que nos implicou Ana que, polo menos para min, é un salvavidas, un incentivo que chega para encher o oco que deixa o ensino nas nosas vidas.
Pero tamén formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.
Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.
máis artigos
♥♥♥ síguenos ♥♥♥
Trackbacks/Pingbacks