Esta novela que propoñemos hoxe foi considerada por cen críticos, escritores e periodistas a mellor novela do 2020.  Con esta presentación era difícil resistirse a comprobar por un mesmo que tiña de especial para merecer tan alta consideración.

Nunca lera nada de Sara Mesa, así que este era un bo momento para pórlle remedio a ese descoñecemento.

Comecemos, pois, polo principio que non foi outro que informarme sobre a autora:

Sara Mesa naceu en Madrid en 1976, pero trasladouse coa familia sendo unha nena a Sevilla, cidade na que aínda reside na actualidade.  Estudou Periodismo e Filoloxía Hispánica.

Xa desde nena foi unha grande amante da lectura pero en cambio non descubriu a súa vocación pola escritura ata cumprir os 30 anos.

Comezou escribindo poesía conseguido no 2007 o Premio de Poesía Miguel Hernández co libro: Este jilguero agenda.

Un Amor

Pero é coñecida sobre todo polas súas narracións, novelas e relatos, nos que crea un mundo moi persoal cheo de espazos opresivos, que en ocasións  se converten nun protagonista máis do relato, e personaxes solitarios, cuxo comportamento nada convencional, desconcerta o lector.

Publicou tres libros de relatos:

La sobriedad del galápago (2008)

No es fácil ser verde (2009)

Mala letra ((2016).

E seis novelas:

El trepanador de cerebros (2010)

Un incendio invisible (2011, Premio Málaga de Novela, reeditada e revisada pola autora en 2017)

Cuatro por cuatro (2013, Finalista do Premio Herralde)

Cicatriz (2015, Premio Ojo Crítico de Narrativa)

Cara de pan (2018)  e

Un amor (2020).

Tamén é coautora, xunto con Pablo Martín Sánchez, de Agatha (2017) na que os dous escritores reescriben a novela perdida de Herman Melville, Isle of the Cross, cada un ofrecendo a súa versión da mesma.

A obra de Sara Mesa foi traducida a varios idiomas como o inglés, italiano, francés, alemán, portugués, danés, holandés, etc.

Ademais ten escrito crítica literaria (no blog Estado Crítico, na revista Letras Libres e no xornal El Norte de Castilla)  e publicado un ensaio titulado Silencio administrativo inspirado nun caso real no que toca o tema da pobreza, os sen teito e todas as trabas burocráticas que deben superar para acceder á axudas prometidas pola administración.

É considerada unha das autoras máis importantes da literatura española contemporánea.

Sara Mesa 1
Sara Mesa

Un amor

Quixera comezar cunha cita da propia autora falando da súa novela.

“Un amor es una novela misteriosa para mí. Surge, de hecho, de un sueño recurrente —con toda la ambigüedad que conlleva el mundo onírico—, de historias escuchadas hace muchos años y de imágenes que me asaltaron de pronto, sin explicación aparente —goteras en una casa, un perro atado a una estaca, el sonido de la lluvia en el tejado de un cobertizo, una mujer espiando los movimientos de la furgoneta de un hombre—. Con todo eso, hace años, empecé a construir una historia que no sabía bien dónde me llevaba  (…)

Un amor no es una novela de amor y sin embargo se titula así porque amor es la palabra más manoseada del mundo. La confusión que origina el título, la posible decepción o desconcierto que ocasiona en los lectores, es buscada. Si en los grandes almacenes colocaran el libro en el apartado de novela romántica, me sentiría muy feliz, porque sería como activar una pequeña bomba en sus anaqueles.”

Así mesmo quixera destacar dúas opinións que coido que resumen bastante ben a impresión que produce a súa lectura:

Un amor es una novela sorprendente, en la que la autora consigue enfrentar al lector con los límites de su propia moralidad.   (Cristóbal Terrer, publicada no blog  El quinto libro en decembro de 2020)

El último libro de la escritora, ’Un amor’, es tan opresivo y a la vez liberador, y hasta cierto punto sórdido, como el resto (Laura Fernández, crítica publicada en El País en setembro do 2020)

Nesta novela vémonos inmersos na atmosfera abafante que rodea a protagonista, Nat, desde as primeiras páxinas.  Unha muller que busca aillarse nunha pequena vila (La Escapa) para traballar nunha tradución.  Este espazo  acaba sendo un personaxe máis da novela, o ambiente desacougante, por veces onírico, inquietante, que se describe, amósasenos en boa medida como responsable das accións  que ocorren alí, unido ao carácter da protagonista,  muller chea de conflitos, insegura, que aluga unha casa  en estado ruinoso, miserenta, na que acaba malvivindo, que soporta vexacións  e humillacións sen apenas queixarse e mesmo acaba mantendo unha relación enfermiza de posesión e celos.

Os habitantes da vila: o caseiro, os veciños con fillos, os vellos aos que coida, Píter, Andreas … conforman un conxunto de personalidades diversas e peculiares que completan o cadro, e ela no medio, perdida, sen rumbo, sen saber quen é en realidade, provocando ás veces compaixón, ás veces repulsión no lector ao que lle custa entender por que segue aí, ao que  lle gustaría ter o poder de arrastrala e levala a outro lugar.

Porén Nat só se irá cando estea preparada para facelo, primeiro ten que sufrir unha catarse necesaria. O seu paso pola Escapa é iso, a súa catarse, a que a purifica e libera para poder comezar de novo e entender:

“Comprende que no se llega al blanco apuntando, sinó descuidadamente, mediante oscilaciones y rodeos, casi por casualidad.”

                                                               (Sara Mesa, Un amor, ed. Anagrama, páx.185)

Un amor é unha novela curta, pero moi intensa, que implica ao lector na comprensión dunha historia e sobre todo dun personaxe  cuxo comportamento  resultará desconcertante, mesmo incomprensible, sumamente complexo, que de seguro vai provocar reaccións antagónicas pero que tamén nos conducirá a unha necesaria reflexión sobre a sempre sorprendente condición humana.

                                                                                                                             Charo Valcárcel

Charo Valcárcel Mato

Charo Valcárcel Mato

Profesora de Galego

Nacín nunha pequena freguesía da Estrada (Sta. Cristina de Vinseiro) hai 60 anos, pero xa levo trinta e cinco vivindo en Pontevedra, case tantos como os que traballei no IES Valle Inclán (trinta e dous), toda unha vida…

Estudei Filoloxía Hispánica, aínda que me presentei e aprobei as oposicións para profesora de Lingua galega e sempre exercín como tal, do cal me sinto e sentirei sempre moi orgullosa.

Formamos parte dun grupo de teatro de profesores (en activo e xubilados) que naceu no 2005 no seo do Valle Inclán, Argallada, e que está esperando tempos mellores para retomar a súa actividade.

Agardo que as miñas contribucións no blog devellabella sexan merecedoras do voso beneplácito ou, polo menos, non do voso desgusto.

O paraíso dos inocentes

máis artigos

Contacto

Ana Santos & De Vella a Bella

Hablemos ♥♥♥
No dudes en ponerte en contacto con nosotros, enviándonos un mensaje mediante el formulario siguiente.

Ana Santos & De Vella a Bella

♥♥♥ síguenos ♥♥♥