Que ves?
Lembro unha tarde na sala de espera dunha consulta médica na que, como parte da súa espartana decoración, se atopaba unha pequena peixeira cun peixe laranxa, deses máis comúns, fáciles de coidar e resistentes ás condicións máis adversas. Como o tempo non pasaba, púxenme a pensar como sería o mundo para ese anódino becho. Un mundo deformado polo vidro esférico do recipiente tralo que circulan coma sombras os pacientes de diferentes idades sobre un fondo branco da parede e cunha fiestra e un fluorescente como fontes de iluminación. Como o tempo seguía correndo e non se me chamaba, no meu delirio, pareime a reflexionar se non será que nós, que os humanos, como o peixe, tamén temos unha visión deformada da realidade,

se non estaremos nunha peixeira e o que nos parece real non é máis que unha percepción distorsionada polas nosas limitacións sensoriais, a nosa pobre capacidade de interpretación, os nosos instintos e os nosos prexuízos culturais e educacionais. A ver, se nos paramos a velo, a nosa realidade non é moito máis real que a realidade do peixe e, xa que chegamos aquí, existirá unha realidade que sexa verdadeiramente real? buf!


No que estaremos de acordo é en que, cando miramos, só vemos unha parte do que temos diante. “A vista engana” ou “canto máis se mira menos se ve” adoitan dicir os prestidixitadores para despistar a súa audiencia. Probablemente a vista nos ofreza a percepción dunha cara da realidade que nós interpretamos coas nosas torpes capacidades deformándoa para construír un universo falseado de primeiras impresións. Raras veces nos fixamos no que hai tras esa aparente realidade que non é tal, só unha percepción groseira, unha imaxe parcial construída con febles soportes. Se nos parásemos a buscar o que hai detrás do aparente, atopariamos outro mundo, outro universo, outra realidade; máis real?
Construímos os nosos mundos visuais, fabricamos imaxes case sempre cunha primeira vista e engadindo elementos alleos da nosa colleita. Hai quen ve a deus, ou á virxe; hai quen ve fantasmas, quen ve o que non hai e quen non é capaz de ver o que ten diante. Talvez se procurásemos ver máis alá…

Benito Andrade
Profesor de Bioloxía
Son Benito Andrade, nacín en Salcedo, moi cerca de Pontevedra, no 59.
Cando terminei o bacharelato tiña decidido estudar Filoloxía Hispánica pero no último momento matriculeime en Bioloxía, coa ilusión de poder estudar o medio mariño.
Pero non, non era ese o meu camiño, acabei dando clases de Bioloxía en varios centros de Galicia, o último o IES Valle Inclán de Pontevedra.
Pero non perdín de vista o mar, como afección, como desfrute e como compromiso, na Asociación Pola Defensa da Ría, defendendo dentro das miñas posibilidades a saúde dos ecosistemas da Ría de Pontevedra.
Tamén quixen acercarme aos mares do pasado, estudando uns bichiños ben fermosos dos mares do Xurásico de bacía portuguesa desta época, anos recollendo e estudando braquiópodos mesozoicos fixeron que lles teña un grande cariño a estes amiguiños de pedra, unha compañía que quero seguir buscando.
O tempo é unha fera destrutiva que pasa case sempre moi rápido, pasan os meses, os cursos, os anos e chegou o momento de deixar de traballar no instituto.
Somos maiores dende logo pero agora libres para poder dedicarnos ás cousas que consideramos importantes, como este blogue de maiores e para maiores feito entre amigos xubiletas.
máis artigos
Actividades do 23 ao 29 de Maio 2022 por Ana Santos
by Ana | Maio 21, 2022 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 16 ao 22 de Maio 2022 por Ana Santos
by Ana | Maio 15, 2022 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 9 ao 15 de Maio 2022 por Ana Santos
by Ana | Maio 8, 2022 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 2 ao 8 de Maio 2022 en Pontevedra
by Ana | Maio 1, 2022 | Actividades | 0 Comments
Actividades do 25 de Abril ao 1 de Maio 2022
by Ana | Abril 24, 2022 | Actividades | 0 Comments
Encadernación Viñas por Peque González Nóvoa
by Peque | Maio 21, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
José Rivas Fontán por José Cerdeira Soto
by Jose Cerdeira | Maio 8, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Luisa Vázquez Calvo por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 17, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Nito Santiago Moreira por Ana Santos Solla
by Ana | Abril 3, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Manuel Morgade Ríos por Charo Valcárcel Mato
by Charo | Marzo 13, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
Pilar Braga Crespo por Ana Santos Solla
by Ana | Febreiro 27, 2022 | Historias de vida | 0 Comments
O violín de Ingres por Xosé Antonio Pérez Graña
by Xose Antonio Pérez Graña | Maio 22, 2022 | Fotográficas | 0 Comments
Os cedros do Líbano por Xoán Bernádez Vilar
by Colaborador | Maio 22, 2022 | Articulos | 0 Comments
La soledad de Vicente Méndez -devellabella-
by Colaborador | Maio 21, 2022 | Literarias | 0 Comments
Florencio Delgado Gurriarán por Manuel Lastra
by Manuel Lastra | Maio 16, 2022 | Literarias | 0 Comments