PONTEVEDRA: RUEIRO RE(de)TALLADO
1. SEBASTIÁN GONZÁLEZ GARCÍA-PAZ
A historia de cada vila e cidade vaise escribindo paso a paso. Nese devir do tempo hai feitos e persoas que deixan a súa pegada e quedan retallos nas rúas e lugares que, na meirande parte das ocasións, pasan desapercibidos aos paseantes e veciños. Coñecer a nosa intrahistoria axuda a saber mellor quen somos como persoas, vilas e cidades.
Nesta sección que hoxe inauguramos, queremos facer presentes esas pegadas pasadas que atopamos nas rúas de Pontevedra.
Permítome a licenza de inaugurar a sección coa placa que, na rúa Castelao, lembra a Sebastián González García-Paz, o meu tío Tano.
Naceu en Pontevedra o 26 de maio de 1908, fillo de Bernardino González e de Ceferina García, e irmán de Daría e Enrique (meu pai).
Estudou no Instituto de Pontevedra, onde trabou unha amizade que perdurou toda a vida con Antón Fraguas. Xuntos crearon naquela primeira etapa, sendo aínda moi novos, no 1924, a Sociedade da Lingua (SDL). Rematado o bacharelato, continuou estudos de historia na Universidade de Santiago, onde se licenciou con premio extraordinario e foi bolseiro da Xunta de Ampliación de Estudos en Francia e Alemaña. Doutorado en Madrid, investigou a cultura castrexa, acadando a praza de profesor de arqueoloxía e historia da arte da Universidade de Santiago.
Participou intensamente na actividade intelectual, cultural e política do país como membro activo das Irmandades da Fala, do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos, do que foi secretario xeral. Concelleiro na corporación municipal de Santiago que presidiu Ánxel Casal, a súa traxectoria política e cultural en Galicia quedou truncada co golpe de estado de 1936. En 1940 foi inhabilitado polo réxime franquista cunha sanción de inhabilitación total, seis anos de desterro a máis de 200 quilómetros de Santiago e 5000 pesetas.
Placa conmemorativa no costado do Hotel Rías Baixas, na rúa Castelao
Exilouse en Porto Rico, onde foi acollido en casa de familia materna, na que tamén vivía a súa curmá segunda, Manuela Lamela, coa que casou en 1941 e coa que tivo tres fillos, Sebastián, Juan Manuel e Maripí. Volve a casa por primeira vez do exilio en 1953 como cidadán estadouniense.
En 1939 comeza a impartir clases na Universidade de Porto Rico, na cátedra de historia da arte, e xa no 1943 foi nomeado decano da Facultade de Humanidades, cargo que ocupa ata 1962. Na universidade coincide con Juan Ramón Jiménez , Cristóbal Ruíz, Eugenio Granell e Pedro Salinas. Con todos eles mantivo amizade e conversas. Obras de Granell e Cristóbal Ruíz adornaron as paredes da súa casa de San Juan e hoxe, algunha delas, honra a vivenda da súa neta, Magda Mari, en Nova Iorque.
Seguindo a liña dos movementos culturais nos que participou en Galicia, en Porto Rico impulsou o Teatro Universitario, complementado co Teatro Rodante, replicante de La Barraca de García Lorca, o Coro, o Museo da universidade e o Centro de Excavacións Arqueolóxicas. Creou o Seminario de Estudos Portorriqueños que, como sinala Antón Fraguas: “Non se escapará a ninguén o paralelismo co seu antigo Seminario de Estudos Galegos, onde se traballaba, guiados por el, na recolleita de materiais con esa pacencia que fai falla, prescindindo da presuntuosa nombradía.”
Foi nomeado senador vitalicio do Senado de Porto Rico.
O edificio da Facultade de Humanidades do recinto de Río Piedras da Universidade portorriqueña leva o seu nome.
Faleceu en Pontevedra o 5 de agosto de 1967. O Museo de Pontevedra é depositario de parte dos seus traballos.
Os seus fillos manteñen unha fonda relación con Pontevedra e coa familia paterna. A súa personalidade e o enorme afecto que lle profesaban os seus irmáns fixo mella en toda a nosa familia que reivindicamos con orgullo o seu nome e o seu labor en Galicia e Porto Rico.
Sebastián González García-Paz nas excavacións de Santa Tegra (1930)
A información para elaborar esta pequena reseña é emprestada da memoria familiar , do Consello da Cultura Galega, do libro de memorias de Tuco Cerviño, Un taxi verde e un concerto, e de número 21 da revista Grial, no que Antón Fraguas publica un artigo sobre Sebastián González.

Peque González Novoa
Profesora
Son Peque González Nóvoa. Nacín en Pontevedra hai 63 anos, nunha familia das de aquela, “numerosa”. Estudiei Psicoloxía en Santiago e dediquei toda a miña vida laboral á docencia, no ensino público; nos primeiros anos como mestra de infantil e posteriormente como orientadora, ata que hai dous anos decidín pasar a esta etapa chamada xubilación.
No meu percorrido de vida acostumo a definirme como muller, mestra, nai e avoa, sen orde prevalente, por que considero que son os elementos que conforman quen son.
Achégome a este grupo de xente que tivo a boa idea de poñer en marcha este proxecto “De vella a bella” coa intención de aprender e poder aportar un micrograo de area. Neste contexto no que vivimos, e nesta situación de pandemia, creo que todo o que implique a activación das persoas, sexa cal sexa a súa idade, é positivo.
máis artigos
Actividades culturais do 21 ao 27 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 20, 2026 | Actividades | 0 Comments
Un paseo por el hades por Vicente Méndez
by Colaborador | Setembro 13, 2026 | Bienestar | 0 Comments
Actividades culturais do 14 ao 20 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 13, 2026 | Actividades | 0 Comments
Actividades culturais do 7 ao 13 de setembro por Ana Santos
by Ana | Setembro 6, 2026 | Actividades | 0 Comments
Entre o sonho e a realidade por Graça Foles e Teresa Melo
by Colaborador | Maio 31, 2026 | Bienestar | 0 Comments
Marisa Sánchez Martínez por Ana Santos Solla
by Ana | Setembro 20, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Rosa María López Lorenzo por Ana Santos
by Ana | Setembro 6, 2026 | Historias de vida | 0 Comments
Suite: Alborada de Verín e Pas d’été por Cibrán, Marcos e Migui
by Colaborador | Xuño 21, 2026 | Música | 0 Comments
As bágoas das naiciñas de Antonio Lois
by Colaborador | Maio 31, 2026 | Música | 0 Comments
Mi casa y mi corazón de Marcos Ana por Pilar Braga
by Colaborador | Maio 17, 2026 | Música | 0 Comments
Viaxe a Mallorca, parte 2 por Xosé Manuel Gulías
by Colaborador | Setembro 20, 2026 | Escapadas | 0 Comments
Atención Primaria por Isidro Cortízo del Río
by Isidro | Setembro 17, 2026 | Artísticas | 0 Comments
Un paseo por el hades por Vicente Méndez
by Colaborador | Setembro 13, 2026 | Bienestar | 0 Comments
The last day por Xosé Manuel Gulías Márquez
by Colaborador | Setembro 13, 2026 | Literarias | 0 Comments
Microidadismo (II): Unha cala na música, no cine e na literatura
by Pilar Freitas | Setembro 6, 2026 | Etnografía | 0 Comments
Viaxe a Mallorca por Xosé Manuel Gulías Márquez, parte 1ª
by Colaborador | Setembro 6, 2026 | Escapadas | 0 Comments